Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Martes, 15 de novembro de 2022 Páx. 59324

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 26 de outubro de 2022, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 22 das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Vilanova de Arousa para a redelimitación do núcleo rural de San Roque do Monte (PTU-PO-19/051).

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 22 das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Vilanova de Arousa para a redelimitación do núcleo rural de San Roque do Monte, mediante a Resolución da directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 18 de outubro de 2022, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a súa documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón: https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/programas-con-periodo-de-consulta-aberto?p_p_id=aaeOpen_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeOpen_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2195&_aaeOpen_WAR_aae_id=2195

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2022

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Resolución de aprobación definitiva da modificación puntual número 22
das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Vilanova de Arousa para a redelimitación do núcleo rural de San Roque do Monte
(PTU-PO-19/051)

O Concello de Vilanova de Arousa remite a modificación puntual (MP) referida de cara á súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 78.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e no artigo 191 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (RLSG).

Analizada a documentación achegada, redactada polo arquitecto Alejandro Arias Novas en marzo de 2022 e con dilixencia de aprobación provisional plenaria do 4.3.2022; e, vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Vilanova de Arousa conta cunhas normas subsidiarias de planeamento (NNSSP) aprobadas definitivamente o 14.3.1997 e publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) do día 28 de maio de 1997 e no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra (BOP) do día 5 de maio.

I.2. Mediante a Resolución do 26.6.2019, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático resolveu non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria esta modificación puntual (expediente 2019AAE2321 e código 2195/2019).

I.3. Expúxose ao público por dous meses, con publicación no DOG do 19 de agosto de 2019 e nos xornais La Voz de Galicia e Faro de Vigo do 13 de agosto. Consta notificación aos titulares catastrais.

I.4. Foron solicitados os informes sectoriais autonómicos polo concello, e recibíronse os informes de: Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en materia de costas, do 20.9.2019 e 23.8.2022; Axencia Galega de Infraestruturas, do 13 e 14.11.2019 e informe favorable do 9.7.2020; Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, do 13.1.2020, 29.9.2020, 4.3.2021 e 20.4.2021; Augas de Galicia, do 4.2.2020; Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, do 16.9.2019; Consellería do Medio Rural, Servizo de Montes do 11.3.2022; Instituto de Estudos do Territorio, de 29.11.2019 e 2.12.2019; Deputación Provincial de Pontevedra, do 5.11.2019; Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, do 9.9.2019; e Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, informe previsto no artigo 102 do Decreto 20/2011, do 10 de febreiro, do 17.10.2022.

I.5. O Concello de Vilanova solicitou tamén informe a: Subdelegación do Goberno, con informe da Unidade de Estradas do 18.2.2020; Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información, informes do 17.9.2019, 17.1.2021, 12.4.2021 e 19.10.2021; e Dirección Xeral da Costa e do Mar do 23.6.2021, 19.2.2022 e 14.6.2022.

I.6. Constan informes municipais favorables: técnico, do 1.3.2022; xurídico, do 1.3.2022; e de Secretaría, do 1.3.2022.

I.7. O Pleno do Concello aproba provisionalmente esta modificación puntual 22 en sesión do 4.3.2022, e remítese á CMATV segundo o previsto no artigo 78 da LSG.

II. Obxecto da modificación puntual.

O obxectivo desta modificación puntual é a redelimitación do núcleo rural de San Roque, recollido nas normas subsidiarias vixentes integrado nun continuo indiferenciado de solo de núcleo rural tradicional agrupado con outros asentamentos rurais das parroquias de San Miguel de Deiro e de Caleiro. Considérase que a delimitación vixente se atopa obsoleta ao non conterse a realidade das edificacións preexistentes e non axustarse ao parcelario.

Preténdese mellorar a ordenación, adaptando a delimitación do núcleo á lexislación urbanística vixente e establecendo as determinacións para integrar as novas vivendas que poden incorporarse na estrutura urbanística do núcleo por mor da aplicación da lexislación actual. Inclúese a ordenación detallada do núcleo.

O núcleo rural abrangue una superficie de 198.013 m2, e nel delimítanse dúas áreas: un ámbito de solo de núcleo rural tradicional, de 94.057 m2; e un ámbito de solo de núcleo rural común, de 76.878 m2.

O ámbito está clasificado polas NNSSP como solo non urbanizable de núcleo rural tradicional e solo non urbanizable de protección común. A nova delimitación mantén a clasificación de solo de núcleo rural na maior parte do ámbito e modifica a clasificación en áreas concretas, axustando a delimitación ao parcelario e incluíndo no núcleo dúas áreas clasificadas como solo non urbanizable de protección común e pequenas superficies polo axuste do parcelario.

III. Análise e consideracións.

III.1. Respecto ás cuestións sinaladas no informe emitido no período de consultas por esta Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, cómpre sinalar que:

– A superficie do ámbito de solo de núcleo rural delimitado non coincide coa suma das superficies do solo de núcleo rural tradicional e común, cuestión que cómpre corrixir.

– Deben harmonizarse os usos previstos na regulación de usos do núcleo rural tradicional e común en relación cos establecidos no anexo I do RLSG.

– Nos planos de ordenación deberá reflectirse o largo dos viarios segundo as aliñacións propostas.

III.2. En relación cos informes sectoriais emitidos durante a súa tramitación son favorables ou emendáronse as cuestións sinaladas neles.

III.3. En relación coa adaptación aos criterios, principios e normas do POL, cómpre sinalar que:

• O núcleo de San Roque do Monte sitúase entre as áreas continuas de ordenación e de mellora ambiental e paisaxística do POL, sen incidencia importante na fronte litoral, de que dista, no punto máis próximo, uns 500 m. A modificación afecta fundamentalmente a área de mellora ambiental e paisaxística, en que se produce a inclusión na delimitación do núcleo de parcelas actualmente situadas fóra del. Non consta no ámbito da MP a incidencia de corredores ecolóxicos nin outros espazos de especial interese delimitados no POL.

• A MP afecta un número reducido de parcelas ou supón pequenos axustes aos límites parcelarios, polo que carece de relevancia para a ordenación territorial. A maior parte das parcelas engadidas ao núcleo están xa ocupadas pola edificación, posibilitándose unicamente novas edificacións en parcelas intersticiais, polo que non cabe considerar que se estea a producir un crecemento sobre a área de mellora ambiental e paisaxística, incompatible cos criterios do POL para esta área.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual número 22 das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Vilanova de Arousa para a redelimitación do núcleo rural de San Roque do Monte, condicionado á emenda das cuestións indicadas no punto III.1 anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio esta modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. Notifíquese ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

4. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa da modificación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

5. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.