Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Xoves, 10 de novembro de 2022 Páx. 58783

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 6 de outubro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se somete á información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada outorgada a Bolton Food, S.L.U. para unha planta de elaboración de conservas de atún, mexillóns e cefalópodos no Grove (expediente 2020-IPPC-M-40).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 316, do 31 de decembro), regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 251, do 19 de outubro), regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, sométese á información pública, durante un período de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento técnico para a revisión da autorización ambiental integrada.

Para que calquera persoa interesada poida consultalo e, de ser o caso, presentar dentro do citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes.

Os documentos estarán á disposición dos administrados nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro s/n, Santiago de Compostela).

Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (https://cmatv.xunta.gal/>medio ambiente e sostibilidade>prevención e control de actividades>autorización ambiental integrada>proxectos en información pública).

As alegacións, suxestións ou observacións dirixiranse ao Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2022

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental,
Sostibilidade e Cambio Climático

ANEXO

Expediente: 2020-IPPC-M-40.

Núm. da autorización ambiental integrada: 2006/0347_NAA/IPPC_119.

Categoría principal da actividade: anexo I, categoría 9.1.b.i do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro.

Titular: Bolton Food, S.L.U.

NIF: B36325108.

Localización da instalación: rúa Jaime Amézaga 144, 36980 O Grove (Pontevedra).

Referencia catastral da parcela: 9348205NH0094N0001TR.

Actividade principal: elaboración de conservas de atún, mexillóns e cefalópodos.

Descrición: a planta de Bolton Food, S.L.U. ten por actividade principal a elaboración de conservas de atún, mexillóns e cefalópodos. As instalacións ocupan unha parcela de aproximadamente 44.131 m2 no concello do Grove (Pontevedra).

A actividade produtiva desenvolvida nestas instalacións é fundamentalmente a posta en conserva de atún, mexillóns, berberechos e cefalópodos en distintos formatos de envases.

Para a realización do proceso dispón das seguintes instalacións e equipamentos:

– Caldeiras de xeración de vapor a gas natural.

– Compresores de aire.

– Depuradora de augas residuais de proceso.

– Clasificadores, serras, cocedoiros de atún.

– Liñas de raspadura.

– Empacadoras, pechadoras, lavadoras de latas.

– Esterilizadores.

– Transportes de lata chea e baleira.

– Sala de salsas.

– Bombas dosificadoras de salsas.

– Laboratorios e oficinas.