Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Venres, 2 de decembro de 2022 Páx. 61985

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 203/2022, do 17 de novembro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Guntín do treito final da estrada LU-P-2405 desde o punto quilométrico 8+407 ao punto quilométrico 8+907.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos destas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra banda, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O día 7 de abril de 2022, o Concello de Guntín solicítalle á Deputación Provincial de Lugo a cesión dun treito da estrada provincial LU-P-2405 Guntín (N-540)-Entrambasaugas-San Román-As Pardellas (LU-231), entre o p.q. 8+407 e 8+907.

O Pleno da Deputación Provincial de Lugo, en sesión ordinaria levada a cabo o día 31 de maio de 2022, aprobou o cambio de titularidade solicitado polo Concello.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, indica que o treito final da estrada LU-P-2405 (8+407 a 8+907) cumpre co estipulado no punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios dos cales forme parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente, a través da rede de estradas da Administración cedente ou das redes de estradas de titularidade de Administracións de maior ámbito territorial. Polo tanto, formúlase a proposta favorable á transferencia de titularidade que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de novembro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Guntín do seguinte treito da estrada LU-P-2405:

Clave

Denominación

p.q.i

Coordenadas UTM29 (ETRS89)

p.q.f

Coordenadas UTM29 (ETRS89)

Lonx. (m)

LU-P-2405

Guntín (N-540)-Entrambasaguas-San Román-As Pardellas (LU-231)

8+407

X=603.552

Y=4.756.376

8+907

X=603.208

Y=4.756.517

500

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Guntín, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de novembro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade