Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Luns, 28 de novembro de 2022 Páx. 61450

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 9 de novembro de 2022, da Xefatura Territorial de Lugo, polo que se somete á información pública o procedemento de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas dun monte situado na provincia de Lugo.

De conformidade co establecido no artigo 11.3 do Decreto 167/2019, do 5 de decembro, polo que se crea e se regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, e no artigo 83 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que por espazo de dous (2) meses, que computarán a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia deste anuncio, ábrense os períodos de información pública dos procedementos de inscrición, por solicitude de parte, no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas do monte seguinte:

– 16,0345 ha do monte veciñal en man común de Vilasouto, pertencente aos veciños de Vilasouto, no Incio (Lugo), e parcelas de particulares.

Durante o período de exposición calquera persoa física ou xurídica poderá examinar no Servizo de Montes de Lugo, situado no edificio administrativo da Xunta de Galicia, en rolda da Muralla, 70, os documentos seguintes:

– Memoria xustificativa.

– Plano da masa.

– Listaxe das parcelas catastrais afectadas.

– Informe favorable do Servizo de Montes.

Este trámite requirirá a solicitude dunha cita previa a través do teléfono 982 29 45 32.

Aquelas persoas interesadas poden solicitar a información do expediente no enderezo do correo electrónico do Servizo de Montes de Lugo: montes.lugo@xunta.gal

Así mesmo, durante o período de exposición, as persoas titulares das parcelas catastrais afectadas, individual ou colectivamente, poderán presentar as alegacións que consideren oportunas. Para iso poderán utilizar o formulario do anexo IV do Decreto 167/2019 e achegar a seguinte documentación:

a) Listaxe das parcelas catastrais incluídas na masa que son propiedade das persoas que alegan.

b) A xustificación da propiedade mediante a documentación acreditativa da titularidade, reflectida nos asentamentos do correspondente Rexistro da Propiedade e, na súa falta, no catastro e, se for o caso, a acreditativa de situacións posesorias por calquera medio de proba válido en dereito ou, na falta destes, mediante declaración responsable que acredite a lexitimación para iniciar o procedemento de acordo co establecido no artigo 6.1 do decreto.

c) Se é o caso, a acreditación mediante declaración responsable da condición de representante e dos poderes que ten recoñecidos para poder actuar en nome do solicitante.

d) No caso de pluralidade de persoas alegantes, a listaxe completa da persoa ou das persoas alegantes segundo o modelo específico dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

e) Calquera outra documentación que consideren pertinente achegar.

Este anuncio será, igualmente, obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Medio Rural (www.mediorural.xunta.gal).

Este anuncio estará á disposición das persoas que o soliciten na sede electrónica.

Lugo, 9 de novembro de 2022

Mª Olga Iglesias Fontal
Xefa territorial de Lugo