Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 5 de xaneiro de 2023 Páx. 2251

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 27 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, mediante o sistema de concurso, para o ingreso en diversas clases de persoal sanitario funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989, do 23 de outubro).

A Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público (BOE núm. 312, do 29 de decembro), ten por obxecto situar a taxa de temporalidade estrutural por debaixo do 8 por cento no conxunto das administracións públicas españolas.

Con tal obxectivo e adicionalmente aos procesos de estabilización previstos nos artigos 19.Un.6 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017, e 19.Un.9 da Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018, dita lei autorizou unha taxa adicional para a estabilización do emprego temporal que incluirá as prazas de natureza estrutural que, estando ou non dentro das relacións de postos de traballo, cadros de persoal ou outra forma de organización dos recursos humanos contempladas nas distintas administracións públicas, se encontren dotadas orzamentariamente e estivesen ocupadas de forma temporal e ininterrompidamente como mínimo nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2020.

Así mesmo, na súa disposición adicional sexta prevé, con carácter excepcional e por unha única vez, a convocatoria polo sistema de concurso daquelas prazas que, reunindo os requisitos establecidos no artigo 2.1 desta mesma lei, estivesen ocupadas con carácter temporal de forma ininterrompida con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2016 e na súa disposición adicional oitava establece que, adicionalmente, os procesos de estabilización contidos na disposición adicional sexta incluirán nas súas convocatorias as prazas vacantes de natureza estrutural ocupadas de forma temporal por persoal cunha relación desta natureza anterior ao 1 de xaneiro de 2016.

Neste marco legal de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego, aprobouse por Decreto 82/2022, do 25 de maio (Diario Oficial de Galicia núm. 102, do 30 de maio), a oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal do persoal sanitario funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

Como así se indica no propio decreto, dada a natureza dos procesos de estabilización, destinados a reducir a temporalidade no emprego público, non procede efectuar reserva de prazas por promoción interna, dado que cada cobertura de prazas por este sistema de acceso supón a simultánea xeración dunha praza vacante doutra categoría ou clase.

En desenvolvemento do artigo 3.2 deste decreto e de conformidade coas disposicións adicionais sexta e oitava da Lei de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, este centro directivo, logo de negociación coa representación sindical no seo da Mesa Xeral de Negociación dos Empregados Públicos e no uso das competencias que lle atribúen o artigo 18 do Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (Diario Oficial de Galicia núm. 208, do 31 de outubro), e o artigo 7 da Orde do 22 de abril de 2020, de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (Diario Oficial de Galicia núm. 82, do 29 de abril de 2020), resolve convocar proceso selectivo, mediante o sistema de concurso de méritos, para o ingreso nas clases de farmacéutico/a inspector/a de saúde pública, inspector/a médico/a e subinspector/a sanitario/a, de acordo coas seguintes

Bases

I. Normas xerais.

1.1. Prazas.

1.1.1. Convócase concurso de méritos para o ingreso nas clases de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Lei 17/1989, do 23 de outubro) que se especifican no anexo I da presente resolución.

1.1.2. O número de prazas que se convoca neste proceso selectivo é o que se detalla para cada unha das clases no citado anexo I, con expresión diferenciada polo seu sistema de acceso.

1.2. Sistemas de acceso.

As persoas interesadas poderán participar neste proceso selectivo por algún dos seguintes sistemas de acceso: acceso libre ou acceso a persoas con discapacidade.

Os/as aspirantes só poderán participar nunha das quendas citadas. Logo de finalizado o prazo de inscrición non se permitirá ningún cambio na modalidade de acceso.

Como excepción, os/as aspirantes que soliciten participar pola quenda de discapacidade e non dispoñan no momento de presentar a inscrición, malia telo solicitado, do certificado de recoñecemento do grao de discapacidade emitido polo órgano competente, deberán sinalar no formulario electrónico de inscrición a dita circunstancia no espazo habilitado para o efecto, efectuar o pagamento da taxa correspondente e achegar a solicitude de recoñecemento de discapacidade presentada.

Neste suposto, resultará admitido/a pola quenda de discapacidade e poderá solicitar o reintegro da taxa aboada sempre que acredite documentalmente ter recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, nos termos exixidos na convocatoria, o último día do prazo de presentación de reclamacións contra a listaxe provisional de admitidos/excluídos. Noutro suposto, resultará admitido polo sistema de acceso libre.

1.3. Persoas con discapacidade.

1.3.1. De conformidade co establecido na lexislación do emprego público de Galicia e o artigo 5 do Decreto 82/2022, do 25 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal do persoal sanitario funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria da CCAA de Galicia, en desenvolvemento da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público resérvase o número de prazas que se concreta no anexo I para seren cubertas por persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao trinta e tres por cento, sempre que superen o proceso selectivo e acrediten a súa discapacidade e a compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.

1.3.2. No suposto de que algún/algunha aspirante con discapacidade que se presente pola cota de reserva supere o proceso selectivo e non obteña praza na citada cota, e a súa puntuación sexa superior á obtida por outros/as aspirantes da quenda de acceso libre, será incluído/a pola súa orde de puntuación na quenda de acceso libre.

1.3.3. Os/as aspirantes con discapacidade, opten ou non opten por participar na quenda reservada a persoas con discapacidade, poderán solicitar adaptación de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios. Os/as interesados/as, agás causas sobrevidas, deberán formular a correspondente petición concreta na solicitude de participación, na cal deberán reflectir con claridade as necesidades específicas que ten o/a candidato/a para acceder ao proceso de selección en condicións de igualdade, para o cal deberán achegar o ditame técnico facultativo emitido polo órgano técnico de cualificación do grao de discapacidade competente, que acredite de forma fidedigna a/as deficiencia/s permanente/s que deron orixe ao grao de discapacidade recoñecido.

As solicitudes de adaptación serán resoltas polo órgano de selección. Para tal efecto, o tribunal poderá requirir informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos demais órganos competentes. A adaptación non se outorgará de forma automática senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vaia realizar.

1.3.4. Co fin de garantir a protección da saúde dos/das aspirantes que superen definitivamente o proceso selectivo pola quenda de reserva de persoas con discapacidade, efectuarase unha avaliación inicial da súa saúde que permita adoptar as medidas preventivas e de protección necesarias para evitar que se poidan ver afectados/as de xeito singular por algún risco laboral identificado no seu posto de traballo.

1.3.5. Segundo o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, se as prazas reservadas e que as persoas con discapacidade cubrisen non acadan a porcentaxe do tres por cento das prazas convocadas na correspondente oferta de emprego público, as prazas non cubertas do número total das reservadas acumularanse á porcentaxe do sete por cento da oferta seguinte, cun límite máximo do doce por cento. Noutro caso, as prazas reservadas á quenda de discapacidade, non cubertas, acumularanse ao acceso libre.

II. Requisitos.

As persoas interesadas en participar neste proceso deberán posuír na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes e no momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira da escala de saúde pública e administración sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia os seguintes requisitos:

2.1. Requisitos comúns para todas as quendas de acceso.

2.1.1. Nacionalidade:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dun Estado membro da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, estar incluído no ámbito de aplicación dos Tratados Internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España nos que sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as ou ter recoñecido tal dereito por norma legal.

b) Así mesmo, poderán participar o cónxuxe dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, así como os seus descendentes e os do seu cónxuxe, sempre que non estean separados de dereito, e sexan menores de vinte e un anos ou maiores de dita idade dependentes.

2.1.2. Idade: Ter cumpridos os dezaseis anos de idade e non exceder da idade de xubilación forzosa legalmente vixente.

2.1.3. Capacidade funcional: Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

2.1.4. Habilitación: Non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración Pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial.

No suposto de nacionais doutros Estados, non estar inhabilitado ou en situación equivalente, nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público.

2.1.5. Titulación: Estar en posesión da titulación que se especifica no anexo I desta resolución ou estar en condicións de obtela dentro do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de titulacións extracomunitarias ou obtidas noutro Estado membro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou a credencial de recoñecemento do título para efectos profesionais, respectivamente.

2.1.6. Aboar as taxas por dereito de exame, de ser o caso.

Non poderán formalizar a súa inscrición no proceso selectivo as persoas que reunisen en dita data a condición de persoal funcionario de carreira da mesma clase á que opta.

2.2. Requisitos específicos. Persoas con discapacidade.

Ademais dos requisitos anteriores, os/as aspirantes que se presenten pola quenda de persoas con discapacidade terán que ter recoñecida a condición legal de persoa cun grao de discapacidade igual ou superior ao trinta e tres por cento.

Aos efectos de acceso ao proceso selectivo, os pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente en grao de total, absoluta ou gran invalidez, considéranse afectados por unha discapacidade en grao igual ou superior ao 33 %.

2.3. Taxas.

2.3.1. Formalización do pagamento das taxas.

Por imperativo legal, de conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia e na Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, como requisito necesario para participar no proceso selectivo, deberase aboar previamente en concepto de dereitos de exame o importe da taxa que se indica a continuación e, de ser o caso, os gastos de transferencia correspondentes, en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Clase

Taxa

Farmacéutico/a inspector/a de saúde pública

44,17 €

Inspector/a médico/a

44,17 €

Subinspector/a sanitario/a

38,02 €

Para o ingreso da taxa empregarase un impreso de autoliquidación como o sinalado no anexo V. Tal impreso, así como os códigos para a súa formalización seranlles facilitados ás persoas interesadas nos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e estarán dispoñibles na páxina web do Servizo Galego de Saúde, no apartado de emprego público. A non presentación deste impreso de autoliquidación, -no que deberá figurar a data e o selo da entidade bancaria-, xunto co formulario de inscrición no proceso, determinará a exclusión da persoa aspirante.

Poderase tamén realizar o pagamento da taxa por internet nas entidades financeiras actualmente autorizadas. Para isto, deberán acceder á oficina tributaria, a través da oficina virtual na páxina web do CIXTEC (www.cixtec.es) e premer a ligazón Oficina Virtual-Tributaria (cor azul), entrar a servizos de acceso libre e taxas, prezos, multas e sancións. Neste caso, unha vez efectuado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de ter aboada a taxa (modelo 730), que será o que se presente xunto coa solicitude.

Así mesmo, o/a solicitante poderá facer efectivo o pagamento da taxa a través de Fides/expedient-e, habilitándose un enlace directo ao sistema de pago electrónico de taxas da Consellería de Facenda. Neste suposto, non será necesaria a presentación do xustificante de ter aboada a correspondente taxa xunto coa solicitude.

En ambos supostos, a presentación do xustificante de aboamento non suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude de participación no proceso.

2.3.2. Exención e bonificación no aboamento da taxa.

Estarán exentos do pagamento da taxa por dereito de inscrición:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Aplicarase unha bonificación do 50 % á inscrición solicitada:

– Polas persoas que sexan membros de familias numerosas de categoría xeral.

– Polas persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas nas cales soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

– Polas vítimas do terrorismo, entendendo por tales as persoas que sufrisen danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista, o seu cónxuxe ou persoa que convivise con análoga relación de afectividade, o cónxuxe do falecido e os fillos dos feridos e falecidos.

As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando xunto coa solicitude de participación no proceso a seguinte documentación:

– Copia compulsada da cualificación de discapacidade ou da resolución pola que se lle recoñece a incapacidade permanente.

– Copia compulsada do título oficial de familia numerosa, de carácter ordinario ou especial.

– Certificación negativa da percepción actual de prestación/subsidio por desemprego e da antigüidade como demandante de emprego expedida polo Servizo Público de Emprego.

– Copia compulsada ou electrónica auténtica da sentenza xudicial firme, ou resolución administrativa pola cal se recoñece a condición de vítima do terrorismo.

2.3.3. Devolución de taxas.

O importe aboado en concepto de dereitos de exame devolverase, logo dos trámites correspondentes, aos/ás aspirantes excluídos/as que o soliciten no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da listaxe definitiva de admitidos/as e excluídos/as.

2.4. Rexistro electrónico dos requisitos de participación.

As persoas interesadas en participar no proceso selectivo deberán declarar no formulario electrónico de inscrición que reúnen todos os requisitos de participación esixidos nesta convocatoria segundo a quenda de acceso pola que opten. Ao formulario electrónico de inscrición accederase a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) no apartado Fides/expedient-e/Sección de Procesos/Concurso de Méritos.

2.5. Prazo e procedemento de acreditación dos requisitos de participación.

2.5.1. As persoas aspirantes, excepto no suposto e respecto da documentación que se sinala na base 2.6, deberán presentar xunto coa solicitude de participación, e dentro do prazo de presentación de instancias a seguinte documentación:

1. Fotocopia do documento nacional de identidade, pasaporte ou número de identidade estranxeiro en vigor.

Os/as aspirantes que non teñan a nacionalidade española e teñan dereito a participar neste proceso selectivo segundo o disposto na base 2.1.1.b) deberán presentar copia compulsada ou electrónica auténtica da tarxeta de residencia de familiar de cidadán da Unión Europea en vigor.

2. Xustificante de ter aboado os dereitos de exame. As persoas exentas ou con bonificación no pagamento das taxas deberán presentar copia cotexada da documentación que acredite este dereito nos termos esixidos na base 2.3.2.

3. Fotocopia compulsada do título exixido para o ingreso na correspondente clase ou a documentación acreditativa de estar en condicións de obtelo, nos termos previstos nos anexos I e III desta resolución.

Deberá presentarse tradución xurada ou equivalente segundo o disposto no anexo III daqueles títulos que estean redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español.

No caso de titulacións extracomunitarias ou obtidas noutro Estado membro da Unión Europea, deberá presentarse ademais o documento que acredite fidedignamente a súa homologación e recoñecemento, repectivamente.

O/a aspirante non terá a obriga de achegar a documentación acreditativa da titulación cando a mesma conste como validada (V) en FIDES/expedient-e.

2.5.2. As persoas que accedan pola quenda de discapacidade deberán presentar, ademais da documentación anterior, copia compulsada do documento que lles acredite teren recoñecida a condición legal de persoa cun grao de discapacidade igual ou superior ao trinta e tres por cento, expedido polo órgano competente para o recoñecemento e cualificación do grao de discapacidade, ou a resolución pola que se lle recoñece a incapacidade permanente.

2.5.3. A falta de acreditación pola persoa interesada dos requisitos de participación determinará a súa exclusión do proceso de selección.

2.5.4. En todo caso, a autoridade convocante reservarase o dereito a exixir que se acredite convenientemente a existencia ou non dos requisitos de participación e idoneidade dos/das aspirantes, en calquera momento anterior á resolución definitiva do concurso de méritos.

2.6. Verificación dos requisitos de participación a través da plataforma de intermediación.

2.6.1. Excepto no suposto de oposición expresa do/da aspirante manifestada no espazo habilitado ao efecto no formulario electrónico de inscrición no proceso (Fides/expedient-e), o órgano convocante procederá a verificar na plataforma de intermediación (PasaXe!) a seguinte documentación acreditativa dos requisitos de participación:

– DNI/NIE.

– Certificado de discapacidade expedido por un órgano da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Condición de demandante de emprego no territorio nacional e de non ser perceptor de prestación ou subsidio por desemprego.

– Título de Familia Numerosa na Comunidade Autónoma de Galicia.

Fóra destes supostos ou cando conste a oposición expresa á súa consulta, os/as aspirantes deberán presentar a documentación acreditativa de todos os requisitos nos termos que se indican na base 2.5.

2.6.2. Se unha incidencia técnica debidamente acreditada imposibilitase o funcionamento ordinario dos sistemas, o órgano convocante poderá requirir ao/á aspirante a acreditación en papel de todos os requisitos de participación.

III. Méritos.

3.1. Méritos a valorar.

Os méritos a ter en conta neste concurso serán os recollidos no Anexo II e valoraranse con referencia á data da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Tales méritos deberán estar debidamente rexistrados no sistema informático Fides/expedient-e e acreditados documentalmente pola persoa interesada na forma e prazos que se indican nesta convocatoria.

3.2. Rexistro electrónico e acreditación de méritos.

3.2.1. Para o rexistro electrónico dos méritos, os/as aspirantes deberán proceder da seguinte forma:

As persoas interesadas accederán a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) ao expediente electrónico do profesional (FIDES/expedient-e) segundo se indica no anexo IV destas bases e comprobarán os datos do seu currículo baremables no proceso de selección que constan rexistrados na aplicación informática, así como o seu estado.

Se non consta ningunha información ou está incompleta, a persoa aspirante, ata o último día do prazo de presentación de solicitudes, deberá rexistrar no sistema Fides/Expediente-e os méritos que posúe para os efectos da súa valoración no concurso de méritos. Logo do seu rexistro electrónico, deberá imprimir a solicitude de validación, que estará dispoñible na aplicación informática na epígrafe de «informe».

A solicitude de validación para este proceso dirixirase a unha unidade de validación das relacionadas no formulario electrónico de inscrición e poderá presentarse ata o último día do prazo de presentación de instancias en rexistro administrativo, electrónico ou presencial, ou a través de calquera dos procedementos que se indican na base 5.2.

3.2.2. Xunto coa solicitude de validación, o/a aspirante deberá achegar a documentación acreditativa dos méritos que figuren pendentes de validación nos termos que se indican no anexo III. Só se admitirá como medio de acreditación válido o que se indica para cada un dos méritos no indicado anexo.

A documentación acreditativa dos méritos deberá presentarse na orde que figura cada un dos méritos na solicitude de validación.

3.2.3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva non se admitirá, unha vez rematado o prazo de presentación de instancias e para os efectos da súa valoración neste proceso, ningunha documentación acreditativa de novos méritos aínda que consten rexistrados no expediente electrónico, agás aquela documentación que, esixida no anexo III e constando documentalmente ter sido solicitada polo/a interesado/a ao organismo ou entidade competente no prazo de presentación de solicitudes ou nun momento anterior, esta non fose recepcionada polo/a interesado/a no indicado prazo, suposto en que se admitirá a súa presentación no prazo de reclamación contra a lista provisional de admitidos/excluídos.

Fóra deste suposto e prazo non se admitirá a presentación de ningunha documentación acreditativa de novos méritos.

3.2.4. Aquelas persoas que, con anterioridade á data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia solicitasen, mediante a achega da documentación correspondente, a validación dalgún mérito previamente rexistrado no expediente electrónico e que se atope validado ou pendente de catalogar pola Administración, non terán que presentar novamente a documentación acreditativa de tal/es mérito/s agás a complementaria que resulte necesaria para a súa actualización.

É responsabilidade do/da aspirante a actualización de méritos consonte a data de referencia deste proceso mediante a presentación de novos certificados. No suposto de que non se produza tal actualización, só se terán en conta os achegados inicialmente.

3.2.5. Aquelas persoas que, con anterioridade á data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia solicitasen, mediante a presentación da documentación correspondente, a validación dalgún mérito previamente rexistrado no expediente electrónico e que se atope pendente de validar, deberán presentar, de ser o caso, dentro do prazo de presentación de solicitudes, a documentación complementaria para acreditar debidamente o mérito nos termos do anexo III.

3.2.6. Aquelas persoas que, con anterioridade á data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia rexistrasen no sistema informático os seus méritos, que figuran como pendentes de validar sen que presentasen ningunha documentación acreditativa deles, deberán solicitar a súa validación e acreditar documentalmente a súa posesión nos termos do anexo III dentro do prazo de presentación de instancias para que poidan ser, se é o caso, valorados no dito procedemento.

3.2.7. Non será necesaria a acreditación documental do cumprimento dos seguintes méritos:

– A experiencia profesional como persoal estatutario nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade.

– A formación recibida e impartida pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

3.2.8. A Administración poderá requirir, en calquera momento, a achega de documentación complementaria acreditativa de calquera requisito ou mérito aínda que conste validado.

3.2.9. Para os efectos deste proceso, e sen prexuízo da súa validación e catalogación nun momento posterior, poderán deixarse sen validar e catalogar no expediente electrónico persoal do/da aspirante aqueles méritos que non teñan incidencia na puntuación a asignar no concurso de méritos por ter acadado o/a aspirante, cos méritos xa validados e catalogados, a puntuación máxima na respectiva epígrafe do baremo.

3.2.10. Os méritos que na data de publicación desta convocatoria figuren como validados en Fides/expedient-e permanecerán no dito estado, agás nos supostos en que se aprecie un erro de validación que obrigue á súa modificación.

Os méritos que non consten rexistrados no sistema informático na data de finalización do prazo de presentación de instancias non serán obxecto de valoración.

IV. Acreditación do coñecemento da lingua galega.

Para os efectos da asignación da puntuación prevista na base 8.1.3 desta convocatoria, aqueles/as aspirantes de calquera quenda de acceso, que estean en posesión do Celga 4, curso de perfeccionamento de galego ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido na Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007, que regula os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, deberán rexistrar este na epígrafe «idiomas» do expedient-e e achegar copia compulsada do mesmo dentro do prazo de presentación da solicitude de participación, salvo que xa conste este título como validado no expedient-e.

V. Solicitude.

5.1. Formulario de inscrición.

5.1.1. As persoas que desexen tomar parte no proceso selectivo deberán cubrir solicitude de participación, en modelo normalizado, a través da Oficina Virtual do Profesional (FIDES/expedient-e/Sección de Procesos/Concurso de Méritos), á cal se accederá seguindo as instrucións que se establecen no anexo IV, e que logo de formalizada electronicamente deberán imprimir, asinar e presentar nos lugares e prazo indicados nos apartados 5.2 e 5.3, respectivamente.

5.1.2. Non se admitirán as solicitudes que conteñan algunha emenda, marca ou riscadura no formulario de participación ou en calquera dos documentos acreditativos dos requisitos de participación.

As modificacións que, con carácter excepcional, resulte necesario que efectúe o/a aspirante nalgún dos datos contidos na solicitude de participación impresa efectuaranse mediante escrito dirixido á mesma unidade de validación á cal se dirixa a instancia de participación e no cal se indicará con claridade a modificación que se pretende.

Tal solicitude de modificación deberá presentarse, xunto coa instancia que modifica ou copia desta, a través do procedemento e prazo previstos na cláusula 5.2 e 5.3 desta convocatoria.

Transcorrido o prazo para a presentación de solicitudes, non se admitirán as modificacións das solicitudes previamente presentadas.

5.1.3. A consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación achegada polos/as aspirantes sancionarase coa anulación da solicitude, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

5.1.4. O domicilio que figure nas solicitudes considerarase como o único válido aos efectos de notificacións, sendo responsabilidade exclusiva do/da aspirante tanto o erro na súa consignación como a comunicación ao Servizo Galego de Saúde de calquera cambio do mesmo. O mesmo será aplicable aos outros medios de comunicación posibles, como os teléfonos de contacto e o correo electrónico.

A Administración convocante poderá comunicar a través de Fides/expedient-e, de forma xeral ou individualizadamente, calquera nova que se produza no desenvolvemento do proceso.

5.1.5. Xunto coa solicitude de participación, a persoa aspirante deberá achegar a documentación esixida na base 2.5, a xustificación documental de todos os méritos previamente rexistrados no expediente electrónico que non acreditase nos termos da base 3.2 e, se é o caso, a documentación acreditativa do coñecemento da lingua galega.

5.2. Lugar de presentación.

As solicitudes de participación no concurso de méritos dirixiranse a unha unidade de validación das relacionadas no propio formulario electrónico de inscrición e poderán presentarse por rexistro electrónico, de forma presencial no rexistro xeral dos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, ou a través de calquera dos procedementos do artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Para o rexistro electrónico da solicitude requirirase dun certificado dixital válido: FNMT, DNI electrónico ou Camerfirma.

As solicitudes subscritas no estranxeiro poderanse cursar, no prazo expresado no número tres desta base, a través das representacións diplomáticas ou consulares españolas correspondentes,que as remitirán seguidamente ao organismo competente.

5.3. Prazo de presentación.

As solicitudes de participación poderán presentarse desde o día 16 de xaneiro de 2023 ata o 16 de febreiro de 2023, ambos días incluídos.

VI. Admisión de aspirantes.

6.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se declaren con carácter provisional os/as aspirantes admitidos/as e excluídos/as, co motivo da exclusión.

6.2. Os/as aspirantes excluídos/as disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución para poderen corrixir, se for o caso, o defecto que motivou a súa exclusión.

Disporán do mesmo prazo de reclamación as persoas que, tendo presentado debidamente solicitude de participación no proceso, non consten como admitidas nin excluídas na relación publicada.

6.3. Non se poderá emendar a presentación da solicitude fóra do prazo habilitado para este efecto. A estimación ou desestimación das solicitudes de emenda entenderanse implícitas na resolución pola que se aprobe o listado definitivo de admitidos/as e excluídos/as, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Contra tal resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde no prazo dun mes a contar desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

O feito de figurar na relación de admitidos/as non prexulga que se recoñeza aos/ás interesados/as a posesión de todos os requisitos esixidos no procedemento que se convoca. Cando da documentación que debe presentarse, no caso de superar o proceso selectivo, se desprendese que non posúen algún dos requisitos, os/as interesados/as decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación no procedemento.

VII. Tribunais.

7.1. A composición dos tribunais de selección será paritaria para o conxunto da oferta de emprego do Servizo Galego de Saúde. De conformidade co artigo 4.5. do Decreto 82/2022, do 25 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal do persoal sanitario funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria (Diario Oficial de Galicia núm. 102, do 30 de maio), poderá designarse un mesmo órgano de selección para varias clases, respectando na súa composición os criterios sobre designación de tribunais establecidos pola lexislación de emprego público e demais normativa de selección.

7.2. Os tribunais cualificadores do concurso de méritos, serán nomeados pola autoridade convocante, publicándose a este efecto a oportuna resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sen prexuízo das competencias de ordenación material e temporal propias do órgano convocante, corresponden ao tribunal de selección as funcións relativas á avaliación das competencias profesionais dos/das aspirantes a través da valoración dos distintos aspectos do seu currículo profesional e formativo así como, en xeral, a adopción de cantas medidas sexan precisas en orde ao correcto desenvolvemento do proceso e a resolución de incidencias.

7.3. Os tribunais terán a súa sede, aos efectos de comunicacións, envío de documentación ou incidencias, na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, situada en San Lázaro s/n, 15703 de Santiago de Compostela.

7.4. Os tribunais estarán compostos por un número de membros non inferior a cinco, debendo designarse o mesmo número de membros suplentes.

De conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, a pertenza aos órganos de selección será sempre a título individual, non podendo ostentarse esta en representación ou por conta de ninguén.

O persoal de elección ou de designación política, os funcionarios interinos e o persoal eventual non poderán formar parte do órgano de selección.

Os membros dos tribunais terán a condición de persoal funcionario de carreira, persoal laboral fixo ou estatutario fixo das administracións públicas ou dos servizos de saúde, pertencentes a un corpo, escala ou categoría para cuxo acceso se exixa posuír titulación de nivel académico igual ou superior á esixida para o ingreso.

Os tribunais poderán propoñer ao órgano convocante a incorporación aos seus traballos dos/das asesores/as especialistas ou de apoio que estime oportunos. Os/as ditos/as asesores/as limitaranse a prestar a súa colaboración nas especialidades técnicas, con voz e sen voto.

7.5. Os/as membros dos tribunais deberán absterse de intervir, notificándollo á autoridade convocante, cando concorra neles/as algunha circunstancia das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público e no Acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010 ou realicen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas da correspondente clase nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O/a presidente/a deberá solicitar dos/das membros do tribunal declaración expresa de non atoparse incursos/as nas circunstancias previstas no citado artigo 23 da Lei de Réxime Xurídico do Sector Público nin nas demais causas de abstención previstas nesta base. Esta declaración deberá ser tamén realizada polos/as asesores/as especialistas previstos e polo persoal auxiliar que o tribunal incorpore aos seus traballos.

Así mesmo, os/as aspirantes poderán recusar aos membros do tribunal e demais persoal colaborador cando concorra neles algunha das circunstancias previstas na presente base, conforme ao artigo 24 da Lei de Réxime Xurídico do Sector Público.

7.6. A autoridade convocante publicará, no seu caso, no Diario Oficial de Galicia, resolución pola que se nomeen os/as novos/as membros que teñan que substituír aos que perderon a súa condición por algunha das causas previstas.

7.7. Constituirase o tribunal coa asistencia da maioría dos seus membros, titulares ou suplentes, coa presenza en todo caso do/a presidente/a e do/a secretario/a. Na dita sesión, o tribunal adoptará as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a asistencia da maioría dos seus membros, con presenza, en todo caso, do/da presidente/a e do/da secretario/a.

Por acordo dos seus membros, o tribunal poderá decidir a autoconvocatoria para a seguinte ou seguintes sesións que teñan lugar sen necesidade de citación por escrito.

Das sesións celebradas polo tribunal redactarase a correspondente acta que será asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da presidente/a.

Resultarán de aplicación á constitución e funcionamento dos órganos de selección as disposicións sobre órganos colexiados contidas na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de Réxime Xurídico do Sector Público.

7.8. Os tribunais que actúen no proceso selectivo terán a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, de 7 de xuño, actualizado pola Resolución do 20 de xuño de 2008 (DOG núm. 138, do 17 de xullo), segundo o acorde o órgano competente na materia.

VIII. Procedemento de selección.

8.1.1. Sistema de selección.

De acordo co establecido no artigo 3.3.2 do Decreto 82/2022, do 25 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal do persoal sanitario funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria, en desenvolvemento da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, o sistema de selección será o de concurso de méritos.

8.1.2. Méritos a valorar.

Os méritos a valorar serán os recollidos no anexo II da presente Resolución. A puntuación máxima a acadar pola valoración de tales méritos será de corenta puntos.

8.1.3. Coñecemento da lingua galega.

Para lle dar cumprimento á normalización do idioma galego e garantir o dereito das/dos usuarias/os ao seu uso, así como a promoción do uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia, no concurso de méritos valorarase o coñecemento da lingua galega, cunha puntuación específica e adicional de 5 puntos.

Terán dereito a esta puntuación os/as aspirantes que teñan acreditado na forma e prazo indicados na base cuarta desta convocatoria estar en posesión do certificado acreditativo do coñecemento da lingua galega Celga 4, ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia (curso de perfeccionamento de galego), de conformidade co establecido na Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007, que regula os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega.

8.1.4. Puntuacións provisionais.

O tribunal poderá requirir, de oficio, dos/das aspirantes ou de calquera Administración pública, a documentación complementaria ou as aclaracións precisas coa finalidade de asegurar a máxima obxectividade na adxudicación da puntuación do concurso de méritos.

Realizada polo tribunal a baremación correspondente, a Dirección Xeral de Recursos Humanos publicará no Diario Oficial de Galicia o anuncio da súa exposición, con indicación da puntuación provisional obtida por cada aspirante nos distintos apartados do anexo II, a correspondente á acreditación do coñecemento da lingua galega, de ser o caso, así como a valoración total do concurso de méritos.

Contra os resultados da baremación provisional, os/as aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar reclamación ante o propio tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

8.1.5. Puntuación final do proceso.

Á vista das reclamacións presentadas ou apreciado de oficio polo órgano de selección algún erro material na baremación provisional asignada aos/ás aspirantes, o tribunal practicará as oportunas correccións e aprobará as puntuacións definitivas de méritos do concurso e elevará á autoridade convocante para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia a relación de aspirantes seleccionados/as, pola orde de puntuación acadada nas diferentes quendas de acceso.

A puntuación total do/da aspirante no proceso será a que resulte da suma da puntuación definitiva obtida pola valoración de méritos do concurso que se recollen no anexo II máis a acadada por aquel no apartado de coñecemento da lingua galega.

8.1.6. O sistema de desempate efectuarase a favor dos/das aspirantes que tivesen maior número de días de servizos prestados na clase á que opta no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. De persistir o empate, dirimirase a favor do/da aspirante con maior número de días de servizos prestados noutra clase da mesma escala de saúde pública e administración sanitaria no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e, de ser necesario, sucesivamente por cada apartado do baremo de formación e outros méritos pola súa orde. De seguir existindo méritos iguais entre dúas ou máis persoas candidatas dirimirase o desempate a favor da persoa aspirante do xénero infrarrepresentado na clase á que opta. Para rematar, decidirá a maior idade do/da aspirante.

Enténdese, a estes efectos, a existencia de infrarrepresentación cando na clase obxecto de convocatoria exista unha diferenza porcentual de, polo menos, vinte puntos, entre o número de mulleres e o número de homes.

IX. Relación de aspirantes seleccionados/as e elección de destino.

9.1. Os/as aspirantes definitivamente seleccionados/as disporán do prazo que se determine na resolución prevista no apartado 8.1.5 para a presentación da seguinte documentación:

a) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado/a, mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial.

No suposto de nacionais doutros Estados, non estar inhabilitado ou en situación equivalente, nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público.

b) Certificado médico acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que lle imposibiliten para o desempeño das funcións propias da clase.

c) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter a condición de persoal funcionario de carreira da mesma clase á que opta.

d) Os/as participantes que accedan pola quenda de persoas con discapacidade deberán achegar neste momento, ademais da documentación anterior, orixinal ou certificación compulsada acreditativa do mantemento dos requisitos para acceder pola correspondente quenda, de non ter carácter definitivo a resolución pola que se lle recoñeceu a discapacidade, e que foi achegada ao inicio do proceso selectivo.

9.2. Os/as que dentro do prazo fixado non presenten a documentación ou do exame dela se deduza que carecen dalgún dos requisitos para participar no presente proceso selectivo, non poderán ser nomeados/as persoal funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

No suposto de aspirantes que non poidan acreditar a capacidade funcional por encontrarse en situación de incapacidade permanente total para a profesión habitual (na clase á que opta), incapacidade permanente absoluta ou grande invalidez en virtude dunha resolución que prevé a revisión por melloría, ou que ten sido recorrida, o/a aspirante poderá aportar a documentación que acredite a recuperación da capacidade funcional ata o momento en que remate o prazo fixado para a revisión ou se dite a correspondente resolución, continuando a súa participación no proceso desde ese momento, previa acreditación da recuperación da capacidade funcional.

Quedará en suspenso a participación no proceso daqueles aspirantes que tendo participado pola quenda de discapacidade teñan perdido a condición de discapacitado, sempre que acrediten ter recorrido a correspondente resolución pola que deixan de ter tal condición. Unha vez ditada resolución ou sentenza firme pola que recupere a condición de discapacitado, deberá poñelo en coñecemento do órgano convocante, continuando a súa participación no proceso desde ese momento.

9.3. Comprobada a documentación de todos/as os/as aspirantes aprobados/as, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde publicará no Diario Oficial de Galicia a relación definitiva de aspirantes seleccionados/as.

En ningún caso se poderá declarar que superaron o concurso de méritos un número de aspirantes superior ao de prazas convocadas.

9.4. Nesta mesma resolución aprobarase a relación de postos que se oferten aos/ás aspirantes seleccionados/as e o procedemento e o prazo para que estes manifesten a súa opción polos destinos ofertados.

9.5. As prazas adxudicaranse entre os/as aspirantes pola orde de puntuación acadada no concurso de méritos, salvo a alteración que resulte da aplicación da base 9.6, segundo a orde de prelación de destino/s que tiveran efectuado, que terá carácter vinculante e irrenunciable.

9.6. Só aos efectos de elección de destino, de conformidade co artigo 9 do Real Decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, os/as aspirantes que superasen o concurso de méritos pola quenda reservada a persoas con discapacidade, poderán solicitar á autoridade convocante, no prazo previsto na base 9.1 a alteración da orde de prelación para a elección das prazas por motivos de dependencia persoal, dificultades de desprazamento ou outras análogas, que deberán ser debidamente acreditados. O órgano convocante decidirá dita alteración cando se atope debidamente xustificada, e deberá limitarse a realizar a mínima modificación na orde de prelación necesaria para posibilitar o acceso ao posto da persoa con discapacidade.

9.7. O acto de elección de destino poderá ser presencial ou telemático. O/a aspirante que, no prazo e conforme ao procedemento que se estableza, non compareza ao acto de elección presencial ou renuncie á elección de praza non poderá ser nomeado/a, e quedarán sen efecto todas as súas actuacións. A mesma consecuencia aplicarase a aqueles aspirantes que nun acto de elección telemático, non tivese seleccionado todos os destinos que se oferten pola orde de prelación que considere, e non resultase adxudicatario/a de ningún polos que tivese optado. Neste suposto, a autoridade convocante procederá ao chamamento de novos/as aspirantes, no número que se corresponda coas prazas ofertadas e non elixidas, coa finalidade de que manifesten a súa opción polas mesmas, previa acreditación do cumprimento dos requisitos esixidos. Esta opción realizarase pola orde de prelación que resulte da lista definitiva con independencia da quenda de acceso do aspirante que non resultou adxudicatario.

X. Nomeamento e toma de posesión.

10.1. Unha vez adxudicados os destinos, publicarase no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se declare finalizado o proceso selectivo, con nomeamento como persoal funcionario de carreira e asignación de destino a aqueles/as aspirantes seleccionados/as que acrediten o cumprimento dos requisitos exixidos.

Non poderán ser nomeados persoal funcionario de carreira as persoas aspirantes seleccionadas que no momento de expedir o correspondente nomeamento se encontren en situación de incapacidade permanente total para a profesión habitual (na clase á que opta), incapacidade permanente absoluta ou grande invalidez. Neste suposto se a resolución que recoñece a incapacidade prevé a revisión por melloría, ou ten sido recorrida, a participación do/a aspirante no presente proceso quedará en suspenso ata o momento en que remate o prazo de revisión ou se dite a correspondente resolución, procedendo nese momento e previa acreditación da recuperación da capacidade funcional á realización do correspondente nomeamento.

Tampouco poderán ser nomeados persoal funcionario de carreira as persoas aspirantes seleccionadas que no momento de expedir o correspondente nomeamento tiveran a condición de persoal funcionario de carreira da mesma clase á que opta noutra Administración Pública.

10.2. Os/as nomeados/as disporán do prazo dun mes para incorporarse á praza adxudicada. O cómputo deste prazo iniciarase ao día seguinte ao da publicación á que se refire o punto anterior. A falta de incorporación no prazo referido, cando sexa imputable ao/á interesado/a e non responda a causas xustificadas, producirá o decaemento do seu dereito a obter a condición de persoal funcionario de carreira como consecuencia do concreto proceso selectivo. Non entanto, en casos de forza maior, e por instancia do/da interesado/a, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde poderá prorrogar o prazo de toma de posesión. A incorporación ás prazas adxudicadas levará aparellado o cesamento do persoal temporal que, se é o caso, as ocupe, de acordo cos criterios de incorporación e cesamento vixentes.

10.3. Presupostos de aplicación da cláusula indemnizatoria da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público. A Lei 20/2021, do 28 de decembro de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público establece unha compensación económica para o persoal interino que, ocupando prazas susceptibles de formar parte da convocatoria extraordinaria de estabilización segundo a Lei 20/2021, estando en activo como tal, vise finalizada a súa relación coa Administración pola non superación do proceso selectivo de estabilización.

A presente convocatoria inclúe prazas recollidas no Decreto 82/2022, do 25 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal do persoal sanitario funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria, en desenvolvemento da citada Lei 20/2021, debendo indicar que non procederá indemnizar a aquelas persoas que ocupando prazas da/das clase/s obxecto desta convocatoria susceptibles de formar parte da convocatoria extraordinaria de estabilización, non resultando adxudicatario/a de praza no proceso selectivo se encontre nalgún dos seguintes supostos:

– Non participen neste proceso selectivo, ou unha vez inscrito renuncie á participación no mesmo.

– Resolto o proceso selectivo, non visen finalizada a súa relación coa Administración sanitaria e continúen en activo nalgún nomeamento temporal ou renuncie á súa formalización.

Tampouco procederá indemnizar a aquelas persoas que tendo sido nomeados/as persoal funcionario de carreira, non tomen posesión da praza.

10.4. Co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, no suposto de situacións nas que os seleccionados por diversos motivos non continúen no proceso, cubrirase a baixa coa persoa aspirante incluída inmediatamente a continuación na relación de seleccionados, pola orde de prelación que resulte da lista definitiva con independencia da quenda de acceso.

Nomeadamente chamarase ao seguinte aspirante, nos supostos de:

– Renuncias aos dereitos derivados do proceso selectivo.

– Non reunir os requisitos establecidos na convocatoria para o desempeño da praza.

– Non presentar a documentación requirida.

– Non formular elección de praza en tempo e forma conforme ao procedemento establecido.

– Non producirse a toma de posesión na praza adxudicada.

– Ser declarado, en situación de excedencia sen dereito a reserva de praza con efectos desde o mesmo día da toma de posesión.

Nos supostos previstos no apartado anterior, non se modificará a elección de praza realizada con carácter previo ao nomeamento, adxudicándose ás novas persoas aspirantes as prazas resultantes das devanditas situacións.

10.5. De conformidade coa disposición adicional 2ª do Decreto 70/2017, do 13 de xullo (DOG núm. 145, do 1 de agosto), como condición para o perfeccionamento do nomeamento que se expida, os/as aspirantes seleccionados/as deberán realizar, con carácter obrigatorio, e nun prazo non superior aos seis meses contados desde a data de publicación no Diario Oficial de Galicia do correspondente nomeamento como persoal funcionario de carreira, as actividades formativas para a obtención do nivel básico de coñecemento en materia de igualdade de xénero e prevención e loita contra a violencia de xénero, previstas no artigo 4 da citada regulación.

Non terán que realizar esta actividade formativa os/as aspirantes seleccionado/as que a teñan realizado con anterioridade, conste rexistrada en Fides/expedient-e e teña sido debidamente convalidada.

XI. Norma derradeira.

11.1. De conformidade coa disposición adicional novena da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público (BOE núm. 312, do 29 de decembro), negociarase na Mesa Xeral dos Empregados Públicos as condicións respecto das bolsas específicas ou da súa integración en bolsas xa existentes para os aspirantes que non superen os procesos selectivos previstas na disposición adicional cuarta de dita Lei.

11.2. Esta convocatoria e as súas bases vinculan á Administración, ao tribunal encargado de xulgar o proceso selectivo e aos/ás que participen nel.

11.3. Así mesmo, cantos actos administrativos sexan producidos polo tribunal, pola autoridade convocante ou o órgano encargado da xestión, poderán ser impugnados polos/as interesados/as de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

11.4. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta Dirección, no prazo dun mes a contar desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, ou poderase impugnar directamente na xurisdición contencioso administrativa nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2022

Ana Mª Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO I

Prazas e titulación

Clase

Subgrupo

Acceso Libre

Reserva

Discapacidade

Total

Titulación

Farmacéutico/a inspector/a de saúde pública

A1

3

3

Título oficial de graduado/licenciado en Farmacia

Inspector/a médico/a

A1

2

1

3

Título oficial de graduado/licenciado en Medicina

Subinspector/a Sanitario/a

A2

1

1

Título oficial de graduado/diplomado en Enfermaría ou equivalente

ANEXO II

Baremo

1. Experiencia profesional (máximo 28 puntos).

1.a) Por cada mes completo de servizos prestados en postos da mesma clase á que opta, da escala de saúde pública e administración sanitaria, no ámbito da Comunidade de Galicia: 0,12 puntos/mes.

1.b) Por cada mes completo de servizos prestados en virtude nomeamento administrativo ou contrato laboral en posto da mesma clase á que opta ou equivalente por conta e baixo a dependencia doutra Administración Pública distinta á Administración convocante: 0,06 puntos/mes.

Para a clase de farmacéutico/a inspector/a de saúde pública, tendo en conta o establecido na disposición transitoria sexta, parágrafo segundo, do Decreto 202/2005, do 7 de xullo, polo que se crea a clase de farmacéuticos inspectores de saúde pública, valoraranse ademais os servizos prestados como persoal interino da clase de farmacéuticos titulares, e os prestados na clase de licenciados en farmacia que ocuparon postos de traballo de inspectores farmacéuticos de saúde pública na relación de postos de traballo referente a corpos e escalas da Lei 17/1989, do 23 de outubro.

Para as clases de inspectores farmacéuticos, inspectores médicos e subinspectores sanitarios valoraranse, ademais, os servizos desempeñados en postos de inspección sanitaria na Administración estatal, ISM ou Insalud. Igualmente, valoraranse os servizos prestados como persoal laboral temporal desempeñando funcións propias da correspondente clase.

Normas xerais de valoración:

Primeira.

Os meses serán computados por días naturais.

Para iso calcularase en cada epígrafe do baremo o número total de días e dividirase entre 30, de tal xeito que o que se valorará en cada apartado será o cociente enteiro, desprezándose os decimais.

En ningún caso un mesmo período de servizos prestados poderá ser obxecto de valoración en distintas epígrafes do baremo.

Segunda.

Os servizos prestados durante o período en que se desfrute dunha redución de xornada por alguna das causas legalmente previstas serán valorados como servizos prestados en réxime de xornada completa.

Os servizos prestados polo persoal especificamente nomeado a tempo parcial serán valorados coa conseguinte redución. Cando nun mesmo período o/a interesado/a acredite distintos nomeamentos a tempo parcial, realizarase unha acumulación, sen que poida resultar, en ningún caso, unha xornada acumulada superior á xornada completa.

Os períodos de permiso sen soldo, así como a permanencia en situación de servizos especiais, valoraranse como tempo de servizos efectivamente prestados na clase para os efectos deste baremo. Así mesmo, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de excedencia para o coidado de fillos/as e familiares (artigos 168 e 176 da LEPG) e a excedencia por razón de violencia de xénero, de conformidade co establecido no artigo 177 da LEPG.

Terceira.

A experiencia profesional en postos da mesma clase á que se opta valoraranse a partir da data de superación do período formativo conducente á obtención do título exixido para o acceso.

Os servizos prestados polos/as aspirantes con título expedido por terceiros países valoraranse desde a data de homologación do título da clase polo Ministerio de Educación.

2. Formación continuada (máximo 12 puntos).

– Pola asistencia, debidamente xustificada, a actividades formativas acreditadas por algún dos órganos acreditadores que integran o Sistema acreditador da formación continuada do Sistema Nacional de Saúde, polo Consello Internacional de Enfermaría (CIE), polo Consello Europeo de Acreditación da Educación Médica Continuada (EACCME) ou a Asociación Médica Americana (AMA), impartidos por calquera entidade ou organismo público ou privado, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da clase a que opta.

– Pola asistencia debidamente xustificada a cursos de formación e perfeccionamento convocados e impartidos pola Administración estatal, autonómica, universidades, Servizo Público de Emprego, Cruz Vermella, colexios profesionais, organizacións sindicais ou avalados polo Servizo Galego de Saúde ou por calquera organismo público, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da clase a que opta.

– Pola asistencia, debidamente xustificada, a cursos de formación continuada organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública, Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), Academia Galega de Seguridade Pública, Instituto Nacional de Administración Pública (INAP) e as escolas oficiais de formación similares do Estado e das restantes comunidades autónomas, e os cursos impartidos en aplicación dos acordos de formación continuada das administracións públicas, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da clase a que se opta.

Valoración:

– Por crédito, calquera que sexa a súa tipoloxía: 0,3 puntos.

– Por hora: 0,03 puntos.

A puntuación que se outorgará aos/ás aspirantes que impartisen os anteditos cursos de formación continuada será de 0,06 puntos por hora de docencia impartida. Valorarase a formación impartida que teña un contido relacionado coas funcións propias da clase á que se opta.

Para o caso de que o certificado indique os créditos e as horas de duración, a valoración realizarase sempre polos créditos que figuren neste.

Os cursos de seguridade e saúde laboral, informática, xestión clínica, bioestatística e metodoloxía da investigación valoraranse en todas as clases e con independencia da data de obtención do título exixido para o acceso á clase correspondente.

Así mesmo, valorarase en todo caso a formación en igualdade entre mulleres e homes e en prevención e loita contra a violencia de xénero.

Para os efectos de puntuación desta epígrafe consideraranse valorables as probas superadas de avaliación dos programas de autoformación organizadas pola EGAP e ACIS ao consideralas equivalentes a un aproveitamento polas horas previstas dos correspondentes cursos organizados e impartidos directamente pola EGAP.

Non serán obxecto de valoración os diplomas relativos á realización de xornadas, seminarios, simposios, obradoiros ou similares, agás que estean debidamente acreditados polos órganos acreditadores que forman o sistema acreditador da formación continuada do Sistema Nacional de Saúde.

Tampouco se valorarán as materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica, os cursos de doutoramento, así como os cursos que formen parte dos procesos de selección de funcionarios.

ANEXO III

Procedemento de acreditación de méritos

a) Formación Académica

As titulacións académicas oficiais acreditaranse, segundo o suposto, mediante orixinal ou copia compulsada do título expedido polo Ministerio con competencias en materia de educación ou certificación da respectiva Universidade, debidamente asinado, que deixe constancia de cada un dos méritos invocados polo/a aspirante e data en que foron causados.

No suposto de titulacións obtidas no estranxeiro achegarase xunto coa copia compulsada do título, tradución xurada deste ou equivalente e credencial de recoñecemento ou homologación da titulación expedida polo Ministerio de Educación español.

Supostos específicos.

a) A acreditación da formación máster, especialista e experto universitario efectuarase mediante orixinal ou copia compulsada do título ou certificación da Universidade en que conste ter sido superada polo/a aspirante a formación conducente á obtención do referido título, datas de realización e o número de horas ou créditos ECTs asignados á dita actividade formativa.

Poderá requirirse á persoa aspirante a achega do programa formativo nos supostos en que non quede suficientemente acreditado a relación do seu contido co ámbito das ciencias da saúde.

b) Formación continuada

a) Recibida: Acreditarase tal mérito mediante copia compulsada ou electrónica auténtica do certificado de asistencia ao curso no que deberá constar o organismo ou entidade que convocou e impartiu a dita actividade formativa, as datas de realización, contido do curso e número de créditos e/ou horas asignados. Poderá requirirse á persoa aspirante a achega do programa formativo ou categoría/s destinataria/s.

No suposto de cursos acreditados pola Comisión Nacional ou autonómica de Formación Continuada deberá constar o logotipo da respectiva comisión e ademais o número de expediente se se trata de actividades formativas posteriores a abril de 2007.

Normas específicas para a formación en liña. Serán válidos aqueles diplomas asinados dixitalmente por Dixital Learning cun certificado dixital emitido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) así como aqueles que se poidan referenciar a unha web verificable ou cotexable polo órgano de selección. Noutro suposto deberá achegarse certificación orixinal asinada polo órgano que impartiu a actividade formativa que conterá toda a información exixida neste punto.

No suposto de formación en liña con desenvolvemento nun rango de datas, será válida a formación que conste superada dentro de ditas datas.

Valoraranse os módulos ou partes integrantes dun curso nos supostos nos que quede debidamente acreditada a carga lectiva e horas/créditos asignados de forma diferenciada.

Non se valorarán nesta epígrafe os cursos/módulos que sexan parte dunha titulación de formación académica.

O órgano de selección resérvase o dereito de poder exixir ao aspirante calquera documentación complementaria e/ou rexeitar calquera certificado en liña cando existan dúbidas razoables sobre a súa autenticidade.

b) Impartida: Acreditarase mediante certificación do organismo ou entidade convocante na cal deberá constar o contido da actividade formativa así como o número de horas de docencia impartidas.

Noutro suposto non se entenderá debidamente acreditado tal mérito

c) Experiencia Profesional

A experiencia profesional acreditarase mediante certificación emitida pola Secretaría Xeral Técnica e Xefaturas Territoriais da Consellería de Sanidade ou órgano correspondente das Administracións Públicas na que se fará constar a seguinte información: clase/categoría/especialidade, tipo de vínculo (de carreira, fixo, temporal), réxime xurídico de vinculación (laboral ou funcionario) data de inicio e fin de cada unha das vinculacións, total de días de vinculación, réxime de xornada (xornada completa, tempo parcial).

As persoas aspirantes deberán rexistrar en Fides/expedient-e a experiencia profesional en postos de persoal funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria no apartado de «outra experiencia» e proceder a acreditar documentalmente tal mérito, mediante certificación orixinal ou copia compulsada ou auténtica.

d) Compulsa de documentos

As copias dos documentos acreditativos de méritos que se acheguen deberán estar cotexadas/autenticadas polo responsable do rexistro onde se presenten ou compulsadas por notario ou funcionario público acreditado para a realización de tales funcións.

Todas as referencias contidas nestas bases á exixencia de copia compulsada dun documento se fan extensivas, nos mesmos termos, á copia electrónica auténtica.

e) Tradución de documentos

Os títulos ou certificacións que estean redactados nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español deberán acompañarse da súa tradución ao castelán ou galego, que deberá efectuarse:

– Por tradutor xurado, debidamente autorizado ou inscrito en España.

– Por calquera representación diplomática ou consular do Estado español no estranxeiro.

– Pola representación diplomática ou consular en España do país de que é cidadán/cidadá o/a solicitante ou, de ser o caso, do de procedencia do documento.

ANEXO IV

Instrucións de acceso ao expediente electrónico (Fides)

1. Acceso desde a internet.

1.1. Acceso desde a internet con certificado dixital.

Poderase acceder desta forma a Fides a través do enderezo http://fides.sergas.es

É requisito indispensable dispoñer dun certificado dixital para acceder a través desta vía. Os certificados aceptados son os expedidos pola FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre) e o DNI electrónico (DNIe).

Para obter o certificado dixital expedido pola FNMT será preciso solicitalo a través de Internet (no enderezo www.cert.fnmt.es), ou ben en calquera oficina da Axencia Tributaria (Ministerio de Economía e Facenda).

Se o/a usuario/a xa dispón dunha tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico, esta xa contén un certificado da FNMT, polo que non será necesario solicitar un novo. De feito, a solicitude dun novo certificado inhabilitará o que existe na tarxeta sanitaria.

Pola súa parte, o DNI electrónico (DNIe) poderase solicitar nas oficinas da Dirección Xeral da Policía.

Para a identificación do/da usuario/a mediante tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde con chip electrónico ou a través do DNI electrónico, será preciso, con carácter xeral, dispoñer dunha lectora de tarxetas. Non se requirirá lectora de tarxetas unicamente no suposto de dispoñer dun certificado dixital da FNMT instalado no propio equipo.

Os/as usuarios/as poderán solicitar información e obter asesoramento sobre a acreditación electrónica nos PAE (Punto de Acreditación Electrónica) habilitados polo Servizo Galego de Saúde nos diversos centros sanitarios de atención hospitalaria e atención primaria do organismo.

A primeira vez que un profesional acceda con certificado dixital a Fides, solicitaráselle que cumprimente un formulario de alta con datos básicos.

1.2. Acceso desde a internet sen certificado dixital.

O acceso a Fides desde a internet sen certificado dixital pode efectuarse a través do enderezo http://fides.sergas.es, mediante o sistema Chave 365, que permite aos/ás cidadáns/cidadás maiores de idade identificarse tanto en Fides como na sede electrónica da Xunta de Galicia sen necesidade de usar certificados dixitais nin DNI electrónico.

Pódese atopar toda a información relativa ao sistema Chave 365 neste enderezo: https://sede.xunta.gal/chave365

2. Acceso desde a intranet do Servizo Galego de Saúde.

Esta vía só estará dispoñible para profesionais en activo do Servizo Galego de Saúde e desde equipos informáticos situados físicamente na súa rede corporativa.

Neste suposto, o acceso a Fides realizarase mediante o código de usuario e contrasinal que os/as profesionais en activo xa teñen asignado e utilizan habitualmente para acceder ao resto de funcionalidades do sistema.

3. Manual de instrucións de acceso e funcionamento do expediente electrónico e validación da documentación.

Na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) figura a disposición dos/das aspirantes un manual de instrucións sobre o acceso e funcionamento do expediente electrónico, os diferentes estados nos que pode atopar a información relativa aos seus méritos e normas de validación da documentación a achegar.

4. Buzón de correo electrónico.

Para efectuar as consultas e resolver as dúbidas que xurdan en relación con este procedemento, habilítase o seguinte enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es

ANEXO V

Modelo de autoliquidación de taxas

missing image file