Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Luns, 28 de novembro de 2022 Páx. 61319

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 23 de novembro de 2022 pola que amplía o gasto máximo autorizado da Orde do 3 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e se convocan para o ano 2022, en réxime de concorrencia competitiva, axudas para accións formativas, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente do sector pesqueiro (código de procedemento PE610A).

O artigo 3.4 da Orde de 3 de agosto de 2022 establece que «Os importes consignados na convocatoria, así como as aplicacións ás cales se imputen, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, agás indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto, respectando o disposto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia».

Dado que existen dispoñibilidades de crédito derivadas de remanentes na aplicación 15.03.422K.770.0, código de proxecto 201600289, destinadas a financiar as presentes axudas, considérase axeitado ampliar o importe do crédito inicial para a realización de proxectos e accións formativas destinadas á formación profesional, adquisición de novas competencias profesionais e formación permanente do sector pesqueiro, para acadar así un uso máis eficiente dos fondos públicos e un maior grao de execución orzamentaria.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación de crédito

1. Amplíase o crédito máximo destinado a financiar as axudas para accións formativas, financiadas polo FEMP, que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente do sector pesqueiro, con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.422K.770.0, código de proxecto 201600289, na anualidade 2023 da convocatoria 2022, nun importe de 119.000,00 €.

2. O novo importe total máximo, sumando o importe inicial xa publicado e a presente ampliación, é o detallado no seguinte cadro:

Aplicación orzamentaria

Código de proxecto

Anualidade 2022

Anualidade 2023

Total

15.03.422K.770.0

201600289

218.400,00 €

501.500,00 €

719.900,00 €

15.03.422K.780.0

201600289

38.600,00 €

67.500,00 €

106.100,00 €

Disposición derradeira única

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2022

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar