Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Venres, 2 de decembro de 2022 Páx. 61958

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 23 de novembro de 2022 pola que se clasifica de interese deportivo a Fundación Denis Suárez.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Denis Suárez, con domicilio no lugar da Presa (Parderrubias), número 7A, Salceda de Caselas (Pontevedra),

Feitos:

1. O 3 de outubro de 2022 Denis Suárez Fernández, presidente do Padroado da Fundación, presentou a solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Denis Suárez constituína Denis Suárez Fernández mediante escritura pública outorgada o 21 de setembro de 2022, ante o notario de Vigo (Pontevedra) José María Rueda Pérez, co número de protocolo 2.598.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto: «a promoción da actividade deportiva no ámbito do fútbol principalmente en Galicia e, en particular, a promoción do deporte de base e da educación en xeral, co fin da formación permanente dunha canteira nas categorías biberón ata a xuvenil de fútbol que fomente o maior éxito posible na carreira deportiva dos xogadores».

4. O Padroado inicial da Fundación está formado por Denis Suárez Fernández, como presidente; Ramón Suárez Vaqueiro, como vicepresidente, e Miguel Ángel Capón Sánchez, como secretario.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese deportivo da Fundación Denis Suárez, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese deportivo e a súa adscrición á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 31 de outubro de 2022,

DISPOÑO:

Clasificar de interese deportivo a Fundación Denis Suárez e adscribila ao protectorado da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interporse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderase interpor no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2022

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes