Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Martes, 22 de novembro de 2022 Páx. 60467

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 11 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de axudas destinadas aos familiares dos profesionais do mar falecidos no exercicio da súa actividade para o ano 2023, tramitado como expediente anticipado de gasto (código de procedemento PE113E).

O sector da pesca constitúe un sector estratéxico para o desenvolvemento da nosa Comunidade, dada a importancia económica e social que posúe e que determina o seu carácter dinamizador do contexto económico, cultural e social da nosa zona costeira.

A pesca, o marisqueo, a acuicultura mariña e o sector transformador dos produtos do mar dan traballo na nosa Comunidade a máis de 100.000 persoas de forma directa ou indirecta, cunha frota de 4.500 buques pesqueiros e máis de 11.000 tripulantes.

Atopámonos ante un sector que desenvolve un traballo de elevada penosidade e dureza e que leva a cabo a súa actividade profesional nun medio hostil e con condicionantes singulares. Todo isto deriva nunha alta incidencia de accidentes laborais, nos cales os naufraxios ou afundimentos supoñen o seu máximo expoñente, xa que adoitan rematar coa perda de vidas humanas no mar.

Cabe sinalar que estes accidentes, xunto ás embarrancadas ou varamentos, traen consigo a existencia de situacións de desamparo económico temporal e puntual das familias dos tripulantes falecidos e/ou desaparecidos, xa que a perda dunha persoa soe vir aparellada á falla de ingresos económicos xerados pola actividade cesante.

Os poderes públicos son conscientes da situación de necesidade que suscitan eses tristes acontecementos e, coa finalidade de paliar as consecuencias destes accidentes, cómpre regular e establecer axudas para mitigar puntual e temporalmente os efectos desa situación e dotar o sector pesqueiro de ferramentas que lle outorguen continuidade ao marco de protección social que outorgan as administracións, ademais de referendar a vontade de solidariedade que a sociedade galega mantén co eido marítimo-pesqueiro ante este tipo de eventos lutuosos.

Esta orde ten como obxecto aprobar as bases reguladoras e a convocatoria da concesión das axudas destinadas a atender, dalgún xeito, as necesidades das persoas que se atopen en situación de viuvez ou análoga, ou orfandade, como consecuencia dos falecementos acontecidos en accidentes sufridos pola frota ou tripulantes galegos durante o ano 2023.

Por todo isto, en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar as axudas destinadas aos familiares dos profesionais do mar falecidos no exercicio da súa actividade para o ano 2023.

2. O procedemento regulado nesta orde ten o código de procedemento administrativo PE113E.

3. Para os efectos desta orde consideraranse profesionais do mar as seguintes persoas:

a) As persoas tripulantes galegas de calquera tipo de embarcación pesqueira debidamente enroladas nela e calquera que sexa o seu pavillón.

b) As persoas tripulantes non galegas que coticen no réxime especial do mar da Seguridade Social nun buque pesqueiro con porto base en Galicia.

c) As persoas mariscadoras, con autorización expedida pola Consellería do Mar, no desenvolvemento lícito da súa actividade e de acordo coas disposicións establecidas na materia pola citada consellería.

d) As persoas traballadoras de viveiros flotantes radicados en augas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Teñen a condición de galegos, de acordo co artigo 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, os cidadáns españois que, de acordo coas leis xerais do Estado, teñan veciñanza administrativa en calquera dos municipios de Galicia.

4. Tamén terán a consideración de persoas falecidas para os efectos desta orde aquelas persoas que a consecuencia dun accidente no mar estivesen desaparecidas unha vez transcorridos 10 días desde a data en que tivo lugar o sinistro.

5. Darán lugar á concesión da axuda os falecementos producidos desde o día 1 de decembro de 2022 ata o 30 de novembro de 2023.

Artigo 2. Procedemento de concesión

O procedemento de concesión da axuda é o de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Cada falecemento dará lugar á concesión dunha axuda a favor dalgunha das seguintes categorías de beneficiarios:

a) Cónxuxe ou parella de feito no momento do falecemento.

b) Filla/o ou fillas/os da persoa falecida menores de 21 anos.

2. As persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social.

Artigo 4. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 15 de decembro de 2023. Se o último día de prazo for inhábil, entenderíase prorrogado ao seguinte día hábil.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado no anexo I dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación recollida no artigo 6, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia completa do libro ou libros de familia da unidade familiar.

b) Certificado de empadroamento ou calquera outro medio de proba válido en dereito que demostre a convivencia de maneira inequívoca, de ser o caso.

c) Contrato de traballo, rol, lista de tripulantes debidamente dilixenciada, certificado de alta no réxime especial do mar da Seguridade Social, ou calquera outro documento acreditativo da actividade profesional desenvolvida no momento do accidente pola persoa falecida.

d) Atestado da autoridade competente, protesta de mar dilixenciada pola autoridade, copia do diario de navegación, parte de accidente de traballo ou calquera outro documento acreditativo da existencia do accidente.

e) As persoas interesadas poderán actuar por medio de representante e deben acreditar a representación fidedigna por calquera medio válido en dereito.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en qué momento e ante qué órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma prevista no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa física solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado literal de defunción librado polo Rexistro Civil, se procede.

d) Permiso de explotación para marisqueo a pé (Permex).

e) Certificado de empadroamento da persoa falecida.

f) No caso de tripulantes non galegos, xustificación de que o buque ten porto base en Galicia.

g) Certificado de matrimonio.

h) Certificación da inscrición no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia.

i) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

j) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Tesouraría da Seguridade Social.

k) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Tramitación e resolución das axudas

1. A Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar instruirá os expedientes e realizará de oficio, se é o caso, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales elaborará a proposta de resolución.

2. A resolución destas axudas correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

En cumprimento do principio de anualidade orzamentaria, o prazo máximo para a resolución das solicitudes das axudas presentadas será o 31.12.2023.

Transcorrido o prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes daranse por desestimadas.

3. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución expresa. Se a resolución é presunta, a interposición do recurso poderá realizarse en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 9. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia Notifica.gal. Este sistema remitirallas ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Compatibilidade

Sen prexuízo do establecido no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as prestacións reguladas na presente orde serán compatibles con calquera outra establecida tanto polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, como por calquera entidade privada.

Artigo 12. Contía da axudas

As contías das axudas reguladas nesta orde son as seguintes:

a) Á viúva/o ou parella de feito da persoa falecida corresponderanlle tres mil euros (3.000 €).

b) A cada unha das/dos fillas/os menores de 21 anos corresponderanlles mil euros (1.000 euros).

Artigo 13. Publicidade

1. As axudas económicas concedidas ao abeiro desta convocatoria non se publicarán no Diario Oficial de Galicia, por ser un dos supostos de excepción contidos no artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro; no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 9.3 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

2. Por outra parte, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 14. Financiación e pagamento

1. As axudas económicas faranse efectivas con cargo á aplicación 15.01.721A.480.0 proxecto 2019 0077 que figurarán dotadas no proxecto de orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2023, por un importe total máximo de cincuenta mil euros (50.000,00 €).

O artigo 1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG núm. 33, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vai materializar a contraprestación.

Así mesmo, a concesión das axudas estará sometida á condición suspensiva da existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución, tal e como recolle o artigo 3 da Orde do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001.

2. O pagamento das axudas reguladas nesta orde efectuaranse unicamente na conta bancaria que as persoas solicitantes fagan constar no anexo I. Esta conta terá que permanecer activa mentres non se teña constancia da finalización do expediente. A Consellería do Mar non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas alleas á propia tramitación do expediente.

3. De conformidade co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez esgotado o crédito dispoñible, poderá ampliarse este cando o aumento veña derivado dalgunha das condicións previstas no dito artigo.

Artigo 15. Reintegro das axudas

1. Se a persoa beneficiaria incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións e obrigas que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderán anularse os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederase ao reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como dos xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata á data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Sen prexuízo da obriga de reintegro, se como consecuencia dunha comprobación posterior ou de calquera outra verificación, se constata falsidade nas declaracións mencionadas nesta orde, serán de aplicación as infraccións e sancións establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

1. De acordo co establecido no artigo 28.9 da Lei 9/2007, dado que estas axudas se conceden en atención á concorrencia dunha determinada situación no perceptor, non requirirán outra xustificación que a acreditación da indicada situación previamente á concesión de acordo co establecido nesta orde. Así mesmo, as persoas beneficiarias destas axudas obríganse a someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios. Para este fin achegarase canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional primeira. Infraccións e sancións

As persoas beneficiarias atópanse suxeitas ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional segunda

As axudas a percibir con motivo dos falecementos que se produzan a partir do 1 de decembro de 2023, tramitaranse ao abeiro da orde de axudas correspondente ao ano 2024.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a secretaria xeral técnica para ditar as resolucións necesarias para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2022

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file