Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 2 de xaneiro de 2023 Páx. 72

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 26 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do Programa Investigo, de contratación de persoas mozas demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e se procede á sua convocatoria para o exercicio 2023 (código de procedemento TR349V).

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; do 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e do Decreto 123/2022, do 23 de xuño de 2022, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde, pois, á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, para o exercicio orzamentario 2023, a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están as medidas dirixidas, por unha banda, a fomentar a creación de emprego de calidade e, por outra, a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea para o emprego, do Programa nacional de reformas, do respectivo plan anual de política de emprego (PAPE), e no eido da colaboración institucional e o diálogo social entre o Goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

Tras a declaración pola Organización Mundial da Saúde da pandemia global provocada pola COVID-19 o pasado 11 de marzo e a rápida propagación desta enfermidade, tanto no ámbito nacional como internacional, os Estados membros da Unión Europea adoptaron con rapidez medidas coordinadas de emerxencia para protexer a saúde da cidadanía e evitar o colapso da economía.

O Consello Europeo do 21 de xullo de 2020, consciente da necesidade neste momento histórico dun esforzo sen precedentes e dunha formulación innovadora que impulsen a converxencia, a resiliencia e a transformación na Unión Europea, acordou un paquete de medidas de gran alcance.

Estas medidas unen o marco financeiro plurianual (MFP) para 2021-2027 reforzado e a posta en marcha dun Instrumento Europeo de Recuperación (NextGenerationEU), cuxo elemento central é o Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021. A instrumentación da execución dos recursos financeiros do Fondo Europeo de Recuperación realizarase a través do Plan de recuperación transformación e resiliencia, aprobado polo Consello de Ministros o 27 de abril de 2021, e avaliado favorablemente pola Comisión Europea o 16 de xuño de 2021. Os proxectos que constitúen o devandito plan permitirán a realización de reformas estruturais os próximos anos, mediante cambios normativos e investimentos, e, por tanto, permitirán un cambio do modelo produtivo para a recuperación da economía tras a pandemia causada pola COVID-19 e, ademais, unha transformación cara a unha estrutura máis resiliente que permita que o noso modelo saiba enfrontar con éxito outras posibles crises ou desafíos no futuro.

No marco do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia inclúese o compoñente 23 Novas políticas públicas para un mercado de traballo dinámico, resiliente e inclusivo, encadrado na área política VIII Nova economía dos coidados e políticas de emprego. Un dos obxectivos deste compoñente é reformar e impulsar as políticas activas de emprego, mellorando a cohesión do Sistema nacional de emprego, cun enfoque centrado nas persoas e nas empresas, orientándoas cara a resultados avaliables, coherentes coa innovación, a sustentabilidade e as transformacións produtivas, apoiadas na mellora das capacidades e na transformación dixital dos servizos públicos de emprego.

Así mesmo, a Recomendación do Consello Europeo relativa ao Programa nacional de reformas (PNR) de 2020 de España recolle a necesidade de apoiar o emprego, así como a mellora no acceso á aprendizaxe dixital considerando a necesidade de facer fronte aos efectos socioeconómicos da pandemia, sendo pertinentes tamén a Recomendación do Consello relativa ao PNR de 2019, onde se recomendaba a España garantir que os servizos de emprego sexan capaces de proporcionar un apoio efectivo.

En particular, a análise europea vén sinalando o reto do desemprego xuvenil, que representa un perigo para o equilibrio xeracional, e o risco de exclusión sociolaboral dos colectivos máis vulnerables, con especial énfase no desemprego de longa duración, e o mesmo cabe dicir da persistencia da desigualdade de xénero. É importante sinalar que as persoas mozas traballadoras son dos colectivos máis prexudicados coas sucesivas crises económicas. No mercado de traballo español téñense, ademais, que enfrontar á temporalidade da súa contratación e ao requisito da experiencia laboral previa para poder acceder ao mercado laboral.

Dentro das reformas e investimentos propostas no mencionado compoñente 23, Novas políticas públicas para un mercado de traballo dinámico, resiliente e inclusivo, compréndese o investimento 1, Emprego Mozo que, pola súa vez, inclúe a actuación do Programa Investigo. Esta actuación, que constitúe o obxecto desta norma, ten como finalidade a contratación de persoas mozas maiores de 16 e menores de 30 anos, investigadoras, tecnólogas, persoal técnico e outros perfís profesionais en I+D+i, en organismos públicos de investigación, e difusión do coñecemento, universidades públicas, centros tecnolóxicos, parques científicos e tecnolóxicos, entidades públicas suxeitas a dereito privado e entidades privadas sen ánimo de lucro como fundacións, xunto con empresas que invistan en investigación e innovación. As actividades obxecto das axudas enmarcadas nesta orde desenvolveranas as persoas mozas sinaladas, nas iniciativas relacionadas coa sanidade, a transición ecolóxica e a economía verde (enerxías renovables, eficiencia enerxética, tratamento de augas e residuos e industria agroalimentaria), a dixitalización de servizos e enxeñaría de datos ou science data, así como todo proxecto de investigación destinado ás áreas sociais, culturais, artísticas ou calquera outro ámbito de estudo. Con este programa revértese na sociedade a alta formación de tecnólogos e tecnólogas.

Dentro dos obxectivos xerais descritos é necesario xerar os instrumentos xurídicos en cada unha das liñas mestras de actuación, onde o investimento Plan emprego mozo é un alicerce fundamental para lograr a inserción laboral das persoas mozas maiores de 16 e menores de 30 anos, que son unha xeración azoutada notablemente pola crise financeira e sanitaria, o que demanda a súa atención preferente, e proporcionar unha alternativa á mocidade para a súa inserción laboral, en sintonía coa Estratexia europea Next Generation.

Con data do 19 de novembro de 2021 publicouse no BOE nº 277 a Orde TES/1267/2021, do 17 de novembro, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do Programa Investigo, de contratación de persoas mozas demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, que establece as bases que rexerán para a concesión de subvencións públicas destinadas a financiar o devandito programa tanto polo Servizo Público de Emprego Estatal como polas diferentes comunidades autónomas nos seus respectivos ámbitos de xestión.

A presente orde regula o Programa Investigo e establece as bases que rexerán a concesión de subvencións públicas destinadas a financiar o devandito programa na Comunidade Autónoma de Galicia.

Será de aplicación a esta convocatoria o Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia en todas as medidas que axuden a axilizar e flexibilizar a súa tramitación.

De acordo con este real decreto lei e en aplicación do seu artigo 62, as subvencións obxecto desta orde tramitaranse segundo o procedemento de concorrencia non competitiva establecido no devandito artigo, xa que se trata de subvencións relacionadas financiables con fondos europeos, reguladas pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, cuxo obxecto é financiar actuacións concretas que non requiren de valoración comparativa con outras propostas, polo que as resolucións de concesión se ditarán por orde de presentación de solicitudes, unha vez realizadas as comprobacións de concorrencia da actuación subvencionable e o cumprimento do resto de requisitos exixidos, ata o esgotamento do crédito orzamentario asignado na convocatoria.

A presente orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, polo que queda a concesión das subvencións sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

Así mesmo, esta orde tramítase de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 18 de outubro de 2022; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

A presente orde cumpre cos principios de boa regulación, de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e, en concreto, no relativo aos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas.

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e logo dos informes favorables da Secretaría Xeral de Igualdade, da Dirección Xeral de de Simplificación Administrativa e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, en virtude das atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública en réxime de concorrencia non competitiva das subvencións do Programa Investigo, para o exercicio 2023 (código de procedemento TR349V).

Será obxecto das subvencións reguladas na presente norma a contratación de persoas mozas, de 16 ou máis anos e que non fixesen os 30 anos no momento de comezar a relación contractual, polos organismos de investigación e difusión de coñecementos, universidades públicas, centros tecnolóxicos, parques científicos e tecnolóxicos, entidades públicas suxeitas a dereito privado, e entidades privadas sen ánimo de lucro, xunto con empresas que estean a investir en investigación e innovación pertencentes ao sector público ou privado, na realización de iniciativas de investigación e innovación recollidas nesta norma.

2. O ámbito de aplicación desta orde esténdese a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. As entidades públicas ou privadas beneficiarias deberán ter o seu domicilio social e/ou centro de traballo en Galicia.

3. Esta orde regula e establece as bases para a concesión de subvencións do Programa Investigo, que constitúe unha actuación incluída no Investimento 1 Emprego Mozo, comprendida no compoñente 23 Novas políticas públicas para un mercado de traballo dinámico, resiliente e inclusivo do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia, aprobado por Acordo do Consello de Ministros do 27 de abril de 2021, e pola Decisión de Execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID), do 13 de xullo de 2021.

Así mesmo, é obxecto de financiamento mediante os recursos financeiros derivados do Instrumento Europeo de Recuperación (NextGenerationEU). Serán, por conseguinte, de aplicación as disposicións que resulten procedentes do Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia ou norma que o substitúa. Así mesmo, por iso, as subvencións reguladas nesta orde están suxeitas, en todo caso, ao cumprimento, execución e realización dos obxectivos fixados no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e estarán sometidas á plena aplicación dos mecanismos de xestión e control que se establezan para o Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE e á normativa da Unión Europea aplicable á xestión, seguimento e control que se estableza para o Plan de reconstrución, transformación e resiliencia, así como as específicas relativas á información e publicidade, verificación e demais impostas pola normativa da Unión Europea, cuxa aplicación será de obrigado cumprimento.

4. As axudas previstas nestas bases reguladoras non constitúen unha axuda de Estado, nos termos previstos nos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE), pois a súa concesión non falsea nin ameaza falsear a competencia, favorecendo determinadas empresas ou producións. Esta medida constitúe, ademais, unha medida de fomento do emprego.

Artigo 2. Actividades e ocupacións de cobertura necesaria

1. As actividades obxecto das axudas enmarcadas nesta orde serán desenvoltas polas persoas capacitadas para levar a cabo proxectos de investigación en calidade de investigadoras, tecnólogas, persoal técnico e outros perfís profesionais en I+D+i, facilitando a súa inserción laboral tanto no sector público como no privado para contribuír a incrementar a competitividade da investigación e a innovación.

2. As iniciativas de innovación e investigación e as dos departamentos de I+D+i desenvolveranse necesariamente en ocupacións referidas a transición ecolóxica, a economía verde (enerxías renovables, eficiencia enerxética, tratamento de augas e de residuos e industria agroalimentaria), e dixitalización de servizos, enxeñaría de datos e data science, así como outras tarefas encadradas no marco da Estratexia de especialización intelixente RIS3 2021-2027. Con este programa revértese na sociedade a alta formación deste persoal. Ademais as iniciativas poderán desenvolverse en ocupacións referidas a sanidade e investigación.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións previstas nesta orde financiaranse con cargo aos correspondentes fondos dotados no orzamento de gastos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, no marco do Mecanismo para a recuperación e a resiliencia.

2. O financiamento efectuarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, a través dos créditos consignados no código de proxecto 2022 00091, por un total de 9.175.293,00 €, desglosado nas seguintes aplicacións orzamentarias:

11.30.322C.470.10: 6.500.000,00 €

11.30.322C.444: 1.000.000,00 €

11.30.322C.480.10: 700.000,00 €

11.30.322C.432: 500.000,00 €

11.30.322C.443: 335.000,00 €

11.30.322C.445: 140.293,00 €

3. De acordo coas normas que regulan a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, a concesión das subvencións queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

4. No caso de que a beneficiaria das axudas previstas nesta orde sexa unha entidade instrumental do sector público, o crédito correspondente será o disposto nas aplicacións orzamentarias recollidas no punto 2 deste artigo, sempre que se axusten á natureza xurídica de cada unha das entidades.

5. Os ditos créditos estimados poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e de Asuntos Laborais, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo da aprobación, se é o caso, da modificación orzamentaria que proceda. Os incrementos de crédito serán obxecto da oportuna publicación no Diario Oficial de Galicia.

A distribución de fondos entre as aplicacións orzamentarias sinaladas é unha previsión que deberá axustarse tras a finalización do prazo de presentación das solicitudes de axuda, tendo en conta a natureza xurídica das entidades beneficiarias, sen incrementar o crédito total.

6. A contía máxima deste crédito para esta convocatoria poderá incrementarse, condicionando o dito incremento á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

7. Para o cumprimento das obrigas derivadas deste investimento relativas á súa etiquetaxe climática, que se corresponde co campo de intervención 099 Axuda específica para o emprego xuvenil e a integración socioeconómica dos mozos e 01 Contribución ás competencias e empregos verdes do anexo VI do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e á súa etiquetaxe dixital, que se corresponde co campo de intervención 108 Apoio ao desenvolvemento das capacidades dixitais do anexo VII do citado regulamento, os fondos dispoñibles distribuiranse entre as distintas entidades do sector público autonómico, en tres liñas:

a) Un 20 por cento para a liña de empregos verdes, que contribúen a preservar e restaurar o ambiente. Os ámbitos de actuación serán, entre outros, os seguintes: a agricultura, gandaría e pesca dirixida á restauración dos ecosistemas e a implantar modelos de explotación animal máis ecolóxicos e sustentables; as actividades dedicadas a aumentar a eficiencia do consumo de enerxía e materias primas; limitar as emisións de gases de efecto invernadoiro; minimizar os residuos e contaminación; protexer e restaurar os ecosistemas, os procesos dirixidos a producir bens e servizos que beneficien ao ambiente, enerxías renovables, eficiencia enerxética, tratamentos de augas e residuos, alimentación saudable e sostible, mobilidade sostible,etc.

b) Un 20 por cento para a liña de empregos en competencias dixitais, conforme o Marco Europeo de competencias dixitais establecido pola Comisión Europea (DIGCOMP).

c) Un 60 por cento para a liña de emprego xeral, téndose en conta entre outras, tarefas relacionadas coa cohesión social, a atención da dependencia e intervención con colectivos vulnerables, a rehabilitación de contornas e vivenda, así como o desenvolvemento local rural.

Artigo 4. Entidades beneficiarias da subvención

1. Poderán ter a condición de entidades beneficiarias da subvención os seguintes organismos, centros e entidades de investigación e de difusión de coñecementos:

a) Universidades do Sistema universitario público de Galicia e universidades privadas radicadas en Galicia con capacidade e actividade demostrada en I+D+i, de acordo co previsto na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, que estean rexistradas no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos, creado polo Real decreto 1509/2008, do 12 de setembro, polo que se regula o Rexistro de Universidades, Centros e Títulos.

b) Centros e institucións sanitarias públicas e privadas radicadas en Galicia sen ánimo de lucro, que desenvolvan actividades de I+D+i, así como os Institutos de investigación sanitaria acreditados conforme o establecido no Real decreto 279/2016, do 24 de xuño, sobre acreditación de institutos de investigación biomédica ou sanitaria e normas complementarias.

c) Os centros públicos de investigación da Comunidade Autónoma de Galicia, integrados nalgunha consellería e outros organismos públicos de investigación de Galicia. Se algún deles carece de personalidade xurídica propia, constará como beneficiaria a Administración pública a que pertenza.

d) Outros centros públicos de I+D+i, con personalidade xurídica propia, que nos seus estatutos ou no seu obxecto social ou na normativa que os regule teñan a I+D+i como actividade principal.

e) Empresas pertencentes ao sector público autonómico que estean a investir na realización de iniciativas de investigación e innovación.

f) Empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica atendendo ao previsto no Decreto 56/2007, do 15 de marzo, polo que se establece un programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), así como outras empresas pertencentes ao sector privado radicadas en Galicia que estean a investir na realización de iniciativas de investigación e innovación.

g) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica situados en Galicia.

h) Centros privados de I+D+i, sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia, situados en Galicia que teñan definida nos seus estatutos ou no seu obxecto social ou na normativa que os regule a I+D+i como actividade principal.

2. Non poderán obter a condición de entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde as entidades e centros que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Destino das subvencións públicas, contías e financiamento

1. As subvencións para a contratación destinaranse ao financiamento dos custos laborais e salariais, incluíndo os gastos de cotización por todos os conceptos á Seguridade Social, das persoas mozas que sexan contratadas para o desenvolvemento e execución das iniciativas de investigación e innovación do Programa Investigo.

Non se poderán contratar persoas mozas que desempeñasen calquera tipo de posto de investigación no prazo de 6 meses inmediatamente anteriores á data da solicitude na mesma entidade, organismo, centro ou empresa ou grupo de empresas.

Tampouco se poderán contratar as persoas mozas cuxos contratos foron subvencionados ao abeiro do Programa Investigo 2022.

Os contratos formalizaranse na modalidade de contratación que mellor se axuste ás circunstancias concretas de cada iniciativa, acorde coa lexislación vixente.

O período subvencionado será de 12 meses mesmo cando o contrato formalizado teña unha duración superior, sen prexuízo do establecido no punto 3.a) deste artigo. En todo caso, deberase ter en conta a normativa laboral que sexa de aplicación por razón do contrato asinado. A xornada de traballo será a tempo completo.

2. Os custos laborais incluirán os custos salariais, incluíndo os gastos de cotización por todos os conceptos á Seguridade Social.

3. A concesión das subvencións, así como a súa xustificación, realizarase a través do réxime de módulos, de acordo co establecido nos artigos 52 a 55 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia. Para implementar o devandito réxime de módulos establécense os seguintes módulos, configurados considerando o custo unitario validado pola Intervención Xeral do Estado para este programa por persoa contratada participante no Programa Investigo:

a) Para compensar os custos laborais recollidos no punto 2 deste artigo:

Modulo A: o módulo ascenderá a 22.405,92 euros por persoa contratada e ano de contratación (1.867,16 euros por mes), no caso de contratos nos grupos de cotización da Seguridade Social 9 a 5, ambos incluídos.

Módulo B: o módulo ascenderá a 33.108,84 euros por persoa contratada e ano de contratación (2.759,07 euros por mes), no caso de contratos nos grupos de cotización da Seguridade Social 4 a 1, ambos incluídos.

De acordo con iso, o importe desta subvención calcularase en función das previsións recollidas no proxecto: número de persoas que se van contratar, e meses de contratación de cada unha delas e o módulo segundo o grupo de cotización da Seguridade Social que corresponda, de acordo co sinalado anteriormente.

4. As subvencións reguladas na presente orde serán incompatibles con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entidade, pública ou privada.

5. O número máximo de contratos que se van subvencionar e solicitar establécese, segundo a tipoloxía de entidade solicitante, en:

1. Universidades do sistema universitario público de Galicia e universidades privadas radicadas en Galicia relacionadas no artigo 4.1.a) desta orde: máximo 11 contratos por cada universidade, dos que como mínimo o 20 % deben corresponder de xeito obrigatorio a empregos relacionados coa economía circular e/ou emprego verde.

2. Os centros e institucións sanitarias públicas e privadas e institutos de investigación sanitaria relacionados no artigo 4.1.b) desta orde; os centros públicos de investigación da Comunidade Autónoma de Galicia e outros organismos públicos de investigación de Galicia recollidos no artigo 4.1.c) desta orde; os centros públicos de I+D+i, con personalidade xurídica propia sinalados no artigo 4.1.d) desta orde; os centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica situados en Galicia detallados no artigo 4.1.g) desta orde, así como os centros privados de I+D+i, sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia descritos no artigo 4.1.h) desta orde: máximo 6 contratos, dos que como mínimo o 30 % deben corresponder de xeito obrigatorio a empregos relacionados coa economía circular e/ou emprego verde.

3. As empresas pertencentes ao sector público autonómico ou privado radicadas en Galicia detalladas no artigo 4.1.e) e 4.1.f): máximo 25 contratos, dos que como mínimo o 50 % deben corresponder de xeito obrigatorio a empregos relacionados coa economía circular e/ou emprego verde.

Artigo 6. Actividade subvencionada

1. A actividade subvencionada consistirá na contratación de persoas mozas na modalidade de contrato que mellor se axuste ás circunstancias concretas de cada iniciativa acorde coa lexislación vixente, para o desenvolvemento e execución das funcións, tarefas e iniciativas de investigación e innovación, que sexan competencia das entidades e centros beneficiarios dentro do Programa Investigo.

As actividades de investigación e innovación que realice o persoal contratado deberán desenvolverse en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A competencia poderá ser propia ou orixinaria, ou ben exercida por delegación, encargo ou encomenda.

3. Cubriranse postos en tarefas relacionadas coas actividades sinaladas no artigo 2.2.

Artigo 7. Compromiso de non causar dano significativo ao ambiente

1. As entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde deberán garantir o pleno cumprimento do principio de «non causar prexuízo significativo» (principio Do Not Significant Harm-DNSH) e a etiquetaxe climática e dixital, de acordo co previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, na Decisión de Execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID), do 13 de xullo de 2021, e no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, así como na súa normativa de desenvolvemento, en todas as fases do deseño e execución dos proxectos e de maneira individual para cada actuación.

2. As solicitudes deberán acompañarse dunha declaración responsable de adecuación ao principio de «non causar prexuízo significativo», no sentido establecido no punto 6) do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, segundo o modelo do anexo III.

3. En todo caso, as entidades beneficiarias preverán mecanismos de verificación do cumprimento do principio de «non causar prexuízo significativo» (principio Do Not Significant Harm-DNSH) e medidas correctoras para asegurar a súa implementación, do que deixarán constancia na memoria xustificativa da subvención.

Artigo 8. Requisitos e criterios para a selección das persoas a contratar

Na selección das persoas a contratar teranse en conta os criterios establecidos para este fin na Orde TES/1267/2021, do 17 de novembro, e, especificamente:

1. As persoas que se contratarán deberán ser persoas mozas de 16 ou máis anos e que non fixesen os 30 e que se atopen desempregadas e inscritas como demandantes de emprego no servizo público de emprego correspondente no momento de comezar a relación contractual. Ademais, deberán cumprir os requisitos exixidos para a modalidade de contrato que se formalice, axustándose ás circunstancias concretas de cada iniciativa, acorde coa lexislación vixente. Estes requisitos deberanse cumprir ao comezo da súa participación no programa.

2. As persoas traballadoras obxecto de contratación seleccionaranse tendo en conta os seguintes criterios:

a) Maior adecuación entre a formación académica da persoa nova en relación ao programa de investigación que se desexa levar a cabo.

b) Dispoñer de estudos específicos relacionados coa materia para desenvolver tales como másteres, graos ou/e calquera que, estando homologados polo Ministerio de Educación e Formación Profesional ou o Ministerio de Universidades, lles outorgue maiores capacidades e competencias para levar a cabo o programa de investigación.

c) A valoración curricular e das persoas candidatas deberá realizarse mediante o uso de currículo cego, garantindo o principio de non discriminación por ningunha razón.

Artigo 9. Réxime e inicio do procedemento de concesión

1. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Emprego da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

3. As resolucións de concesión ditaranse por orde de presentación de solicitudes, unha vez realizadas as comprobacións de concorrencia da actuación subvencionable e o cumprimento do resto de requisitos exixidos, ata o esgotamento do crédito orzamentario asignado na convocatoria.

Artigo 10. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes de concesión de subvencións dirixiranse á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Presentarase unha única solicitude por entidade para todas as contratacións que se van realizar.

As solicitudes presentadas fóra do prazo previsto na convocatoria darán lugar á súa inadmisión.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados por quen represente legalmente a entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras, así como a aceptación da axuda.

4. Será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información.

Artigo 11. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/portada

Artigo 13. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo II de certificado da representación (só organismos da Administración pública): referencia ao Diario Oficial de Galicia (DOG) ou Boletín Oficial del Estado (BOE) en que figure o nomeamento da persoa representante da entidade; ou certificación da persoa representante da entidade en que conste a representación que desempeña a persoa que asina a solicitude cando o nomeamento da persoa representante non precise de publicación no diario oficial correspondente.

b) A administración realizará a comprobación de datos relacionados co Rexistro Xeral de Apoderamentos de Galicia. As entidades pertencentes ao sector privado que non consten inscritas neste rexistro deberán presentar a documentación acreditativa da representación legal para asinar a solicitude.

c) Anexo III de declaración responsable de adecuación ao principio de «non causar prexuízo significativo», segundo o establecido no artigo 7 desta orde.

d) Os centros que se sinalan no artigo 4.d) e 4.h) desta orde deberán presentar copia do documento constitutivo, estatutos ou normativa da entidade, onde conste a I+D+i como a súa actividade principal.

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e na cal fan constar os aspectos seguintes:

a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, especificamente, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

c) Os datos do proxecto ou actividade de investigación ou innovación que se vai realizar en que se recollerá, así mesmo, a descrición das actividades que van realizar por cada unha das categorías profesionais que se pretende contratar, e a duración e número de contratos; así como as previsións dos custos do programa.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificados de estar ao día nas seguintes obrigas: coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) DNI/NIE da persoa representante que asine a solicitude.

e) Concesións de subvencións e axudas.

f) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.

h) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa traballadora contratada.

i) Contrato laboral da persoa traballadora pola cal se solicitou a subvención.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente, habilitado no formulario, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 15. Instrución e tramitación

1. O órgano instrutor realizará, de oficio, cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos, de concorrencia da actuación subvencionable e do cumprimento do resto de requisitos exixidos, en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

2. As persoas que interveñan no proceso de selección de entidades beneficiarias, ou nos procesos de verificación do cumprimento das condicións, manifestarán, de forma expresa, a ausencia ou non de conflitos de intereses ou de causa de abstención, considerando o establecido no artigo 61.3 do Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo (Regulamento financeiro) e o artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 outubro; en caso de existir conflito de intereses ou causa de abstención, a persoa afectada deberá absterse de intervir nestas actuacións.

3. En aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e ao ser unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data en que se presentou a documentación completa requirida nestas bases reguladoras.

4. De conformidade co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na resolución de convocatoria, a Subdirección Xeral de Emprego requirirá a entidade interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaralle que, se non o fai, se considerará por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e documentación que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

6. As solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non se presente nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

7. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao seu arquivamento sen posibilidade de emenda, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido nesta convocatoria.

Artigo 16. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Resolución

1. O órgano instrutor elevará a proposta de resolución á persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, quen resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

2. O prazo de resolución e notificación será, como máximo, de dous meses, contados a partir da finalización do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non se dita resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución administrativa conterá, como mínimo, os seguintes elementos:

a) Contía da subvención que se vai outorgar, indicando o número de persoas que contratarán.

b) Categoría profesional, grupo ou nivel profesional, e actividade que desenvolverán as persoas que se van contratar.

c) Duración dos contratos que se van realizar con cada persoa.

d) Localización xeográfica provincial das contratacións que se realizarán.

e) Identificación do financiamento no marco do Mecanismo para a recuperación e a resiliencia da UE.

4. Dada a natureza da subvención, os rendementos financeiros que se xeren polos anticipos de fondos librados non incrementarán o importe da subvención concedida.

5. As entidades beneficiarias das subvencións quedan obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

6. Será causa de denegación da concesión da subvención o esgotamento do crédito consignado, para estes efectos, na aplicación orzamentaria fixada no artigo 3 desta orde.

7. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa. Contra estas resolucións poderá interporse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de acordo coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, a teor do disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

8. Os incrementos de crédito, así como o crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, se for o caso, destinaranse á concesión de subvencións daquelas solicitudes que, por insuficiencia de crédito, non chegaron a obter subvención.

9. De conformidade co Real decreto 130/2019, as subvencións concedidas serán incorporadas á Base de datos nacional de subvencións, con posibilidade de acceso da Administración e dos órganos mencionados no artigo 22 do MRR á información contida no Rexistro de titularidades reais creado pola Orde JUS/319/2018, ou o acceso a outras bases de datos da Administración que poidan subministrar os ditos datos sobre titularidades reais, así como de cesión de información entre estes sistemas e o sistema de fondos europeos, segundo as previsións recollidas na normativa europea e nacional aplicable.

Artigo 18. Modificación da resolución de concesión

1. Unha vez recaída a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar a súa modificación. A dita modificación deberá cumprir os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e deberá fundamentarse en circunstancias sobrevidas tras a resolución e durante o prazo de execución da actividade subvencionada para cada entidade beneficiaria, así como formalizarse con carácter inmediato ao seu acaecemento e, en todo caso, antes da finalización do citado prazo de execución.

2. En ningún caso a modificación poderá afectar as obrigas impostas pola normativa comunitaria ou nacional aplicable, en especial, cando supoña incumprimento de fitos ou obxectivos establecidos na Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID), do 13 de xullo de 2021, ou o seu prazo de execución.

3. O órgano competente ditará a resolución en que acepte ou denegue a modificación proposta no prazo de dous meses dende a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Unha vez transcorrido devandito prazo sen notificarse resolución expresa, a solicitude poderá entenderse desestimada.

As resolucións poderán retrotraer os seus efectos, como máximo, ao momento da presentación da solicitude de modificación. En todo caso, a modificación só se autorizará se non dana dereitos de terceiras persoas.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Selección e contratación das persoas traballadoras

1. As persoas participantes serán seleccionadas pola entidade beneficiaria, segundo o disposto neste artigo con un mes de antelación, polo menos, ao inicio previsto dos contratos.

Para a cobertura dos contratos, as entidades beneficiarias poderán utilizar o Portal Emprego Galicia ou o Servizo Público de Emprego de Galicia, solicitando á oficina de emprego correspondente as persoas desempregadas para contratar.

Na oferta farase referencia aos requisitos e características que deben reunir as persoas traballadoras que se contratarán para o adecuado desempeño das funcións inherentes ao contrato.

2. Unha vez efectuada a selección dos traballadores e das traballadoras, as entidades e centros beneficiarios contratarán as persoas traballadoras seleccionadas utilizando a modalidade de contratación que mellor se axuste ás circunstancias concretas de cada iniciativa, acorde coa lexislación laboral, de prevención de riscos laborais e de Seguridade Social vixente.

3. Os contratos deberán ser comunicados no prazo de 15 días desde a súa realización, a través da aplicación Contrat@ á oficina de emprego que corresponda e levarán a indicación «Programa Investigo 2023. Mecanismo de recuperación e resiliencia», nos termos previstos na devandita aplicación.

4. Cando a entidade beneficiaria sexa unha Administración pública, a selección realizarase a través do Servizo Público de Emprego de Galicia e non será de aplicación a normativa establecida para os procedementos de selección de persoal das distintas administracións públicas. Neste caso, as persoas seleccionadas non se consideran incluídas nos correspondentes cadros de persoal ou relacións de postos de traballo, polo que non será precisa oferta de emprego público previa.

A través desta convocatoria non se poderán cubrir postos de traballo estruturais da Administración.

5. Os contratos deberán dar comezo antes do 15 de marzo de 2023, salvo en casos de forza maior ou por causas debidamente xustificadas, en que se poderá autorizar o aprazamento do inicio por parte da Secretaria Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

6. A persoa moza contratada terá os mesmos dereitos que o resto de traballadores da entidade, organismo, centro ou empresa, segundo o establecido no Estatuto dos traballadores, convenio colectivo de aplicación e contrato individual pactado. As entidades beneficiarias deberán facilitar ás persoas destinatarias a aplicación das medidas que teña xa implementadas para favorecer a conciliación da vida laboral, familiar, persoal e a igualdade de xénero.

7. A entidade beneficiaria comunicará a través da sede electrónica á Secretaria Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social o inicio dos contratos no prazo de cinco días hábiles desde o dito inicio, e indicará o número de persoas traballadoras desempregadas contratadas.

Xunto con esta comunicación presentará a autorización para a consulta automática dos datos das persoas contratadas, segundo modelo recollido no anexo IV desta orde, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta, en cuxo caso a entidade beneficiaria deberá achegar a documentación xustificativa correspondente.

Así mesmo deberá presentar debidamente cuberta a folla de cálculo denominada Anexo A_ DATOS AO INICIO DAS CONTRATACIÓNS dispoñible na sede Electrónica da Xunta.

8. A Secretaria Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social publicará unha instrución informativa para a realización do proceso de selección segundo o establecido na presente convocatoria.

Artigo 20. Forma de pagamento e xustificación da subvención

1. Comprobado o cumprimento dos requisitos establecidos na presente orde e resolta a concesión da axuda, procederase ao pagamento, con carácter anticipado, do 100 % da axuda, no número de conta, con inclusión do IBAN, indicado na solicitude, mediante o correspondente documento contable de pagamento.

No caso de que a beneficiaria da axuda sexa unha consellería da Xunta de Galicia, procederase segundo o previsto no artigo 3.3 desta orde.

2. O cumprimento dos requisitos acreditarase na solicitude mediante a declaración responsable da persoa beneficiaria, emitida baixo a súa responsabilidade e sen prexuízo da comprobación do seu cumprimento con posterioridade á resolución de concesión.

3. As entidades beneficiarias estarán exentas de constituír garantías, de conformidade co establecido nos artigos 65.4 e 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. As entidades beneficiarias, no prazo de dous meses computado desde a finalización das contratacións, presentarán, ante a Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, a xustificación do cumprimento das actuacións subvencionadas e dos gastos realizados, mediante o réxime de módulos de acordo ao previsto nos artigos 52 a 55 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Esta xustificación incluirá a seguinte documentación que deberá presentar a entidade beneficiaria:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, que inclúa expresamente as establecidas no artigo 8.2 desta orde, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, así como do cumprimento segundo o modelo que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia. A memoria incluirá as actuacións realizadas polas persoas participantes contratadas.

b) Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas en función dos resultados obtidos, segundo o modelo que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia, que conterá, como mínimo, os seguintes aspectos:

1º. Acreditación ou declaración da entidade beneficiaria sobre o número de unidades físicas consideradas como módulo, de conformidade co previsto no artigo 5, especificando a este fin:

Persoas contratadas, distinguindo o grupo de cotización da Seguridade Social que corresponda e tempo de contratación de cada unha delas, segundo o especificado no punto 3 do artigo 5.

2º. Contía global da subvención calculada sobre a base das actividades cuantificadas na memoria de actuación e os módulos recollidos no artigo 5, segundo o sistema de cálculo e cuantificación mediante custos unitarios establecido no devandito artigo.

A liquidación da subvención realizarase en función das persoas contratadas no proxecto, por ano (ou mes) de permanencia. En ningún caso a liquidación poderá superar a contía da subvención inicialmente concedida. O cálculo realizarase considerando o número de persoas contratadas, por ano (ou mes) de permanencia e polo módulo económico correspondente, en función do grupo de cotización da Seguridade Social.

3º. Detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia, así como a acreditación de ingresar, de ser o caso, o importe correspondente á diferenza entre a cantidade xustificada e a recibida en concepto de anticipo.

c) Xunto coa anterior documentación presentar debidamente cuberta a folla de cálculo denominada Anexo B_DATOS AO REMATE DAS CONTRATACIÓNS dispoñible na sede Electrónica da Xunta.

Con todo, segundo o disposto no artigo 55 do mencionado regulamento, as entidades beneficiarias estarán dispensadas da obriga de presentación de libros, rexistros e documentos de transcendencia contable ou mercantil ou calquera outra documentación xustificativa dos gastos realizados, sen prexuízo da obrigación da entidade beneficiaria de conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das correspondentes actuacións de comprobación e control, segundo dispón o artigo 11.f) da lei 9/2007, do 13 de xuño, así como de calquera outra obrigación derivada da normativa estatal ou da Unión Europea que así o exixa.

Artigo 21. Seguimento, control e avaliación

1. As entidades e centros beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas. Igualmente, deberán someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, a Oficina Europea de Loita contra o Fraude (OLAF), a oficina Nacional de Auditoría, e, cando proceda, a Fiscalía Europea.

2. En todo caso, as subvencións reguladas nesta orde estarán sometidas, así mesmo, ao seguimento, control e avaliación que se estableza para o Plan de reconstrución, transformación e resiliencia, así como ás obrigacións específicas relativas á información e publicidade, control, verificación, seguimento, avaliación e demais obrigacións impostas pola normativa interna e da Unión Europea que para o Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE se establezan e cuxa aplicación sexa de obrigado cumprimento, incluíndo o do principio de «non causar prexuízo significativo» (principio Do Not Significant Harm-DNSH).

Tanto na fase de concesión de axudas como na de pagamento destas ou con posterioridade a este, o órgano concedente, así como os órganos de control competentes, incluídos os recollidos no artigo 22.2.e) do Regulamento (UE) nº 2021/241, do 12 de febreiro de 2021, e o artigo 129 do Regulamento financeiro (Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046, do 18 de xullo de 2018, poderán realizar todos aqueles controis e inspeccións que consideren convenientes, co obxecto de asegurar o bo fin da axuda concedida, estando as entidades solicitantes obrigadas a prestar colaboración e proporcionar calquera outra documentación e información que se xulgue necesaria para a verificación do cumprimento das condicións establecidas na presente orde.

3 A concesión da axuda verase condicionada ao compromiso escrito da concesión dos dereitos e accesos necesarios para garantir que a Comisión, a Oficina Europea de Loita contra a Fraude, o Tribunal de Contas Europeo, a Fiscalía Europea e as autoridades nacionais competentes exerzan as súas competencias de control, de acordo co previsto no artigo 22.2.e) do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e no artigo 129.1 do Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018 (Regulamento financeiro) segundo o recollido no anexo I.

4. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade proporcionará a información periódica de xestión que acredite o estado de situación do programa en Galicia, respecto de fitos e obxectivos e sobre o gasto en que se incorreu, coa periodicidade que se determine para o Mecanismo de recuperación e resiliencia e a través dos medios informáticos habilitados con esta finalidade, logo da verificación desta.

Artigo 22. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Aboarlles ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes coa súa cualificación profesional e titulación.

c) Se é o caso, proporcionarlles ás persoas contratadas a roupa de traballo e os equipamentos necesarios e asegurar que se realizará o seu mantemento.

d) Para os efectos dun correcto seguimento do desempeño das tarefas subvencionadas, a entidade beneficiaria da subvención deberá manter unha planificación permanentemente actualizada respecto de cada unha das persoas traballadoras contratadas, no relativo ao lugar de realización do servizo e distribución do tempo de traballo. A dita planificación deberá estar á disposición da Administración actuante para achegala cando se lle requira.

e) Comunicarlle á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, nun prazo de 5 días hábiles desde que se produzan, aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as persoas contratadas, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

f) Comunicarlle á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

g) Manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados, referidos ás operacións de afectación da subvención á finalidade da súa concesión e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

Artigo 23. Perda do dereito ao cobramento, reintegros, réxime sancionador e devolución voluntaria da subvención.

1. No caso de que a entidade beneficiaria da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigacións estipuladas nesta orde, procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións ou, de ser o caso, o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora, nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se deba reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: perda do dereito ao cobramento, de ser o caso, ou reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado e a exixencia de xuros de demora.

b) Non realizar a actividade, ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado e a exixencia de xuros de demora.

c) Incumprimento das condicións establecidas nos artigos 8 e 19 desta orde de convocatoria para a selección e contratación das persoas traballadoras: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado e a exixencia de xuros de demora.

d) A baixa definitiva do persoal subvencionado producida antes da finalización da duración do contrato prevista na resolución de concesión, así como a suspensión do contrato con reserva do posto de traballo e a redución da xornada laboral, cando esta comporte redución proporcional do salario, segundo o previsto no Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores: reintegro proporcional en función dos custos xustificados e as actuacións acreditadas.

e) Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

f) Procederá o reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a entidade beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

g) O atraso no cumprimento da obriga de satisfacer ao seu vencemento, con independencia do cobramento da axuda, as obrigas económicas de carácter salarial: reintegro do 10 % do incentivo. Para o caso de reincidencia, entendendo como esta a segunda comisión deste incumprimento cunha mesma persoa traballadora: reintegro total do incentivo que corresponda á dita persoa.

3. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, será de aplicación o réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como, de ser o caso, o disposto no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado por Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de maio.

4. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Abanca ES82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 24. Identificación e publicidade

As actuacións subvencionadas que configuren o «Programa Investigo» obxecto desta orde, así como canta publicidade se faga sobre el deberá atoparse debidamente identificada de conformidade coas obrigacións que en materia de información, comunicación e publicidade determine a normativa interna e da Unión Europea para o Mecanismo de recuperación e resiliencia, quedando obrigadas as entidades beneficiarias destas subvencións a facer mención na súa publicidade da procedencia deste financiamento, velando por darlle visibilidade, incluído, cando cumpra, mediante o emblema da Unión e unha declaración de financiamento adecuado que indique «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU». Esta visibilidade farase, en particular, cando promovan as accións e os seus resultados, facilitando información coherente, efectiva e proporcionada dirixida a múltiples destinatarios, incluídos os medios de comunicación e o público.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á algunha entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional primeira. Achega de información

A Comunidade Autónoma galega achegará ao Servizo Público de Emprego Estatal a información e documentación necesaria para a adecuada xustificación para os efectos da recepción dos fondos europeos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, e atender os requirimentos que se lle fagan desde as institucións europeas.

Disposición adicional segunda. Dispoñibilidade orzamentaria

A distribución do crédito para o financiamento previsto no artigo 3 queda supeditada á aprobación da emenda técnica ao orzamento 2023 presentada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade en relación ao programa Investigo que se regula na presente orde.

A concesión das subvencións queda condicionada ás dispoñibilidades orzamentarias de cada exercicio económico.

Disposición adicional terceira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións de concesión de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición adicional cuarta. Comunicación á base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) e 17.3.b) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Igualmente, a Administración poderá acceder ao Rexistro de Titularidades e outras bases de datos análogas, de ser o caso, e poderá ceder información entre estes sistemas e o Sistema de Fondos Europeos, segundo as previsións contidas na normativa europea e nacional aplicable.

Disposición adicional quinta. Organismos autónomos da Administración

No ámbito da Administración da Xunta de Galicia, as subvencións a que se refire a presente orde poderán ser aboadas directamente ás consellerías a que estean adscritos os entes, órganos ou organismos autónomos que contraten as persoas mozas ao abeiro desta convocatoria, cando as solicitudes sexan subscritas polos órganos das consellerías con competencias en materia de persoal respecto dos entes, órganos ou organismos autónomos a eles adscritos.

Disposición adicional sexta. Normativa aplicable

No non previsto nesta orde observarase o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento, do 21 de xullo; na Lei 47/2003, do 26 de novembro, xeral orzamentaria; no Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e demais normativa tanto nacional como da Unión Europea aplicable á xestión, seguimento e control que se estableza para o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, así como as específicas relativas á información e publicidade, verificación e demais impostas pola normativa da Unión Europea, cuxa aplicación será de obrigado cumprimento, e demais normativa que resulte de aplicación con carácter xeral.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións, instrucións, aclaracións ou interpretacións necesarias para a aplicación, desenvolvemento e cumprimento da presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2022

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file