Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Martes, 29 de novembro de 2022 Páx. 61576

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 25 de outubro de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no termo municipal de Santa Comba (expediente IN407A 2022/196-1).

Expediente: IN407A 2022/196-1.

Solicitante: Industrial Barcalesa, S.L.

Denominación: LMT, CT e LBT A Pallota.

Termo municipal: Santa Comba.

Feitos:

Primeiro. O 14.6.2022, Industrial Barcalesa, S.L. solicitou a esta xefatura territorial o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación do proxecto de execución da LMT, CT e LBT A Pallota, coa finalidade de reforzar e garantir a subministración de enerxía eléctrica aos clientes dos lugares de San Martiño, Fontecada, Gandarela, A Pallota e A Choupana, todos eles no termo municipal de Santa Comba, e proxéctase para tal fin a construción dun novo centro de transformación (CT) de 160 kVA de potencia, dunha liña de media tensión subterránea que o conectará coa liña de distribución de media tensión LP Babión-Catro Ventos (expediente IN407A 2020/63-1) e o enlace coa rede de baixa tensión IBA004-S1, existente na zona IBA004-S1.

Segundo. A promotora achega xunto coa antedita solicitude o proxecto de execución, que inclúe a memoria, os planos e o orzamento, conforme establece o artigo 123 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que comprende os seguintes documentos:

– Proxecto de execución da LMT, CT e LBT A Pallota, subscrito o 13.6.2022 por Xosé López Seoane, enxeñeiro industrial (con núm. de colexiado 2745 do COII de Galicia), con visado núm. 20221717 do 14.6.2022, do citado órgano colexial.

Terceiro. Xúntase ao antedito proxecto unha declaración responsable asinada o 14.6.2022 polo técnico proxectista, mediante a que manifesta o cumprimento de toda a normativa que lle é de aplicación nos termos establecidos no punto 1.b) do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro), e na Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Consellería de Economía e Industria, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (DOG núm. 54, do 19 de marzo de 2014).

Cuarto. A solicitude de Industrial Barcalesa, S.L. inclúe unha relación concreta e individualizada dos bens e/ou dereitos que o solicitante considera de necesaria expropiación segundo o establecido no artigo 55 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Quinto. A solicitude de Industrial Barcalesa, S.L. someteuse ao trámite de información pública por Acordo do 1.7.2022 desta xefatura territorial, que foi publicado nos seguintes medios:

• DOG núm. 158, do 22.8.2022.

• BOP núm. 144, do 1.8.2022.

• Taboleiro de anuncios do Concello de Santa Comba, segundo o certificado municipal do 20.9.2022.

Sexto. De acordo co establecido no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse ás distintas administracións, organismos, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas que emitisen informe ou, de ser o caso, establecesen as condicións técnicas que considerasen pertinente sobre a proposta técnica recollida no proxecto de referencia obxecto da solicitude feita por Industrial Barcalesa, S.L., para o cal lles foi remitida unha separata do dito proxecto que contén as características da instalación e a documentación cartográfica na parte que a instalación puider afectar bens e dereitos ao seu cargo. Industrial Barcalesa, S.L. presentou separatas para os seguintes organismos: Concello de Santa Comba, Augas de Galicia, AXI e o Servizo de Patrimonio Cultural (Xefatura Territorial da Coruña).

Sétimo. Con data do 21.10.2022 os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe sobre a solicitude feita por Industrial Barcalesa, S.L.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo).

2. A lexislación de aplicación a este expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica (BOE núm. 175, do 24 de xuño).

– Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Consellería de Economía e Industria, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (DOG núm. 54, do 19 de marzo de 2014).

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 á 09 (BOE núm. 68, do 18 de marzo).

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 á 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

3. As características máis significativas das instalacións recollidas no proxecto da LMT, CT e LBT A Pallota, obxecto da solicitude de outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción, son:

• LMTS a 20 kV, de 1.014 metros de lonxitude, en condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3 (1×240 mm2 Al), con orixe na cela de liña existente do CT Fontecada-Gandarela (expediente IN407A 2018/122-1) pertencente á arquitectura da LP Babión-Catro Ventos (expediente IN407A 2020/63-1) e remate no CTC proxectado.

• Novo CT A Pallota, prefabricado de formigón, compacto de manobra exterior, de 160 kVA de potencia e relación de transformación 20.000/400-230 V, cunha configuración de celas 1L+1P, dotado de equipamento de telemando e telexestión e cadro de baixa tensión con catro (4) saídas.

• Localización: lugar da Pallota, termo municipal de Santa Comba.

4. Non consta no expediente que durante o trámite de información pública fosen presentadas alegacións en oposición á solicitude de outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción para o proxecto da LMT, CT e LBT A Pallota feita por Industrial Barcalesa, S.L.

5. Non consta no expediente que o Concello de Santa Comba, Augas de Galicia e o Servizo de Patrimonio Cultural (Xefatura Territorial da Coruña) emitisen os informes que lles foron solicitados, de tal xeito que, de acordo co establecido nos puntos 3 e 4 do artigo 3 do Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, enténdese a conformidade da Administración local e dos ditos organismos coas especificacións técnicas propostas no proxecto de execución.

6. Industrial Barcalesa, S.L. manifestou a súa conformidade coas condicións emitido pola AXI.

7. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

Conceder a autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación recollida no proxecto da LMT, CT e LBT A Pallota de características anteriormente descritas, coas seguintes consideracións:

– A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados, e implicará a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

– Esta autorización outórgase sen prexuízo daquelas concesións e autorizacións que sexan necesarias de acordo con outras disposicións que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e o ambiente, tal e como se dispón no artigo 120.2 do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

– Esta autorización circunscríbese ás instalacións de tensión maior de 1 kV, de conformidade co artigo 111 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

– As instalacións executaranse no prazo dun ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

– Para a posta en funcionamento das instalacións, Industrial Barcalesa, S.L. solicitará expresamente a esta xefatura territorial a autorización de explotación delas xunto coa seguinte documentación:

a) As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

b) Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

c) Toda a documentación exixible segundo a ITC LAT-04 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e a ITC RAT-22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que os interesados poidan promover calquera outra acción que consideren pertinente para a defensa dos seus intereses.

Mediante este documento notifícaselle a Industrial Barcalesa, S.L. esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 25 de outubro de 2022

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña