Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Martes, 15 de novembro de 2022 Páx. 59316

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 26 de outubro de 2022, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva do Plan básico municipal do Concello de Ribeira de Piquín (Lugo).

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 156.5 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva do Plan básico municipal do Concello de Ribeira de Piquín (Lugo), mediante a Orde, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, do 26 de outubro de 2022, que figura como anexo.

Unha vez inscrito o Plan básico municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a súa documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón: https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2336&_aaeKeyword_WAR_aae_id=2336

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2022

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva do Plan básico municipal
do Concello de Ribeira de Piquín (Lugo)

O 26.5.2017, o Concello de Ribeira de Piquín remitiu escrito á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en que solicitaba a redacción dun Plan básico municipal (PBM) por parte da consellería competente en materia de urbanismo.

Analizado o documento redactado e tramitado regulamentariamente; e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O artigo 63.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (no sucesivo LSG), define os plans básicos municipais como os instrumentos de planeamento urbanístico dun termo municipal completo, que se redactarán en desenvolvemento do Plan básico autonómico para os concellos de menos de 5.000 habitantes que non contén cun instrumento de planeamento xeral.

2. Os plans básicos teñen por obxecto a delimitación dos núcleos rurais existentes e dos terreos que reúnan os requisitos exixidos para ser clasificados como solo urbano consolidado; e a categorización do solo rústico, segundo as delimitacións das afeccións establecidas no Plan básico autonómico. Así mesmo, poden remitir a ordenación detallada de determinadas áreas a un plan especial aprobado con anterioridade declarándoo subsistente.

3. O Plan básico autonómico foi aprobado polo Decreto 83/2018, do 26 de xullo. Mediante a Resolución do 21.12.2021, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, apróbase a súa actualización (DOG do 28 de xaneiro) coa corrección de erros do 14 de marzo de 2022 publicada no DOG do 30 de marzo de 2022.

4. O Concello de Ribeira de Piquín conta con 513 habitantes a 1.1.2021 segundo información do Instituto Nacional de Estatística (INE) e non ten aprobado ningún instrumento de planeamento xeral, polo tanto, cumpre cos requisitos da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, para a redacción dun PBM.

5. A UTE Ezquiaga Arquitectura, Sociedad y Territorio, S.L. y Múñiz Masalfaya, S.L.P. resultou adxudicataria do contrato para a redacción do PBM de Ribeira de Piquín, de acordo co expediente de contratación do primeiro contrato baseado (expediente 32/2019U) no Acordo marco con varios empresarios para o servizo de redacción dos documentos dos plans básicos municipais (expediente 16/2018U). O PBM de Ribeira de Piquín correspóndese co lote 1 e o contrato foi formalizado o 11.11.2019, e iníciase o prazo de execución o día seguinte da sinatura.

II. Contido e determinacións do Plan básico municipal.

1. En cumprimento do artigo 63.3 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e do artigo 150 e seguintes do seu regulamento aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro (RLSG), o PBM de Ribeira de Piquín conta cos seguintes documentos: memoria xustificativa das súas determinacións; análise do modelo de asentamento poboacional; planos de información; planos de ordenación urbanística; catálogo de elementos que se deben protexer e normativa urbanística.

2. Asemade incorpora: documentación do trámite ambiental estratéxico simplificado: alternativas ambientais 0, 1 e 2, informe ambiental estratéxico, extracto ambiental e as medidas de seguimento; zonificación acústica do territorio; estudo da paisaxe e ficha de vixencia de planeamento.

3. No tocante ás determinacións do Plan básico municipal:

• O PBM de Ribeira de Piquín non clasifica ámbitos de solo urbano consolidado.

• Delimita 38 núcleos rurais (artigo 63.2.a) da LSG), dos cales, segundo as fichas da AMAP, 29 son tradicionais (13 de tipo polinuclear), 3 son comúns (2 de tipo polinuclear) e os 6 restantes combinan partes tradicionais e comúns (5 de tipo polinuclear).

As delimitacións de núcleo rural aprobadas definitivamente con anterioridade (Barcia, Cartea, Cabaceira e Chao de Pousadoiro) non se declaran subsistentes e, polo tanto, non se incorporan ao Plan básico municipal, senón que se delimitan ao igual que o resto de núcleos do concello, conforme os criterios establecidos na LSG e no RLSG.

• Clasifica todas as categorías de solo rústico resultantes da aplicación das lexislacións sectoriais con incidencia sobre Ribeira de Piquín (artigo 63.2.c da LSG), tendo en conta as afeccións sectoriais delimitadas no PBA, e as consideracións establecidas nos informes sectoriais preceptivos.

• Fixa o trazado da rede viaria pública existente e a sinalización de aliñacións (artigo 63.2.d) da LSG), tendo en conta as indicacións recibidas nos informes sectoriais das administracións titulares das vías.

• A normativa reproduce no seu anexo I as ordenanzas reguladoras do Plan básico autonómico que resultan de aplicación para o territorio municipal de Ribeira de Piquín (artigo 63.2.e) da LSG), sen prexuízo de incorporar normativa específica do PBM con base no estudo pormenorizado do territorio e nas indicacións dos informes sectoriais preceptivos (artigo 149.1.e) do RLSG).

• Segundo consta no Catálogo do patrimonio cultural do PBM, o documento cataloga o seguinte número de elementos:

Tipo do elemento

Nº elementos

Nº elementos en concellos limítrofes*

Afeccións

Arqueolóxico (ARQ)

40

8

Delimitación e contorno de protección

Arquitectónico (ART)

31

0

Delimitación e contorno de protección

Etnográfico (ETN)

97

0

Delimitación e contorno de protección

*Con contorno de protección dentro do municipio de Ribeira de Piquín.

III. Tramitación.

1. O procedemento para a aprobación dos plans básicos municipais regúlase no artigo 64 LSG e no 156 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro (RLSG).

2. O 5.8.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático inicia o período de consultas previas á formulación do informe ambiental estratéxico, polo prazo de dous meses. Constan nese trámite as seguintes consultas recibidas:

• Instituto de Estudos do Territorio, informe do 16.10.2020.

• Augas de Galicia, informe do 4.9.2020.

• Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, informe do 29.9.2020.

• Axencia Galega de Infraestruturas, informe do 4.9.2020.

• Dirección Xeral de Mobilidade, informe do 15.9.2020.

• Concello de Ribeira de Piquín, informe do 5.9.2020.

• Dirección Xeral de Enerxía e Minas, informe do 11.9.2020.

• Deputación Provincial de Lugo, informe do 14.8.2020.

• Cámara Oficial Mineira de Galicia, informe do 2.9.2020.

• Particular.

• O Servizo de Infraestruturas Agrarias da Consellería do Medio Rural (recibido fóra de prazo o 27.10.2020).

• A Dirección Xeral de Patrimonio Natural (recibido fóra de prazo o 16.11.2020).

• Confederación hidrográfica Miño-Sil (recibido fóra de prazo o 25.11.2020).

• Servizo de Montes de Lugo (recibido fóra de prazo o 11.3.2021).

• Confederación hidrográfica do Cantábrico Occidental (emitido fóra de prazo e achegado polo propio organismo sectorial á DXTOU o 21.1.2021, xunto coa información sobre dereitos de abastecemento, verteduras e a cartografía de inundabilidade).

3. Tras este período de consultas previas, o 26.10.2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu a resolución pola que se formula o informe ambiental estratéxico (IAE) do PBM do Concello de Ribeira de Piquín, en que conclúe non someter ao procedemento de avaliación ambiental ordinaria este PBM.

O PBM xustifica a integración das determinacións do informe ambiental estratéxico na documentación da avaliación ambiental estratéxica (carpeta 07.AAE).

4. Con independencia do trámite ambiental e con carácter previo á aprobación inicial do PBM, o 13.8.2020 solicitouse informe ás confederacións hidrográficas do Miño-Sil (CHMS) e do Cantábrico Occidental (CHCO). A CHMS pronunciouse no trámite de consultas previas da AAES e a CHCO achegou informe o 21.1.2021.

Ademais, o 17.11.2020 solicitouse un certificado do Catastro Mineiro relativo aos dereitos mineiros no Concello de Ribeira de Piquín que foi achegado o 25.11.2020.

5. O PBM de Ribeira de Piquín foi aprobado inicialmente pola Resolución da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 30.6.2021.

6. O 5.7.2021 solicitáronse os informes sectoriais preceptivos ás administracións competentes e o informe determinante do concello. Na mesma data enviouse a comunicación prevista no artigo 189 da Lei 3/2003, de patrimonio das administracións públicas, e a prevista no artigo 101 da Lei 5/2011, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Simultaneamente, o PBM someteuse a información pública mediante a súa publicación no DOG do 16 de xullo de 2021 por un prazo de 2 meses. O documento foi publicado a través da web de documentos en información pública da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo: https://cmatv.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Territorio_e_urbanismo_Planeamento_urbanistico?content=SX_Ordenacion_Territorio_Urbanismo/Participacion_publica/seccion.html&std=Participacion_publica.html

Asemade, o 16.7.2021 foi publicado o anuncio en dous dos xornais de maior difusión na provincia (El Progreso y La Voz de Galicia).

7. No relativo aos informes sectoriais preceptivos, foi requirido o pronunciamento favorable dos seguintes organismos:

Organismo/Administración

Data de recepción
do informe

Delegación do Goberno en Galicia.

Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana

5.8.2021

Delegación do Goberno.

Área de Fomento

18.10.2021

Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas

22.10.2021

Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Confederación Hidrográfica do Miño-Sil

8.10.2021

Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Confederación Hidrográfica do Cantábrico Occidental

17.11.2021

Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.

Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información

24.9.2021

Consellería de Facenda.

Secretaría Xeral Técnica do Patrimonio

18.8.2021

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Instituto de Estudos do Territorio (IET)

24.9.2021

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Axencia Galega de Infraestruturas (AXI)

17.8.2022

Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

26.4.2022

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

Augas de Galicia

25.3.2022

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

Solos contaminados

27.7.2021

Consellería do Medio Rural.

Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal

24.5.2022

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

Dirección Xeral de Emerxencias e Interior

30.3.2022

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Dirección Xeral de Patrimonio Natural

7.9.2021

Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo

23.7.2021

Presidencia.

Redes de Telecomunicacións de Galicia-Retegal, S.A.

12.7.2021

Deputación de Lugo

9.9.2022

Por outra banda, o 20.9.2022 recibiuse a Resolución da Alcaldía de Ribeira de Piquín do 15.9.2022 que ratifica o informe favorable do arquitecto municipal ao PBM de Ribeira de Piquín do 30.5.2022.

8. Durante o período de información pública, recibíronse un total de 76 alegacións, segundo o informe de alegacións do 17.10.2022.

No arquivo 27053_PBM_202209_AD_MX_03.5ANX_ALEGAC do PBM, en cumprimento da lexislación aplicable en materia de protección de datos, as alegacións codificáronse mediante a expresión L1_001, L1_002... (lote 1 e numeración correlativa). Para a súa identificación, incorporouse a identificación catastral e mais o lugar e a parroquia, se é o caso.

9. O Pleno da Xunta Consultiva en materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 24.10.2022 acordou informar favorablemente o documento do PBM de Ribeira de Piquín.

IV. Análise e consideracións.

1. A documentación do PBM de Ribeira de Piquín cumpre coas determinacións establecidas polos artigos 63.2 da LSG e 149 do RLSG; e está adaptado ás determinacións das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia.

2. O PBM de Ribeira de Piquín atende ou xustifica as cuestións e determinacións relacionadas nos informes e consultas recibidos durante a súa tramitación; e axústase estritamente ao informado favorablemente polo Pleno da Xunta Consultiva en materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

3. En conclusión, o PBM de Ribeira de Piquín é un documento completo e axustado á lexislación vixente para os efectos de acadar a súa aprobación definitiva.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans básicos municipais correspóndelle á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto no artigo 64.4 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e 156.4 do Decreto 143/2016, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería.

V. Resolución.

En consecuencia e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan básico municipal de Ribeira de Piquín, de conformidade co disposto no artigo 64.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

2. Notificar esta orde ao Concello de Ribeira de Piquín.

3. De conformidade co disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e nos artigos 156.5 e 199 do Decreto 143/2016, polo que se aproba o seu regulamento, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo publicará o acordo de aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia (DOG) e a normativa e as ordenanzas no Boletín Oficial da provincia.

4. De conformidade co disposto no artigo 88 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e no artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio o Plan básico municipal de Ribeira de Piquín no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.