Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Xoves, 24 de novembro de 2022 Páx. 60888

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 14 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco, e se convocan para o exercicio 2023 (tramitación anticipada) (código de procedemento IF303A).

Desde os seus comezos, o servizo do taxi foi evolucionando desde ser un servizo complementario doutros medios de transporte a ser un servizo alternativo competitivo. Con esta finalidade, a Xunta de Galicia vén colaborando co sector mediante o outorgamento de axudas dirixidas á implantación de medios que faciliten a súa modernización e seguridade.

Unha das obrigas máis relevantes que incumbe a toda Administración pública é diminuír aquelas dificultades que afectan sectores concretos da poboación, de xeito que se afonde máis na igualdade material exixida pola Constitución española. Nese sentido, implantar uns servizos de transporte público cada vez máis accesibles é unha das medidas que máis eficazmente pode contribuír a acadar ese obxectivo, posto que incrementa a autonomía das persoas con mobilidade reducida e posibilita un transporte público máis eficaz e útil. Así, tal e como se indica na exposición de motivos da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, no momento actual a mobilidade constitúe un compoñente esencial da calidade de vida das persoas. Deste xeito, o transporte público de persoas en vehículos de turismo, en especial o servizo de taxi, ten unha importancia decisiva como instrumento conformador da convivencia da cidadanía e da habitabilidade no contorno urbano e interurbano. As administracións competentes deben, polo tanto, velar por garantir a universalidade, accesibilidade e calidade na prestación do servizo.

Neste contexto, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, pretende, mediante esta orde de axudas, favorecer o cumprimento do Real decreto 1554/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización de modos de transporte para persoas con discapacidade, así como o cumprimento das exixencias establecidas a este respecto no resto da normativa sectorial de aplicación. Trátase así de contribuír a garantir a mobilidade no transporte público de toda a cidadanía. Así mesmo, preténdese fomentar o uso de vehículos taxi de tipo emisións cero (vehículos 100 % eléctricos e híbridos enchufables) e eco (vehículos que contan con algún tipo de hibridación, é dicir, que combinan dous ou máis combustibles) co obxecto de reducir as emisións gasosas no tráfico de vehículos.

Dentro destas liñas de actuación proponse a aprobación das bases reguladoras e da convocatoria de axudas coa finalidade de axudar á adquisición de vehículos taxi de emisións cero, eco e adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi). Estes vehículos deben satisfacer os requisitos recollidos no Real decreto 1554/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización de modos de transporte para persoas con discapacidade. Para poder acceder ás axudas para taxi de emisións cero e eco, os vehículos deberán estar clasificados como tales pola Dirección Xeral de Tráfico de acordo co disposto na Orde PCI/810/2018, do 27 de xullo, pola que se modifican os anexos II, XI y XVIII do Regulamento xeral de vehículos, aprobado polo Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro.

Esta orde tramítase como expediente anticipado de gasto, o que permite establecer un período máis amplo de presentación de solicitudes e a posibilidade de obter antes a consecuente resolución, así como unha maior marxe temporal para a xustificación por parte das persoas interesadas.

Todo iso faise no marco da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como consonte a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na medida en que sexa aplicable, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por todo o exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras para a concesión de axudas a persoas titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi do tipo eco.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas subvencións para o ano 2023 (código de procedemento IF303A). Os prazos serán diferentes para as distintas liñas:

a) Para as liñas de taxi de cero emisións e eco, poderán ser obxecto de subvención os vehículos novos que se adquiran entre o 15 de xullo de 2022 e a data establecida nesta orde para xustificar a axuda (31 de outubro de 2023). Porén, esta data límite do 31 de outubro para xustificar só será de aplicación a aqueles interesados que reciban a notificación de concesión con posterioridade ao 31 de agosto de 2023, de conformidade co artigo 18.1 desta orde.

b) Para a liña Eurotaxi, poderán ser obxecto de subvención os seguintes vehículos:

– Os vehículos que xa fosen adquiridos, en calquera momento, e estean adscritos ou non a unha autorización no momento de presentación da solicitude, sempre que manteñan o compromiso de manter a titularidade do vehículo e o seu destino efectivo á actividade de taxi durante, polo menos, cinco (5) anos desde a data da presentación da solicitude da axuda ou, no suposto de non estaren adscritos a unha autorización nese momento, desde a data da súa adscrición.

– Os vehículos novos que se adquiran con posterioridade á presentación da solicitude e á data límite establecida na orde para xustificar a axuda.

A data límite será o 31 de outubro de 2023, pero só para aqueles interesados que reciban a notificación da resolución de concesión con posterioridade ao 31 de agosto de 2023, de conformidade co artigo 18.1 desta orde.

Os solicitantes non poderán ter sido beneficiarios dunha axuda análoga da Xunta de Galicia para o mesmo vehículo nos termos indicados no artigo 4.2.c).

3. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Actuacións subvencionables

1. Con cargo a esta orde será subvencionable a adquisición de novos vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), que reúnan as seguintes condicións:

a) Deben estar adaptados para o seu uso por persoas con mobilidade reducida. Para estes efectos, os vehículos deberán reunir as condicións previstas no Real decreto 1544/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan os requisitos básicos de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización dos modos de transporte para persoas con discapacidade.

b) Os vehículos deberán ser adquiridos dentro dos prazos fixados na orde.

c) En ningún caso se admitirán como subvencionables os vehículos de segunda man, nin os adquiridos a través dun contrato de renting.

2. Tamén serán subvencionables con cargo a esta orde os novos vehículos taxi de tipo cero emisións e eco que reúnan as seguintes condicións:

a) Deberán estar clasificados oficialmente nestas categorías pola Dirección Xeral de Tráfico de acordo co disposto na Orde PCI/810/2018, do 27 de xullo, pola que se modifican os anexos II, XI e XVIII do Regulamento xeral de vehículos, aprobado polo Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro.

b) Os vehículos deberán ser adquiridos dentro dos prazos fixados na orde.

c) En ningún caso se admitirán como subvencionables os vehículos de segunda man, pois o solicitante terá que ser o seu titular na súa primeira matriculación, nin os adquiridos a través dun contrato de renting.

Artigo 3. Financiamento e contía

1. As axudas outorgadas conforme o disposto nesta orde serán financiadas con cargo á aplicación 09.02.512A.770.0. Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Deste xeito, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023 no momento da resolución.

2. A contía total máxima das subvencións concedidas será de 500.000 euros. Non obstante, este importe entenderase sen prexuízo de ulteriores variacións que se poidan producir como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, nos termos do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A contía total máxima asígnase inicialmente, segundo a seguinte repartición, para as tres liñas obxecto de axuda:

– Liña para taxi adaptado (Eurotaxi): 300.000 euros.

– Liña para taxi de cero emisións: 60.000 euros.

– Liña para taxi eco: 140.000 euros.

4. Estas cantidades teñen o carácter de máximo inicial para cada unha das liñas; non obstante unha vez transcorrido o prazo inicial de solicitude a que fai referencia o artigo 5.4.1 desta orde, o crédito resultante no conxunto das tres categorías unificarase e atenderase para a adxudicación aos criterios de prelación establecidos no dito artigo.

5. As liñas de subvencións obxecto desta orde son compatibles entre si con carácter acumulativo e decláranse compatibles, de ser o caso, con outras achegas, axudas ou subvencións que para a mesma finalidade ou liña poida obter a entidade beneficiaria; non obstante, a suma total de todas elas nunca poderá superar o custo da actividade subvencionada.

6. A axuda por vehículo para taxi adaptado (Eurotaxi) será de 10.000 euros, para taxi de cero emisións de 6.000 euros e para taxi eco de 4.000 euros.

7. As axudas recollidas nesta orde quedan suxeitas ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro, L352/1). A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder os 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido.

As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se tal acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida pola normativa comunitaria para as circunstancias concretas de cada caso.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou polos servizos de mobilidade competentes.

2. Para xeraren dereito á axuda, as autorizacións indicadas no punto anterior deberanse axustar ás seguintes regras:

a) Terán que estar domiciliadas en Galicia.

b) Deberán estar vixentes no momento da presentación da solicitude.

c) Xerará dereito á axuda cada unha das autorizacións das cales sexa titular a persoa solicitante, agás no suposto de que para a mesma autorización a persoa interesada acadase a condición de beneficiario/a con base en convocatorias anteriores de axudas efectuadas pola Xunta de Galicia para esta mesma finalidade.

Artigo 5. Solicitudes e prazo de presentación

1. Ao abeiro do disposto no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, a solicitude e tramitación deste procedemento farase por medios exclusivamente electrónicos, ao seren autónomos as persoas destinatarias.

En consecuencia, para poder ser beneficiario das subvencións deberase presentar unha solicitude axustada ao modelo normalizado que, a título exclusivamente informativo, figura como anexo I a esta orde, e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código IF303A.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do réxime contido nesta orde.

A solicitude irá acompañada, ademais, da documentación a que se fai referencia no artigo 6, que necesariamente se deberá anexar en formato electrónico. Para isto, no proceso de presentación electrónica permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios (en formato pdf, odt, ods, doc, xls, docx, xlsx, jpg, png, tiff e bmp).

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Na solicitude de axuda incorporarase unha declaración responsable referente aos seguintes aspectos:

a) Axudas solicitadas e/ou concedidas por outras administracións públicas para o mesmo proxecto, con indicación das contías ou, de ser o caso, indicación de que non recibiu ningunha.

b) Axudas de minimis recibidas durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, suxeitas ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, ou a outros regulamentos de minimis (artigo 6.1 do Regulamento de minimis).

c) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse ás axudas reguladas nestas bases, así como das obrigas e compromisos que nelas se establecen.

d) Autenticidade dos datos facilitados.

e) Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta administración considere oportunas e realice tanto mediante os seus propios medios como mediante a colaboración de servizos externos.

f) Non estar incurso/a en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Autenticidade e coincidencia cos orixinais da documentación anexada coa solicitude, e posta á disposición da Administración dos ditos orixinais en caso de que se lle requira.

4. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 14 de outubro de 2023, de acordo coas seguintes previsións:

4.1. As solicitudes presentadas desde a data de inicio do prazo e durante os dous primeiros meses de presentación de solicitudes serán valoradas dentro de cada liña por orde de entrada, ata o momento do esgotamento do crédito asignado inicialmente a cada unha das liñas, de se producir este antes da finalización do dito prazo.

Se o crédito dispoñible se esgota antes desa data, anunciarase esta circunstancia a través da páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, na epígrafe Mobilidade, de acordo co establecido no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En tal caso, as solicitudes que se reciban despois do esgotamento do crédito quedarán en reserva, e poderán, se é o caso, ser subvencionadas, ben co crédito que quede libre de se producir algunha renuncia por parte das persoas beneficiarias ou ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas, sen prexuízo do disposto na alínea seguinte para o posible crédito sobrante nas outras liñas de axudas establecidas nesta orde.

4.2. Transcorridos os dous primeiros meses, desde o inicio do prazo de presentación de solicitudes, o crédito resultante no conxunto das tres liñas unificarase e continuarán valorándose as solicitudes, para calquera das tres liñas, atendendo exclusivamente á orde de entrada, para o cal se deberán ter en conta tanto as solicitudes presentadas dentro do prazo anterior e que non puideron ser atendidas por insuficiencia do crédito inicial para esa liña como aquelas que se presenten posteriormente e ata a finalización do prazo o 14 de outubro de 2023.

Se o novo crédito resultante dispoñible se esgota antes desa data, anunciarase esta circunstancia na mesma forma establecida na alínea anterior e, en tal caso, as solicitudes que se reciban despois do esgotamento do crédito e ata o 14 de outubro de 2023 quedarán en reserva, e poderán, se é o caso, ser subvencionadas, ben co crédito que quede libre de se producir algunha renuncia por parte das persoas beneficiarias ou ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1.1. Para as solicitudes de axudas de taxi adaptado (Eurotaxi).

a) Copia da factura pro forma, que deberá incluir os seguintes datos:

– Data de emisión.

– Identificación do provedor: nome comercial, NIF, enderezo.

– Identificación do comprador: nome comercial, NIF, enderezo.

– Descrición da operación: concepto, orzamento detallado do vehículo que se propón adquirir.

– Base impoñible.

– Cota do IVE.

– Prezo total.

– Tipo de adaptación que se vai realizar no vehículo.

No caso de realizar algún cambio posterior, en relación cos datos que figuran na factura pro forma, será o vehículo finalmente adquirido o que terá que cumprir os requisitos exixidos na orde para poder ter dereito ás axudas.

b) No caso de actuar por medio de representante, débese achegar a documentación acreditativa da representación.

c) No caso de que o vehículo fose adquirido con antelación á publicación desta orde, poderá achegar simultaneamente coa solicitude a factura de compra do vehículo subvencionado e o xustificante de ter pagado polo menos 10.000 euros para esta finalidade mediante unha ou varias transferencias bancarias, domiciliación bancaria da débeda, cheque bancario nominativo, tarxeta de crédito/débito, pagamento das cotas do préstamo no caso de financiamento da compra ou o método de pagamento electrónico empregado (PayPal, Google Pay, Apple Pay...), sempre que quede constancia do pagamento realizado e dos suxeitos participantes na transacción.

1.2. Para as solicitudes de axudas de taxi de cero emisións e eco:

a) Copia da factura pro forma e orzamento detallado do vehículo que se propón adquirir.

– Data de emisión.

– Identificación do provedor: nome comercial, NIF, enderezo.

– Identificación do destinatario: nome comercial, NIF, enderezo.

– Descrición da operación: concepto, orzamento detallado do vehículo que se propón adquirir.

– Base impoñible.

– Cota do IVE.

– Prezo total.

No caso de realizar algún cambio posterior, en relación cos datos que figuran na factura pro forma, será o vehículo finalmente adquirido o que terá que cumprir os requisitos exixidos na orde para poder ter dereito ás axudas.

b) No caso de actuar por medio de representante, débese achegar a documentación acreditativa da representación.

c) No caso de que o vehículo fose adquirido con antelación á publicación desta orde, poderá achegar simultaneamente coa solicitude a factura de compra do vehículo subvencionado e o xustificante de ter pagado polo menos 6.000 euros para esta finalidade, no caso de vehículos de cero emisións, e 4.000 euros para esta finalidade, no caso de vehículos eco, mediante unha ou varias transferencias bancarias, domiciliación bancaria da débeda, cheque bancario nominativo, tarxeta de crédito/débito, pagamento das cotas do préstamo no caso de financiamento da compra ou o método de pagamento electrónico empregado (Paypal, Google Pay, Apple Pay...), sempre que quede constancia do pagamento realizado e dos suxeitos participantes na transacción. Neste caso, para os efectos de acreditar a correspondente categoría de clasificación do vehículo, presentarase tamén algún dos seguintes documentos, con carácter alternativo:

– Copia do distintivo oficial da Dirección Xeral de Tráfico onde figure a clasificación do vehículo en función da súa eficiencia enerxética, tendo en conta o impacto ambiental.

– Certificación expedida por concesionario oficial, acreditativa da clasificación do vehículo en función da súa eficiencia enerxética, tendo en conta o impacto ambiental.

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/axuda/necesita-axuda/axuda-tecnica/requisitos).

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE en vigor da persoa solicitante.

b) DNI/NIE en vigor da persoa representante, de ser o caso.

c) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

d) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores que presenten de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación desta solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 10. Órganos competentes

1. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade o exercicio das competencias para resolver os procedementos de concesión, aprobación do gasto, reintegro e demais actuacións necesarias para o desenvolvemento das axudas obxecto desta orde.

2. A persoa titular da Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte será o órgano competente para instruír o procedemento de concesión das subvencións e corresponderalle como tal o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En caso de vacante, ausencia ou enfermidade da anterior, a instrución corresponderalle ao/á xefe/a do Servizo de Coordinación dos Plans de Transporte.

3. As competencias que se delegan mediante esta orde á persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade serán exercidas temporalmente, no caso de ausencia, vacante ou enfermidade, e mentres persistan estas circunstancias, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

Artigo 11. Instrución dos procedementos

1. O outorgamento das subvencións efectuarase respectando a rigorosa orde de data da solicitude e ata o esgotamento do crédito dispoñible, sempre que se cumpran os requisitos establecidos nestas bases. O órgano instrutor será o encargado de verificar o cumprimento das condicións exixidas nesta orde e no resto de normativa aplicable para poder ser beneficiario/a das axudas. Para tal fin, analizará as solicitudes presentadas e a documentación que se achegue.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algunha das exixencias contidas nesta orde ou na citada normativa, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución.

A remisión de documentación complementaria que sexa requirida pola Administración ou a emenda da solicitude inicialmente formulada realizarase exclusivamente por medios electrónicos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 8.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á persoa interesada que achegue a documentación orixinal. Neste caso, a presentación desa documentación farase no rexistro ou oficina indicada pola Administración no seu requirimento.

Artigo 12. Proposta de resolución

1. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na restante normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

2. En relación con aquelas solicitudes que estean completas e cumpran coas condicións exixidas, o órgano instrutor elaborará, respecto de cada unha delas, un informe en que consten esas circunstancias, que servirá como proposta de resolución. Todas as solicitudes que reúnan os requisitos establecidos na orde serán admitidas e contarán cunha proposta de resolución favorable, sempre que estean dentro do límite orzamentario previsto para atender as axudas reguladas nesta orde, consonte o indicado no artigo 5.4.

Artigo 13. Resolución

1. A persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade ditará a correspondente resolución respecto de cada unha das solicitudes admitidas a trámite, á vista da proposta do órgano instrutor.

A resolución deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de denegación. Do mesmo xeito, na resolución indicarase o carácter de axuda de minimis exenta, en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro, L352/1).

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade que vaia desenvolver a persoa beneficiaria.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de dous meses contados desde a data da presentación da solicitude. Se transcorre este prazo sen se ditar resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Adicionalmente, as axudas concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia, en consonancia co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, na epígrafe Mobilidade.

Artigo 14. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que venza o prazo de dous meses para resolver, previsto no artigo 13.2.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. As persoas ou entidades beneficiarias están obrigadas a comunicarlle á Dirección Xeral de Mobilidade calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente o destino ou a correcta aplicación da axuda outorgada.

2. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia á entidade interesada.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde asumen as obrigas recollidas con carácter xeral na normativa de subvencións e, especificamente, as seguintes:

a) Obriga de reintegro total ou parcial da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, segundo a obriga incumprida.

b) Obriga de permitir que a Dirección Xeral de Mobilidade realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como de facer o seguimento e control das axudas concedidas.

c) Obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

d) Obriga de destinar o novo vehículo para prestar o servizo de taxi no municipio da Comunidade Autónoma de Galicia en que estea domiciliada a autorización VT-N do solicitante, e adscribir o vehículo a esta.

Non obstante o anterior, o/a beneficiario/a poderá substituír o vehículo subvencionado por outro de características semellantes, sempre que concorran circunstancias que así o xustifiquen e, para os efectos da subvención concedida, a dita substitución deberalla comunicar á Dirección Xeral de Mobilidade.

e) Obriga de incorporar nun lugar visible do/das vehículo/s adquirido/s unha referencia expresa a que a adquisición do vehículo foi subvencionada pola Xunta de Galicia. Para o cumprimento desta obriga deben incorporar nun lugar visible do vehículo o adhesivo ou cartel informativo que consta no anexo II desta orde, coas seguintes dimensións 10,3 cm de largo por 18 cm de longo, tal e como figuran no dito anexo.

f) Obriga de manter a titularidade do vehículo e o seu destino efectivo á actividade de taxi durante, polo menos, cinco (5) anos, agás no suposto de que, logo de comunicación á Dirección Xeral de Mobilidade, se substitúa por outro de condicións análogas. Non computarán para os efectos desta alínea os prazos en que o interesado poida ter a autorización VT-N en suspensión.

g) Obriga de conservar en bo estado o vehículo adquirido.

Artigo 18. Aceptación e xustificación da subvención

1. Unha vez notificada a resolución definitiva polo órgano competente, a persoa proposta como beneficiaria dispoñerá dun prazo de dez (10) días hábiles para aceptala. Transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada pola persoa interesada.

Unha vez notificado o outorgamento da axuda, de non ter achegado xunto coa solicitude a documentación xustificativa, dispoñerá dun prazo de dous (2) meses para presentar, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, a factura de compra do vehículo subvencionado e o xustificante da transferencia ou transferencias bancarias do seu aboamento, domiciliación bancaria da débeda, cheque bancario nominativo, tarxeta de crédito/débito, pagamento das cotas do préstamo no caso de financiamento da compra ou o método de pagamento electrónico empregado (Paypal, Google Pay, Apple Pay...), sempre que quede constancia do pagamento realizado e dos suxeitos participantes na transacción.

Para aqueles interesados que reciban a notificación de concesión con posterioridade ao 31 de agosto de 2023, a data límite será o 31 de outubro de 2023.

O importe total destas deberá ser igual ou superior á contía da subvención que lle foi outorgada.

Como consecuencia, antes desta data límite o/a beneficiario/a deberá ter formalizada a compra e xustificar o pagamento, como mínimo, do importe a que ascende a axuda solicitada. aínda que a entrega do vehículo se realice con posterioridade, unha vez finalizado o período de xustificación.

Ademais, no caso de vehículos de cero emisións e eco, deberase presentar algún dos seguintes documentos, con carácter alternativo, sempre que a dita presentación non se presentase xa con anterioridade xunto coa solicitude de axuda, de conformidade co artigo 6.1.2, alínea c), desta orde:

– Copia do distintivo oficial da Dirección Xeral de Tráfico onde figure a clasificación do vehículo en función da súa eficiencia enerxética, tendo en conta o impacto ambiental.

– Certificación expedida por concesionario oficial, acreditativa da clasificación do vehículo en función da súa eficiencia enerxética, tendo en conta o impacto ambiental.

Para esta presentación da documentación de xustificación observarase o disposto no artigo 8.

A falta de xustificación no prazo establecido neste punto comportará a perda do dereito a cobrar a subvención.

2. Os beneficiarios da subvención asumen a obriga de ter adscrito o vehículo á autorización de transporte da serie VT-N antes do 1 de xullo de 2024. A Dirección Xeral de Mobilidade comprobará, de oficio, que se realizou a adscrición. De non se ter realizado, procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, segundo o artigo 20 da orde e consonte o previsto no artigo 33.1.b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Na documentación achegada para a adscrición debe constar que o vehículo é un vehículo adaptado conforme os requisitos fixados na normativa vixente.

3. Transcorrido o prazo previsto no punto 1 sen que a persoa interesada cumpra coa obriga sinalada, será requirida para que no prazo de dez días emende ese incumprimento. A realización da xustificación no prazo adicional establecido neste punto non eximirá a persoa beneficiaria das sancións que correspondan conforme a lei.

Artigo 19. Pagamento

Unha vez xustificada a axuda consonte o previsto no punto 1 do artigo anterior, procederase ao seu libramento, que se fará nun único pagamento, mediante transferencia bancaria ao número de conta indicado na solicitude.

Artigo 20. Incumprimentos, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde de convocatoria ou no resto da normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase un procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 32 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento. De conformidade co establecido no artigo 14.1, alínea n), da Lei 9/2007, o importe que se deba reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) O incumprimento das obrigas recollidas no artigo 17.1, alíneas b) e c), así como a obtención da subvención falseando os datos, feitos ou documentos: reintegro do 100 %.

b) O incumprimento das obrigas recollidas no artigo 17.1, alínea d):

1) Destinar o novo vehículo para prestar o servizo de taxi no municipio da Comunidade Autónoma de Galicia en que estea domiciliada a autorización VT-N do solicitante, e adscribir o vehículo a esta: reintegro do 20 % por cada un dos cinco anos en que incumpra esta obriga.

2) No suposto de substitución do vehículo por outro no cal non concorran as mesmas características que no vehículo subvencionado: reintegro do 20 % por cada un dos cinco anos en que incumpra esta obriga.

3) Incumprimento da obriga de comunicar á Dirección Xeral de Mobilidade a substitución do dito vehículo: reintegro do 10 % da subvención concedida.

4) Incumprimento da obriga en materia de publicidade prevista (adhesivo ou cartel informativo): reintegro do 10 % da subvención concedida. Non obstante, no suposto de resultar aínda posible o cumprimento desta obriga, o órgano xestor deberalle requirir ao beneficiario que incorpore o cartel, nun prazo non superior a quince (15) días, con expresa advertencia de que o seu incumprimento implicará o inicio do expediente de reintegro.

c) O incumprimento das obrigas recollidas na alínea e) do artigo 17.1 (obriga de manter a titularidade do vehículo e o seu destino efectivo á actividade de taxi): reintegro do 20 % por cada un dos cinco anos en que incumpra esta obriga.

d) Incumprimento da obriga recollida na alínea f) do artigo 17.1 (obriga de conservar en bo estado o vehículo adquirido): reintegro do 10 % da subvención concedida.

e) Incumprimento da obriga recollida no artigo 18.2 (obriga de ter adscrito o vehículo á autorización de transporte da serie VT-N antes do 1 de xullo de 2024): reintegro do 20 % da subvención concedida, se a adscrición se produce antes do 31 de decembro de 2024; en caso contrario, reintegro do 100 % da subvención concedida.

3. No suposto de incumprimentos sucesivos de calquera destas obrigas, e tras a incoación de varios expedientes de penalidades pola mesma causa, o terceiro expediente que se incoe implicará o reintegro do importe restante da axuda ata acadar o 100 % do importe subvencionado.

Os incumprimentos computaranse por anualidades completas, con independencia do número de meses en que si cumpra o/a beneficiario/a coa correspondente obriga.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención no suposto de non estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como de ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

Artigo 21. Control

1. A Dirección Xeral de Mobilidade poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da finalidade das axudas que se concedan.

2. Ademais do anterior, as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non regulado nesta orde observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no resto da normativa que resulte de aplicación.

Artigo 23. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Mobilidade, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, na epígrafe Mobilidade.

b) Os teléfonos 981 99 50 53 e 881 99 50 77 da dita dirección xeral.

c) O enderezo electrónico: axudas.mobilidade@xunta.gal

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade para que dite as resolucións que sexan precisas para a correcta execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2022

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

missing image file