Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Martes, 13 de decembro de 2022 Páx. 63176

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 2022 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Resolución do 29 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2022, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións para a realización de proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais, financiadas ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19 (códigos de procedemento MR502B, MR502D, MR502F e MR502G).

Mediante a Resolución do 29 de setembro de 2022 establécense as bases reguladoras e convócanse para o ano 2022, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións para a realización de proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.

O número 5 da convocatoria sinala que «O prazo máximo e improrrogable para presentar a xustificación das actividades subvencionadas finalizará o 15 de decembro de 2022 para a primeira anualidade, e o 30 de xuño de 2023 para a segunda. Así mesmo, logo de solicitude motivada da persoa beneficiaria e sempre que sexa autorizada polo órgano que ditou a resolución de concesión, as cantidades non xustificadas na anualidade 2022 poderanse computar e xustificar na anualidade 2023, sempre e cando non fosen susceptibles de perda de dereito ao seu cobramento».

Tendo en conta o longo proceso de avaliación e co fin de optimizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar este número 5 da convocatoria e ampliar o prazo de xustificación ata unha data que permita unha mellor xustificación da subvención por parte das persoas beneficiarias.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Axencia e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

O número 5 da referida convocatoria queda redactado nos seguintes termos:

«O prazo máximo e improrrogable para presentar a xustificación das actividades subvencionadas finalizará o 30 de decembro de 2022 para a primeira anualidade, e o 30 de xuño de 2023 para a segunda. Así mesmo, logo de solicitude motivada da persoa beneficiaria e sempre que sexa autorizada polo órgano que ditou a resolución de concesión, as cantidades non xustificadas na anualidade 2022 poderanse computar e xustificar na anualidade 2023, sempre e cando non fosen susceptibles de perda de dereito ao seu cobramento».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2022

Jacobo José Aboal Viñas
Director da Axencia Galega da Industria Forestal