Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Luns, 28 de novembro de 2022 Páx. 61273

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 22 de novembro de 2022 pola que se publica o Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO. e UGT para o establecemento do complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

O Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO. e UGT para o establecemento do complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral da Xunta de Galicia contou co voto a favor das organizacións sindicais CC.OO. e UGT na Comisión Superior de Persoal do 28 de outubro de 2022, sinatura que tivo lugar coas organizacións sindicais o 22 de novembro de 2022.

Por proposta desta consellería, o acordo foi expresa e formalmente aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 3 de novembro de 2022, polo que procede, neste momento, a súa publicación.

De conformidade co que antecede,

DISPOÑO:

Artigo único

Publícase, para xeral coñecemento e efectividade, o Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO. e UGT para o establecemento do complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral da Xunta de Galicia, asinado con data do 22 de novembro de 2022, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día 3 de novembro de 2022, negociado na Mesa Xeral de Empregados Públicos e aprobado na Comisión Superior de Persoal da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2022

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

ANEXO

En primeiro lugar, cómpre realizar unha breve referencia á situación anterior ao presente acordo: a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, mediante a modificación operada pola Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, estableceu a existencia dun sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa, complementario ao grao persoal, namentres non se desenvolva o sistema de carreira profesional previsto no artigo 77 da dita lei, que queda configurado como unha retribución adicional ao complemento de destino.

Posteriormente, mediante a Orde da Consellería de Facenda do 15 de xaneiro de 2019 publicouse o Acordo de concertación do emprego público de Galicia, cuxa sección segunda se denomínase «Sistema de carreira profesional». Esta denominación puido levar a confusión, ben que realmente este acordo pretendía posibilitar a implantación do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa previsto na devandita disposición transitoria e non no artigo 77 do mesmo texto legal.

En desenvolvemento do devandito acordo, publicouse a Orde da Consellería de Facenda do 28 de marzo de 2019 polo que se publica o acordo para a implantación do réxime extraordinario de acceso ao grao I do sistema de carreira profesional do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do persoal laboral fixo do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia. De novo, cómpre facer constar que erroneamente se emprega a terminoloxía de carreira profesional, cando realmente se está a desenvolver o sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa.

Posteriormente, distintos pronunciamentos xudiciais anulan parcialmente as ordes anteriormente indicadas.

O feito de incluír o persoal laboral fixo no dito réxime de carreira profesional baseábase en permitir percibir esas cantidades de levarse a cabo a súa funcionarización. Optouse por esta vía, en lugar de posibilitar solicitar a percepción logo da súa funcionarización.

Este novo acordo ten por finalidade establecer para o persoal laboral un complemento equivalente ao establecido para o persoal funcionario na disposición transitoria oitava da Lei 2/2015. Cómpre facer constar que dentro do persoal laboral existen as seguintes especialidades:

En primeiro lugar, está o persoal laboral fixo que cumpre os requisitos para a súa funcionarización. Trátase do persoal laboral fixo que superou un proceso selectivo dentro das datas que fixa o Estatuto básico do empregado público e que pertence a unha categoría profesional incluída no anexo do Decreto 165/2019, do 26 de decembro. Para este persoal establécese o requisito de comprometerse a participar e superar o vindeiro proceso de funcionarización a que sexa convocado. Este requisito responde á decisión desta Administración de conseguir que a maioría dos postos de traballo sexan desempeñados por persoal funcionario.

En segundo lugar, temos o persoal laboral fixo en virtude do Decreto 289/2001, do 15 de novembro, polo que se aproba o Regulamento para o desenvolvemento e aplicación do previsto na disposición transitoria décimo primeira da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia. Este persoal laboral non cumpre os requisitos para a súa funcionarización, como así confirmou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e, polo tanto, non pode ter a exixencia do dito compromiso.

En terceiro lugar, temos o persoal laboral indefinido non fixo que teña unha antigüidade anterior ao 1 de xullo de 1998 na prestación de servizos para a Xunta de Galicia, en virtude de sentenza xudicial que recoñeza a súa condición de persoal laboral indefinido, que ten os mesmos dereitos que o persoal laboral fixo, en aplicación da disposición transitoria décima, primeira parte, do Convenio colectivo da Xunta de Galicia. Este persoal, en aplicación da dita disposición, posúe os mesmos dereitos que o persoal laboral fixo, ben que tampouco cumpre os requisitos para a súa funcionarización, como sinalou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e, polo tanto, tampouco se lle pode exixir o requisito do compromiso da súa funcionarización.

En cuarto lugar, temos o persoal laboral fixo-descontinuo cunha actividade inferior aos nove meses ao ano. A este persoal tampouco se lle pode exixir o requisito do compromiso da súa funcionarización, dado que o propio Decreto 165/2019 o exclúe dela.

En quinto lugar, temos o persoal laboral fixo que pertence a unha categoría non incluída no anexo do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, polo que tampouco é susceptible de funcionarizarse. Por este motivo, a este persoal tampouco se lle pode exixir o requisito do compromiso da funcionarización.

En sexto lugar, temos o persoal laboral temporal. Este persoal non cumpre os requisitos para a súa funcionarización, tal e como establece o Estatuto básico do empregado público e a Lei 2/2015. Por este motivo, tampouco se lle pode exixir o compromiso da súa funcionarización.

Finalmente, débese indicar que aquel persoal pertencente a algún ente instrumental da Administración da Xunta de Galicia pasará a estar incluído no ámbito de aplicación do presente acordo no momento en que se produza a súa integración como persoal laboral da Xunta de Galicia, ao abeiro do Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable a persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción.

Polos motivos expostos, acórdase implantar o complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral da Xunta de Galicia coa finalidade de establecer un complemento equivalente ao complemento establecido para o persoal funcionario pola disposición transitoria oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril.

O complemento de desempeño para o persoal laboral da Xunta de Galicia establecerase de acordo coas seguintes bases:

Sección 1ª. Disposicións xerais

Primeiro. Ámbito subxectivo

O complemento de desempeño para o persoal laboral da Xunta de Galicia será de aplicación ao seguinte persoal:

a) Persoal laboral fixo da Xunta de Galicia que cumpre os requisitos para a súa funcionarización, de conformidade co establecido na disposición transitoria segunda da Lei 2/2015, do 29 de abril, e do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, que non se encontre proposto para adquirir a condición de persoal funcionario de carreira por non ter rematado o seu proceso de funcionarización.

b) Persoal laboral fixo en virtude do Decreto 289/2001, do 15 de novembro, polo que se aproba o Regulamento para o desenvolvemento e aplicación do previsto na disposición transitoria décimo primeira da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

c) Persoal laboral fixo que pertence a unha categoría non incluída no anexo do Decreto 165/2019, do 26 de decembro. Estas categorías relaciónanse no anexo III deste acordo. Inclúese o persoal que, estando a súa categoría incluída no citado anexo do decreto e tras superar o proceso de funcionarización, non pode adquirir a condición de persoal funcionario de carreira por carecer dalgún dos requisitos exixidos pola normativa aplicable.

d) Persoal laboral indefinido non fixo ao cal lle sexa de aplicación a disposición transitoria décima, primeira parte, do Convenio colectivo da Xunta de Galicia, por ter os mesmos dereitos que o persoal laboral fixo, en aplicación da dita disposición.

e) Persoal laboral fixo-descontinuo cunha actividade inferior aos nove meses ao ano.

f) Persoal laboral temporal non incluído nas letras anteriores.

Sección 2ª. Sistema de recoñecemento do complemento de desempeño do posto

Segundo. Sistema de recoñecemento do complemento de desempeño do posto

O complemento de desempeño do posto iniciarase cun grao inicial e terá catro graos máis, aos cales se accederá cunha determinada permanencia no grao anterior sempre que se cumpran os requisitos establecidos e se teña unha avaliación favorable. O complemento de desempeño está vinculado ao grupo a que pertence o persoal.

Será requisito para o recoñecemento do grao superior do complemento de desempeño a permanencia do persoal laboral no correspondente grupo profesional do seguinte período de tempo mínimo para cada grao:

– Para o acceso ao grao I: cinco anos desde a adquisición do grao inicial.

– Para o acceso ao grao II: seis anos desde a adquisición do grao I.

– Para o acceso ao grao III: seis anos desde a adquisición do grao II.

– Para o acceso ao grao IV: sete anos desde a adquisición do grao III.

Para os efectos de completar o período de permanencia, computarase o tempo transcorrido na situación de servizo activo ou en calquera outra situación administrativa que supoña reserva de praza.

Considerarase permanencia cando a persoa laboral estea en situación de excedencia para o coidado de fillos/as menores de tres anos, por coidado de familiares e por razón de violencia de xénero, reguladas no artigo 24 do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

O desempeño de funcións de superior categoría en ningún caso consolidará as cantidades nin o grao superior do complemento de desempeño.

Aquel persoal laboral que, estando incluído no ámbito de aplicación subxectivo, teña recoñecido o grao I do complemento de carreira profesional ao abeiro da Orde do 28 de marzo de 2019 considerarase que equivale ao grao I do complemento de desempeño.

Terceiro. Retribución do complemento de desempeño

O grao inicial non terá retribución.

Os graos I a IV recoñecidos aboaranse mediante un complemento retributivo.

Este complemento de carácter fixo será adicional aos conceptos retributivos actualmente existentes na estrutura salarial do persoal laboral.

Este complemento percibirase, en todo caso, na situación de servizo activo no correspondente corpo e durante o desempeño de postos ou cargos no ámbito da Administración ou en entes instrumentais integrantes do sector público autonómico.

As contías anuais que se perciban por este complemento devindicaranse en 12 mensualidades e serán as seguintes (por cada grao):

Grupo I

2.589,12 €

Grupo II

1.812,00 €

Grupo III

1.168,56 €

Grupo IV

991,80 €

Grupo V

801,48 €

Estas contías serán actualizadas anualmente coa porcentaxe de incremento que establezan as sucesivas leis de orzamentos para a retribución do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.

En caso de que o persoal laboral acceda a un grupo o subgrupo superior a través dos procedementos establecidos de promoción interna, o período correspondente do grao anterior computarase como período de permanencia para os efectos de acceso ao grao que corresponda. Esta promoción interna non afectará o grao de carreira xa recoñecido. Queda excluído do disposto neste punto o desempeño de funcións de superior categoría.

Se o acceso se produce nun grupo diferente, manterá o dereito a percibir o complemento de desempeño correspondente ao grao ou graos recoñecidos no grupo anterior e comezará a progresión no complemento de desempeño no novo grupo dándose por recoñecido o grao inicial, o que non leva retribución, no novo grupo.

No suposto de que se teñan recoñecidos graos retribuídos en diversos grupos, percibirase o complemento de desempeño correspondente a todos os graos recoñecidos, ata o límite de catro graos. Cando o persoal laboral teña recoñecidos máis de catro graos, percibirá o complemento de desempeño correspondente aos catro graos de maior contía.

Cuarto. Consolidación do recoñecemento extraordinario do grao I do sistema de carreira profesional convocado no ano 2019

Todo persoal que teña recoñecido o grao I da carreira profesional convocado no ano 2019 ou o teña adquirido por recoñecemento administrativo e/ou sentenza xudicial firme individualizada manterá este complemento.

Quinto. Sistema extraordinario de acceso ao grao I

1. No segundo semestre de 2022 tramitarase a convocatoria extraordinaria de acceso ao grao I do complemento de desempeño para aquel persoal laboral que, estando incluído no ámbito subxectivo deste acordo, acredite cinco anos de antigüidade nesta Administración en 31 de decembro de 2021 e que non teña recoñecido o grao I ao abeiro da Orde do 28 de marzo de 2019.

2. Poderá participar o persoal laboral que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar en situación de servizo activo (ou en calquera outra situación administrativa que supoña reserva de praza).

b) Ter a condición de persoal laboral nesta Administración e coa antigüidade anteriormente indicada en 31 de decembro de 2021. O grao que se recoñecerá será o correspondente ao grupo de pertenza na dita data.

c) Cumprir algún dos criterios de avaliación establecidos no anexo I para o grao I en 31 de decembro de 2021.

3. En función das dispoñibilidades orzamentarias, o pagamento deste complemento de desempeño correspondente ao grao I recoñecido producirase de maneira progresiva en tres anualidades, con efectos económicos do 1 de xaneiro de cada ano, coa distribución que se indica a seguir:

– En 2022 o 60 %.

– En 2023 o 80 %.

– En 2024 o 100 %.

4. Non obstante, para o persoal integrado como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia procedente do extinto Cixtec ao abeiro da Orde do 8 de xullo de 2022 (DOG núm. 132, do 12 de xullo), e que asine o compromiso de funcionarización, en cumprimento do acordado con este persoal, os prazos son os seguintes:

– Con efectos do 1.1.2020: o 33 %.

– Con efectos do 1.1.2021: o 66 %.

– Con efectos do 1.1.2022: o 100 %.

Sexto. Sistema extraordinario de acceso ao grao II

1. No segundo semestre do ano 2022, tramitarase a convocatoria extraordinaria de acceso ao grao II do complemento de desempeño para aquel persoal laboral que, estando incluído no ámbito de aplicación deste acordo, acredite once anos de antigüidade nesta Administración en 31 de decembro de 2021 e teña recoñecido o grao I ao abeiro da Orde do 28 de marzo de 2019.

2. Poderá participar o persoal laboral que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar en situación de servizo activo (ou en calquera outra situación administrativa que supoña reserva de praza).

b) Ter a condición de persoal laboral nesta Administración e coa antigüidade anteriormente indicada en 31 de decembro de 2021. O grao que se recoñecerá será o correspondente ao grupo ou subgrupo de pertenza na dita data.

c) Cumprir algún dos criterios de avaliación establecidos no anexo II para o grao II en 31 de decembro de 2021.

3. En función das dispoñibilidades orzamentarias, o pagamento deste complemento de desempeño correspondente ao grao I recoñecido producirase de maneira progresiva en tres anualidades, con efectos económicos do 1 de xaneiro de cada ano, coa distribución que se indica a seguir:

– En 2022 o 60 %.

– En 2023 o 80 %.

– En 2024 o 100 %.

Sétimo. Sistema extraordinario de acceso ao grao III

No segundo semestre do ano 2024, a Dirección Xeral da Función Pública publicará a convocatoria para que aqueles/as que teñan recoñecido o grao II, e cunha antigüidade de 17 anos nesta administración, poidan solicitar o encadramento no grao III. O dito grao será recoñecido con efectividade do 1 de xaneiro de 2025, segundo sexa o caso, a aqueles que cumpran os requisitos establecidos.

Sección 3ª. Disposicións derradeiras

Oitavo. Dispoñibilidade orzamentaria

Coa finalidade de garantir a suficiencia e a sostibilidade orzamentaria, no suposto de que mediante circunstancias non previstas no presente acordo resulte ampliado o seu ámbito subxectivo, de xeito que se incremente o custo da implantación do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa, poderán modificarse as anualidades e/ou as porcentaxes de pagamento previstas nos ordinais quinto e sexto.

Da dita decisión darase conta á Comisión de Seguimento recollida no punto seguinte.

Noveno. Convocatoria de procesos de funcionarización

Aquel persoal laboral fixo que non superou o proceso de funcionarización, ou que renunciou voluntariamente a el ou que non se presentou na primeira convocatoria realizada, poderá optar a participar nun novo proceso de funcionarización, que se convocará no prazo de 6 meses desde a sinatura deste acordo.

Neste caso, o persoal incluído nestes supostos poderán solicitar o recoñecemento do grao I do complemento de desempeño, sempre que asinen o compromiso para participar e superar o correspondente proceso de funcionarización.

Queda excluído desta epígrafe o persoal a que se refire a letra c) do ordinal primeiro deste acordo.

Décimo. Recoñecemento con efectos administrativos

Realizaranse recoñecementos da progresión na carreira administrativa soamente con efectos administrativos nos supostos e condicións que se determinen na correspondente convocatoria de recoñecemento extraordinario dos graos I e II.

Décimo primeiro. Comisión de Seguimento

Constitúese unha Comisión de Seguimento coas funcións de vixilancia, interpretación e control, así como as que se sinalan no presente acordo, que estará composta por un membro de cada unha das organizacións sindicais asinantes ou adheridas a este, e un número igual de persoas por parte da Administración. Presidirá a persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública ou persoa en quen esta delegue e será secretario/a un/unha funcionario/a público/a con rango de subdirector/a xeral ou xefe/a de servizo, que actuará con voz pero sen voto.

Décimo segundo. Prazo especial para o persoal que obteña o dereito a participar no grao I ao abeiro da convocatoria do ano 2019

Sen prexuízo do establecido nos ordinais quinto e sexto deste acordo, estenderase de oficio por parte da administración a referida consolidación do recoñecemento extraordinario do grao I do sistema de carreira profesional convocado no ano 2019 a todas aquelas persoas que, mediante sentenza xudicial individualizada, obteñan o dereito a ter participado na convocatoria de acceso ao grao I nas mesmas condicións do persoal funcionario de carreira e, como consecuencia, obteñan o recoñecemento do grao I. Este recoñecemento do grao I considerarase como o grao I do complemento de desempeño.

Neste suposto, o persoal afectado poderá solicitar o recoñecemento do grao II do complemento de desempeño no prazo dun mes desde a firmeza da sentenza.

ANEXO I

1. Para este réxime extraordinario de acceso ao grao I do complemento de desempeño do persoal laboral establécense os seguintes criterios de avaliación, dos que soamente será necesario acreditar un para este recoñecemento:

a) Formación.

– Recibida: asistencia e, de ser o caso, superación de cursos convocados. organizados ou impartidos pola Escola Galega de Administración Pública, pola Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas), pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), pola Academia Galega de Seguridade Pública, polas escolas oficiais de formación do Estado e das restantes comunidades autónomas, cursos impartidos polo Servizo Público de Emprego Estatal, cursos no marco dos acordos de formación para o emprego das administracións públicas; cursos impartidos polas organizacións sindicais sempre que estivesen homologados pola EGAP e cursos impartidos por algunha consellería da Xunta de Galicia ou por algún ministerio da Administración xeral do Estado ou por universidades, entes locais (concellos, deputacións provinciais). A suma de todos os cursos debe consistir nun mínimo de 4 créditos/40 horas. Para estes efectos, tamén serán considerados os cursos de lingua galega (iniciación, perfeccionamento, medio ou superior de linguaxe administrativa galega ou o ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas) homologados polo órgano competente en materia de política lingüística, sempre que sexan dun nivel superior ao requirido para o desempeño do posto de traballo no correspondente corpo, escala ou categoría profesional.

Para estes efectos, os cursos impartidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística considéranse como impartidos por unha consellería da Xunta de Galicia.

Non se valorará a asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares nin as materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica. Tampouco se valoran módulos separados dun determinado curso.

– Impartida: para os/as empregados/as públicos/as que impartisen os cursos anteditos: 10 horas.

b) Realización de todos os cursos de doutoramento (sistema anterior ao Real decreto 185/1985) ou do programa de doutoramento ata o nivel de suficiencia investigadora segundo os reais decretos 185/1985 e 778/1998, ou pola obtención do diploma de estudos avanzados (DEA)/título de doutor/máster universitario oficial, máster universitario-título propio, experto universitario, especialista universitario.

c) Publicación de traballos científicos e de investigación relacionados coa Administración pública.

d) Dous anos en situación de excedencia por coidado de fillos e familiares ou nunha situación en que o/a empregado/a público/a, estando exento/a de desempeñar as funcións inherentes ao seu nomeamento, desenvolva actividades ou funcións de interese xeral ou público ou de carácter representativo: programas de cooperación internacional, membro do Goberno ou órganos de goberno das comunidades autónomas, membro das institucións da Unión Europea ou das organizacións internacionais, cargos electivos de representación política, postos ou cargos directivos en organismos ou entidades instrumentais do sector público, dispensas para a realización de funcións sindicais, participación nos órganos constitucionais ou órganos estatutarios das comunidades autónomas e, en xeral, calquera outra situación similar ás anteriores.

e) Nomeamento e participación na totalidade do proceso como membro dalgún tribunal cualificador de procesos selectivos ou de provisión de postos.

f) Ser beneficiario/a do premio de empregados/as públicos/as innovadores/as convocado pola Axencia Galega de Innovación.

ANEXO II

1. Para este réxime extraordinario de acceso ao grao II do complemento de desempeño do persoal laboral establécense os seguintes criterios de avaliación, dos cales soamente será necesario acreditar un para este recoñecemento:

a) Formación.

– Recibida: asistencia e, de ser o caso, superación de cursos convocados, organizados ou impartidos pola Escola Galega de Administración Pública, pola Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas), pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), pola Academia Galega de Seguridade Pública, polas escolas oficiais de formación do Estado e das restantes comunidades autónomas, cursos impartidos polo Servizo Público de Emprego Estatal, cursos no marco dos acordos de formación para o emprego das administracións públicas; cursos impartidos polas organizacións sindicais sempre que fosen homologados pola EGAP e cursos impartidos por algunha consellería da Xunta de Galicia, ou por algún ministerio da Administración xeral do Estado ou por universidades, entes locais (concellos, deputacións provinciais). A suma de todos os cursos debe consistir nun mínimo de 8 créditos/80 horas.

Non se valorará a asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares nin as materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica. Tampouco se valoran módulos separados dun determinado curso.

– Impartida: para os/as empregados/as públicos/as que impartisen os cursos anteditos: 20 horas.

b) Realización de todos os cursos de doutoramento (sistema anterior ao Real decreto 185/1985) ou do programa de doutoramento ata o nivel de suficiencia investigadora segundo os reais decretos 185/1985 e 778/1998, ou pola obtención do diploma de estudos avanzados (DEA)/título de doutor/máster universitario oficial, máster universitario-título propio, experto universitario, especialista universitario.

c) Publicación de traballos científicos e de investigación relacionados coa Administración pública.

d) Dous anos en situación de excedencia por coidado de fillos e familiares ou nunha situación en que o/a empregado/a público/a, estando exento/a de desempeñar as funcións inherentes ao seu nomeamento, desenvolva actividades ou funcións de interese xeral ou público ou de carácter representativo: programas de cooperación internacional, membro do Goberno ou órganos de goberno das comunidades autónomas, membro das institucións da Unión Europea ou das organizacións internacionais, cargos electivos de representación política, postos ou cargos directivos en organismos ou entidades instrumentais do sector público, dispensas para a realización de funcións sindicais, participación nos órganos constitucionais ou órganos estatutarios das comunidades autónomas e, en xeral, calquera outra situación similar ás anteriores.

e) Nomeamento e participación na totalidade de dous procesos como membro dalgún tribunal cualificador de procesos selectivos ou de provisión de postos.

f) Ser beneficiario/a do premio de empregados/as públicos/as innovadores/as convocado pola Axencia Galega de Innovación.

ANEXO III

1. Relación de categorías profesionais non susceptibles de funcionarizar.

Grupo II:

• II-03. Estimulador/a. Psicomotricista.

• II-04.Mestre/a instrutor/a. Instrutor/a. Mestre/a taller da C. de Educación. Monitor/a de actividades docentes. Monitor/a (titulado/a medio/a).

• II-05. Profesor/a. Profesor/a titular. Profesor/a EXB. Mestre/a. Profesor/a de educación física. Profesor/a de matemáticas.

• II-09. Axudante/a de desenvolvemento rural.

• II-22. Monitor/a de capacitación agraria.

• II-33. Profesor/a de danza clásica.

• II-33bis. Fotógrafo/a artístico/a.

• II-35. Pianista.

• II-38. Perito/a xudicial diplomado/a.

• II-42. Xestor/a de documentación.

Grupo III:

• III-03. Controlador/a pecuario/a. Axudante/a técnico/a pecuario/a.

• III-12. Mestre/a de taller.

• III-15. Experto/a en exposicións.

• III-18. Marcador/a de metais preciosos.

• III-20. Mestre/a industrial.

• III-22. Encargado/a de sección de Enerxía da Consellería de Industria.

• III-24. Encargado/a de rede estatística.

• III-25. Capataz coordinador/a de pesca.

• III-28. Mecánico/a naval de 1ª.

• III-32. Encargado/a de reprografía.

• III-34. Especialista de oficios (debuxante).

• III-36. Experto/a audiovisuais.

• III-37. Técnico/a de son.

• III-39. Rexedor/a de escena.

• III-43. Encargado/a de estrutura escénica. Encargado/a de taller de escenografía. Técnico/a de máquinas IGAEM.

• III-45. Técnico/a de luces.

• III-51. Perito/a xudicial. BVP.

• III-52. Tradutor/a. Intérprete da Adm. de xustiza.

• III-54. Técnico/a especialista en radioloxía.

• III-54 bis. Hixienista dental.

• III-55. Patrón de embarcación.

• III-66. Axudante/a de taller.

• III-71. Oficial/a 1ª xardineiro/a.

• III-74. Oficiala de primeira albanel.

• III-76. Oficial/a primeira electricista.

• III-88. Capataz explotacións marisqueiras.

• III-92. Capataz forestal.

• III-94. Técnico/a en imaxe e son.

• III-95. Práctico/a de topografía.

• III-97. Auxiliar de son.

• III-98. Auxiliar de luces.

• III-101. Proxeccionista.

• III-102. Encadernador/a.

• III-103. Entrevistador/Enquisador.

• III-105. Mestre/a en música tradicional.

Grupo IV:

• IV-02. Auxiliar mecánico/a. Oficial/a 2ª mecánico/a. Mecánico/a reparación de obras.

• IV-07. Garda xuramentado/a fluvial. Garda explotación.

• IV-20. Conserxe.

• IV-21. Oficial/a 2ª carpinteiro/a, auxiliar carpintaría.

• IV-23. Mestre/a gaiteiro.

• IV-24. Xastre/a.

• IV-25. Cargador/a tremoísta.

• IV-29. Mariñeiro/a.

• IV-31. Legoeiro/a.

• IV-34. Axudante/a restauración produción cinematográfica.

• IV-37. Oficial/a 2ª mecánico/a de defensa contra incendios forestais.

• IV-39. Auxiliar de autopsia.

• IV-41. Oficial/a de defensa contra incendios.

Grupo V:

• V-10 D. Socorrista.