Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Xoves, 24 de novembro de 2022 Páx. 61048

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 7 de novembro de 2022, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se declara a Comunidade Autónoma de Galicia herdeira ab intestato de Luis Otero Franco.

Antecedentes.

Mediante a Resolución do 21 de abril de 2022 acordouse a incoación do procedemento administrativo para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de Luis Otero Franco (ABI/2017/0010).

A citada resolución publicouse no Boletín Oficial del Estado núm. 114, do 13.5.2022, no Diario Oficial de Galicia núm. 89, do 9.5.2022), na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, e foi exposta no taboleiro de anuncios dos concellos de Ferrol, Ourol e As Pontes de García Rodríguez por prazo non inferior a un mes.

Constan no expediente os correspondentes certificados de defunción e derradeiras vontades relativos á persoa causante, nos cales se acredita o seu falecemento, o 26 de xuño de 2014 no municipio das Pontes de García Rodríguez, e que non tiña outorgado testamento rexistrado válido, así como que os familiares con dereito por sucesión legal renunciaron á herdanza do causante. Así mesmo, figura igualmente incorporado certificado do seu empadroamento no Concello das Pontes de García Rodríguez, quedando xustificada a súa veciñanza civil galega.

Non se recibiron alegacións, documentos ou outros elementos de xuízo que cuestionen a sucesión a favor da Administración autonómica.

Das consultas efectuadas perante o Catastro Inmobiliario, no Índice Xeral Informatizado de Predios e Dereitos do Rexistro da Propiedade e no Rexistro Xeral de Contratos de Seguros de Cobertura de Falecemento, así como da información acadada de diferentes entidades bancarias e por outras fontes, determinouse, en principio, que polo menos forman parte do cadal hereditario da persoa finada os bens e dereitos que se adxudican no punto segundo desta resolución, sen prexuízo da inclusión na herdanza daqueloutros que se identifiquen con posterioridade a esta declaración como de titularidade da persoa causante.

A Asesoría Xurídica da Consellería de Facenda e Administración Pública emitiu informe sobre a adecuación e suficiencia das actuacións practicadas para a declaración da Comunidade Autónoma como herdeira ab intestato da persoa causante.

Fundamentos xurídicos.

– Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, artigo 267 e seguintes.

– Código civil, artigo 657 e seguintes.

– Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas, artigos 20.6, 20.bis) e 20.ter.1).

– Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, artigos 4 e 56.

– Decreto 94/1999, do 25 de marzo, sobre réxime administrativo da sucesión intestada a favor da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Decreto 133/2022, do 16 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública, artigos 4 e 7.

Segundo o anterior,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar a Comunidade Autónoma de Galicia única e universal herdeira ab intestato de Luis Otero Franco, con DNI 33667197G, entendéndose legalmente aceptada a herdanza a beneficio de inventario.

Segundo. Adxudicar á Administración autonómica os seguintes bens e dereitos da herdanza identificados:

a) Bens inmobles:

Soar de forma rectangular, na avenida de Vilalba da vila das Pontes de García Rodríguez, hoxe nº 15, da superficie de 137 m2, aproximadamente, que estrema: fronte, Carmen Lago; dereita, avenida de Vilalba; esquerda, Jesús Bouza, e fondo, Mercedes Bouza. Non constan cargas nin gravames.

Referencia catastral: 3017034NJ9121N0001DX.

Valor catastral: 8.918,78 euros.

Inscrición rexistral: Rexistro da Propiedade de Narón, tomo 1931, libro 123, folla 149, predio nº 14.085.

Baixo comercial do edificio nº 13 da avenida de Vilalba, da vila das Pontes de García Rodríguez, duns 89 m2, que estrema: fronte, avenida de Vilalba; dereita entrando, Luis Otero Franco; esquerda, portal escaleiras e Josefa Bouza, e fondo Carmen Ledo. Non constan cargas nin gravames.

Referencia catastral: 3017035NJ9121N0001XX.

Valor catastral: 47.687,60 euros.

Inscrición rexistral: Rexistro da Propiedade de Narón, tomo 1552, libro 92, folla 20, predio nº 11.499.

Terreo duns 1.926 m2, no lugar do Pontoibo, parroquia e municipio das Pontes de García Rodríguez, que estrema: norte, Narciso Carballo, por onde mide 43,15 metros; sur, camiño, en liña de 35,50 metros; leste, valado que separa dos herdeiros de González, por onde mide 42,50 metros, e oeste, en liña de 45,50 metros, terreo de Celia Guerreiro, sobre o que existe, na parte que limita con este predio, un camiño de serventía de 3 metros de largo. Non constan máis cargas nin gravames.

Referencia catastral: 3420201NJ9132S0001ET.

Valor catastral: 22.980,90 euros.

Inscrición rexistral: Rexistro da Propiedade de Narón, tomo 1931, libro 123, folla 131, predio nº 14.079.

Terreo de 1.099,65 m2, Rego do Angueiro, no lugar do Pontoibo, parroquia e municipio das Pontes de García Rodríguez, que estrema: norte, por onde mide 58,25 metros, con Francisco Bellas; sur, por onde mide 60 metros, con Celia Guerreiro; leste, por onde ten unha lonxitude de 18,60 metros, camiño de servidume polo que se serve esta parcela, e oeste, por onde ten unha lonxitude de 18,60 metros, con rego. Non constan máis cargas nin gravames.

Referencias catastrais: 15071A029008930000YT, 000401400NJ91A0001TT e 000401600NJ91A0001MT.

Valor catastral conxunto: 9.313,95 euros.

Inscrición rexistral: Rexistro da Propiedade de Narón, tomo 1931, libro 123, folla 143, predio nº 14.083.

b) Contratos e outros efectos bancarios:

Conta de aforro na entidade Abanca, S.A., IBAN: ES10 2080 0230 6130 0008 0263.

Terceiro. Publicar a presente resolución no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, área temática de Patrimonio, anuncios, que se poderá consultar na seguinte ligazón: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/patrimonio/anuncios

Unha copia desta resolución será remitida para a súa exposición pública, por prazo non inferior a un mes, no taboleiro de anuncios dos concellos de Ferrol, Ourol e As Pontes de García Rodríguez.

Esta resolución poderá ser impugnada por infracción das normas sobre competencia e procedemento mediante recurso de alzada, no prazo dun mes, perante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, de conformidade cos artigos 112.1, 114 e 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os que se consideren prexudicados en canto ao seu mellor dereito á herdanza ou noutros dereitos de carácter civil por esta declaración ou pola adxudicación de bens a favor da Comunidade Autónoma de Galicia que se contén nesta resolución poderán exercer as accións pertinentes perante o órgano da xurisdición civil correspondente.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2022

Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico e do Patrimonio da Consellería de Facenda
e Administración Pública