Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Mércores, 23 de novembro de 2022 Páx. 60735

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 14 de novembro de 2022, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se ditan instrucións para a determinación da oferta de prazas nas titulacións oficiais de grao e máster nas universidades públicas do Sistema universitario de Galicia e se determina o calendario para a tramitación de solicitudes de verificación e modificación de titulacións oficiais no Sistema universitario de Galicia.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece no seu artigo 43 que as comunidades autónomas efectuarán a programación da oferta de ensinanzas das universidades públicas da súa competencia e os seus distintos centros, de acordo con elas e conforme os procedementos que establezan.

A Secretaría Xeral de Universidades é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para a ordenación, planificación e execución das competencias en materia de universidades e ensinanzas universitarias correspondentes a esta consellería.

O punto 2 do artigo 7 do Real decreto 412/2014, do 6 de xuño, polo que se establece a normativa básica dos procedementos de admisión ás ensinanzas universitarias oficiais de grao, establece o seguinte:

«A Conferencia Xeral de Política Universitaria velará por garantir o dereito dos estudantes a concorrer a distintas universidades. Para tal fin, antes do 30 de abril de cada ano, a Conferencia Xeral de Política Universitaria fará público o número máximo de prazas que para cada titulación e centro ofrecen cada unha das universidades públicas para o seguinte curso académico. As ditas prazas serán propostas polas universidades e deberán contar coa aprobación previa da Administración educativa que corresponda».

O Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da súa calidade, no seu artigo 27.3, condiciona o inicio da impartición da docencia dun título universitario oficial á realización do establecido nos puntos 1 e 2 do mesmo artigo, que establecen o seguinte:

«1. Unha vez verificado o plan de estudos polo Consello de Universidades e despois de emitirse a autorización da Comunidade Autónoma, establecerase o carácter oficial do título mediante acordo do Consello de Ministros por proposta do titular do Ministerio de Universidades, e será publicado no Boletín Oficial del Estado, co que o título universitario adquire plenamente a súa validez en todo o territorio nacional.

2. Unha vez declarado o carácter oficial do título e posteriormente publicado no Boletín Oficial del Estado, inscribirase no RUCT, coa denominación do título cuxa memoria do plan de estudos foi verificada. Esta información será pública e o Ministerio de Universidades, como responsable do RUCT, garantirá a súa accesibilidade ao conxunto da cidadanía. A inscrición no RUCT a que se refire este artigo terá, ademais, efectos constitutivos respecto da creación de títulos universitarios oficiais e comportará a consideración inicial de título acreditado para os efectos legal e regulamentariamente establecidos».

Non obstante, o Acordo de protocolo e boas prácticas no proceso de establecemento da oferta de prazas e titulacións, comunicado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deportes o 9 de maio de 2014, determina que, para a fixación da oferta, a Conferencia Xeral de Política Universitaria só terá en conta as titulacións de grao e máster que rematasen o proceso de verificación nese momento.

O 16 de xuño de 2021, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e as tres universidades públicas galegas asinaron o Acordo para a definición do marco xeral de actualización do mapa de titulacións do Sistema universitario de Galicia para o período 2022-2026, que afonda na estratexia consensuada de actuación iniciada coa sinatura do Acordo do 20 de marzo de 2017, establecendo liñas e criterios que permitan unha ordenación racional do sistema de acordo coas necesidades da nosa comunidade.

A necesaria adecuación da oferta académica ás demandas reais do alumnado que accede aos estudos universitarios no SUG, así como á capacidade de absorción do mercado laboral dos futuros egresados, implica unha reflexión sobre a taxa de cobertura efectiva das prazas ofertadas para cada titulación.

Na actualidade existe información fiable, pública e contrastada sobre as taxas de rendemento académico (cambio, abandono, graduación…) en cada un dos graos e máster oficiais que permiten afondar nos axustes da oferta, sempre con criterios de realismo e moderación, para avanzar cara á adecuación da oferta das universidades públicas galegas ás demandas da nosa comunidade.

Por outra banda, a entrada en vigor do mencionado Real decreto 822/2021, implica a necesidade de modificar os prazos dos sucesivos trámites do complexo procedemento que se debe seguir para a verificación e/ou modificación das titulacións oficiais a impartir polas universidades do Sistema universitario de Galicia. En concreto, trátase de axeitar os trámites que dependan das propias universidades, así como da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e da Administración autonómica competente na materia, para facilitar que as ditas titulacións poidan incluírse na oferta de prazas do correspondente curso académico.

Tendo en conta o anterior, a Secretaría Xeral de Universidades considera necesario ditar unhas instrucións sobre os criterios a ter en conta para a determinación da oferta de prazas nas universidades públicas do SUG, para facilitar a programación da oferta en titulacións de grao e máster universitarios nos sucesivos cursos académicos, así como para establecer un calendario de tramitación de propostas de verificación e/ou modificación das titulacións oficiais a impartir no Sistema universitario de Galicia.

Polo tanto, en virtude das competencias outorgadas no capítulo IV do título II do Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades resolvo ditar as seguintes

Instrucións:

Primeira. No mes de marzo de cada ano, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a través da Secretaría Xeral de Universidades, solicitará ás universidades públicas do SUG a remisión da proposta de prazas de novo ingreso a ofertar para cada unha das titulacións oficiais de grao e máster para o seguinte curso académico, co fin de proceder á súa análise e aprobación previa á súa presentación na Conferencia Xeral de Política Universitaria.

Segunda. As universidades fixarán, para cada curso académico, un número máximo de prazas de novo ingreso para cada unha das titulacións oficiais de grao e máster que oferten.

Terceira. As universidades só poderán incluír na proposta de oferta de prazas as titulacións que conten na data de presentación coa preceptiva resolución de verificación positiva do Consello de Universidades, nos termos establecidos no artigo 27 do Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da súa calidade.

En todo caso, en aplicación do Acordo de protocolo e boas prácticas no proceso de establecemento da oferta de prazas e titulacións, comunicado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deportes o 9 de maio de 2014, só poderán impartirse no curso académico posterior aquelas titulacións que, antes do 15 de setembro, conten coa autorización de implantación do departamento competente en materia de universidades da Xunta de Galicia.

Cuarta. Non poderán ser incluídas na proposta de oferta de prazas as seguintes titulacións de grao e máster:

a) As que non conten na data de presentación da proposta co informe final favorable de verificación da calidade emitido pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

b) As que non teñan superado o preceptivo procedemento de renovación da acreditación.

c) As que teñan iniciado o procedemento de extinción do plan de estudos, a supresión das ensinanzas ou a revogación da autorización de implantación.

d) Os graos e máster universitarios que nos tres cursos anteriores non acadaron unha media igual ou superior ao mínimo de alumnado de novo ingreso establecido no artigo 6 do Decreto 222/2011, agás:

– Os graos e máster declarados singulares, mentres teña vixencia a dita declaración.

– Os máster vinculados a programas Erasmus Mundus.

– Os máster que habiliten para o exercicio dunha profesión regulada en España, sendo o establecido na normativa estatal e europea aplicable.

– Os que sexan o único máster universitario ofertado nese centro.

– Os máster que presenten un número de matrícula en constante crecemento nos últimos tres anos, resultando unha media igual ou superior a 16 alumnos/as.

Quinta. No caso de titulacións de carácter interuniversitario deberá acreditarse o cumprimento do requisito mínimo de matrícula de novo ingreso establecido no artigo 6 do Decreto 222/2011, con carácter global.

Cando no máster interuniversitario participen universidades de fóra do SUG, cada universidade pública do SUG participante deberá acreditar unha matrícula mínima de 5 alumnos/as de novo ingreso durante tres cursos académicos consecutivos e, en caso de non acadar este mínimo, non poderá incluílo na proposta de oferta de prazas.

Sexta. As universidades poderán propoñer a redución do número de prazas ofertadas para unha titulación cando se dean as seguintes circunstancias:

a) Exceso de oferta: a non cobertura sistemática das prazas ofertadas durante os tres últimos anos unha vez rematado o proceso de chamamentos por parte da CIUG, no caso dos graos; e rematados o prazos de matrícula, no caso dos máster.

b) Número de egresados: cando a taxa de graduación sexa sistematicamente inferior ao 35 % durante os últimos tres cursos. Neste caso, o centro responsable presentará un plan fundamentado para acadar unha taxa de graduación polo menos do 35 % nos seguintes tres anos.

Unha vez obtida a preceptiva autorización da consellería para a modificación da proposta, a universidade iniciará, de ser o caso, o procedemento previsto para a modificación da titulación no Real decreto 822/2021, consonte o calendario que figura como instrución décima desta resolución.

Cando unha titulación rexistre sistematicamente cifras de matrícula de alumnado de novo ingreso superiores ao 20 % da oferta autorizada, a consellería competente en materia de universidades requirirá a universidade para que inicie o procedemento de modificación da titulación co obxecto de reducir o número de prazas ofertadas nela.

Sétima. As universidades poderán propoñer o incremento do número de prazas ofertadas para unha titulación. Para estes efectos, a universidade presentará unha valoración conxunta das seguintes circunstancias:

1. Demanda social: empregarase como indicador a nota de corte dos tres últimos cursos, así como a lista de agarda resultante unha vez rematado o proceso de chamamentos da CIUG ou do proceso de matrícula.

2. Necesidade social: teranse en conta os informes de organismos nacionais e internacionais sobre a oferta do mercado laboral no sector, así como os estudos de colectivos profesionais sobre a idoneidade da oferta.

3. Egresados: poderase incrementar a oferta cando a taxa de graduación da titulación sexa sistematicamente igual ou superior ao 50 %.

4. Taxa de empregabilidade: tomarase como indicador o resultado do indicador de inserción laboral de cada titulación do último estudo publicado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

5. Cotización á Seguridade Social: empregarase como indicador a porcentaxe de emprego e o tipo de traballo polo que cotiza o egresado segundo os resultados da enquisa de inserción laboral de titulados universitarios do Instituto Nacional de Estatística.

6. Alumnado estranxeiro: terase en conta a demanda acreditada de alumnado procedente de fóra do espazo europeo de educación superior.

Unha vez obtida a preceptiva autorización da consellería para a modificación da proposta, a universidade iniciará, de ser o caso, o procedemento previsto para a modificación da titulación no Real decreto 822/2021, consonte o calendario que figura como instrución décima desta resolución.

Oitava. A variación na oferta de prazas en titulacións que sexan ofertadas por máis dunha universidade terá en conta o equilibrio da oferta dentro do Sistema universitario de Galicia.

Novena. Recibidas as propostas de oferta de prazas, acompañadas, de ser o caso, da motivación oportuna que xustifique os incrementos ou as reducións con base nas circunstancias previstas nas instrucións sexta e sétima, a Secretaría Xeral de Universidades comprobará que estas se axustan aos criterios recollidos nas presentes instrucións. En caso contrario, requirirase a universidade propoñente para que, no prazo de 10 días, facilite as aclaracións ou motivacións que considere convenientes para que a dita proposta sexa autorizada pola consellería competente en materia de universidades e trasladada á Conferencia Xeral de Política Universitaria.

De non atender adecuadamente o dito requirimento, a consellería modificará a proposta presentada para a/as concreta/s titulación/s afectadas, axeitándoa ás determinacións da presente instrución, e dará traslado dela á Conferencia Xeral de Política Universitaria.

Décima. Co obxecto de coordinar ás instancias autonómicas implicadas no procedemento de verificación e/ou modificación de titulacións oficiais para propiciar o cumprimento dos prazos e requisitos establecidos na normativa estatal vixente na materia, establécese o seguinte calendario de tramitación:

1º. 1 de xullo: data límite de presentación de propostas de solicitude de autorización para envío a verificación/modificación perante a Secretaría Xeral de Universidades.

2º. 30 de setembro: data límite de emisión do informe preceptivo previo sobre a necesidade e viabilidade académica e social da implantación da titulación universitaria oficial.

3º. 15 de outubro: data límite de incorporación das memorias das titulacións propostas á aplicación do ministerio competente en materia de universidades

4º. 28 de febreiro: data límite para a emisión do informe definitivo de verificación da calidade pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

O incumprimento das datas límite establecidas neste calendario suporá adiar un ano a tramitación do procedemento de verificación e/ou modificación da titulación afectada.

Disposición derradeira única

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2022

José Alberto Díez de Castro
Secretario xeral de Universidades