Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Mércores, 9 de novembro de 2022 Páx. 58536

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 20 de outubro de 2022, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 20 de outubro de 2022 relativa ao acto de conciliación formulado polos representantes dos montes veciñais en man común de Aceveda ou Coto Castiñeira e de San Mamede, no concello de Vilariño de Conso.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC Aceveda ou Coto Castiñeira, pertencente á CMMVVMC de Castiñeira, e do MVMC de San Mamede, pertencente á CMMVVMC de San Mamede de Hedrada, no concello de Vilariño de Conso, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. O 8 de xullo de 2022 a CMMVVMC de Castiñeira presentou un escrito (REXEL 2022/1794982) en que solicita a aprobación de deslindamentos entre o MVMC Aceveda ou Coto de Castiñeira e o MVMC de San Mamede.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento do 18.1.2022.

– Memoria e planos.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Vilariño de Conso.

– Certificacións de aprobación das dúas comunidades.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 14 de xullo de 2022 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento parcial do perímetro estremeiro entre o MVMC Aceveda ou Coto Castiñeira, pertencente á CMMVVMC de Castiñeira, e o MVMC de San Mamede, pertencente á CMMVVMC de San Mamede de Hedrada, desde o vértice 1 (o situado máis ao leste) ata o vértice 6 (o situado máis ao oeste).

Logo de analizar os vértices e a súa localización, conclúese que se deben aprobar os puntos comprendidos entre o 1 e o 5, xa que o 6 se sitúa presumiblemente en terreos do MVMC de Pradoalbar, pertencente á CMMVVMC do mesmo nome, a cal non participou da avinza; de aí que se propón que o vértice 6 se teña en conta simplemente como punto auxiliar que permita definir a dirección da liña de deslindamento a partir do punto 5 e ata a súa intersección coa liña perimetral procedente do esbozo da carpeta-ficha de Pradoalbar.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que hai que seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditara resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 14 de xullo de 2022, o Xurado Provincial de Montes en Man Común acordou, por unanimidade, o día 10 de outubro de 2022:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras do MVMC Aceveda ou Coto Castiñeira, pertencente á CMMVVMC de Castiñeira, e do MVMC de San Mamede, pertencente á CMMVVMC de San Mamede de Hedrada, no concello de Vilariño de Conso.

Contra esta resolución, que pon fin a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 20 de outubro de 2022

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Ourense