Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Mércores, 9 de novembro de 2022 Páx. 58538

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 20 de outubro de 2022, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 19 de outubro de 2022, relativa ao acto de conciliación formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Campo da Gonza, pertencente á comunidade de Quintela de Hedroso, e Campo da Gonza, pertencente á comunidade de Froxais, no concello de Viana do Bolo.

Examinada a solicitude de deslinde formulada polos representantes do MVMC Campo da Gonza, pertencente á CMMVVMC de Quintela de Hedroso, e do MVMC Campo da Gonza, pertencente á CMMVVMC de Froxais, no concello de Viana do Bolo, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 11 de maio de 2022, a CMMVVMC de Quintela de Hedroso presentou varios escritos (REXEL 2022/1259332, 2022/1259391, 2022/1259465, 2022/1259538) nos cales solicita que se aprobe unha solicitude de deslindamento entre os montes denominados Campo da Gonza, pertencentes á anterior e mais á CMMVVMC de Froxais.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento do 13.2.2020.

– Memoria e planos.

– Acta de conciliación redactada no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 da Pobra de Trives.

– Certificacións de aprobación das dúas comunidades.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 15 de xullo de 2022 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento entre o MVMC Campo da Gonza, pertencente á CMMVVMC de Quintela de Hedroso, e o MVMC Campo da Gonza, pertencente á CMMVVMC de Froxais, desde o vértice 1 (o situado máis ao N) ata o vértice 6 (o situado máis ao S).

Logo de analizar os vértices e a súa localización, detéctase unha pequena incoherencia entre a descrición literaria do lindeiro e máis o seu arquivo vectorial shape; así, da descrición literaria contida na correspondente acta dedúcese que o lindeiro transcorre en liña recta entre os puntos 4 e 5, pero o trazado dixital contido no arquivo shape sofre varios cambios de dirección moi leves nese mesmo tramo. Porén, dado que estas variacións son inapreciables no plano achegado coa memoria, considerando tamén que os puntos avinzados están inequivocamente identificados, e asumindo finalmente a incorporación de oficio do trazado dixital corrixido á base cartográfica do Rexistro de MMVVMC, conclúese que non hai base para cuestionar o deslindamento.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que hai que seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, dicte resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 15 de xullo de 2022, o Xurado Provincial de Montes en Man Común acordou por unanimidade, o día 10 de outubro de 2022:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Campo da Gonza, pertencente á CMMVVMC de Quintela de Hedroso, e o MVMC Campo da Gonza, pertencente á CMMVVMC de Froxais, no concello de Viana do Bolo.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 20 de outubro de 2022

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Ourense