Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Luns, 28 de novembro de 2022 Páx. 61323

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2022 pola que se convoca, para o ano 2022, o procedemento para a selección, en réxime de concorrencia competitiva, das persoas participantes no Programa da aceleradora cultural de proxectos musicais ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) número 2021/241 (código de procedemento CT402H).

O Consello Europeo aprobou o 21 de xullo de 2020 a creación do programa NextGenerationEU, como instrumento de estímulo económico en resposta á crise causada polo coronavirus.

O 10 de novembro de 2020, o Parlamento Europeo e o Consello acadaron o acordo sobre o paquete de medidas que inclúe os fondos de NextGenerationEU e o Marco financeiro plurianual 2021-2027, e creouse o Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia, como instrumento de apoio aos Estados membros a través de transferencias directas e préstamos para incrementar os investimentos públicos e acometer reformas para paliar os devastadores danos producidos pola COVID-19.

O Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, sinala que os Estados membros elaborarán plans de recuperación e resiliencia nacionais para acollerse a este e acadar os obxectivos establecidos, e serán presentados formalmente polos Estados como moi tarde o 30 de abril.

A Resolución do 29 de abril de 2021, da Subsecretaría do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, dá publicidade ao Acordo do Consello de Ministros, do 27 de abril de 2021, polo que se aproba o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, que define as estratexias que se seguirán no desenvolvemento dos fondos europeos de recuperación. As medidas que recolle o Plan cumpren cos seis alicerces establecidos polo Regulamento da UE, e articúlanse ao redor de catro eixes principais (a transición ecolóxica, a transformación dixital, a cohesión social e territorial e a igualdade de xénero). Estes catro eixes de traballo desenvólvense a través de dez políticas panca, que integran, pola súa vez, 30 compoñentes ou liñas de acción, para contribuír a acadar os obxectivos xerais do Plan.

O compoñente 24, Revalorización da industria cultural, recolle reformas e investimentos orientadas a fortalecer a cadea de valor das industrias culturais españolas promovendo tres eixes estratéxicos: a competitividade, a dinamización e cohesión do territorio, e a dixitalización e sustentabilidade dos grandes servizos culturais. Dentro deste atópanse diversos proxectos dos que participarán as comunidades autónomas, entre os que está o C.24.I1.P1.2, Apoio a aceleradoras culturais.

O Pleno da Conferencia Sectorial de Cultura, na súa reunión do 7 de abril de 2022, aprobou a distribución territorial dos créditos correspondentes aos proxectos do compoñente 24, Revalorización da industria cultural, do Plan de recuperación que serán xestionados polas comunidades autónomas e cidades de Ceuta e Melilla nos exercicios 2022 e 2023, nos termos autorizados polo Consello de Ministros na súa reunión do 5 de abril de 2022.

En cumprimento da regulamentación antes descrita todos os proxectos de investimento deben de respectar o «principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente» (principio DNSH, Do no significant harm) e as condicións da etiquetaxe climática e dixital. Iso inclúe o cumprimento das condicións específicas asignadas previstas nos compoñentes 24 e 25, así como nos investimentos nos que se enmarcan os devanditos proxectos, tanto no referido ao principio DNSH, como á etiquetaxe climática e dixital.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, ten a responsabilidade de promocionar e fomentar a cultura galega, tendo na Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) o ente instrumental en que centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas.

A Axencia Galega das Industrias Culturais, creada pola Lei 4/2008, do 23 de maio, concíbese, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5, como unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego.

O obxectivo da Axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singulares.

A Agadic pretende fomentar a industrialización dos produtos culturais na sociedade galega, para o que dirixe a súa actividade principalmente ás empresas culturais privadas dedicadas á produción, distribución e comercialización dos produtos culturais.

Neste contexto, a Agadic proponse, como unha das súas finalidades, ensanchar a base das industrias culturais e creativas en Galicia, apostando pola profesionalización de todos os axentes, particularmente naqueles segmentos e subsectores culturais onde existe un maior número de persoas que non ten unha dedicación en exclusiva.

Por esta razón, a Agadic está a desenvolver diferentes programas de impulso no ámbito das industrias culturais e creativas co obxectivo de situar Galicia como un referente na xeración de bens e servizos culturais con alto valor innovador, que permita incrementar a súa competitividade a nivel global, posibilitando un crecemento das empresas galegas de toda a cadea de valor do ámbito cultural.

Neste sentido, a Axencia Galega das Industrias Culturais, no marco do compoñente 24, Revalorización da industria cultural, do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, ten previsto desenvolver un programa de aceleración para industrias culturais e creativas no ámbito da música.

A Agadic iniciou o proceso de selección dunha entidade colaboradora para levar a cabo o programa de aceleración cultural no ámbito musical e agora é necesario realizar a selección das persoas, físicas ou xurídicas, que participarán neste programa de aceleración, no convencemento da necesidade de que hai unha base moi ampla de intérpretes que necesitan do apoio institucional para poder desenvolver unha carreira profesional competitiva e sólida.

Polo exposto, en virtude as atribucións e competencias,

RESOLVO:

Primeiro. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras do ano 2022, que se inclúen como anexo I, para a selección, en réxime de concorrencia competitiva, das persoas e entidades participantes no Programa da aceleradora cultural de proxectos musicais ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) nº 2021/241 e convocalas para o ano 2022 (código de procedemento CT402H).

2. A participación no Programa da aceleradora cultural de proxectos musicais terá a consideración de axuda en especie, tal e como se describe na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As actuacións recollidas nesta liña de acción financiaranse ao 100 % con fondos do Plan de transformación e resiliencia, no marco do compoñente 24, Revalorización da industria cultural, C24.I1.P1, Competitividade e profesionalización das ICC, actuación 2, Apoio a aceleradoras culturais, sen que este financiamento supere o 80 % do custo total da actividade, tal e como exixe o Regulamento xeral de exención de categorías (Regulamento (UE) nº 651/2014).

Segundo. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias as persoas profesionais rexistradas no réxime especial de traballadores autónomos e as microempresas, así como as persoas físicas, maiores de idade, co compromiso de constituírense en empresas ou autónomos no momento de adquiriren a condición de beneficiario, sempre que, de ser o caso, cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter a condición de empresa de nova creación ou que, non sendo de nova creación, non transcorresen máis de cinco anos desde a data de inscrición no Rexistro Mercantil. Esta actividade empresarial debe desenvolverse de forma habitual e maioritariamente en Galicia.

b) Que conte cunha sucursal ou oficina permanente na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea.

c) Estar dentro da definición de microempresa segundo o anexo I do Regulamento (UE)nº 651/2014 da Comisión Europea.

d) Estar dada de alta nas epígrafes do IAE 032 (intérpretes de instrumentos musicais) ou 033 (actividades relacionadas coa música, cantantes) ou comprometerse a darse de alta nestas epígrafes ao constituírse como empresa.

e) Que estea ao día nas súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. Tamén deberá cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiaria da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

2. De acordo co artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, nesta convocatoria poderán ser beneficiarias as empresas que non se atopaban en crise no momento da presentación da solicitude, circunstancia que será comprobada pola Agadic.

3. A presente convocatoria non será aplicable ás empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

Terceiro. Financiamento, contías e intensidade

1. Estas actuacións financiaranse con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Galega das Industrias Culturais asignados para tal finalidade nos orzamentos do ente para os anos 2022 e 2023 na aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0 (código de proxecto 2022 00001), coa distribución na táboa que segue:

Importe

Anualidade

10.000 euros

2022

169.328 euros

2023

2. As actuacións subvencionables con cargo a estas axudas estarán financiadas no 100 % polos fondos NextGenerationEU e o Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea, a través dos créditos orzamentarios da Axencia Galega das Industrias Culturais do ano 2022 e 2023, polo que deberán cumprirse as obrigas específicas e demais disposicións que se establecen respecto diso nestas bases reguladoras.

3. A achega financeira da Axencia Galega das Industrias Culturais será do 80 % do custo total da actividade, porcentaxe máxima permitida en aplicación do Regulamento xeral de exención de categorías (Regulamento (UE) nº 651/2014).

Cuarto. Solicitudes

1. Para poder ser persoa beneficiaria das axudas, que comporta participar no Programa da aceleradora cultural de proxectos musicais deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá xunto cos documentos que se especifican no artigo 10 das bases reguladoras.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo de duración do procedemento de concesión de axudas non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes que se presenten a esta convocatoria serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

Sexto. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais, http://agadic.gal

b) Os teléfonos 881 99 60 77/881 99 60 78.

c) No enderezo electrónico agadic@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

Sétimo. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Oitavo. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do citado artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2022

Román Rodríguez González
Presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais

ANEXO I

Bases reguladoras do ano 2022 para a selección das persoas participantes
no Programa da aceleradora cultural de proxectos musicais ao abeiro dos
fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) nº 2021/241 (código de procedemento CT402H)

Artigo 1. Obxecto

1. Estas bases teñen por obxecto aprobar as condicións polas cales se rexerá a selección, por parte da Agadic, das persoas físicas e/ou xurídicas para participar no Programa da aceleradora cultural de proxectos musicais, coa finalidade de incentivar e estimular a profesionalización empresarial do sector musical e impulsar a carreira de artistas emerxentes.

2. O obxectivo principal da aceleradora cultural de proxectos musicais é iniciar un proceso de vertebración sectorial, poñendo á disposición das persoas seleccionadas ferramentas que lles permitan desenvolver a súa carreira co fin de:

– Acelerar o crecemento do tecido empresarial e profesional das industrias culturais no ámbito musical.

– Definir e analizar as prioridades e necesidades dos proxectos musicais emprendedores.

– Formar, titorizar e mentorizar artistas emerxentes con proxectos musicais.

– Fomentar e consolidar a carreira profesional de artistas emerxentes co fin de acadar unha presenza notoria nos mercados nacionais e internacionais.

– Favorecer as sinerxías entre diferentes artistas, coa industria musical e con outros sectores da economía.

– Mellorar o acceso ao mercado e ao financiamento dos proxectos musicais.

– Garantir o cumprimento e respecto ao principio de DNSH (Do no significant harm).

3. A participación no Programa da aceleradora cultural de proxectos culturais ten a consideración de axuda en especie establecida na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Réxime das subvencións

1. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e consonte os seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias desta convocatoria as persoas profesionais rexistradas no réxime especial de traballadores autónomos e as microempresas, así como persoas físicas, maiores de idade, co compromiso de constituírse en empresas ou autónomos e cumprir cos requisitos establecidos neste artigo ao recibir a axuda, cuxa actividade empresarial acreditada no mundo da música sexa inferior a cinco anos e se desenvolva de forma habitual en Galicia.

Ademais, de ser o caso, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter unha oficina permanente, ou sucursal, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

b) Estar dentro da definición de micreoempresas segundo o anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión.

c) Que realicen o seu traballo maioritariamente na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Que estean dadas de alta nas epígrafes 032 ou 033 do IAE.

e) Que estean ao día nas súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

2. De acordo co artigo 2, apartado 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, nesta convocatoria poderán ser beneficiarias as empresas que non se atopaban en crise no momento da presentación da solicitude, circunstancia que será comprobada pola Agadic.

3. A presente convocatoria non será aplicable ás empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

Artigo 4. Financiamento, concorrencia e límites

1. A concesión destas axudas, que terán a modalidade de axuda en especie, financiarase cun crédito total de 179.328 euros, imputables á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0, código de proxecto 2022 0001, dos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais para as anualidades 2022 e 2023, e que se corresponde co 80 % do custo total do programa.

2. A distribución orzamentaria será a seguinte:

Categoría

Aplicación

Código do proxecto

Anualidade 2022

Anualidade 2023

Persoas físicas e xurídicas

10.A1.432B.770.1

2022 00001

10.000 €

169.328 €

3. Será de aplicación a normativa comunitaria en materia de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, de conformidade co disposto non artigo 53 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108.

En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, ingresos ou recursos doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais supere a intensidade da normativa comunitaria.

4. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse á Agadic tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que a entidade colaboradora presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, requirirase ao solicitante unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

5. Poderán ampliarse os créditos dedicados a esta convocatoria logo da declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda, o que permitirá atender novas solicitudes, de acordo coa orde de prelación de solicitudes establecida no artigo 1.3.

6. No caso de existiren solicitudes que non acadan o dereito á subvención por esgotarse o orzamento dispoñible, estas pasarán a integrar unha lista de espera formada polas entidades solicitantes que poderán ser susceptibles de recibir a axuda se se produce un incremento de crédito, ben por dispoñer de crédito, por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta liña de axudas.

7. Estas axudas están financiadas ao 100 % polos fondos NextGenerationEU a través do Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia establecido polo Regulamento (UE) nº 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un Instrumento de recuperación da Unión Europea para apoio da recuperación tras a crise da COVID-19, e regulado segundo o Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. O dito financiamento queda legalmente vinculado á realización das actuacións subvencionadas, medidas integradas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España, no marco do compoñente 24, Revalorización da industria cultural, CP24.I1.P1, Competitividade e profesionalización das ICC, actuación 2, Apoio a aceleradoras culturais.

8. A achega da Axencia Galega das Industrias Culturais será do 80 % do custo total da actividade.

Artigo 5. Entidade colaboradora

A realización do Programa da aceleradora cultural de proxectos musicais farase en colaboración coa entidade colaboradora seleccionada ao abeiro da Resolución pola que se convoca, para o ano 2022, o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para xestión e organización das actividades que conforman o Programa da aceleradora cultural de proxectos musicais (código de procedemento CT402G).

A Agadic compensará economicamente a entidade colaboradora, efectuando os pagamentos das anualidades previstos na Resolución reguladora da súa selección, logo de xustificación dos traballos realizados, sen prexuízo dos pagamentos á conta que poida obter e que respondan ao ritmo de execución dos traballos realizados.

Artigo 6. Actividade subvencionable

1. Esta convocatoria ten por finalidade subvencionar a participación das persoas beneficiarias nas actividades do Programa da aceleradora cultural de proxectos musicais. O número máximo de persoas beneficiarias será de doce e un mínimo de catro. De non acadarse este número non se poñerá en marcha o programa.

2. O Programa da aceleradora cultural de proxectos musicais consta de dúas fases:

a) Fase I. Fase de aceleración. A actividade subvencionable consiste nunha etapa de consultoría individualizada e/ou grupal adaptada ás persoas beneficiarias e proxectos. Esta fase contén diferentes actividades de consultoría e mentorización ao redor da proposta artística, produción, promoción e comercialización e modelo de negocio, que se impartirán tanto en forma presencial como telemática.

Esta fase finaliza coa creación dun produto musical e a elaboración dun plan de lanzamento de produto.

b) Fase II. Fase de promoción e mercados. Nesta fase, as persoas beneficiarias participarán en circuítos de concertos, festivais e espazos profesionais da industria musical tanto a nivel galego como nacional, cun mínimo de 2 accións por proxecto e nun evento final de presentación dos proxectos.

Na táboa seguinte resúmense as accións do polo de aceleración e a súa estimación de custo:

Aceleradora cultural de proxectos musicais

Fase I. Aceleración

Concepto de gasto

Nº de proxectos

Horas/accións

Custo unitario

Total

Consultoría individual e grupal

12

6 horas

140 €

10.080 €

Consultoría de produción

12

20 horas

170 €

40.800 €

Creación e gravación de produto musical

12

24 horas

170 €

48.960 €

Deseño do plan de negocio

12

24 horas

140 €

40.320 €

Subtotal fase I

140.160 €

Fase II. Promoción e mercados

Concepto de gasto

Nº de proxectos

Horas/accións

Custo unitario

Total

Participación en circuítos, festivais e eventos

12

24 accións

2.000 €

48.000 €

Evento final de presentación de proxectos

12

1 evento

30.000 €

30.000 €

Campaña de difusión do programa

6.000 €

Subtotal fase II

84.000 €

Total aceleración cultural proxectos musicais

224.160 €

Artigo 7. Consideración de subvención en especie

As persoas beneficiarias desta convocatoria recibirán unha subvención en especie cun valor equivalente a 18.680 euros, que é o valor estimado resultado da súa participación nas diferentes actividades que conforman o Programa de aceleración cultural de proxectos musicais.

Artigo 8. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de maneira presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Nas solicitudes, as persoas interesadas deberán realizar as seguintes declaracións responsables recollidas no anexo II:

2.1. Declaración responsable de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

2.2 Declaración responsable de que os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos, e que acepta as condicións e obrigas recollidas para cada liña de axudas nesta convocatoria.

2.3. Declaración responsable de que non está incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2.4. Declaración responsable de que non está incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.5. Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

2.6. Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal solicita a participación.

2.7. Declaración responsable de que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

2.8. Declaración responsable de que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación.

2.9. Declaración responsable de ser microempresa.

2.10. Declaración responsable de que a persoa solicitante é a titular lexítima de todos os dereitos de propiedade intelectual da obra e/ou proxecto musical que se presenta ou, se é o caso, que conta coa autorización correspondente para todos os efectos.

2.11. Declaración responsable de que a obra que se presenta é orixinal (non é copia nin adaptación doutra), que non infrinxe dereito de terceiros, nin sobre ela existe dereito de publicación por parte de ningunha entidade.

2.12. Declaración responsable, en caso de intérpretes, de que posúe a autorización dos titulares da obra, para a comunicación pública desta mediante actuación musical, reprodución, comunicación e distribución pública.

2.13. Declaración responsable en que se acredite o número total de integrantes do proxecto musical, que non superará o número de 8.

Artigo 9. Prazo para presentar as solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reunen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, despois de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. Deberá achegarse xunto coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación complementaria:

– Documentación administrativa:

1.1. Certificado do acordo social da solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine e nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no Rexistro Mercantil ou no que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

1.4. Alta no réxime xeral de autónomos se a persoa solicitante é persoa física.

– Documentación específica:

1.5. Memoria técnica do proxecto (anexo III). Esta memoria deberá seguir o guión establecido no anexo III e reflectir, de forma clara e concisa, as intencións do proxecto en canto á liña de traballo xeral, definición da estratexia e previsións de negocio e outros aspectos que se terán en conta nos criterios de valoración establecidos nestas bases (máximo 10 páxinas en letra Arial 11).

1.6. Historial creativo e profesional do solicitante, que permita coñecer a liña de traballo que está a desenvolver (máximo 2.000 caracteres).

1.7. Datos identificativos do proxecto que conteña unha ficha descritiva do proxecto musical (máximo 2.000 caracteres), unha maqueta orixinal e a folla de promoción ou dossier promocional.

1.8. Cuestionario informativo do proxecto musical (anexo IV).

1.9. Cuestionario-declaración do cumprimento do principio de non causar un prexuízo significativo aos obxectivos ambientais (anexo V).

1.10. Calquera outra documentación que a persoa solicitante xulgue conveniente para a mellor defensa do proxecto.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración.

Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas, agás que as persoas interesadas se opoñan á consulta.

– DNI/NIE da persoa solicitante.

– NIF da entidade solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas coa Comunidade Autónoma.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 15. Procedemento de concesión das subvencións: instrución e competencia para a avaliación das solicitudes

1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1.1. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

1.2. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

1.3. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria ás persoas interesadas, a persoas profesionais e expertas na materia, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

En todo caso, a Dirección da Agadic poderá requirir os solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

3. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das axudas concedidas para os fins programados, e levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases.

Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención.

Artigo 16. Comisión de Valoración

1. Para a avaliación das solicitudes presentadas constituirase unha Comisión de Valoración, cuxos membros serán nomeados polo director da Agadic, e será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes, de acordo cos criterios fixados na base seguinte, así como de emitir o informe ante o órgano instrutor para determinar a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A Comisión de Valoración estará formada polas seguintes persoas: dous profesionais de recoñecido prestixio nos ámbitos do sector musical, dos cales un exercerá como presidente, e un profesional pertencente ao cadro de persoal da Agadic de entre os grupos I, II e III, en calidade de vogal. Actuará como secretaria ou secretario, unha persoa do cadro de persoal da Agadic.

3. A condición de vogal da Comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso. Os membros da Comisión declararán por escrito non ter relación coas entidades solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria.

4. A Comisión puntuará cada un dos criterios e para cada unha das solicitudes, de forma motivada, e realizará un informe en que constará a puntuación acadada por cada solicitude, establecendo unha orde de prelación decrecente.

Previamente á súa cualificación concretará cada un dos criterios subxectivos para aplicalos de forma homoxénea e a dita concreción será incorporada na acta levantada polo secretaria/o. Unha vez examinados os proxectos, a Comisión emitirá informe motivado das puntuacións de cada unha das solicitudes.

Artigo 17. Criterios de valoración

A puntuación total é de 70 puntos, repartidos segundo consta na táboa que segue:

Criterios automáticos

50 puntos

1) Antigüidade da entidade solicitante

5

a) Menos de tres anos

5

b) De 3 a 5 anos

3

2) Número de concertos realizados profesionalmente pola persoa solicitante nos últimos 3 anos

10

a) Entre 1 e 2

2

b) De 3 a 4

5

c) Máis de 5

10

3) Cancións rexistradas no Rexistro da Propiedade Intelectual do Ministerio de Cultura e Deporte ou noutra entidade de xestión (SGAE, AIE…)

10

a) Como autor/a e intérprete

10

b) Como autor

7

c) Como intérprete

7

4) Outros criterios de valoración

15

Recepción de premio/s da música

3

Dispón dun plan de negocio

3

Dispón dunha folla de promoción do proxecto

3

Dispón de repertorio de música tradicional galega

3

Participación en programas formativos de emprendemento musical

3

5) Criterios de sustentabilidade (a puntuación nestes criterios terá a consideración de acumulativa)

10

a) Criterios sociais:

– Persoas con discapacidade

– Persoas mozas menores de 25 anos

– Mulleres

2

2

2

b) Priorización do emprego:

– Persoas desempregadas de longa duración (>1 ano)

– Persoas desempregadas

2

1

c) Priorización do desenvolvemento sustentable:

– Proxecto con política ou ideas de negocio con propostas sustentables

1

Para as solicitudes de proxectos con máis dun integrante, os criterios de sustentabilidade referentes a criterios sociais e priorización do emprego valoraranse cando polo menos o 20 % dos seus integrantes cumpre calquera dos ditos requisitos.

Criterios técnicos

20 puntos

1) Adecuación do proxecto ás finalidades e obxectivos establecidos nestas bases, en que se valorará positivamente a complementariedade das actuacións que forman parte do proxecto

7

2) Potencial de crecemento do proxecto no sector musical. Valorarase a capacidade do proxecto de xerar sinerxías con outros axentes sectoriais

7

3) Viabilidade e sustentabilidade do proxecto no tempo, valorándose a capacidade de dedicación e involucración, así como a coherencia entre os medios dispoñibles e os obxectivos establecidos no proxecto

6

Para poder ser seleccionado terase que acadar unha puntuación mínima de 12 puntos nos criterios automáticos e de 10 puntos nos criterios técnicos.

Artigo 18. Audiencia

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada que deberá serlles notificada aos interesados para que, nun prazo de 10 días, poidan formular alegacións de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 19. Resolución e notificación

1. Concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor, á vista do expediente, elevará a proposta de resolución definitiva á Presidencia da Agadic para ditar a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada.

2. O presidente do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012, DOG núm. 164) deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución.

3. A resolución expresará, cando menos:

a) A relación de entidades beneficiarias da axuda.

b) O equivalente económico da axuda en especie que percibe cada persoa beneficiaria, que será equitativa para todas elas, e a desagregación do devandito importe por anualidades.

c) A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes.

4. En todo caso, deberá notificarse a cada beneficiario un documento no cal deberá figurar, como mínimo, a identificación do beneficiario, a axuda en especie que supón e as obrigas que lle correspondan, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operacións que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DACI).

Recibida esta notificación, a persoa solicitante deberá aceptar a súa condición de beneficiario no prazo máximo de 10 días e, de ser o caso, darse de alta como autónomo ou empresa nas epígrafes sinaladas no artigo 3.1.d). De non facelo entenderase desistido da súa solicitude, sen que proceda ningún requirimento.

5. No expediente da subvención tamén se fará constar o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.

6. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao de finalización do prazo para a presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no devandito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

7. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Con todo, a notificación individual de concesión da axuda poderase acompañar tamén coa publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://agadic.xunta.gal, con indicación da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da axuda outorgada.

Artigo 20. Modificación da resolución

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e na forma que se determinen nas resolucións de concesión, debendo obter a autorización previa da Axencia Galega das Industrias Culturais para realizar calquera cambio.

2. Cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión polo órgano concedente.

3. Tamén se poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario se se cumpren os seguintes requisitos:

a) Que a modificación sexa autorizada expresamente polo órgano concedente.

b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que fosen determinantes para a concesión da axuda, a determinación do beneficiario, nin dane dereitos de terceiros.

c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non puideron preverse no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de concorreren na concesión inicial, non poderían supoñer a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. A solicitude de modificación debe ser formulada polo representante legal da entidade beneficiaria, expresando os motivos dos cambios que se propoñen e xustificando a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

Salvo naqueles supostos en que proceda a aplicación do establecido no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non se admitirán cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación.

5. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa e notificárselle ao interesado.

Artigo 21. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada norma.

Artigo 22. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais. O prazo para interpoñer o recurso de reposición será dun mes, se o acto for expreso, desde o día seguinte a aquel en que se produciu o acto presunto. Transcorrido o citado prazo, unicamente se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 23. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, as persoas beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigadas a:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención e a acreditala ante o órgano concedente, así como ao cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión, e no documento no cal se establecen as condicións da axuda.

b) Xustificar ante a Axencia Galega das Industrias Culturais, de acordo co previsto nestas bases e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e desfrute da subvención.

c) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto de casos previstos na Lei 9/2007.

d) Subministrar á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

e) Cumprir coa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento destas bases reguladoras.

f) Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión, así como ás comprobacións da Comisión Europea, a Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF), do Tribunal de Contas da Unión Europea, e aos controis derivados do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia, que se realicen a través de autoridades nacionais ou europeas, facilitando canta información e documentación lles sexa requirida.

g) Comunicar á Axencia Galega das Industrias Culturais a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

h) Desenvolver as actividades financiadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Solicitarlle á Axencia Galega das Industrias Culturais autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actuacións aprobadas que estean suxeitas a autorización previa. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento subvencionable supoñerá a non admisión das cantidades desviadas.

j) Dar publicidade ás axudas recibidas nos contratos de servizos, así como en calquera outro convenio ou contrato relacionado coa execución da actuación, incluída a subcontratación, e en axudas, publicacións, conferencias, equipos, material inventariable e actividades de difusión de resultados financiadas con elas, mencionando expresamente a súa orixe e o financiamento con fondos NextGeneration da Unión Europea. Ademais, deberán publicar a concesión da axuda na páxina web e mantela actualizada. Na páxina web deberán figurar, como mínimo, os obxectivos que se perseguen. Concretamente, na documentación, carteis, propaganda ou publicacións que se elaboren para a súa difusión pública deberá figurar o logotipo da Xunta de Galicia e financiado con cargo aos Fondos da UE e o Plan de recuperación e resiliencia. Así mesmo, deberá informarse de que foi apoiado pola Xunta de Galicia.

As instrucións detalladas relativas ás obrigas de publicidade están á disposición na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais (hrrp://www.agadic.gal), na súa epígrafe de axudas.

k) Conservar a documentación xustificativa desde a operación realizada. Este período é de tres anos se o financiamento é dun importe igual ou inferior a 60.000 euros, de conformidade co establecido no artigo 22.2.f) do Regulamento (UE) nº 2021/241.

2. Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos europeos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, as persoas beneficiarias adquiren igualmente as obrigas que se relacionan a seguir de conformidade co establecido na normativa comunitaria e nacional aplicable como consecuencia deste financiamento:

a) As persoas beneficiarias terán a obriga de achegar a información que permita ao órgano concedente medir a contribución da actividade subvencionada ao correspondente indicador.

b) As persoas beneficiarias deberán establecer mecanismos que aseguren que as actuacións que desenvolvan terceiros (subcontratacións) contribúen ao logro das actuacións previstas e que os ditos terceiros acheguen a información que, se é o caso, sexa necesaria para determinar o valor dos indicadores de seguimento do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

c) Solicitarán, para efectos de auditoría e control do uso dos fondos e en formato electrónico, as categorías harmonizadas de datos previstas no artigo 22.2.d) do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro.

d) As persoas beneficiarias deben cumprir coas obrigas en materia de información, comunicación e publicidade recollidas no artigo 34 do Regulamento (UE) nº 2021/241, relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia, sobre o financiamento da Unión Europea das medidas incluídas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia. En particular, nas medidas de información e comunicación das actuacións (carteis informativos, placas, publicacións impresas e electrónicas, material audiovisual, páxinas web, anuncios e insercións en prensa, certificados, etc.), deberanse incluír os seguintes logos:

• O emblema da Unión Europea.

•Xunto co emblema da Unión, incluirase o texto Financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

• Usaranse tamén os seguintes logos: teranse en conta as normas gráficas do emblema da Unión e as cores normalizadas establecidas no anexo II do Regulamento de execución 821/2014. Tamén se pode consultar a seguinte páxina web: http://publications.europa.eu/code/es/es-5000100.htm e descargar distintos exemplos do emblema en: https://europa.eu/european-union/about-eu/symbols/flag_es#download. Todos os carteis informativos e placas deberán colocarse nun lugar ben visible e de acceso ao público.

e) As persoas beneficiarias deberán gardar a rastrexabilidade de cada un dos investimentos e actuacións realizados, así como a correspondente documentación acreditativa destas, durante tres anos contados desde o último pagamento, de conformidade co artigo 132 do Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre normas financeiras aplicables ao orzamento da Unión, ao ser a contía máxima da axuda inferior a 60.000 euros. Someteranse ás medidas de control e auditoría recollidas no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e no Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión. En particular, deberán autorizar a Comisión, a OLAF, o Tribunal de Contas Europeo e, cando cumpra, a Fiscalía Europea a exerceren os dereitos que lles recoñece o artigo 129, número 1, do referido Regulamento financeiro.

f) As medidas cofinanciadas mediante os fondos europeos do Mecanismo de recuperación e resiliencia deberán respectar o principio de «non causar un prexuízo significativo» no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852.

g) As persoas beneficiarias deberán asegurar a regularidade do gasto subxacente e a adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude e a corrupción, previr o conflito de intereses e o dobre financiamento.

h) As persoas beneficiarias serán responsables da fiabilidade e o seguimento da execución das actuacións subvencionadas, de maneira que poida coñecerse en todo momento o nivel de consecución de cada actuación e dos fitos e obxectivos que se estableceron respecto diso.

i) As persoas beneficiarias deberán asumir calquera outra obriga comunitaria e nacional que resulte de aplicación por razón do financiamento do Mecanismo de recuperación e resiliencia.

Artigo 24. Xustificación da execución

1. O prazo para presentar a documentación xustificativa da participación do programa finalizará o 1 de novembro de 2023.

2. A documentación xustificativa que se deberá presentar electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, ademais dos formularios establecidos para o efecto, de ser o caso, é a seguinte:

a) Memoria do resultado da participación da entidade beneficiaria nas actividades do programa de aceleración.

b) Enquisa de satisfacción.

c) Declaración responsable de participar en cada actividade do programa.

3. A entidade seleccionada como entidade colaboradora ratificará a documentación xustificativa das entidades participantes.

Artigo 25. Perda do dereito á axuda e reintegro

1. É causa de perda da axuda en especie no suposto de falta de xustificación da execución das actividades que conforman o programa de desenvolvemento do polo de aceleración, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a reintegrar total ou parcialmente a contía da axuda en especie percibida, así como os intereses de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito da axuda en especie e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

3. O incumprimento dos fins para os cales se concedeu a axuda en especie, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do proxecto ou das obrigas contidas nestas bases, será causa de perda do dereito ou de reintegro da axuda.

4. O alcance do incumprimento determinarase en proporción ao nivel de execución dos obxectivos e actividades concretas do programa que non se realizan ou se realizan de maneira insuficiente.

5. Consideraranse especialmente os seguintes casos de incumprimento:

a) Non comunicar á Axencia Galega das Industrias Culturais a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.

b) Non comunicar á Axencia Galega das Industrias Culturais a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

c) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 11.d) destas bases.

Nestes casos procederá o reintegro parcial establecendo un factor de corrección do 2 % sobre o valor da axuda en especie.

Artigo 26. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 27. Fiscalización e control

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Axencia Galega das Industrias Culturais, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento aos beneficiarios as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade da procedencia dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, propoñerase o reintegro da subvención.

3. Así mesmo, no caso de axudas plurianuais, a Axencia Galega das Industrias Culturais poderá convocar anualmente ás persoas beneficiarias a unha entrevista para coñecer a planificación das actividades en curso e valorar a consecución dos obxectivos e resultados do ano anterior.

4. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión dos fondos de recuperación e resiliencia, e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 28. Normativa aplicable

1. Será de aplicación, entre outra, a seguinte normativa:

1.1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e supletoriamente a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións.

1.2. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

1.3. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

1.4. Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

1.5. Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e apoio económico de Galicia.

1.6. Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas.

2. As axudas obxecto desta convocatoria réxense polas normas comunitarias aplicables por razón do financiamento pola Unión Europea e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición destas. En particular, seralles de aplicación a seguinte normativa:

2.1. Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

2.2. Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

2.3. Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

2.4. Lei 47/2003, do 26 de novembro, xeral orzamentaria.

2.5. Resolución do 29 de abril de 2021, da Subsecretaría, pola que se publica o Acordo do Consello de Ministros, do 27 de abril de 2021, polo que aproba o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

2.6. Disposición adicional primeira da Lei 11/2020, do 30 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para 2021.

2.7. Artigo 148 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

2.8. Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

2.9. Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que proporcionarán as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Artigo 29. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 30. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os citados feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-y-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director da Axencia Galega das Industrias Culturais para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file