Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Venres, 25 de novembro de 2022 Páx. 61143

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 3 de novembro de 2022 pola que se modifica a Orde do 22 de abril de 2020 de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos desta consellería e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

En virtude dos decretos 136/2019 e 137/2019, do 10 de outubro, estableceuse a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, respectivamente.

Mediante a Orde do 22 de abril de 2020 establecéronse as delegacións de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, modificada pola Orde do 25 de maio de 2020, e pola Orde do 13 de maio de 2022.

A presente orde ten por finalidade realizar dúas modificacións puntuais. A primeira delas prodúcese como consecuencia da modificación das competencias delegadas na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, operada pola Orde do 13 de maio de 2022, pola que se lle atribuíu o exercicio das ferramentas contractuais que precisaba para o desenvolvemento das competencias materiais que lle son propias, o que implicou a realización do correspondente axuste nas delegacións realizadas, tanto a prol da propia Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade como da persoa titular da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde.

Como consecuencia daquela modificación, a dita dirección xeral viuse imposibilitada para realizar, a través da habilitación, as propostas de pagamento e a ordenación material dos pagamentos derivados do exercicio da delegación prevista a prol da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade.

Co obxecto de solucionar a operativa, prodúcese o necesario axuste co fin de que a Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde poida realizar tamén, a través da súa habilitación, as propostas e a ordenación de pagamentos derivados do exercicio das competencias delegadas na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, e que antes tiña atribuídas a Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde.

A segunda modificación prodúcese para a cobertura dunha necesidade derivada da atribución á Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde para a tramitación dos expedientes de contratación centralizados.

No marco da estratexia de compra pública da Xunta de Galicia é necesario avanzar na contratación centralizada, sobre todo en materia de medicamentos e produtos sanitarios, para acadar importantes aforros e evitar variacións significativas dos prezos entre as distintas áreas sanitarias.

A modificación que se introduce ten por finalidade realizar un axuste puntual nas competencias delegadas na Dirección Xeral de Recursos Económicos, co obxecto de que esta poida desconcentrar nas áreas sanitarias o exercicio de funcións relativas á realización dos actos de preparación e tramitación de expedientes de contratación centralizada que aquela determine para impulsar a contratación centralizada, optimizando os recursos e promovendo unha maior axilidade na tramitación destes expedientes.

Para tal efecto, o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, regulan o mecanismo da delegación competencial admitindo que o exercicio das competencias cuxa titularidade corresponda a órganos da Administración autonómica poida ser delegado noutros órganos da mesma Administración, cumprindo cos requisitos de publicación que o citado artigo 6 establece.

Por canto antecede, en virtude das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; os decretos 136 e 137/2019, do 10 de outubro, polos que se establecen as estruturas orgánicas da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, respectivamente, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 22 de abril de 2020 de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

Un. Modifícase a alínea a) do parágrafo 2 do artigo 6 da Orde do 22 de abril de 2020, que queda redactado como segue:

«Artigo 6. Delegacións na persoa titular da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde

Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde as seguintes competencias:

(...)

2. En materia orzamentaria:

a) A proposta, autorización e disposición dos gastos e a proposta de pagamento, non atribuídos legal ou regulamentariamente a outros órganos. Inclúese nesta delegación as propostas de pagamento e a ordenación material dos pagamentos derivados do exercicio da delegación prevista a prol da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade no parágrafo b) e no punto 3º da letra g) do artigo 1 desta orde».

Dous. Modifícase a letra ñ) do parágrafo 1 do artigo 8 da Orde do 22 de abril de 2020, que queda redactado como segue:

«Artigo 8. Delegacións nas persoas titulares das xerencias das áreas sanitarias do Sistema público de saúde de Galicia

1. Deléganse nas persoas titulares das xerencias das áreas sanitarias do Sistema público de saúde de Galicia as seguintes competencias:

(...)

ñ) A actuación como órgano de contratación naqueles contratos de obras en que non se requira informe da oficina de supervisión de proxectos, nos contratos de subministración, nos contratos de servizos, nos contratos mixtos que conteñan prestacións correspondentes a algúns dos contratos anteriores e nos contratos que teñan natureza administrativa especial da área sanitaria, agás no suposto previsto no punto 1.b) do artigo 6 para os expedientes de contratación centralizados. Non obstante o anterior, a persoa titular da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde poderá desconcentrar nas áreas sanitarias o exercicio de funcións relativas á realización dos actos de preparación e tramitación de expedientes de contratación centralizada que aquela determine».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade