Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Luns, 21 de novembro de 2022 Páx. 60197

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 11 de novembro de 2022 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Escoita e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de extinción da Fundación Escoita, adscrita ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 27 de outubro de 2022, tivo entrada na Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da Fundación Escoita, adoptado polo padroado o 27 de outubro de 2022.

Segundo. A Fundación Escoita foi constituída en escritura pública outorgada en Culleredo (A Coruña) o 15 de decembro de 2015, ante a notaria María de la Cruz Nieto Peñamaría, co número de protocolo 1.870, por Lidia María Arguiz Fernández, Erica María Mosquera Gende e Ana Isabel Vázquez Lojo. A dita fundación foi clasificada de interese educativo mediante a Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 16 de febreiro de 2016 (DOG núm. 43, do 3 de marzo), e mediante a Resolución da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do 9 de marzo de 2016 foi declarada de interese galego e inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego (DOG núm. 53, do 17 de marzo) co número 2016/4.

Terceiro. De acordo co artigo 6 dos seus estatutos, os fins da fundación son:

– Fomentar a inclusión na vida escolar e social do xordo, mediante a formulación, execución de campañas preventivas, educación e emprego.

– Estimular e favorecer a prevención da xordeira no ámbito da escola.

– Mellorar a calidade de vida e o contorno da persoa xorda e trastornos asociados.

– Fomentar o estudo e a prevención da xordeira cando as causas sexan as enfermidades denominadas raras, recollidas no Rexistro Nacional de Enfermidades Raras do Instituto de Salud Carlos III.

– Potenciar a accesibilidade nas barreiras de comunicación.

– Ofrecer apoio e atención aos usuarios, organizacións e administracións que o requiran.

Cuarto. O órgano de goberno da fundación, na súa reunión do 27 de outubro de 2022, adoptou o acordo de extinción da fundación por imposibilidade de realizar os fins fundacionais.

No expediente tramitado para o efecto consta a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo de extinción adoptado polo padroado.

b) Memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción.

c) As contas da fundación na data de adopción do acordo.

d) Proxecto de distribución dos bens e dereitos resultantes da liquidación.

e) Informe-proposta do protectorado.

Consideracións legais:

Primeira. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades é competente para a inscrición solicitada segundo o Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (DOG núm. 126, do 4 de xullo), en relación co artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

De acordo co disposto no artigo 7.2 .b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a inscrición na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego de todos os actos relativos ás fundacións sobre as cales exerza as funcións de protectorado.

Segunda. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, e que para tal efecto é necesario o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O dito artigo dispón, así mesmo, que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceira. O acordo de extinción adoptouse seguindo os requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da fundación, e foi aprobado polo padroado na súa reunión do 27 de outubro de 2022. No expediente tramitado constan a memoria xustificativa da causa de extinción e a demais documentación prevista nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006 e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego. Na memoria xustifícase que, debido a que os patróns da fundación presentan problemas médicos e familiares que lles impiden atender as obrigas que xera a fundación, resulta improcedente a modificación estatutaria e –por mor da inexistencia doutra fundación cos mesmos fins na súa área de influencia– o proceso de fusión, de conformidade co artigo 48.1.b) do Decreto 14/2009.

Cuarta. En exercicio da facultade prevista no artigo 38 dos seus estatutos, o padroado da fundación acorda que os bens e dereitos resultantes da liquidación sexan destinados do xeito seguinte:

– Adxudícase a cantidade de 2.000,00 € á Asociación de familias con membros e xoves xordos ou con discapacidade auditiva (Anpanxoga).

– Adxudícase a cantidade de 7.500,00 € á Liga Reumatolóxica Galega da Coruña.

– Adxudícase a cantidade de 6.833,00 € á Asociación Española contra o Cancro da Coruña.

– Adxudícase a cantidade de 6.833,00 € á Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG).

– Adxudícase a cantidade de 6.834,00 € á Asociación de Dano Cerebral da Coruña.

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e demais normativa de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Escoita, adoptado polo padroado da fundación na súa reunión do 27 de outubro de 2022.

Segundo. Ordenar a inscrición da extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Terceiro. Declarar como destinatarias dos bens e dereitos resultantes da liquidación as entidades que figuran no punto cuarto das consideracións legais deste escrito.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, se poida interpoñer recurso de reposición, ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades