Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 4 de xaneiro de 2023 Páx. 1308

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

ANUNCIO do 22 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos, polo que se fai pública a información requirida segundo o disposto no artigo 26 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, en relación coa aprobación do programa Galicia Feder 2021-2027.

O día 7 de decembro de 2022 aprobouse o programa Galicia Feder 2021-2027 mediante a Decisión de execución da Comisión C(2022) 9307 final.

En cumprimento do disposto no artigo 26 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, faise pública a seguinte documentación:

a) A resolución da Comisión C(2022) 9307 final pola que se aproba o programa Galicia Feder 2021-2027.

Esta resolución e o programa Galicia Feder 2021-2027 pódense consultar no seguinte enderezo electrónico:

https://www.conselleriadefacenda.gal/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2021-2027/programas-operativos-2021-2027/po-feder-2021-2027

b) Extracto que inclúe os seguintes aspectos:

1º. De que maneira se integraron no plan ou programa os aspectos ambientais.

Segundo se desprende da resolución pola que se formula a declaración ambiental estratéxica, o programa Feder constitúe en si mesmo un instrumento con orientación ambiental, e unha das funcións deste fondo é promover un desenvolvemento sustentable e afrontar os retos ambientais e climáticos, en especial a transición cara a unha economía climaticamente neutra de aquí ao ano 2050. Con todo, algunhas das futuras actuacións financiables poderían afectar o ambiente e, segundo o caso, deberán ser sometidas ao preceptivo procedemento de avaliación ambiental conforme o disposto na lexislación vixente.

No estudo ambiental estratéxico establécese que as actuacións que poidan afectar espazos naturais protexidos terán en conta as determinacións que establece o Plan director da Rede Natura 2000 para o seu ámbito territorial de aplicación, así como as contidas nos instrumentos de planificación e xestión que resulten de aplicación nos demais espazos protexidos declarados ao abeiro da Lei 5/2019, do patrimonio natural e a biodiversidade de Galicia. Entre os criterios de selección de operacións financiables inclúense proxectos que poidan beneficiar especies do Catálogo de especies ameazadas e a espazos da Rede Natura e da Rede galega de espazos protexidos. Nos espazos naturais protexidos unicamente se consideran actuacións de restauración e conservación.

Como medida de protección da paisaxe priorizaranse as accións que teñan menor afección paisaxística.

O programa recolle a necesidade de que as actuacións susceptibles de afectar os bens do patrimonio cultural ou o seu contorno de protección deberán ser sometidas a informe e/ou autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural.

O cambio climático constitúe un dos principais retos ambientais do programa e foi considerado como de aplicación transversal en todas as medidas programadas. Así, algunhas actuacións previstas en materia de enerxía (OE.2.1, OE.2.2), riscos (OE.2.4) e mobilidade (OE.3.2) están orientadas especificamente á redución da emisión dos gases de efecto invernadoiro (GEI).

O programa prevé financiar actuacións fronte ás inundacións atendendo ás previsións dos plans de xestión de risco de inundación das demarcacións hidrográficas que afectan o territorio galego e en coordinación cos organismos de bacía, para que as medidas se apliquen da forma máis eficaz e eficiente. En todo caso, o programa só actuará en determinadas zonas da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa seleccionadas na avaliación de riscos do seu plan de xestión.

As actuacións propostas en materia de xestión da seca terán en conta os plans de seca elaborados para cada demarcación hidrográfica. Atendendo ás observacións da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o programa recolle a necesidade de dar cumprimento ao disposto no artigo 39 do Regulamento da planificación hidrolóxica en todo proxecto financiado con fondos do programa que poida implicar modificacións das características físicas da masa de auga superficial ou alteracións do nivel das masas de auga subterránea, ou supoñan a deterioración do estado da masa de auga superficial ou subterránea.

No programa tense en conta o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) para a formulación dos obxectivos e actuacións relacionados coa materia.

A través do obxectivo específico OE.3.2, o programa prevé financiar actuacións relacionadas co desenvolvemento e reforzo dunha mobilidade sostible, resistente ao cambio climático, intelixente e intermodal a escala nacional, rexional e local.

O programa ten en consideración a normativa vixente en materia de residuos e os instrumentos de planificación aprobados (Estratexia galega de economía circular 2020-2030, Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia e Plan de xestión de residuos industriais de Galicia), establece a correspondente relación cos seus obxectivos específicos e xustifica o cumprimento dos criterios recollidos no Plan de xestión de residuos urbanos (cadro 12 do programa. Condicións favorables).

2º. Como se tomaron en consideración no programa o estudo ambiental estratéxico, os resultados da información pública e das consultas e a declaración ambiental estratéxica.

A resolución pola que se formula a declaración ambiental estratéxica do programa de Galicia Feder 21-24 considera este programa ambientalmente viable. Ademais, especifica que:

• O promotor elaborou o estudo ambiental estratéxico e a versión inicial do programa tendo en conta o documento de alcance.

• A estrutura e o contido do estudo ambiental estratéxico son conforme o requirido no anexo IV da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e no documento de alcance emitido por este órgano ambiental.

Como consecuencia da achega realizada pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil no trámite de participación pública e consulta ás administracións públicas afectadas, na documentación remitida á Comisión especificouse que se terá en consideración que toda actuación recollida no programa Galicia Feder 21-27 inclúa a exixencia do cumprimento do disposto no artigo 39 do Regulamento da planificación hidrolóxica, sempre que poida implicar modificacións, alteracións ou deterioracións sobre as masas de auga. As actuacións deben ser conformes e compatibles coas previsións dos plans de xestión de risco de inundación e plans hidrolóxicos das demarcacións hidrográficas que afecten o territorio galego. Calquera actuación que requira dunha autorización ou concesión en materia de utilización e ocupación do dominio público hidráulico e as súas zonas de protección someterase ao previsto no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas, e o Regulamento do dominio público hidráulico.

En atención á achega realizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural no trámite de participación pública e consultas, na documentación remitida á Comisión especificouse que, con base nos artigos 39 e 45 da Lei do patrimonio cultural de Galicia, as actuacións que puidesen afectar o patrimonio cultural de Galicia terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural.

3º. As razóns da elección da alternativa seleccionada, en relación coas alternativas consideradas.

No documento inicial estratéxico foron consideradas dúas alternativas: a alternativa cero, que sería non aprobar o programa, e a alternativa 1, que propón manter un enfoque continuista sobre a base do programa operativo Feder 2014-2020. Óptase por desenvolver a alternativa 1 co fin de cumprir os obxectivos que a normativa reguladora dos fondos europeos establece para o período 2021-2027 e non perder a asignación de fondos Feder a Galicia.

c) As medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do plan ou programa.

Para valorar a incidencia do programa sobre os distintos compoñentes ambientais do medio, seleccionaranse todos os indicadores do programa de carácter ambiental, co obxecto de xuntar o sistema de seguimento ambiental co procedemento de seguimento do PO e así simplificar os requisitos de información. Os indicadores seleccionados clasificáronse segundo compoñentes ambientais co fin de facilitar a valoración da incidencia do programa operativo en diferentes ámbitos. O seguimento consistirá en valorar a consecución dos fitos en 2024 e das metas en 2029 dos indicadores de realización e as metas en 2029 dos indicadores de resultado.

Ademais, farase un seguimento na fase de execución dos campos de intervención programados para comprobar os requisitos regulamentarios de contribución ao cambio climático e contribución ao ambiente.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2022

Ángel Tarrío Tobar
Director xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos