Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Mércores, 16 de novembro de 2022 Páx. 59506

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 22 de outubro de 2022, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción e se declaran, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, instalacións eléctricas no concello de Nogueira de Ramuín (expediente IN407A 2022/76-3).

Examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións eléctricas que a seguir se describen:

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Domicilio social: avenida San Luis, 77, 28033 Madrid.

Denominación: regulamentación LMT PRS806 en tramo entre apoios núms. 55-5 e 55-13.

Situación: lugar de Viduedo, concello de Nogueira de Ramuín.

Características principais do proxecto, que foi redactado polo enxeñeiro industrial David Núñez Fernández, colexiado número 1534 do COEIG, en data 16.2.2022:

Actuación 1. Instalación de dous novos apoios de celosía metálica en substitución dos existentes de formigón núms. 55-10 e 55-12, por deterioración no primeiro caso e para manter as condicións regulamentarias do tendido no segundo, e cambio do condutor deste van por novo condutor de tipo LA-56.

Actuación 2. Instalación de novo apoio, tamén de celosía metálica, entre apoios núms. 55-10 e 55-10-1, debido á instalación de LMT derivada, e dotación de novo condutor LA-56 no primeiro van, así como outras actuacións complementarias que constan no proxecto.

A información pública destas actuacións foi realizada mediante o Acordo desta Xefatura Territorial do 1 de xuño de 2022, que foi inserido no DOG do 23 de xuño de 2022 e no xornal La Región de Ourense do 9 de xuño de 2022. O proxecto tamén estivo en exposición pública nesta xefatura territorial e no portal de transparencia desta vicepresidencia durante o prazo regulamentario. Dentro do prazo establecido para iso non se presentaron alegacións contrarias á realización do proxecto.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V, do título VII, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta xefatura territorial resolve:

Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública das ditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada persoa interesada se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo do acordo de información pública do proxecto.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Ourense, 22 de outubro de 2022

Alicia María López Míguez
Xefa territorial de Ourense