Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Xoves, 24 de novembro de 2022 Páx. 60923

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 18 de novembro de 2022 pola que se fai público o incremento do crédito das axudas previstas na Orde do 22 de xuño de 2022 pola que se establecen as axudas económicas ás familias para a conciliación en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares a través do programa Bono Coidado e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento BS412A).

A Orde do 22 de xuño de 2022 pola que se establecen as axudas económicas ás familias para a conciliación en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares a través do programa Bono Coidado e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento BS412A) establece no seu artigo 2 que ás axudas obxecto desta convocatoria se destina un orzamento total de 553.527,00 €, que se imputará á aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.12.

A devandita orde establece ademais que, de acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente se poderá ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Dada a insuficiencia de crédito da Orde do 22 de xuño de 2022 para facer fronte ao importe que supón atender todas as solicitudes presentadas e vista a existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo a créditos incluídos no mesmo programa e en programas do mesmo servizo, parece oportuno incrementala para atender todas as solicitudes presentadas, ao existir crédito dispoñible nas aplicacións orzamentarias 13.02.312B.480.11 e 13.02.312B.470.1 que cumpre os requisitos establecidos no referido artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Con este incremento preténdese dar cumprimento a un dos obxectivos do Programa de apoio á natalidade posto en marcha pola Xunta de Galicia, que é facilitar á cidadanía o acceso a axudas económicas que contribúan a paliar o custo que comporta a crianza e coidado dos fillos e fillas.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo único. Incremento dos créditos

Increméntase o crédito destinado ao financiamento das axudas previstas na Orde do 22 de xuño de 2022 pola que se establecen as axudas económicas ás familias para a conciliación en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares a través do programa Bono Coidado e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento BS412A).

O importe total do dito incremento, que se realizará na aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.12, é de 607.000,63 euros.

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude