Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Luns, 19 de decembro de 2022 Páx. 64327

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 9 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se dá publicidade á Instrución conxunta da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e da Dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia sobre a viabilidade dos tendidos aéreos de telecomunicacións nos núcleos rurais tradicionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

O 9 de decembro de 2022 a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia adoptaron unha instrución sobre a viabilidade dos tendidos aéreos de telecomunicacións nos núcleos rurais tradicionais da Comunidade Autónoma de Galicia, que figura como anexo desta resolución.

Coa finalidade de que as administracións locais e a cidadanía poidan coñecer os criterios que seguirá a Administración autonómica nesta materia, considérase necesaria a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Por todo o exposto e ao abeiro do sinalado no artigo 6 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público,

RESOLVO:

Ordenar a publicación da Instrución conxunta da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e da Dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia sobre a viabilidade dos tendidos aéreos de telecomunicacións nos núcleos rurais tradicionais da Comunidade Autónoma de Galicia, como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2022

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Instrución conxunta da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e
Urbanismo e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia sobre a viabilidade dos tendidos aéreos de telecomunicacións nos núcleos rurais tradicionais da Comunidade Autónoma de Galicia

I. Antecedentes:

O artigo 26.2.b) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, prohibe os novos tendidos aéreos no solo de núcleo rural tradicional. Pola súa banda, o artigo 40.2.b) do Regulamento que desenvolve a dita lei, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro, reitera a dita prohibición, nos seguintes termos:

«2. Sen prexuízo do disposto no número anterior, nos núcleos tradicionais estarán prohibidos:

(...) b) Os novos tendidos aéreos (artigo 26.2.b) da LSG), sen prexuízo do disposto na normativa sectorial de aplicación».

En materia de redes públicas de comunicacións electrónicas, a aplicación literal da referida regulación sen ter en conta a normativa básica sectorial aplicable por parte de moitos concellos está a provocar a imposibilidade de dar servizo a un gran número de vivendas e outro tipo de edificacións situadas nos núcleos rurais tradicionais. Trátase, na súa maior parte, de edificacións situadas en zonas carentes de infraestruturas subterráneas de telecomunicacións que poidan aproveitarse.

Esta situación está impedindo dar cumprimento ao establecido no artigo 82 da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, que aposta por facilitar a extensión das redes de telecomunicacións a todo o territorio, prestando especial atención ao medio rural e costeiro non urbano e ás áreas máis illadas, para permitir velocidades de conexión á internet equiparables coas existentes ou previstas para o resto do territorio.

En atención ao exposto e co fin de garantir a seguridade xurídica no eido do urbanismo, facilitar a tarefa da aplicación da normativa urbanística aos operadores técnicos e xurídicos, especialmente, do eido municipal e, con base nos principios de colaboración e cooperación entre administracións públicas regulados na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, no respecto ao principio de autonomía municipal, adóptase esta instrución en coordinación coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e logo do informe favorable da Comisión Permanente da Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo:

II. Consideracións xurídicas:

Primeira. A prohibición de novos tendidos aéreos nos núcleos rurais tradicionais, recollida no artigo 26.2.b) da LSG e no artigo 40.2.b) do RLSG, debe entenderse no marco do disposto na normativa básica sectorial que resulta de aplicación neste caso, a Lei 11/2022, do 28 de xuño, xeral de telecomunicacións.

Así, tal determinación emana do exercicio das competencias exclusivas en materia de ordenación do territorio e urbanismo que a Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuída nos artigos 27.3 e 27.18 do Estatuto de autonomía de Galicia, no marco dos artigos 148.1.3 e 148.1.16 da Constitución española.

Pola súa banda, o artigo 49.8 da Lei 11/2022, do 28 de xullo, xeral de telecomunicacións, sinala:

«8. Os operadores deberán facer uso das canalizacións subterráneas ou no interior das edificacións que permitan a instalación e explotación de redes públicas de comunicacións electrónicas.

Nos casos en que non existan as ditas canalizacións ou non sexa posible ou razoable o seu uso por razóns técnicas, os operadores poderán efectuar despregamentos aéreos seguindo os previamente existentes.

Igualmente, nos mesmos casos, os operadores poderán efectuar por fachadas despregamento de cables e equipamentos que constitúan redes públicas de comunicacións electrónicas e os seus recursos asociados, ben que para iso deberán empregar, na medida do posible, os despregamentos, canalizacións, instalacións e equipamentos previamente instalados, e deberán adoptar as medidas oportunas para minimizar o impacto visual.

Os despregamentos aéreos e por fachadas non poderán realizarse en casos xustificados de edificacións do patrimonio histórico-artístico coa categoría de ben de interese cultural declarada polas administracións competentes ou que poidan afectar a seguridade pública».

Segunda. A interpretación da regulación prevista na Lei do solo e no seu Regulamento de desenvolvemento debe entenderse no sentido de que esta non está prohibindo o que admite a Lei básica estatal de telecomunicacións, polo que debe aplicarse cunha lectura plenamente compatible coa referida lexislación básica.

É dicir, a dita prohibición refírese, en exclusiva, aos novos tendidos, deixando a salvo o reforzo ou trazado adicional sobre despregamentos aéreos previamente existentes, mesmo para substituír a rede existente por outra que ofreza maior velocidade de transmisión de datos, e mesmo no caso de redes de nova creación que sigan o trazado de tendidos aéreos xa existentes doutras redes. Nos mesmos termos debe interpretarse toda restrición que, en previsión do articulado da Lei do solo de Galicia, inclúan os instrumentos de planeamento urbanístico.

En definitiva, a interpretación da normativa urbanística non pode determinar ou impor restricións absolutas nin limitacións desproporcionadas que impidan ou obstaculicen a prestación do servizo de telecomunicacións, polo que cabe concluír que as excepcións previstas no artigo 49.8 da Lei 11/2022, do 28 de xullo, xeral de telecomunicacións, referidas aos supostos en que non existan as ditas canalizacións ou non sexa posible ou razoable o seu uso por razóns técnicas, resultarán aplicables con carácter prevalente á normativa urbanística, na medida en que teñen por obxecto garantir o despregamento das redes e o acceso da cidadanía aos servizos de telecomunicacións de interese xeral.