Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Mércores, 21 de decembro de 2022 Páx. 64896

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

DECRETO 215/2022, do 1 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas categorías de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia para o ano 2022.

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e o Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, prevén a convocatoria periódica de procedementos de selección de persoal estatutario fixo que garantan os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade no seu acceso.

As necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que se deban prover mediante a incorporación de persoal de novo ingreso serán obxecto da oferta de emprego público, que se aprobará polos órganos de goberno das administracións públicas e que, como instrumento de xestión da provisión das necesidades de persoal, poderá conter ademais medidas derivadas da planificación de recursos humanos, tal e como así se dispón no artigo 70 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, e o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

No presente exercicio, tendo en conta as dificultades excepcionais relacionadas coa escaseza de profesionais médicos en atención primaria, realizouse a oferta anticipada de 106 prazas coa publicación do Decreto 38/2022, do 24 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente á categoría de persoal estatutario facultativo/a especialista de atención primaria para o ano 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 63, do 31 de marzo).

Así mesmo, en desenvolvemento da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, neste ano 2022 tense publicado o Decreto 81/2022, do 25 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal do persoal do Sistema público de saúde de Galicia, e o Decreto 82/2022, do 25 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal do persoal sanitario funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 102, do 30 de maio). Estes decretos supoñen unha oferta de 2.577 prazas.

Constitúe un dos obxectivos e compromisos do Servizo Galego de Saúde continuar apostando pola estabilidade no emprego coa convocatoria periódica de procedementos selectivos para a adquisición da condición de persoal fixo, en que se garantan os principios que rexen o acceso ao emprego público, como así veu desenvolvendo de forma ininterrompida este organismo nos últimos dez anos.

O artigo 12 da Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, dispón que durante este ano só se poderá proceder á incorporación de novo persoal no sector público con suxeición aos límites e requisitos establecidos na normativa básica que se estableza ao respecto e, en particular, no referente á taxa de reposición de efectivos, respectando, en todo caso, as dispoñibilidades orzamentarias do capítulo I dos correspondentes orzamentos de gastos.

A normativa básica, Lei 22/2021, do 28 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2022, autorizou no seu artigo 20 unha taxa de reposición do 120 por cento nos sectores prioritarios, considerando para tales efectos como sector prioritario as administracións públicas con competencias sanitarias respecto das prazas de persoal estatutario e equivalente dos servizos de saúde do Sistema nacional de saúde. En consecuencia, o número total máximo de prazas autorizadas que resulta da aplicación da dita taxa é de 1.400 e nese total inclúese a oferta anticipada de 106 prazas realizada polo Decreto 38/2022, do 24 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente á categoría de persoal estatutario facultativo/a especialista de atención primaria para o ano 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 63, do 31 de marzo).

Co obxecto pois, de avanzar na estabilización de emprego temporal e resultando prioritaria a incorporación de novos profesionais ás institucións sanitarias, dada a condición de servizo público esencial da actividade que realizan, cómpre continuar convocando procesos de selección de persoal estatutario fixo, coa aprobación do previo e preceptivo decreto de oferta de emprego público, co obxectivo de situar a taxa de cobertura temporal por debaixo do oito por cento das prazas estruturais.

Para o cómputo de prazas tívose en consideración a aplicación da porcentaxe de taxa ordinaria de reposición prevista no artigo 20.un, puntos 1) e 3B) da Lei 22/2021, do 28 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2022. Por tanto, este decreto aproba prazas de taxa ordinaria de reposición do ano en curso.

A oferta pública de emprego realizada neste decreto sumada á oferta incluída no Decreto 81/2022, do 25 de maio, polo que se aprobou a oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal do persoal do Sistema público de saúde de Galicia, e as prazas pendentes de convocar ofertadas no Decreto 220/2020, do 3 de decembro, e no Decreto 75/2021, do 8 de abril, polos que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde para o ano 2020 e 2021 respectivamente, posibilitará a execución de convocatorias de procesos selectivos en que se incluirán 5.651 prazas do Sistema sanitario público de Galicia.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería de Sanidade, logo de negociación na mesa sectorial de negociación do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde do día 28 de novembro de 2022 e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día un de decembro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público

Apróbase a oferta de emprego público para o ano 2022 de prazas básicas de diversas categorías de persoal estatutario das institucións sanitarias e entidades adscritas ao Servizo Galego de Saúde e Consellería de Sanidade que conforman o Sistema público de saúde de Galicia.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público

1. O número de prazas que integran esta oferta de persoal estatutario para o ano 2022 ascende a un total de 1.294 prazas.

2. A distribución por categorías/especialidades e sistemas de acceso realizarase de conformidade co disposto no articulado e no anexo deste decreto.

Artigo 3. Sistema de selección

De conformidade co establecido no artigo 6.1 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, o sistema de selección será o de concurso-oposición.

Artigo 4. Órganos de selección

1. A composición dos órganos de selección será paritaria para o conxunto da oferta de emprego público do Sistema público de saúde de Galicia, tanto se se trata do acceso ao emprego, como se se trata de promoción interna, de acordo co disposto no artigo 48 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

2. De conformidade co establecido no artigo 60 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, a pertenza aos órganos de selección será sempre a título individual, e non se poderá ter esta en representación ou por conta de ninguén.

3. O persoal de elección ou designación política, as/os funcionarias/os interinas/os e o persoal eventual non poderán formar parte dos órganos de selección.

4. Os órganos de selección aplicarán os principios de austeridade e axilidade na ordenación do desenvolvemento dos procesos selectivos, sen prexuízo do cumprimento dos demais principios de actuación establecidos pola normativa de selección e as instrucións sobre funcionamento e actuación dos tribunais que dite para o efecto o órgano competente.

Artigo 5. Promoción interna

1. Con carácter xeral, reservarase ata un máximo dun cincuenta por cento do total das prazas que se convoquen en cada categoría/especialidade para a súa provisión polo sistema de promoción interna.

2. Non obstante o anterior, poderase establecer unha reserva inferior cando así veña xustificado pola planificación eficiente das necesidades, polas características específicas da categoría/especialidade ou pola propia titulación requirida para o acceso.

3. Cando o resultado da aplicación da citada porcentaxe dea un resto igual ou superior a 0,5 prazas, computarase como unha praza que se incluirá nesta reserva.

4. O número de prazas reservadas á quenda de promoción interna por categoría/especialidade especificarase nas respectivas resolucións de convocatoria.

5. As prazas que non se provexan polo sistema de promoción interna acumularanse ás convocadas polo sistema xeral de acceso libre.

Artigo 6. Persoas con discapacidade

1. Nos procesos selectivos para o ingreso nas categorías de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia, serán admitidas as persoas con discapacidade nos termos previstos neste artigo e demais normativa aplicable.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións psíquicas e/ou físicas sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. De conformidade co establecido no artigo 59 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, e o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, do total de prazas que se ofertan reservarase unha porcentaxe non inferior ao sete por cento para seren cubertas entre persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no artigo 4 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade, e da súa inclusión social, sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade e a compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.

3. Esta reserva efectuarase de forma que o dous por cento das prazas ofertadas o sexa para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual e o cinco por cento restante o sexa para seren cubertas por persoas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade xeral e poderá concentrarse naquelas categorías profesionais ou especialidades que se adapten mellor ás peculiaridades das persoas con discapacidade.

Cando da aplicación das porcentaxes resulten fraccións decimais redondearase por exceso para o seu cómputo.

4. A reserva de prazas de discapacidade xeral efectuarase sobre o cómputo total das vacantes incluídas nesta oferta de emprego público e farase efectiva, en cumprimento do disposto no artigo 8 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, naquelas convocatorias que oferten un mínimo de dez prazas da correspondente categoría ou especialidade, segundo a distribución que se recolle no anexo.

5. A reserva de prazas de discapacidade intelectual efectuarase sobre o cómputo total das vacantes incluídas nesta oferta de emprego público e concentrarase naquelas categorías profesionais que se adapten mellor ás peculiaridades das persoas con este tipo de discapacidade, segundo a distribución que se recolle no anexo.

6. As prazas reservadas para persoas con discapacidade poderán convocarse conxuntamente coas prazas ordinarias ou mediante convocatorias independentes, garantíndose, en todo caso, o carácter individual dos procesos selectivos.

7. A opción a prazas reservadas a discapacidade terá que formularse na solicitude de participación no proceso selectivo con declaración expresa das persoas interesadas de reuniren a condición exixida ao respecto, que se acreditará mediante certificación dos órganos competentes na forma e prazos que se determinen en cada convocatoria.

8. No desenvolvemento das probas selectivas estableceranse para as persoas con discapacidade que o soliciten as adaptacións e axustes razoables necesarios de tempo e de medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade, para asegurar que estas persoas participen en condicións de igualdade. Nas convocatorias indicarase expresamente esta posibilidade, así como que as persoas interesadas deberán formular a correspondente petición concreta na solicitude de participación.

Para tal efecto, os tribunais de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos órganos competentes.

9. Unha vez superado o proceso selectivo, o Servizo Galego de Saúde requirirá, respecto das persoas que acceden por esta cota de reserva, ditame do órgano competente sobre a compatibilidade da/do candidata/o para o posto de traballo ou sobre as adaptacións deste.

10. No suposto de que algunha das persoas aspirantes con discapacidade que se tivese presentado pola cota de reserva superase o proceso selectivo e non obtivese praza na citada cota, sendo a súa puntuación superior á obtida por outras/os aspirantes do sistema de acceso xeral, esta será incluída pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.

11. As persoas aspirantes que superasen o proceso selectivo pola cota de prazas reservadas a persoas con discapacidade poderán solicitar ao órgano convocante a alteración da orde de prelación para a elección das prazas dentro do ámbito territorial que se determine na convocatoria, por motivos de dependencia persoal, dificultades de desprazamento ou outras análogas, que deberán ser debidamente acreditados. O órgano convocante decidirá a devandita alteración cando estea debidamente xustificada, e deberá limitarse a realizar a mínima modificación na orde de prelación necesaria para posibilitar o acceso ao posto da persoa con discapacidade.

Artigo 7. Acreditación do coñecemento da lingua galega

1. Para dar cumprimento á normalización do idioma galego e garantir o dereito das/dos usuarias/os dos distintos servizos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia ao seu uso, así como a promoción do uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia, nas probas selectivas que se convoquen en desenvolvemento desta oferta incluirase un exame de galego, agás para aquelas persoas aspirantes que acrediten o coñecemento da lingua galega conforme a normativa vixente.

2. As bases das convocatorias dos procesos selectivos establecerán o carácter deste exame, así como a valoración da dita proba e da equivalente acreditación do coñecemento da lingua galega.

Artigo 8. Criterios xerais de xestión e publicidade dos procesos selectivos

1. A xestión das actuacións para o desenvolvemento dos procesos selectivos realizarase conforme o que determinen as bases das respectivas convocatorias do concurso-oposición.

2. Encoméndase á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde a xestión dos procesos selectivos correspondentes. A dita encomenda incluirá a convocatoria do proceso, a aprobación das súas bases reitoras, a designación dos tribunais cualificadores, así como a resolución e adxudicación de destinos.

3. Co obxecto de axilizar a súa tramitación e reducir as cargas administrativas, a xestión dos procesos de selección e provisión de prazas efectuarase a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides), punto de encontro telemático entre o Servizo Galego de Saúde e as/os profesionais e persoas aspirantes que participen nos procesos de selección e provisión de prazas convocados por este organismo.

De conformidade co artigo 10 da Orde do 8 de maio de 2012 pola que se regulan o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico dos profesionais do Sistema público de saúde de Galicia, a inscrición das persoas participantes en tales procesos efectuarase por medio do sistema informático expedient-e, a través da web corporativa do Servizo Galego de Saúde www.sergas.es

4. Co fin de facilitar e simplificar as relacións entre a Administración e as persoas aspirantes, a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e) e da páxina web do organismo (www.sergas.es) facilitarase toda a información que afecte o desenvolvemento dos procesos selectivos e que resulte de interese para as persoas aspirantes, sen prexuízo da preceptiva publicación no Diario Oficial de Galicia das resolucións que se determinen nas respectivas convocatorias.

5. Coa finalidade de dotar da máxima axilidade o proceso, nas convocatorias en que se inclúan as prazas que figuran no anexo, a resolución pola que se faga pública a relación dos/das aspirantes seleccionados/as habilitará un prazo de dez días hábiles para presentar a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos exixidos na convocatoria.

Artigo 9. Igualdade en relación coas condicións de emprego da Administración pública

As convocatorias adaptaranse ás previsións do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, en relación coas condicións de emprego da Administración pública e demais normativa de aplicación en materia de igualdade.

Disposición adicional única. Planificación dos recursos humanos

1. A planificación dos recursos humanos no Sistema público de saúde de Galicia orientarase ao cumprimento dos seguintes obxectivos da política de emprego: a atención aos ámbitos e sectores da actividade sanitaria con necesidades específicas de efectivos, o adecuado dimensionamento do volume de efectivos segundo as necesidades, a eficiencia das políticas de recursos humanos, a eficacia na distribución territorial, así como a redución da temporalidade no sector público.

2. Ao abeiro da facultade conferida polo artigo 70.3 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, e como medida de planificación e ordenación dos recursos humanos no Sistema público de saúde de Galicia, os procesos de provisión de prazas básicas de persoal estatutario orientaranse á cobertura das categorías e ámbitos prioritarios e con necesidades específicas de dotación permanente de efectivos, non poderán afectar a continuidade asistencial nin incluír prazas afectadas por procesos de reordenación organizativa ou asistencial e deberán ter en conta as especificidades dos centros e unidades de referencia.

De conformidade coa habilitación conferida polo artigo 115.12 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, os baremos de méritos dos procesos selectivos das categorías/especialidades de persoal licenciado sanitario con indispoñibilidade de profesionais deberán incluír unha puntuación específica que valore a prestación de servizos nos hospitais comarcais de difícil cobertura e centros sanitarios illados do Sistema público de saúde de Galicia.

3. Dentro do límite determinado polo número de prazas ofertadas neste decreto para cada categoría/especialidade e conforme os criterios de planificación e ordenación dos recursos humanos anteriormente indicados, os postos convocados no último concurso de traslados correspondente ás categorías/especialidades incluídas nesta oferta que non resulten adxudicados, así como os que deixe vacantes o persoal estatutario fixo do Sistema público de saúde de Galicia que resulte adxudicatario de destino no dito procedemento de mobilidade, incluiranse nos respectivos procesos de selección para a adquisición da condición de persoal estatutario fixo que se convoquen en execución desta oferta.

Así mesmo, e co obxecto de atender as necesidades asistenciais dos ámbitos sanitarios de difícil cobertura, poderán ofertarse aos/ás aspirantes seleccionados/as nos procesos de selección fixa as prazas dos hospitais comarcais e postos de atención primaria de difícil cobertura que quedasen vacantes con posterioridade á data de publicación da oferta de destinos do último concurso de traslados.

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Facúltase a persoa titular da Consellería de Sanidade para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de decembro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Relación de prazas ofertadas OPE 2022

Licenciado/a sanitario

Total prazas ofertadas

Reserva discapacidade xeral

Reserva discapacidade intelectual

Farmacéutico/a de atención primaria

27

2

Odontólogo/a de atención primaria

9

Total prazas licenciado/a sanitario

36

2

Diplomado/a sanitario e de formación profesional

Total prazas ofertadas

Reserva discapacidade xeral

Reserva discapacidade intelectual

Enfermeiro/a

256

15

Enfermeiro/a especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria

30

2

Enfermeiro/a especialista en Enfermaría Pediátrica

25

2

Enfermeiro/a especialista en Enfermaría Obstétrico-Xinecolóxica (Matrón/a)

9

Fisioterapeuta

11

1

Terapeuta ocupacional

5

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

611

24

14

Total prazas diplomado/a sanitario e de formación profesional

947

44

14

Xestión e servizos

Total prazas ofertadas

Reserva discapacidade xeral

Reserva discapacidade intelectual

Grupo auxiliar da función administrativa

109

8

Grupo de xestión da función administrativa

8

Persoal de servizos xerais

194

9

14

Total prazas xestión e servizos

311

17

14

Total prazas

1.294

63

28