Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Martes, 15 de novembro de 2022 Páx. 59233

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

RESOLUCIÓN do 7 de novembro de 2022 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Resolución do 12 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2022, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións para investimentos en ecoinnovación e dixitalización da industria forestal-madeira e outras industrias que desenvolvan solucións ecoinnovativas baseadas na madeira, financiadas ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19 (códigos de procedemento IN500C e IN500D).

Mediante a Resolución do 12 de agosto de 2022 establécense as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2022 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan para o ano 2022, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións para investimentos en ecoinnovación e dixitalización da industria forestal-madeira e outras industrias que desenvolvan solucións ecoinnovativas baseadas na madeira.

O primeiro punto do número 5 da convocatoria establece que «o prazo máximo para presentar a xustificación das actividades subvencionadas finalizará o 30 de novembro de 2022 para a primeira anualidade e, para a segunda, o 31 de maio de 2023. Así mesmo, logo de solicitude motivada da persoa beneficiaria e sempre que o órgano que ditou a resolución de concesión o autorice, as cantidades non xustificadas na anualidade 2022 poderanse computar e xustificar na anualidade 2023, sempre e cando non fosen susceptibles de perda de dereito do seu cobramento».

Tendo en conta o longo proceso de avaliación e co fin de optimizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar este número 5 da convocatoria e ampliar o prazo de xustificación ata unha data que permita unha mellor xustificación da subvención por parte das persoas beneficiarias.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Axencia e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

O primeiro punto do número 5 da referida convocatoria queda redactado nos seguintes termos:

«O prazo máximo para presentar a xustificación das actividades subvencionadas finalizará o 15 de decembro de 2022 para a primeira anualidade e, para a segunda, o 31 de maio de 2023. Así mesmo, logo de solicitude motivada da persoa beneficiaria e sempre que o órgano que ditou a resolución de concesión o autorice, as cantidades non xustificadas na anualidade 2022 poderanse computar e xustificar na anualidade 2023, sempre e cando non fosen susceptibles de perda de dereito do seu cobramento».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2022

Jacobo José Aboal Viñas
Director da Axencia Galega da Industria Forestal