Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Mércores, 23 de novembro de 2022 Páx. 60746

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 15 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publican diversos acordos adoptados pola Mesa sectorial de negociación en materia de protección das persoas traballadoras durante o embarazo.

O 13 de xullo de 2021 a Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CC.OO., CSI-F, SATSE e UGT pactaron na Mesa sectorial de negociación do persoal estatutario o I Plan de igualdade entre mulleres e homes no Servizo Galego de Saúde (2021-2024).

O dito plan foi publicado no Diario Oficial de Galicia número 202, do 20 de outubro de 2021, para o seu coñecemento xeral e efectividade, e incorporando unha serie de medidas que precisan da súa negociación nos ámbitos correspondentes, entre as cales destacadamente se encontran as que atinxen as profesionais embarazadas.

Con base no anterior e logo da súa negociación na sesión da Mesa sectorial que tivo lugar o 25 de marzo de 2022, a Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CC.OO., CSI-F, SATSE e UGT acordaron por unanimidade adoptar 23 medidas concretas de protección das profesionais embarazadas que prestan servizos nas institucións sanitarias do organismo, medidas que se enmarcan na execución do Plan de igualdade e que se recollen como anexo da presente resolución.

Corresponderalles ás áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde e ás entidades adscritas á Consellería de Sanidade a execución das medidas previstas, así como a súa avaliación e mellora continua.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2022

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO

Execución do I Plan de igualdade entre mulleres e homes no Servizo Galego de Saúde(2021-2024): protección das persoas traballadoras embarazadas

As mulleres son un dos principais valores do sistema sanitario público de Galicia. A meirande parte dos postos de traballo da súa organización están ocupados por elas, concretamente representan o 77 % do persoal do Servizo Galego de Saúde.

Tendo en conta esta realidade, o Servizo Galego de Saúde quere desenvolver, co consenso das organizacións sindicais representadas na Mesa sectorial e asinantes ademais do Plan de igualdade, un conxunto de medidas que conduzan a realizar un recoñecemento expreso dos dereitos das súas traballadoras embarazadas.

A pandemia puxo en evidencia a necesidade de protección das persoas máis vulnerables que traballan no sistema sanitario autonómico, particularmente as mulleres embarazadas, polo que é preciso crear as mellores condicións laborais posibles para o seu coidado durante as etapas de embarazo, parto e posparto.

As medidas específicas previstas están dirixidas ás traballadoras embarazadas que prestan servizos na sanidade pública de Galicia e dentro dos diferentes ámbitos laborais, tales como os chamamentos para selección temporal, o desempeño das vinculacións temporais e fixas, as adaptacións de postos por riscos laborais ou as accións informativas, formativas e de coidado das traballadoras embarazadas, entre outras. En consecuencia, estableceranse canles específicas para a súa difusión entre as profesionais embarazadas.

Preténdese conseguir unha situación de maior equidade para as mulleres embarazadas que traballan no Servizo Galego de Saúde, polo que se realizarán todos os cambios na organización necesarios para poder implantar as seguintes medidas, agrupadas consonte ás epígrafes do Plan de igualdade que executan ou desenvolven:

– Medidas relacionadas co acceso ao sistema (adoptadas en desenvolvemento dos puntos 1.5, 1.7 e 1.8 do Plan de igualdade):

1. A muller que estea de parto o día en que teñan lugar os exercicios da oposición e non sexa posible realizarlle a proba no hospital poderá efectuala dentro dos 15 días seguintes. O Servizo Galego de Saúde permitiralles ás mulleres embarazadas ou que desen a luz días antes, e que por estes motivos estean ingresadas o día do exame, facer os distintos exercicios da fase de oposición nun centro hospitalario radicado na Comunidade Autónoma de Galicia. Realizarán, así mesmo, os exercicios no centro hospitalario aquelas embarazadas en situación de incapacidade temporal ou parto recente (unha semana) que, por razón desas situacións, non poidan desprazarse ao lugar onde se efectúen as probas.

2. Medidas de acción positiva na política de chamamentos para vinculacións temporais: reactivación automática nas listas unha vez rematadas as suspensións de chamamentos motivadas polo embarazo e medidas relativas ao acceso aos nomeamentos estatutarios temporais en vínculos tanto de curta como de longa duración a prol da muller embarazada.

– Medidas de mellora nas condicións de traballo (acordadas en desenvolvemento dos puntos 2.6, 2.7, 2.8, 2.11, 2.12, 3.6, 4.5 e 4.7 do Plan de igualdade):

3. Garántense as pausas de descanso durante o traballo. Recoméndanse pausas curtas e frecuentes de cinco minutos cada hora.

4. Facilitarase o cambio de quendas de noite por quendas fixas de mañá e tarde, especialmente a partir do terceiro trimestre de embarazo.

5. Provisión de uniformes adaptados.

6. Asegurarase a percepción do 100 % das retribucións básicas e complementarias de carácter fixo, xunto coa media das retribucións variables aboadas no ano anterior ao mes en que dese comezo a correspondente situación (maternidade, risco durante o embarazo, risco durante a lactación natural e nos supostos de adaptación de posto por lactación natural ou con causa de embarazo), en concepto de atención continuada derivada da prestación de gardas, noites e festivos.

7. As baixas maternais substituiranse sempre que haxa dispoñibilidade na lista de selección temporal correspondente.

8. Realizaranse adaptacións do posto de traballo, de ser o caso, mediante medidas de protección, así como de medidas organizativas, que poderán comprender, entre outras, a restrición de tarefas, así como medidas entre as cales se inclúe a realización de tarefas telefónicas, de xestión ou teletraballo (de resultar posible e tendo en conta as funcións que vai realizar a traballadora embarazada).

9. Garantir o desfrute de 150 horas no exercicio do dereito de lactación.

– Medidas de coidado da saúde da embarazada (desenvolvendo os puntos 2.8 e 2.11 do Plan de igualdade):

10. Por solicitude da traballadora será eximida das xornadas de máis de oito horas de traballo e da realización de gardas, especialmente a partir do terceiro trimestre de embarazo.

11. Procurarase evitar a exposición da profesional ao tráfico e á condución de vehículos, polo que se lle asignarán prazas e postos de traballo máis próximos, especialmente a partir do terceiro trimestre de embarazo, sempre que existan postos vacantes ou necesidades de substitucións de tres ou máis meses no ámbito da área sanitaria. Empregarase este sistema de provisión con carácter previo á utilización das listas de selección temporal.

12. Asignaranse prazas de aparcamento adaptadas e próximas aos accesos dos centros, sempre que sexa posible, especialmente a partir do terceiro trimestre de embarazo.

13. Disporase dun menú saudable e adaptado nas cafetarías das institucións sanitarias.

14. Facilitaranse medias de descanso para evitar veas varicosas.

15. Proporcionaranse cadeiras ergonómicas e repousapés en postos administrativos e naqueles postos que requiran que a profesional permaneza sentada cando menos a metade da xornada.

16. Estableceranse recursos para o apoio psicolóxico en caso de loito perinatal, falecemento do/da fillo/a, tratamentos de reprodución asistida, depresión posparto, etcétera.

17. Estableceranse recursos de apoio para deixar de fumar.

– Medidas de conciliación e apoio á crianza (en desenvolvemento dos puntos 2.14, 4.1 e 4.6 do Plan de igualdade):

18. Recoñecemento médico previo á reincorporación ao posto de traballo e entrevista para lactación natural.

19. No caso de novos hospitais ou ampliación (no suposto de que por problemas estruturais non fose posible nas instalacións actuais) habilitaranse zonas para o coidado de nenos e nenas de 0-3 anos ou subscribiranse concertos con gardarías próximas.

20. Habilitaranse salas de lactación e descanso suficientes nas cales as embarazadas poidan descansar comodamente co mobiliario axeitado.

21. Proporcionarase unha guía de maternidade/paternidade (por nacemento de fillo/a).

22. Facilitarase un dossier informativo en materia de embarazo e conciliación da vida familiar e laboral.

23. Formación e información en autocoidado en embarazo e posparto: coidados do bebé, alimentación saudable da nai e materias relacionadas con esta temática.