Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 23 de decembro de 2022 Páx. 65427

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2022, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 15 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento PR905A).

O 29 de marzo de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 15 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento PR905A).

O financiamento destas axudas, recollido no artigo 2 da resolución de convocatoria, efectúase con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, inicialmente por un importe dun millón seiscentos noventa mil euros (1.690.000,00 €). O dito artigo 2 sinala que este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación.

Tendo en conta que esta dotación orzamentaria resulta insuficiente debido ao gran volume de solicitudes recibidas, considérase necesario realizar unha ampliación do importe establecido inicialmente.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 108/2022, do 16 de xuño, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo único. Ampliación da dotación orzamentaria

1. Ampliar a dotación orzamentaria prevista na Resolución do 15 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2022, na contía de seiscentos oitenta e oito mil euros (688.000,00 €), con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.2.

2. Esta ampliación orzamentaria non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na resolución de convocatoria nin o resto do seu articulado.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración