Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 5 de xaneiro de 2023 Páx. 1509

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 27 de decembro de 2022 de modificación da Orde do 20 de maio de 2022 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2022/23 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 20 de maio de 2022 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2022/23 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia establece, entre outros aspectos, o calendario das sesións de avaliación final das distintas etapas educativas.

A Orde do 25 de xaneiro de 2022 pola que se actualiza a normativa de avaliación nas ensinanzas de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato no sistema educativo actualizou a normativa relativa á avaliación, á promoción e, de ser o caso, á titulación nas ensinanzas de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato que resulten de aplicación ata a implantación das modificacións introducidas pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Dado o carácter transitorio desta normativa, e tendo en conta que as funcións de planificación, regulación e administración do ensino regrado son competencia da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, procede actualizar o calendario das sesións de avaliación final da educación secundaria obrigatoria nos centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo tanto, por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 20 de maio de 2022 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2022/23 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia

A Orde do 20 de maio de 2022 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2022/23 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia modifícase nos seguintes termos:

Un. Os números 2 e 3 do artigo 10. Sesións de avaliación, quedan redactados como segue:

«2. A sesión de avaliación final ordinaria do alumnado do primeiro curso do bacharelato e a sesión da avaliación final de módulos do alumnado do primeiro curso dos ciclos formativos de grao básico deberán realizarse a partir do día 5 de xuño de 2023.

3. As sesións de avaliación final extraordinaria do alumnado do bacharelato e do primeiro curso dos ciclos formativos de grao básico, a sesión de avaliación final do alumnado da educación secundaria obrigatoria, as sesións da avaliación final de ciclo do segundo curso dos ciclos da formación profesional básica e as sesións da avaliación final de módulos do alumnado dos ciclos formativos de formación profesional deberán realizarse a partir do día 22 de xuño de 2023.

A sesión da terceira avaliación parcial da educación secundaria obrigatoria deberá coincidir coa sesión de avaliación final».

Dous. O número 1 do artigo 12. Horario do profesorado, queda redactado como segue:

«1. As direccións dos centros quedan autorizadas para introduciren as modificacións oportunas nos horarios do profesorado do segundo curso de bacharelato e de formación profesional que se vexa afectado pola realización do módulo de Formación en Centros de Traballo nas horas en que deixe de impartir as materias ou módulos da súa competencia a partir da sesión de avaliación que corresponda, así como nos horarios do profesorado do primeiro curso de bacharelato a partir do día 5 de xuño de 2023, asignando tarefas da súa responsabilidade, dando prioridade á realización de actividades de apoio, de reforzo e de recuperación para o alumnado con materias, ámbitos ou módulos con partes sen superar e, de ser o caso, de preparación da ABAU e das probas extraordinarias, de xeito que o profesorado desenvolverá en todo momento e ata a finalización das actividades lectivas o horario que lle corresponde conforme a normativa vixente».

Tres. A disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e execución e a disposición derradeira segunda. Entrada en vigor cambian de numeración, pasando a denominarse «Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento e execución» e «Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor».

Catro. Incorpórase como disposición derradeira primeira o seguinte texto:

«Disposición derradeira primeira. Modificación da Orde do 25 de xaneiro de 2022 pola que se actualiza a normativa de avaliación nas ensinanzas de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato no Sistema educativo de Galicia

Modifícase o número 8 do artigo 7 da Orde do 25 de xaneiro de 2022 pola que se actualiza a normativa de avaliación nas ensinanzas de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato no Sistema educativo de Galicia, que queda redactado como segue:

«8. A cualificación definitiva das materias e dos ámbitos farase efectiva na avaliación final do curso».»

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades