Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Xoves, 24 de novembro de 2022 Páx. 60914

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

EXTRACTO da Orde do 14 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco, e se convocan para o exercicio 2023 (tramitación anticipada) (código de procedemento IF303A).

BDNS (Identif.): 659699.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade ou polos servizos de mobilidade competentes.

2. Para xeraren dereito á axuda, as autorizacións indicadas no punto anterior deberanse axustar ás seguintes regras:

a) Terán que estar domiciliadas en Galicia.

b) Deberán estar vixentes no momento da presentación da solicitude.

c) Xerará dereito á axuda cada unha das autorizacións das cales sexa titular a persoa solicitante, agás no suposto de que para a mesma autorización a persoa interesada acadase a condición de beneficiario/a con base en convocatorias anteriores de axudas efectuadas pola Xunta de Galicia para esta mesma finalidade.

Segundo. Obxecto

1. O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras para a concesión de axudas a persoas titulares de autorizacións de transporte da serie VT-N para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi do tipo eco.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas subvencións para o ano 2023 (código de procedemento IF303A). Os prazos serán diferentes para as distintas liñas:

a) Para as liñas de taxi de cero emisións e eco, poderán ser obxecto de subvención os vehículos novos que se adquiran entre o 15 de xullo de 2022 e a data establecida nesta orde para xustificar a axuda (31 de outubro de 2023). Porén, esta data límite do 31 de outubro para xustificar só será de aplicación a aqueles interesados que reciban a notificación de concesión con posterioridade ao 31 de agosto de 2023, de conformidade co artigo 18.1 desta orde.

b) Para a liña Eurotaxi, poderán ser obxecto de subvención os seguintes vehículos:

– Os vehículos que xa fosen adquiridos, en calquera momento, e estean adscritos ou non a unha autorización no momento de presentación da solicitude, sempre que manteñan o compromiso de manter a titularidade do vehículo e o seu destino efectivo á actividade de taxi durante, polo menos, cinco (5) anos desde a data da presentación da solicitude da axuda, ou, no suposto de non estaren adscritos a unha autorización nese momento, desde a data da súa adscrición.

– Os vehículos novos que se adquiran con posterioridade á presentación da solicitude e á data límite establecida na orde para xustificar a axuda.

A data límite será o 31 de outubro de 2023, pero só para aqueles interesados que reciban a notificación da resolución de concesión con posterioridade ao 31 de agosto de 2023, de conformidade co artigo 18.1 desta orde.

Os solicitantes non poderán ter sido beneficiarios dunha axuda análoga da Xunta de Galicia para o mesmo vehículo nos termos indicados no artigo 4.2.c).

3. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco, e se convocan para o exercicio 2023 (tramitación anticipada) (código de procedemento IF303A).

Cuarto. Importe

1. As axudas outorgadas conforme o disposto nesta orde serán financiadas con cargo á aplicación 09.02.512A.770.0. Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Deste xeito, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023 no momento da resolución.

2. A contía total máxima das subvencións concedidas será de 500.000 euros. Non obstante, este importe entenderase sen prexuízo de ulteriores variacións que se poidan producir como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, nos termos do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A contía total máxima asígnase inicialmente, segundo a seguinte repartición, para as tres liñas obxecto de axuda:

– Liña para taxi adaptado (Eurotaxi): 300.000 euros.

– Liña para taxi de cero emisións: 60.000 euros.

– Liña para taxi eco: 140.000 euros.

4. Estas cantidades teñen o carácter de máximo inicial para cada unha das liñas; non obstante, unha vez transcorrido o prazo inicial de solicitude a que fai referencia o artigo 5.4.1 desta orde, o crédito resultante no conxunto das tres categorías unificarase e atenderase para a adxudicación aos criterios de prelación establecidos no dito artigo.

5. As liñas de subvencións obxecto desta orde son compatibles entre si con carácter acumulativo e decláranse compatibles, de ser o caso, con outras achegas, axudas ou subvencións que para a mesma finalidade ou liña poida obter a entidade beneficiaria; non obstante, a suma total de todas elas nunca poderá superar o custo da actividade subvencionada.

6. A axuda por vehículo para taxi adaptado (Eurotaxi) será de 10.000 euros, para taxi de cero emisións de 6.000 euros e para taxi eco de 4.000 euros.

7. As axudas recollidas nesta orde quedan suxeitas ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro, L352/1). A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder os 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido.

As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se tal acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida pola normativa comunitaria para as circunstancias concretas de cada caso.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 14 de outubro de 2023.

Sexto. Outros datos

A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado co código de procedemento IF303A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Este modelo irá acompañado, ademais, da documentación relacionada no artigo 6, que necesariamente se deberá anexar en formato electrónico. Para isto, no proceso de presentación electrónica permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios (en formato pdf, odt, ods, doc, xls, docx, xlsx, jpg, png, tiff e bmp).

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2022

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade