Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Venres, 2 de decembro de 2022 Páx. 62117

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 7 de novembro de 2022, da Secretaría Xeral de Industria, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de outubro de 2022 polo que se declara de interese autonómico o proxecto do Campus I+D do Grupo Santos, que se implanta no termo municipal de Boqueixón (A Coruña).

En cumprimento do disposto no artigo 42.4 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, a Secretaría Xeral de Industria dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia da Coruña o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de outubro de 2022, polo que se declara de interese autonómico o proxecto do Campus I+D do Grupo Santos, cuxo texto íntegro se recolle como anexo a esta resolución.

Contra o devandito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2022

Paula Mª Uría Traba
Secretaria xeral de Industria

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de outubro de 2022 polo que se declara de interese autonómico o proxecto do Campus I+D do Grupo Santos

Feitos:

1. O 18.3.2022, a empresa Santos Equipamiento de Interiores, S.L. (en representación do Grupo Santos) presentou, perante a Secretaría Xeral Técnica desta consellería, a solicitude de declaración de interese autonómico do proxecto do Campus I+D do Grupo Santos, que se implanta no concello de Boqueixón (A Coruña), acompañada da proposta de actuación, de conformidade co exixido no artigo 41.2 da Lei 1/2001, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia. O 4.4.2022 deuse traslado desta solicitude á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (DXPERN), pola súa condición de órgano competente para a súa tramitación.

Da referida proposta de actuación, que desenvolve os diferentes aspectos exixidos no artigo 41.2 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, despréndese o seguinte:

• O Grupo Santos desempeña a súa actividade fundamentalmente no sector do deseño, desenvolvemento, fabricación e comercialización de mobles de cociña, e lidera, a día de hoxe, o sector en España. Este grupo articúlase fundamentalmente ao redor de dúas empresas principais: Santos Cocina y Baño, S.L., cuxa actividade fundamental é a fabricación; e Santos Equipamiento de Interiores, S.L., que ten por actividade principal o deseño, desenvolvemento, márketing e comunicación e distribución do produto. Nas instalacións que o grupo ten na contorna compostelá (Boqueixón, Teo e Santiago) realízanse todos os traballos de fabricación, deseño, desenvolvemento, comercialización e distribución de mobles aos máis de 261 puntos de venda repartidos en 25 países.

• Deseiro, no concello de Boqueixón, é o emprazamento elixido para o Campus I+D, en boa parte porque desde a súa fundación o Grupo Santos estivo ligado a este municipio, e ten na actualidade os seus principais centros de actividade e instalacións en dous núcleos deste concello (Camporrapado e Deseiro-A Susana). O emprazamento escolleuse na contorna das instalacións actuais de Santos Equipamiento de Interiores, S.L. en Deseiro-Boqueixón (dando así continuidade física á actividade da empresa), porque dispón de máis de 85.370 m2 de terreo da súa propiedade coas condicións idóneas para a implantación empresarial que se pretende: contiguo a zona empresarial e industrial (polígono desenvolvido e executado SAUI-1 e outro en desenvolvemento de carácter empresarial-industrial SAUI-2); terreo con características apropiadas que conta con servizos urbanísticos; e situación estratéxica (a 19 quilómetros do aeroporto de Lavacolla, a 800 m da N-525, a 7 quilómetros da AP-9 e a 500 m da estación de carga de Renfe da Susana).

• O planeamento vixente en Boqueixón tras a anulación do PXOM-2015, normas subsidiarias de planeamento 1996 (NSP-96), non permite o desenvolvemento da actuación proxectada (Campus I+D), xa que os terreos sobre os que se pretende a súa implantación están clasificados como solo rústico común ou solo de núcleo rural, urbanisticamente incompatibles co fin que se pretende.

• O obxectivo é crear un campus con instalacións onde os diferentes departamentos de deseño e desenvolvemento poidan xuntarse nunha contorna axeitada para o proceso creativo, co fin de innovar e desenvolver o produto. Os edificios proxectados estarán especialmente destinados a aqueles departamentos dentro da empresa que necesiten unha contorna serena e despexada para realizar o seu traballo. Os centros de fabricación sempre estarán separados, seguindo nas súas localizacións actuais ou en posibles novas instalacións nas áreas industriais (non é pois puramente industrial ou de fabricación o destino das instalacións que se pretenden, senón de implementación de espazos de creación e innovación e desenvolvemento de produto).

• O investimento previsto para o Campus I+D ascende a 26,5 millóns de euros (1,5 para a urbanización e 25 para edificacións), estímase crear un total de 815 empregos directos nos primeiros 7 anos e prevese a finalización do Campus nun prazo de 2 anos desde o remate dos trámites administrativos.

2. En canto ao procedemento de declaración de interese autonómico, no artigo 42.1 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, disponse que a consellería competente por razón da materia haberá de emitir informe sobre a procedencia da declaración solicitada no prazo de dous meses. A este respecto, o 8.4.2022, a DXPERN solicitou o referido informe ao Igape, pola súa condición de axencia adscrita a esta consellería para o desenvolvemento económico de Galicia. O 19.4.2022, o Igape remitiu o seu informe á DXPERN, emitido con data do 18.4.2022, no cal a respecto das características en que se fundamenta o interese autonómico, segundo o disposto nas epígrafes 1ª e 2ª da letra c) do artigo 41.2 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, conclúe o seguinte:

• Epígrafe 1ª: «Dadas as características da empresa e a actividade, o crecemento continuado e o destino dos investimentos previstos, as actividades do Grupo, que veñen impactando desde 1923, redundarán máis na riqueza da zona, alén do municipio de Boqueixón, como vén amosando o Grupo Santos desde a súa creación, tanto en termos de actividade económica, reforzando decididamente as capacidades de I+D+i, como de emprego, establecendo avances de longo percorrido que seguirán incrementando o impacto no ámbito supramunicipal circundante, e por ende, en toda Galicia. O impacto do proxecto que se formula, tanto de emprego como de incremento de actividade, repercute cando menos en toda a área de Santiago de Compostela».

• Epígrafe 2ª: «En liña e plena consonancia cos retos da especialización intelixente de Galicia (RIS3 2021-2027), Estratexia global de Galicia para o crecemento económico e o emprego sustentable e de calidade a través da innovación. A creación do Campus supón un avance cara a un novo modelo industrial, máis flexible e que usa o coñecemento para engadir valor aos procesos, contribuíndo a: diversificar a actividade nun sector tradicional industrial como o da madeira e potenciar a competitividade do sector industrial baixo o concepto de Fábrica do futuro e Eco-innovación».

3. En cumprimento do exixido no artigo 42.1 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, o 28.4.2022, a DXPERN solicitou informe á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU). O 7.7.2022, a DXOTU remitiu o seu informe á DXPERN, asinado con esa mesma data, no cal se conclúe o seguinte: «Analizada a documentación achegada, considérase que o obxecto do proxecto de interese autonómico do Campus I+D do Grupo Santos, situado no concello de Boqueixón, responde ás finalidades que para estes instrumentos de ordenación do territorio se sinalan na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, resultando coherente coas determinacións das directrices de ordenación do territorio de Galicia e outros instrumentos de ordenación do territorio concorrentes, polo que poderá continuarse a súa tramitación segundo o disposto no artigo 42 da citada lei».

4. En cumprimento do exixido no artigo 42.2 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, o 11.7.2022, a DXPERN deulle audiencia ao Concello de Boqueixón polo prazo de 2 meses. O 8.9.2022, o Concello de Boqueixón remitiu o seu informe á DXPERN, asinado con esa mesma data, no cal se conclúe o seguinte: «Á vista da documentación achegada, quen asina considera que non procede realizar observacións á tramitación da declaración de interese autonómico do proxecto de referencia. Sen prexuízo de que para a tramitación urbanística do proxecto de referencia deba xustificarse o cumprimento da normativa urbanística e sectorial que sexa de aplicación».

5. O 11.7.2022, a DXPERN requiriulle ao promotor a presentación do xustificante de pagamento da taxa administrativa correspondente á tramitación de proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal (código: 32.70.01; importe: 4.606,35 €), así como o poder de representación da persoa física representante. O 12.7.2022, o promotor presentou a documentación requirida.

6. O 4.10.2022, a DXPERN emitiu informe sobre a tramitación realizada, en que se sinala que procede facer a proposta ao Consello da Xunta de Galicia para a declaración de interese autonómico do referido proxecto, de conformidade co disposto no artigo 42.3 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no artigo 42.3 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

2. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites do procedemento de declaración de interese autonómico, regulado na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

3. Informe da DXPERN, con data do 4.10.2022, en que se sinala que procede facer a proposta ao Consello da Xunta de Galicia para a declaración de interese autonómico do referido proxecto, de conformidade co disposto no artigo 42.3 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro.

4. Coa entrada en vigor do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), a Secretaría Xeral de Industria pasa a ser o órgano instrutor do referido expediente, en substitución da DXPERN.

De acordo con todo o que antecede, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte

ACORDO:

1. Declarar de interese autonómico o proxecto do Campus I+D do Grupo Santos.

2. O órgano competente, por razón da materia, para a tramitación do expediente é a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, e esta consellería deberá cumprir co procedemento legal establecido.

3. As determinacións contidas no referido proxecto, unha vez aprobado definitivamente por este Consello, vincularán o planeamento do concello de Boqueixón, na provincia da Coruña, que terá que adaptarse a elas dentro dos prazos que para tal efecto se determinen.

Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.