Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Xoves, 24 de novembro de 2022 Páx. 61052

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 9 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se somete a participación pública a memoria inicial do Plan de xestión da paisaxe protexida Os Penedos de Pasarela e Traba, nos concellos de Vimianzo e Laxe (A Coruña).

Os Penedos de Pasarela e Traba declaráronse paisaxe protexida mediante o Decreto 294/2008, do 11 de decembro.

Este espazo, constituído por un conxunto de elevacións graníticas, está situado no noroeste da Comunidade Autónoma de Galicia, en plena Costa da Morte, entre os concellos de Vimianzo e Laxe (provincia da Coruña). Ao norte sitúase o territorio de Laxe, cunha superficie próxima a 103 hectáreas e ao sur o de Vimianzo, cunha superficie aproximada de 109 hectáreas, o que suma unha superficie total de 212 hectáreas aproximadamente.

O artigo 27 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, establece que as paisaxes protexidas son espazos que, polos seus valores naturais, estéticos e culturais e de acordo co Convenio da paisaxe do Consello de Europa, son merecedores dunha protección especial.

Segundo indica o artigo 59 da mesma lei, as paisaxes protexidas contarán cun instrumento de planificación propio denominado plan de xestión, no cal se establecerá o réxime de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación dos hábitats e especies.

O artigo 61 da lei establece que a tramitación do plan de xestión lle corresponde á consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural, e a súa aprobación realizarase consonte o disposto nos artigos 40 e 41.

A Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, establece, no seu título III, o dereito a que o público poida expresar observacións e opinións cando están abertas todas as posibilidades, antes de que se adopten decisións sobre un plan, programa ou disposición de carácter xeral en relación con asuntos de carácter ambiental.

Por outro lado, o artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece que, con carácter previo á elaboración dun proxecto ou anteproxecto de lei ou de regulamento, se realizará unha consulta pública a través do portal web da Administración competente, en que se recollerá a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representativas potencialmente afectados pola futura norma acerca:

a) Dos problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa.

b) Da necesidade e oportunidade da súa aprobación.

c) Dos obxectivos da norma.

d) Das posibles solucións alternativas regulamentarias e non regulamentarias.

En relación cos problemas que pretende solucionar, o plan de xestión, tras un diagnóstico da situación actual da paisaxe protexida, determina as presións e ameazas que está a sufrir o espazo. O plan busca a redución destas presións e ameazas a través do desenvolvemento de actividades humanas compatibles co mantemento nun estado de conservación favorable dos elementos considerados como claves para a declaración como espazo protexido.

A elaboración do plan de xestión deste espazo protexido é unha obriga recollida na Lei 5/2019, do 2 de agosto, e os seus obxectivos son aqueles establecidos no artigo 6 do Decreto 294/2008, do 11 de decembro, polo que se declara paisaxe protexida Os Penedos de Pasarela e Traba.

Visto o anterior, conforme o establecido no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, e 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro,

ACORDO:

Primeiro. Abrir un período de participación pública da memoria inicial do Plan de xestión deste espazo protexido durante o prazo dun (1) mes, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Durante o citado prazo poderase consultar o Plan na seguinte ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia:

https://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/consulta-publica-previa

Así como na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, entrando na subsección de documentos en información pública do portal de conservación da natureza:

https://cmatv.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Conservacion?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Participacion_publica/seccion.html&std=Participacion_publica.html

Terceiro. As persoas interesadas poden tamén enviar as súas alegacións:

Preferentemente, mediante correo electrónico ao seguinte enderezo: planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto Plan de xestión da paisaxe protexida Os Penedos de Pasarela e Traba.

Alternativamente, mediante a presentación de escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2022

Belén María do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural