Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 4 de xaneiro de 2023 Páx. 1286

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se modifica a Resolución do 24 de novembro de 2021 pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso en diversas clases de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989, do 23 de outubro), para ampliar o número de prazas.

Os decretos 162/2018, do 13 de decembro, 34/2019, do 28 de marzo, 219/2020, do 3 de decembro, e 74/2021, do 8 de abril, aprobaron as ofertas de emprego público do persoal sanitario funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia (Lei 17/1989, do 23 de outubro) para os anos 2018, 2019, 2020 e 2021, respectivamente.

Nelas autorizouse a convocatoria dun total de noventa e catro (94) prazas correspondentes ás clases de farmacéutico/a inspector/a de saúde pública (18), inspector/a farmacéutico/a (5), inspector/a médico/a (19), licenciado/a en ciencias biolóxicas (3), licenciado/a en ciencias químicas (5), licenciado/a en farmacia (6), licenciado/a en medicina e cirurxía (19), licenciado/a en psicoloxía (2), ATS/DUE (11) e subinspector/a sanitario/a (6) .

Pola Resolución do 24 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 235, do 9 de decembro), convocouse concurso oposición para o ingreso en tales clases.

O Decreto 82/2022, do 25 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal do persoal sanitario funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia, en desenvolvemento do artigo 2 da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público (Diario Oficial de Galicia núm. 102, do 30 de maio), autoriza a convocatoria, polo sistema de concurso-oposición, dun total de dúas (2) prazas, unha pertencente á clase de inspector/a médico/a e outra á clase de ATS/DUE.

No artigo 3.1 deste mesmo decreto establécese que o sistema de selección para a cobertura de tales prazas será o de concurso-oposición, cunha fase de oposición que terá unha valoración do sesenta por cento da puntuación total do proceso, e a fase de concurso, cunha valoración do corenta por cento da puntuación total, que terá en conta maioritariamente a experiencia profesional no corpo, escala, categoría ou equivalente de que se trate. Así mesmo, prevé a posibilidade de acumulación de probas nun mesmo exercicio e sesión, así como o carácter non eliminatorio dalgún/s exercicio/s.

O proceso selectivo en tramitación respecta as exixencias contidas neste decreto, aprobado en execución da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.

A puntuación máxima que se pode obter no proceso convocado é de 100 puntos, dos cales 60 corresponden á fase de oposición e 40 á fase de concurso. Na fase de concurso, a valoración da experiencia profesional representa o mérito cuantitativamente máis relevante; a maior puntuación, dentro desta parte, atribúese á experiencia profesional en postos da mesma clase.

Razóns organizativas, asistenciais e de eficiencia na xestión dos procesos de selección fan oportuna a tramitación dun único proceso, ampliando o número de prazas convocadas coas resultantes da aprobación do Decreto 82/2022, do 25 de maio, de oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal do persoal sanitario funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria.

En virtude do exposto, este centro directivo, logo do seu tratamento na Mesa Xeral de Negociación dos Empregados Públicos e no uso das competencias que lle atribúe o artigo 18 do Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (Diario Oficial de Galicia núm. 208, do 31 de outubro),

RESOLVE:

Primeiro. Modificar o anexo I da Resolución do 24 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso en diversas clases de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria, Lei 17/1989, do 23 de outubro (Diario Oficial de Galicia núm. 235, do 9 de decembro).

O número total de prazas que se convoca neste proceso selectivo é o que se indica no anexo desta resolución, con expresión diferenciada para cada unha das clases.

Segundo. Reabrir o prazo de quince días contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para a presentación de solicitudes de participación neste proceso, nas clases de ATS/DUE e inspector/a médico/a.

As persoas aspirantes que presentasen a solicitude de participación para estas clases neste proceso no prazo de inscrición comprendido entre o 10 de decembro de 2021 e o 10 de xaneiro de 2022 non terán que presentar nova instancia de participación, ben que deberán presentar os méritos obtidos con posterioridade ao 9 de decembro de 2021 ata o día de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para os efectos da súa valoración no proceso.

Terceiro. As bases, programas das probas selectivas, exercicios, baremos e procedemento de acreditación de méritos para este proceso serán os aprobados pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 24 de novembro de 2021 (Diario Oficial de Galicia núm. 235, do 9 de decembro).

Os requisitos de participación no proceso deberán reunirse dentro do prazo de presentación de solicitudes e no momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira.

Os méritos que se terán en conta na fase de concurso serán os recollidos no anexo IV da resolución de convocatoria e valoraranse con referencia ao día de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta dirección, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente na xurisdición contencioso-administrativa nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2022

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO I

Prazas e titulación

Clase

Grupo

Subgrupo

Acceso libre

Promoción interna

Reserva discapacidade

Total

Titulación

Farmacéutico/a inspector/a de saúde pública

A

A1

11

5

2

18

Título oficial de graduado/licenciado en Farmacia.

Inspector/a farmacéutico/a

A

A1

3

1

1

5

Título oficial de graduado/licenciado en Farmacia.

Inspector/a médico/a

A

A1

13

5

2

20

Título oficial de graduado/licenciado en Medicina.

Licenciado/a en ciencias biolóxicas

A

A1

2

1

3

Título oficial de graduado/licenciado en Bioloxía.

Licenciado/a en ciencias químicas

A

A1

4

1

5

Título oficial de graduado/licenciado en Química.

Licenciado/a en farmacia

A

A1

5

1

6

Título oficial de graduado/licenciado en Farmacia.

Licenciado/a en medicina e cirurxía

A

A1

12

5

2

19

Título oficial de graduado/licenciado en Medicina.

Licenciado/a en psicoloxía

A

A1

1

1

2

Título oficial de graduado/licenciado en Psicoloxía.

ATS/DUE

A

A2

8

3

1

12

Título oficial de graduado/diplomado en Enfermaría ou equivalente.

Subinspector/a sanitario/a

A

A2

5

1

6

Título oficial de graduado/diplomado en Enfermaría ou equivalente.