Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Venres, 16 de decembro de 2022 Páx. 63668

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

DECRETO 209/2022, do 17 de novembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal laboral de entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022 co obxecto da posta en marcha e funcionamento de novos servizos públicos.

A Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, no seu artigo 12, dispón que a oferta de emprego público ou outro instrumento similar de xestión da provisión de necesidades de persoal, se adaptará aos límites e aos restantes requisitos que se establezan na normativa básica estatal.

A Lei 22/2021, do 28 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2022, no seu artigo 20 establece que durante o presente exercicio unicamente se procederá, no sector público autonómico, á incorporación de novo persoal con suxeición ás limitacións e requisitos establecidos nesa norma.

Nesta disposición normativa fíxanse diferentes taxas de reposición dependendo do ámbito da Administración, autonómico ou local, así como do colectivo onde se produza a vacante.

O artigo 20.un.6 da Lei 22/2021, do 28 de decembro, como novidade, sinala que non computarán para a taxa de reposición e, polo tanto, non se terán en conta para o seu cálculo:

«f) As prazas necesarias para a posta en marcha e funcionamento de novos servizos cuxo establecemento veña imposto en virtude dunha norma estatal, autonómica ou local.

g) Nos servizos públicos que pasen a ser prestados mediante xestión directa, o número de prazas que as empresas externas destinaban á prestación dese servizo concreto».

Por conseguinte, tendo en conta a asunción de novos servizos por esta Administración, cómpre aprobar unha oferta de emprego público que inclúa unha taxa adicional, incorporando prazas que respondan a necesidades estruturais e estean dotadas orzamentariamente.

A Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, no seu artigo 48 establece os criterios xerais en que debe enmarcarse a oferta de emprego público, sen prexuízo das especificidades que se poidan establecer nas convocatorias respectivas. Esta oferta concíbese como un instrumento de programación das necesidades de persoal e de racionalización do emprego público e dos procesos de selección do persoal ao servizo das administracións públicas, nos cales deben primar os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, así como o de publicidade.

Con respecto á reserva da cota para persoas con discapacidade, resérvase unha porcentaxe do 7 % das vacantes, que se distribuirá segundo se establece nos anexos de prazas obxecto desta oferta.

Conforme os artigos 13.2.g) e 14.2.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, corresponde ao Consello da Xunta a aprobación da oferta de emprego público por proposta da consellería competente en materia de función pública. Así mesmo, o artigo 12 da Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, exixe o informe favorable da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.

Neste marco e tendo en conta os motivos referidos, cómpre a aprobación da oferta de emprego público relativa a prazas de persoal laboral de entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022 co obxecto da posta en marcha e funcionamento de novos servizos públicos, en virtude dunha norma legal estatal, autonómica ou local, ou que pasen a ser prestados mediante xestión directa, e o establecemento dos criterios en que debe enmarcarse esta oferta, de conformidade co previsto no artigo 12 da Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, así como no artigo 20 da Lei 22/2021, do 28 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2022.

Na súa virtude, negociados os criterios xerais desta oferta de emprego público coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos, logo do informe da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos e da Comisión de Persoal, e de conformidade co establecido no artigo 13.2.g) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, por proposta do conselleiro de Facenda e Administración Pública, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dezasete de novembro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público

De conformidade co disposto no artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; no artigo 70 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro; no artigo 20 da Lei 22/2021, do 28 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2022, así como no artigo 12 da Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, apróbase a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal laboral de entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022 co obxecto da posta en marcha e funcionamento de novos servizos públicos, nos termos que se establecen neste decreto.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público

O anexo I recolle as prazas que se ofertan para cubrir as necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que deben proverse mediante a incorporación de persoal de novo ingreso.

Os procesos selectivos convocaranse polo sistemas de oposición ou concurso-oposición.

Artigo 3. Criterios xerais de aplicación nos procesos selectivos

1. De acordo co dito Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e coa Lei 2/2015, do 29 de abril, sinálanse os seguintes principios reitores para o acceso ao emprego público e a adquisición da relación de servizo:

A) Na selección do seu persoal, a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia garantirá, ademais dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, os principios de:

– Publicidade das convocatorias e das súas bases.

– Transparencia.

– Imparcialidade e profesionalidade dos membros dos órganos de selección.

– Independencia e discrecionalidade técnica na actuación dos órganos de selección.

– Adecuación entre o contido dos procesos selectivos e as funcións e tarefas que se van desenvolver.

– Axilidade, sen prexuízo da obxectividade, nos procesos de selección.

– A simplificación dos procesos selectivos

B) Os procesos selectivos terán carácter aberto e garantirán a libre concorrencia, sen prexuízo do establecido para a promoción interna e das medidas de discriminación positiva previstas neste decreto.

C) A composición dos tribunais de selección do persoal da Administración pública galega será paritaria para o conxunto da oferta pública de emprego, tanto se se trata de acceso ao emprego público como se se trata de promoción interna, de acordo co disposto no artigo 48 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, aprobado polo Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro.

Os órganos de selección aplicarán na súa actuación principios de austeridade e axilidade á hora de ordenar o desenvolvemento dos procesos selectivos, sen prexuízo do cumprimento dos principios de actuación de conformidade co establecido no Estatuto básico do empregado público.

D) Nas convocatorias dos procesos selectivos nas cales se estableza a realización de probas con respostas alternativas, faranse públicos os modelos de respostas, na páxina da Xunta de Galicia (www.xunta.es/funcion-publica).

E) O funcionamento e a actuación dos tribunais de selección axustaranse ás instrucións ditadas para o efecto polo órgano competente.

F) O desenvolvemento dos procesos selectivos terá que adecuarse ás recomendacións das autoridades sanitarias en períodos de emerxencia sanitaria.

Artigo 4. Promoción interna

As convocatorias dos procesos selectivos poderán recoller procesos de promoción interna de conformidade cos convenios colectivos que sexan de aplicación en cada unha das entidades instrumentais convocantes.

Artigo 5. Persoas con discapacidade

1. Nesta oferta de emprego resérvase unha porcentaxe do 7 % das prazas para ser cuberta por persoas que acrediten discapacidade, de conformidade co artigo 59 do Real decreto lexislativo 5/2015 e co artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, que prevén a reserva dunha cota non inferior ao sete por cento das vacantes ofertadas para seren cubertas por persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no número 2 do artigo 4 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade, así como a compatibilidade no desempeño das súas funcións.

2. A reserva do 7 % realizarase de maneira que, polo menos, o 2 % das prazas ofertadas sexa para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual e o resto das prazas ofertadas sexa para persoas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade.

3. As prazas reservadas para persoas con discapacidade xeral poderán convocarse conxuntamente coas prazas ordinarias ou mediante convocatorias independentes das dos procesos libres e garantirase, en todo caso, o carácter individual dos procesos. Para as prazas reservadas para persoas con discapacidade intelectual realizarase unha convocatoria independente.

4. Os sistemas de selección que se convoquen para persoas con discapacidade desenvolveranse de acordo co establecido no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade (BOE núm. 303, do 17 de decembro).

5. Nas probas selectivas, incluídos os cursos selectivos ou o período de prácticas, estableceranse as adaptacións e os axustes razoables necesarios de tempo e medios para a súa realización para as persoas con discapacidade que o soliciten, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade (BOE núm. 140, do 13 de xuño).

6. No suposto de que algún dos aspirantes con discapacidade que se presente pola cota de reserva supere os exercicios e non obteña praza na citada cota, sendo a súa puntuación superior á obtida polos outros aspirantes do sistema de acceso xeral, este será incluído pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.

7. As prazas reservadas para as persoas con discapacidade xeral que queden desertas nos procesos selectivos poderanse acumular á quenda xeral.

Disposición adicional primeira. Igualdade en relación coas condicións de emprego da Administración pública

As convocatorias adaptaranse ao disposto no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade en relación coas condicións de emprego da Administración pública.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento do decreto

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de función pública para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de novembro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

ANEXO I

Entidades públicas instrumentais (prazas de persoal laboral)

Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios.

Posto

Grupo-categoría profesional, segundo convenio fundacións sanitarias

Titulación requirida

Nº prazas

Enxeñeiro/a

Grupo 3. Titulado/a superior non sanitario

Titulación grao superior (universitaria).

Grao en Enxeñaría (Industrial, Electrónica ou Enxeñaría Biomédica).

1

Titulado/a superior experto/a en garantía de calidade

Grupo 3. Titulado/a superior non sanitario

Titulación grao superior (universitaria).

Grao en Farmacia, Medicina, Veterinaria, Química, Química e Tecnoloxías Farmacéuticas, Bioloxía e outras similares do ámbito das ciencias e ciencias da saúde.

1

Titulado/a superior experto/a en terapias celulares

Grupo 3. Titulado/a superior non sanitario

Titulación grao superior (universitaria).

Grao en Farmacia, Medicina, Veterinaria, Química, Química e Tecnoloxías Farmacéuticas, Bioloxía e outras similares do ámbito das ciencias e ciencias da saúde.

2

Técnico/a laboratorio terapias celulares

Grupo 7. Técnico FP superior non sanitario

Técnico FP superior ou equivalente.

Familia sanidade: Laboratorio Clínico e Biomédico.

Familia sanidade: Anatomía Patolóxica e Citodiagnose.

Familia química: Laboratorio de Análise e de Control de Calidade.

Familia química: Fabricación de Produtos Farmacéuticos, Biotecnolóxicos e Afíns.

2

Nº total de prazas

6

Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga).

Posto/grupo-categoría

Quenda de discapacidade

Libre

Nº prazas

Persoal laboral continuo

Técnico/a superior

2

9

11

Técnico/a medio

2

6

8

Oficial 2º administrativo

1

3

4

Total prazas laboral continuo

23

Persoal laboral descontinuo

Enxeñeiro/a técnico Agrícola

2

2

Enxeñeiro/a técnico Forestal

1

1

Oficial administrativo

1

1

Capataz

1

30

31

Total prazas laboral descontinuo

35

Nº total de prazas

6

52

58

Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. (SPI).

Posto

Grupo-categoría profesional

Nº prazas

Arquitecto/a

Titulado/a superior

2

Arquitecto/a técnico

Titulado/a medio

1

Nº total de prazas

3

XES Galicia, Sociedade Xestora de Entidades de Capital Risco, S.A.

Posto

Titulación requirida

Nº prazas

Controller financeiro e de control

Grao en CC. Económicas, Empresariais ou Dirección e Administración de Empresas, ou titulación equivalente

1

Analista de investimentos e seguimento de start-ups

Grao en CC. Económicas, Empresariais ou Dirección e Administración de Empresas, ou titulación equivalente

1

Analista de investimentos e seguimento de carteira

Grao en CC. Económicas, Empresariais ou Dirección e Administración de Empresas, ou titulación equivalente

1

Técnico/a de contabilidade, fiscal e administración

Ciclo formativo de grao superior en Administración e Finanzas ou titulación equivalente

1

Auxiliar administrativo/a

Ciclo formativo de grao medio en Xestión Administrativa, Administración e Finanzas, titulación de bacharelato ou titulación equivalente

2

Analista de investimentos e seguimento de carteira

Grao en CC. Económicas, Empresariais ou Dirección e Administración de Empresas, ou titulación equivalente e Formación específica en novas disciplinas técnicas (biotecnoloxía, economía circular, sistemas informáticos)

2

Programador/a informático

Grao superior en Informática, Enxeñaría Técnica Informática ou titulacións equivalentes

1

Nº total de prazas

9

Ente público Portos de Galicia.

Posto

Grupo-categoría profesional

Titulación requirida

Nº prazas

Técnico/ a de infraestruturas

Grupo 2.2

Grao en Enxeñaría Civil ou equivalente

4

Administrativo/a

Grupo 3.3

Bacharelato ou equivalente

4

Nº total de prazas

8

Quenda de discapacidade

Libre

Nº prazas

Nº total de prazas oferta

6

78

84