Os concellos de Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, da provincia de Lugo, acordaron aprobar definitivamente a súa agrupación voluntaria para o sostemento en común dun único posto de traballo reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional de Secretaría-Intervención e, en consecuencia, elevar o expediente á Xunta de Galicia para a súa aprobación.
De conformidade coa normativa estatal, Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, corresponde ás comunidades autónomas, de acordo coas súas normas propias, acordar a constitución e disolución de agrupacións de Secretaría dentro do seu ámbito territorial.
A normativa autonómica regula as agrupacións voluntarias de municipios para o sostemento en común de postos de traballo reservados a persoal funcionario de Administración local nos artigos 165 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e nos artigos 11, 12, 13 e 16 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal. E o artigo 10 do citado Decreto 49/2009 regula as normas xerais para a clasificación de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional.
No expediente seguíronse os trámites previstos na normativa de aplicación anteriormente referenciada e constan os informes da Deputación Provincial de Lugo e da Delegación do Goberno na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 167.c) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e no artigo 13 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal. Así mesmo, consta a proposta de clasificación do posto resultante.
A competencia para a aprobación da agrupación corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de réxime local, segundo dispoñen o artigo 167 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e o artigo 13 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.
Na súa virtude, por proposta do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do trece de outubro de dous mil vinte e dous,
DISPOÑO:
Primeiro. Aprobar a agrupación voluntaria dos concellos de Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, na provincia de Lugo, para o sostemento en común do posto de traballo reservado de secretaría-intervención, así como os estatutos polos que se rexerá a dita agrupación, que forman parte integrante do expediente.
Segundo. Clasificar o posto de traballo reservado resultante da agrupación voluntaria dos concellos de Castroverde e Pedrafita do Cebreiro nos seguintes termos:
Posto: secretaría de clase 3ª.
Subescala: Secretaría-Intervención.
Forma de provisión: concurso.
Nivel de complemento de destino: 26.
Terceiro. Adscribir a María García Ferro, funcionaria da Administración local con habilitación de carácter nacional pertencente á subescala de Secretaría-Intervención ao novo posto de secretaría de clase 3ª resultante da agrupación de concellos de Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, revogando os nomeamentos temporais outorgados á citada funcionaria para o desempeño dos postos de traballo reservados de secretaría de clase 3ª nos concellos de Castroverde e Pedrafita do Cebreiro.
Contra este acto, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Potestativamente, e con carácter previo, os interesados poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, perante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, as entidades locais poderán presentar previamente requirimento no prazo de dous meses conforme o disposto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, trece de outubro de dous mil vinte e dous
O presidente
P.S. (artigo 33 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro)
Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía,
Industria e Innovación
Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes