Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Luns, 14 de novembro de 2022 Páx. 59082

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 7 de novembro de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ás agrupacións empresariais innovadoras emerxentes (clústeres emerxentes) na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG410A).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do 13 de outubro de 2022, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas ás agrupacións empresariais innovadoras emerxentes (clústeres emerxentes) na Comunidade Autónoma de Galicia, e facultou o director xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape ás agrupacións empresariais innovadoras emerxentes (clústeres emerxentes) na Comunidade Autónoma de Galicia e convocalas para o exercicio 2022 en réxime de concorrencia competitiva (procedemento IG410A).

As axudas das bases reguladoras anexas á presente convocatoria fináncianse con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. O prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o prazo dun mes.

Terceiro. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes:

Partida orzamentaria

2022

2023

2024

06.A1.741A.781.6

125.000 €

250.000 €

125.000 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo da declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de dous meses desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

O prazo de execución dos gastos subvencionables non poderá superar o 30 de xuño de 2024.

Os beneficiarios deberán presentar solicitudes de cobramento parcial da subvención para cada anualidade do proxecto.

Os beneficiarios deberán presentar unha solicitude de cobramento da subvención ata o 15 de decembro de 2022 para os gastos incorridos en 2022, ata o 15 de novembro de 2023 para os gastos incorridos en 2023 e ata o 30 de xuño de 2024 para os gastos do exercicio 2024. Os gastos incorridos entre o 16 de decembro de 2022 e o 31 de decembro de 2022 poderán ser imputados á anualidade 2023 e os gastos incorridos entre o 16 de novembro de 2023 e o 31 de decembro de 2023 poderán ser imputados á anualidade 2024.

Quinto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario.

Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2022

Fernando Guldrís Iglesias
Director do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Igape ás agrupacións empresariais innovadoras emerxentes (clústeres emerxentes) na Comunidade Autónoma de Galicia

O impulso das políticas de clúster durante os últimos anos veñen marcadas claramente pola Unión Europea e as diferentes iniciativas alí promovidas ou apoiadas, invitando os responsables das políticas económicas, a nivel nacional e rexional, a crearen marcos estratéxicos e programas concretos para fortalecer os seus clústeres e buscar a excelencia destes. O obxectivo é claro, a redución da fenda competitiva entre Europa e outros bloques económicos mundiais baseado nos clústeres world-class, que están chamados a acelerar e protagonizar o futuro económico da vella Europa. A UE deulles unha importancia crecente aos clústeres como ferramenta para mellorar as posibilidades de competir en mercados globais das empresas e considéraos importantes motores e condutores da innovación, que contribúen á competitividade e ao desenvolvemento sustentable da industria e os servizos, e potencian o desenvolvemento económico das rexións mediante a creación de riqueza e empregos, polo que tamén contribúen á cohesión territorial.

A Axenda de competitividade industrial Galicia Industria 4.0 foi aprobada polo Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión do 13 de maio de 2015, e renovada cun novo Plan de impulso á transformación dixital en 2019, considera os clústeres como un instrumento idóneo para chegar ás empresas galegas, especialmente nas accións de colaboración, por aglutinaren capacidades e decisións empresariais no eido da competitividade, o crecemento e a internacionalización, e daren soporte a empresas que desenvolven actividades e procesos innovadores, con capacidade de expansión global e que reorientan as súas liñas de negocio cara a un futuro sostido e sustentable.

Por outra banda, están as chamadas estratexias de especialización intelixente, tamén coñecidas como RIS3. O concepto da especialización intelixente refírese á necesidade de concentrar dun xeito eficiente os recursos dispoñibles para a xeración e explotación de coñecemento no contexto rexional ao servizo dun número concreto de prioridades ligadas ás fortalezas e oportunidades competitivas da rexión a nivel global, para provocar unha orientación do tecido produtivo cara a unha senda de desenvolvemento económico baseada na innovación e o coñecemento, e potenciando a converxencia e cooperación intersectorial. As prioridades seleccionadas dentro dos tres retos da RIS3 galega en que se basea a estratexia de especialización intelixente contan con diferentes debilidades na súa cadea de valor da innovación e a actuación sobre elas debe xerar verdadeiras vantaxes competitivas sobre as que pilotar o crecemento da economía galega.

Tendo en conta este contexto e o protagonismo que se asigna aos clústeres, tanto nas estratexias de especialización intelixente como na Lei de política industrial de Galicia, os eixes de actuación da política de clúster están orientados a conseguir un efecto na capacidade de actuación da agrupación e na posibilidade de que poida abordar iniciativas de fomento de maior custo. O apoio aos clústeres en Galicia enfócase coa perspectiva dunha mellora na competitividade global dos núcleos máis importantes da economía galega e, na súa consecuencia, polas súas posibilidades de difusión e exemplificación nos restantes ámbitos da actividade económica.

Dentro da política de clústeres, os clústeres consolidados da economía galega veñen sendo obxecto de atención e apoio a través de diferentes liñas de incentivos a proxectos agrupados e á propia gobernanza da estrutura clúster; porén, é importante tamén apoiar as estruturas emerxentes de tipo clúster, cando representen ámbitos de actividade de especial valor no contexto e tendencias económicas actuais, onde non existen estruturas consolidadas. O Igape, no ano 2021, publicou unha primeira edición das bases de apoio a estas estruturas emerxentes e considera que os clústeres emerxentes teñen un rol moi relevante no futuro da economía galega e, polo tanto, propón manter durante dous anos máis os apoios aos clústeres emerxentes que xa iniciaron o seu camiño, sen prexuízo de novas iniciativas emerxentes de interese ás que apoiar no seu nacemento.

As presentes bases reguladoras establécense ao abeiro do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

A convocatoria desta liña de axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

As axudas reguladas nesta base outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio

As presentes bases teñen por finalidade o fomento da cooperación para a competitividade e a innovación empresarial en distintos ámbitos de interese para a actividade económica en Galicia mediante a concesión de axudas ás entidades xurídicas xestoras de agrupacións empresariais innovadoras emerxentes galegas (clústeres emerxentes) para a posta en marcha do clúster emerxente, cofinanciando a elaboración do seu primeiro plan estratéxico ou a posta en marcha de iniciativas prioritarias contidas nese primeiro plan estratéxico, no caso de que fose elaborado con anterioridade.

Para tal efecto, a entidade solicitante deberá achegar unha relación descritiva e cuantificada dos custos de elaboración do plan estratéxico ou da listaxe de proxectos que promoverá durante o período de vixencia da axuda.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As axudas previstas nestas bases incardínanse no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere o 100 % do custo subvencionable aprobado.

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector de transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros.

2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder e pagar a axuda, requirirase do solicitante unha declaración sobre calquera outra axuda pública ou privada recibida e/ou solicitada para o mesmo proxecto e/ou para os mesmos conceptos para os cales solicita esta subvención e sobre calquera outra axuda de minimis recibida e/ou solicitada durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. As axudas recollidas nestas bases destínanse ás agrupacións empresariais innovadoras emerxentes galegas (clústeres emerxentes), que cumpran as seguintes condicións:

a) Que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro que xestione a agrupación clúster, cunha antigüidade inferior a tres anos á data de solicitude da axuda e domicilio social en Galicia.

b) Que representen unha cadea de valor arredor dun sector de actividade eminentemente industrial ou ben que representen un agrupamento transversal (por tecnoloxía ou por mercado obxectivo) que teña impacto na dixitalización ou na sustentabilidade do tecido empresarial.

c) Que, en calquera das dúas posibilidades anteriores, representen un subconxunto da actividade empresarial galega cuxa facturación conxunta en Galicia supere o valor do 1 % no PIB da Comunidade Autónoma no ano 2021.

d) Que cando menos o 60 % dos seus asociados directos iniciais sexan empresas e, destas, que o 50 % ou máis dispoñan dun centro de traballo en Galicia.

e) Proxección internacional. O ámbito de actividade do clúster deberá ter vocación e proxección cara a mercados internacionais pola súa propia natureza e non representar un negocio de proximidade ou local.

2. Non poderán ser entidades beneficiarias as que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais ou incompatibles co mercado común.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño).

Artigo 5. Gasto subvencionable

Poderán concederse axudas á posta en marcha ou desenvolvemento temperán das entidades clúster emerxentes definidas no artigo 4 para os seguintes conceptos subvencionables:

1. Os salarios brutos de persoal con contrato laboral, actual ou de nova contratación, que se dedique á xestión dos proxectos propostos para a posta en marcha do clúster emerxente, en proporción á súa dedicación.

2. Os custos de colaboracións externas para o desenvolvemento dos proxectos.

3. Custos de auditoría da conta xustificativa a que se refire o artigo 18.5 destas bases reguladoras.

Para os efectos desta axuda enténdese salario bruto as retribucións do persoal que teñan a consideración de concepto retributivo. Non terán esa consideración as quitanzas e indemnizacións por finalización de contrato por calquera causa, as axudas de custo nin as compensacións de transporte ou comida. O período en que o traballador estea de baixa por incapacidade laboral non computará para os efectos de xustificar o gasto. As retribucións non periódicas como pagas por produtividade, beneficios ou similares, aínda que teñan a consideración de salario, só se terán en conta como gasto subvencionable se estivesen recollidas no convenio colectivo de aplicación ou en pacto particular co traballador con anterioridade á publicación destas bases, o que deberá acreditar o beneficiario.

Non se aceptarán con cargo a estas axudas incrementos retributivos, agás os derivados da aplicación das leis, do convenio colectivo ou do cumprimento de sentenzas. Para estes efectos, a entidade solicitante deberá certificar o salario bruto anual percibido por cada traballador dedicado no último exercicio. No caso de contratacións novas deberán declarar as condicións en que se fará dita contratación en canto a tipo de contrato, duración, categoría profesional, funcións e retribución total anual diferenciando salario por todos os conceptos e custo da Seguridade Social.

O persoal tamén poderá ser autónomo economicamente dependente da agrupación, conforme a Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, e o Real decreto 197/2009, do 23 de febreiro, polo que se desenvolve o Estatuto do traballo autónomo en materia de contrato do traballador autónomo economicamente dependente e o seu rexistro, e se crea o Rexistro estatal de asociacións profesionais de traballadores autónomos.

Un traballador con contrato laboral non poderá ao mesmo tempo facturarlle á entidade clúster por ningún tipo de servizo como colaborador externo, nin directamente nin a través doutra persoa física ou xurídica interposta. Para estes efectos, a auditoría da conta xustificativa a que se refire o artigo 18.5 destas bases reguladoras deberá conter unha mención expresa sobre este aspecto.

Artigo 6. Condicións dos proxectos

1. O período de execución dos gastos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abranguerá desde o 1 de xullo de 2022 ata a data máxima de execución establecida na resolución de convocatoria. Calquera gasto realizado fóra deste período non será subvencionable.

2. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 7. Contía da axuda e criterios de avaliación e selección de proxectos

1. A subvención será do 80 % dos custos relacionados no artigo 5, cun máximo de axuda por entidade de 100.000 €.

2. Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral, polas características da agrupación clúster:

1º. Importancia da actividade na economía galega, a partir do requisito mínimo do 1 % establecido no artigo 4.1.c): 5 puntos por cada 0,2 % adicional de facturación conxunta sobre o PIB galego ata un máximo de 25 puntos.

2º. Fortaleza da entidade clúster emerxente. Número de empresas asociadas galegas ou con centro de traballo en Galicia na data de solicitude: 1 punto por empresa ata un máximo de 25 puntos.

3º. Encaixe da entidade no soporte ou representatividade dos sectores estratéxicos da Axenda de competitividade Galicia Industria 4.0: 20 puntos se o núcleo da cadea de valor representada se centra nun eido de actividade prioritario (estratéxico ou emerxente e de alto potencial) definido na axenda; 15 puntos se se trata dun eido transversal tecnolóxico de valor industrial.

4º. Informe de antecedentes e xustificación da importancia da iniciativa clúster: ata 20 puntos

5º. Existencia de centros ou institucións tecnolóxicas ou de investigación entre os socios iniciais do clúster: 5 puntos por cada un ata un máximo de 10 puntos.

Artigo 8. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal se solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

No devandito formulario, a persoa representante deberá realizar as seguintes declaracións relativas á entidade solicitante:

a) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

b) Declaración doutras axudas en réxime de minimis.

c) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o rexistro electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no rexistro electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva do proxecto, que deberá conter toda a información necesaria para acreditar os requisitos e condicións dos artigos 1 e 4, e mención explícita aos criterios sinalados no artigo 7 destas bases.

b) Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

c) Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

g) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

h) Consulta de concesións pola regra de minimis.

i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

j) Documentación depositada no Rexistro Mercantil, segundo o artigo 9.1 das bases.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente (anexo I) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Artigo 12. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención será a Área de Competitividade do Igape e a competencia para ditar a resolución, que poña fin ao procedemento na vía administrativa, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Os proxectos serán avaliados por un órgano avaliador formado por persoas que ocupen os postos de subdirector/a ou técnico/a responsable de programas na Área de Competitividade. Este órgano estará composto por un mínimo de tres membros e contará cun presidente e un secretario/a con voz e voto. Axustará o seu funcionamento ás disposicións sobre órganos colexiados contidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 13. Instrución dos procedementos

1. As solicitudes de axuda serán avaliadas polo órgano avaliador en función dos datos declarados na solicitude de axuda, no formulario electrónico e na documentación presentada, e elaborará unha relación delas coa puntuación que lle corresponde a cada unha, en aplicación dos criterios de valoración establecidos nestas bases.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición e arquivarase o expediente, logo da correspondente resolución. Dado o réxime de concesión en concorrencia competitiva, a ausencia de memoria técnica ou a presentación dunha memoria técnica ilexible non será emendable, e o expediente avaliarase utilizando unicamente a información achegada no formulario de solicitude.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos citados de emenda realizaranse preferentemente mediante publicación na páxina web do Igape no enderezo https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

4. No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta a maior puntuación obtida nos criterios 1º, 2º, 3º, 4º e 5º do artigo 7.2, por esa orde. No caso de persistir o empate, terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.

5. Dos expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, formularase proposta de resolución de denegación, en que se indicarán as causas desta.

Artigo 14. Resolución

1. A Área de Competitividade do Igape ditará proposta de resolución con base neste procedemento e elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen resolverá a concesión das subvencións por delegación do Consello de Dirección do Igape.

2. A resolución de concesión comprenderá a identificación da entidade beneficiaria, a contía da subvención e as obrigas que corresponden á entidade beneficiaria. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

3. A resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Os interesados poderán descargar a súa resolución individual introducindo o seu NIF e o código IDE no enderezo https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual (epígrafe Consulta de resolucións definitivas, http://www.igape.gal/gl/oficina-virtual/resolucions-definitivas).

As resolucións e actos administrativos do procedemento que non sexan obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape na ligazón tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción electrónico).

4. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, ante o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009. Só se admitirán modificacións dentro dos límites xerais establecidos nestas bases relativas a cambios nos investimentos/gastos aprobados para acadar un mellor cumprimento dos obxectivos do proxecto.

2. A solicitude de modificación deberá presentala con anterioridade á finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión.

3. Para solicitar a modificación deberá cubrir previamente o formulario electrónico sinalado no artigo 8 das bases e presentar a instancia de modificación xerada pola aplicación dirixida á persoa titular da Dirección Xeral do Igape. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia aos interesados.

Artigo 17. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar as actividades que fundamentan a concesión da subvención durante o prazo establecido na resolución de concesión.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou desfrute da concesión.

c) Colaborar co Igape na realización de análises e estudos clúster e iniciativas coherentes cos plans presentados en materia de difusión e exemplificación transversal, en beneficio do conxunto do sistema produtivo de Galicia.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións previstas. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

e) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere o 100 % do gasto subvencionable.

f) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape e a Xunta de Galicia segundo o establecido no anexo III destas bases.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

i) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Xustificación da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario, dentro do prazo establecido na resolución de convocatoria, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

2. O beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, o beneficiario deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.

3. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.

4. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará a seguinte documentación:

a) Nóminas e Seguridade Social (RLC e RNT) do persoal dedicado e xustificantes bancarios do seu pagamento; modelo 111 de declaración trimestral de retencións do IRPF e anualmente, cando corresponda, deberá achegar tamén o modelo 190 de retencións e ingresos á conta do IRPF.

b) Arquivo informático en formato folla de cálculo onde conste a porcentaxe de dedicación mensual do persoal ás actuacións subvencionables e o custo imputado.

c) Factura dos gastos do informe de auditor e copia da documentación acreditativa do seu pagamento.

d) No caso de que o IVE sexa concepto subvencionable, deberá achegar declaración responsable específica sobre a aplicación do IVE ao gasto de que se trate e o modelo 390 do último exercicio pechado.

e) Memoria de actividades do período con especial mención ás actividades e proxectos tidos en conta para a concesión da subvención.

f) A copia -que permita a súa lectura-, de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 17.f) destas bases.

5. A conta xustificativa virá acompañada dun informe dun auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas dependente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas. Incorporará, ademais:

i) memoria de actuacións xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

ii) memoria económica abreviada que deberá acreditar o disposto no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia e conterá un estado representativo dos gastos en que se incorreu na realización das actividades subvencionadas, debidamente agrupados, e, se for o caso, as cantidades inicialmente orzadas e as desviacións producidas. Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e, se é o caso, data de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue segundo un orzamento, indicaranse as desviacións producidas. Mención expresa a que o persoal dedicado con contrato laboral non factura ao mesmo tempo á entidade clúster por ningún tipo de servizo como colaborador externo, nin directamente nin a través doutra persoa física ou xurídica interposta, segundo o establecido no artigo 5.

6. O beneficiario deberá presentar a documentación xustificativa obrigatoriamente por vía electrónica. O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

7. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que o beneficiario se opoña expresamente a que o Igape solicite as certificacións, deberá achegalas xunto co resto da documentación xustificativa.

8. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 16 destas bases, despois de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Aboamento das axudas

1. Con carácter xeral, o aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización das accións e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

2. O importe da subvención correspondente á anualidade 2022 debe xustificarse con gastos realizados e pagados en 2022. O importe correspondente a 2023 debe xustificarse con gastos realizados e pagados en 2023 e o importe correspondente a 2024 debe xustificarse con gastos realizados e pagados en 2024.

Os pagamentos parciais estarán condicionados á xustificación das actividades subvencionadas realizadas no período anterior. Neste suposto exímense os beneficiarios da obriga de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que regula a Lei de subvencións de Galicia.

3. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007 e no título IV do seu regulamento.

Artigo 20. Pagamentos á conta

1. As entidades beneficiarias poderán presentar en cada anualidade unha solicitude de cobramento parcial polos gastos realizados no exercicio, achegando a documentación xustificativa correspondente ao dito período, de acordo co establecido no artigo 18.5 destas bases. No caso da primeira liquidación parcial, o período previo pode ser superior ou inferior a un semestre.

2. Neste suposto exímense os beneficiarios da obriga de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que regula a Lei de subvencións de Galicia.

3. O importe conxunto dos pagamentos á conta non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

Artigo 21. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións ou axudas para o mesmo custo subvencionable.

c) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, excepto o permitido no artigo 18.8.

d) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

e) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así coma a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

g) Non acreditar estar ao día das obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios, no caso de condicións referentes á contía da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar e deberán, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción e os seus xuros de demora. No caso de que o gasto xustificado sexa inferior ao 50 % do gasto aprobado, o incumprimento sería total.

Artigo 22. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.

Artigo 23. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 24. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gasto será de 4 anos desde a súa presentación.

2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 26. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:

a) Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

d) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Requisitos de comunicación do financiamento público

Axudas ás agrupacións empresariais innovadoras emerxentes (clústeres emerxentes)

Responsabilidade do beneficiario

As axudas ás agrupacións empresariais (clústeres) están financiadas polo Igape, polo que en todas as medidas de comunicación debe incluírse a imaxe de marca do Igape e a marca Xacobeo 21-22.

A obriga de dar publicidade ao financiamento polo Igape dos gastos que sexan obxecto de subvención consiste na inclusión da imaxe de marca do Igape e da marca Xacobeo 21-22, así como inscricións relativas ao financiamento público nos folletos, materiais impresos que vaian ser obxecto de difusión alén do uso exclusivo do solicitante, páxina web da agrupación, medios electrónicos audiovisuais, convocatorias e difusión de eventos ou ben en mencións realizadas nos medios de comunicación, que teñan relación co proxecto subvencionado, seguindo as normas e instrucións contidas no manual de imaxe corporativa da Xunta de Galicia. Os logotipos poderanse descargar no enderezo da internet http://www.igape.gal e https://www.xunta.gal/identidade-corporativa

Para dar publicidade do financiamento atenderase ao establecido no Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia (DOG núm. 146, do 2 de agosto).