Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Martes, 8 de novembro de 2022 Páx. 58316

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2022, do tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo de acceso libre para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de enxeñaría, especialidade de enxeñaría de montes, convocado pola Resolución do 16 de decembro de 2021 (Diario Oficial de Galicia número 241, do 17 de decembro).

En sesións que tiveron lugar os días 13, 14 e 17 de outubro de 2022, o tribunal nomeado pola Resolución do 8 de xullo de 2022 (DOG núm. 133, do 13 de xullo) e pola Resolución do 4 de agosto de 2022 (DOG núm. 151, do 9 de agosto), para cualificar o proceso selectivo de acceso libre para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de enxeñaría, especialidade de enxeñaría de montes, convocado pola Resolución do 16 de decembro de 2021 (DOG núm. 241, do 17 de decembro),

ACORDOU:

Primeiro. Nas sesións dos días 13 e 14 de outubro, ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, na quenda de acceso libre, anular as preguntas número 13, 49, 82, 91, 107 e 179. O seu lugar pasa a ser ocupado polas preguntas 181, 183, 184, 185, 186 e 189. Acórdase modificar o modelo de corrección de respostas na pregunta 79, sendo a correcta a alternativa d). Desestímanse na súa totalidade as restantes reclamacións.

Na quenda de promoción interna, anular as preguntas número 9, 42, 51, 67 e 39. O seu lugar pasa a ser ocupado polas preguntas 143, 144, 145, 146 e 149. Acórdase modificar o modelo de corrección de respostas na pregunta 39, sendo a correcta a alternativa d). Desestímanse na súa totalidade as restantes reclamacións.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, superarán o primeiro exercicio do proceso selectivo de acceso libre as persoas aspirantes que obtivesen unha puntuación mínima de vinte (20) puntos. Para estes efectos, de conformidade coas bases da convocatoria, pola Resolución deste tribunal do 20 de setembro de 2022 pola que se dá publicidade aos criterios de corrección do primeiro exercicio, estableceuse que, no acceso libre, superarán o primeiro exercicio as persoas aspirantes que acaden as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas nesta quenda (18), sempre que acaden o mínimo do 50 %, en cada unha das dúas partes, das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

De darse o caso de que o número de aspirantes que supere este exercicio non sexa o previsto no parágrafo anterior, rebaixarase ao mínimo do 40 % en cada unha das partes das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

No acceso pola quenda de promoción interna, o tribunal acordou que superarán o primeiro exercicio as persoas aspirantes que acaden o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

De darse o caso de que o número de aspirantes que superasen este exercicio non acade o número de prazas convocadas nesta quenda (2), rebaixarase ao mínimo do 40 % en cada unha das partes das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Feita a corrección na sesión do día 17 de outubro de 2022, e consonte os criterios anteriores, superaron o exame un total de 20 aspirantes no conxunto de ambas as quendas.

Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo de acceso libre para o ingreso no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de enxeñaría, especialidade de enxeñaría de montes, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, así como a relación das que non acadaron os mínimos establecidos na base II.1.1.1 da convocatoria.

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. De conformidade co disposto na base III.13 da resolución de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2022

Carlos Calzadilla Bouzón
Presidente do tribunal