Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 9 de xaneiro de 2023 Páx. 2462

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 21 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de axudas destinadas ao alumnado das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia que, por causas sobrevidas e imprevistas ocorridas ao longo do curso académico 2022/23, teña dificultades económicas para continuar estudos (código de procedemento ED433A).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, regula o dito sistema, con respecto á autonomía universitaria, no marco do Sistema universitario español e do Espazo Europeo de Educación Superior.

No artigo 108.1 da referida lei establécese que, sen prexuízo das competencias do Estado, a Xunta de Galicia articulará unha política en materia de axudas e bolsas ao estudo e á investigación, mediante convocatorias anuais, para garantir que todo o estudantado que cumpra as condicións para cursar estudos universitarios con aproveitamento poida acceder, en condicións de igualdade, aos estudos universitarios e poida desenvolvelos sen ser excluído por razóns económicas.

No ámbito da súa competencia, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a través da Secretaría Xeral de Universidades, desenvolve anualmente diversas liñas de axuda coa finalidade de cubrir, na medida do posible, as necesidades do alumnado universitario, liñas que, en prol da súa eficacia e eficiencia, se deben adaptar ás cambiantes circunstancias do seu contorno socioeconómico.

Na situación económica actual, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades considera prioritario seguir apoiando o alumnado que, por causas sobrevidas e imprevistas, require unha atención perentoria na obtención de recursos para continuar cos seus estudos universitarios, sen pretender dar solucións plenas á problemática que poida presentar.

Esta orde axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en concreto no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia non competitiva, axudas destinadas ao alumnado matriculado en estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao, no curso académico 2022/23, nas universidades públicas do Sistema universitario de Galicia, cunha necesidade urxente de recursos económicos motivada por causas sobrevidas e imprevistas, ocorridas durante o actual curso académico, que lle impidan ou dificulten a continuidade dos seus estudos (código de procedemento ED433A).

Artigo 2. Orzamento

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, ao existir crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2023. En todo caso, a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades financiará estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 10.03.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2023, cunha contía global de 120.000 euros, sen prexuízo de poder ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias da Consellería, de conformidade cos supostos recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Requisitos das persoas solicitantes

Poderá solicitar estas axudas o alumnado universitario que cumpra os seguintes requisitos:

1. Necesidade urxente de recursos económicos para paliar a situación de emerxencia derivada dunha causa sobrevida e imprevista ocorrida no actual curso académico (orfandade absoluta; situación de desemprego, falecemento, falta de pagamento acreditada por denuncia ou sentenza de pensións alimenticias nos casos de separación ou divorcio; enfermidade grave, recoñecemento de incapacidade permanente absoluta para todo traballo dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar; condición de emigrante retornado; vítimas de violencia de xénero; vítimas de actos terroristas e outras circunstancias non recollidas que, sendo debidamente acreditadas, repercutan na situación socioeconómica familiar).

2. Que a situación sobrevida e imprevista aconteza durante o actual curso académico 2022/23. Entenderase por curso académico o comprendido entre o 1 de xullo de 2022 e o 30 de xuño de 2023.

3. Estar matriculado, no curso académico 2022/23, como mínimo en 50 créditos, incluídos os créditos recoñecidos, en estudos universitarios conducentes a unha titulación de grao, en calquera das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia, agás o alumnado ao cal lle quede un número inferior de créditos para rematar os seus estudos, que deberá estar matriculado, como mínimo, de 30 créditos, incluídos tamén os créditos recoñecidos.

4. Que a renda per cápita da unidade familiar non sexa superior ao importe anual da pensión non contributiva individual que estableza a Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023 multiplicada por 1,80.

5. Non ter percibido esta axuda con anterioridade.

Artigo 4. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Unha vez formalizada a solicitude, deberá ser asinada pola persoa interesada con calquera dos sistemas de sinatura admitidos pola sede electrónica e enviala polo procedemento electrónico establecido; quedará así presentada para todos os efectos. Non se terán en conta aquelas solicitudes formalizadas por vía telemática que non completen o proceso de presentación establecido e obteñan o xustificante de solicitude, que deberá conservar a persoa solicitante para acreditar, no caso de que resulte necesario, a presentación da súa solicitude no prazo e na forma establecidos.

2. As solicitudes subscribiraas electronicamente a persoa interesada ou a persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderanse dirixir ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas con esta convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es

4. Prazo de presentación das solicitudes:

a) Se a causa sobrevida e imprevista aconteceu con anterioridade á publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

b) Se a causa sobrevida e imprevista acontece con posterioridade á publicación desta orde, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde que aconteceu a causa sobrevida; nestes casos, a data límite para a presentación das solicitudes é o 31 de xullo de 2023, sen prexuízo do sinalado no artigo 3.2.

c) Se a causa sobrevida e imprevista é o falecemento dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar, o prazo de presentación será desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia ata o o 31 de xullo de 2023, sen prexuízo do sinalado no artigo 3.2.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito, no caso de actuar por medio de representante.

b) Anexo II de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas para a consulta de datos dos membros da unidade familiar distintos da persoa solicitante.

c) Xustificación da causa sobrevida e imprevista ocorrida no actual curso académico en que fundamenta a petición da axuda, para o cal presentará todos os documentos que a proben.

d) Informe do/da traballador/a social do concello en que estea empadroada a persoa solicitante, que recolla a causa en que se fundamenta a solicitude, así como a situación socioeconómica da unidade familiar, anterior e posterior á causa, que motive a necesidade urxente de recursos económicos.

e) Certificado de convivencia, emitido polo concello, de todas as persoas que compoñan a unidade familiar que residan coa persoa solicitante no domicilio habitual actualizado á data da publicación desta orde.

f) Documentación acreditativa (nóminas, certificacións bancarias, etc.) dos ingresos ou rendas da unidade familiar durante o ano 2022 e dos ingresos ou rendas mensuais de cada membro computable da unidade familiar durante o ano 2023.

g) Cando a persoa solicitante alegue a súa independencia familiar e económica, deberá presentar a documentación xustificativa de ter domicilio en propiedade ou en alugamento e de dispoñer dos medios económicos suficientes para facer fronte aos seus gastos.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante e dos demais membros computables da unidade familiar maiores de idade.

b) DNI ou NIE da persoa representante, só no caso de actuar por medio de representante.

c) Certificado do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), da persoa solicitante e de cada membro computable da unidade familiar, de prestacións de desemprego percibidas nun período.

d) Certificado do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), da persoa solicitante e de cada membro computable da unidade familiar, de prestacións de desemprego percibidas con data actual.

e) Certificado do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), que indique se a persoa solicitante e os demais membros computables da unidade familiar son ou foron perceptores de pensións/prestacións do sistema da Seguridade Social, en que se indiquen, se procede, a contía actualmente recoñecida, así como aquelas percibidas desde o 1 de xaneiro de 2022 ata a data de emisión da certificación, sempre que entre esta data e a de presentación da solicitude da axuda non medie máis dun mes.

f) Documento emitido pola universidade correspondente, no cal deberá constar o número de créditos en que estea matriculado/a no curso académico 2022/23, se son os últimos para rematar o grao, se ten recoñecida unha redución de créditos para adaptación curricular por incapacidade e, se é beneficiario/a da bolsa, matrícula e doutros compoñentes da bolsa do Ministerio de Educación e Formación Profesional 2022/23.

g) Informe de vida laboral dos últimos doce meses de cada membro computable da unidade familiar.

h) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

i) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

j) Certificado de estar ao día no pagamento á Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Instrución do procedemento

1. A Secretaría Xeral de Universidades, rematado o prazo de presentación de solicitudes e tras examinar estas e a documentación presentada polas persoas solicitantes, se non estivese debidamente cuberta a solicitude ou non se presentase a documentación exixida, requirirá a persoa interesada para que no prazo de dez días poida emendar erros e a falta de documentación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada e achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderase requirir a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 9. Comisión Avaliadora

1. A Comisión Avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: o/a titular da Secretaría Xeral de Universidades ou a persoa en quen delegue.

Vogais: dous/dúas representantes da Secretaría Xeral de Universidades.

Secretario/a: o/a xefe/a do Servizo de Apoio e Orientación ao Alumnado Universitario, que actuará con voz e voto.

2. A Comisión Avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de persoas expertas na materia obxecto da convocatoria.

3. Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión Avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún/algunha dos/das compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 10. Criterios de avaliación e contía da axuda

1. Para os efectos previstos nesta orde, e con referencia á situación familiar, considérase que:

a) Conforman a unidade familiar:

– A persoa solicitante.

– Os pais non separados legalmente e, se é o caso, o titor ou titora, ou a persoa encargada da garda e protección do menor, que terán a consideración de sustentadores principais da unidade familiar.

– Os/as irmáns/ás solteiros/as menores de vinte e cinco anos e que convivan no domicilio familiar, ou os maiores de idade cando se trate de persoas con discapacidade.

– Os ascendentes que convivan no domicilio familiar.

– No caso de solicitantes que constitúan unidades familiares independentes, consideraranse membros computables a persoa solicitante e o seu cónxuxe, a súa parella, rexistrada ou non, unida por análoga relación. Tamén serán membros computables os fillos, se os houber, que convivan no mesmo domicilio.

b) Cando non exista vínculo matrimonial, a unidade familiar entenderase constituída polo pai, a nai e todos os descendentes e ascendentes que convivan con eles.

c) A persoa que, por novo matrimonio ou por convivencia en situación de unión de feito ou análoga, viva no domicilio familiar coa nai ou co pai do/da solicitante.

d) No caso de divorcio, separación legal ou de feito dos pais, non se considerará membro computable aquel deles que non conviva co solicitante da axuda.

e) No caso de separación ou divorcio dos proxenitores con custodia compartida acreditada mediante sentenza xudicial, as rendas de ambos os proxenitores incluiranse dentro do cómputo da renda familiar.

f) Nos casos en que a persoa solicitante alegue a súa emancipación ou independencia familiar e económica, calquera que sexa o seu estado civil, deberá probar que conta con medios económicos propios suficientes que permitan a dita independencia. Se os ingresos acreditados resultan inferiores aos gastos soportados considerados indispensables (vivenda, manutención, etc.), entenderase non probada a independencia, polo que, para o cálculo da renda para os efectos desta axuda, se computarán os ingresos correspondentes aos membros computables da familia aos cales se refire este artigo.

2. Para os efectos previstos nesta orde, deducirase da renda familiar o 50 % dos ingresos achegados por calquera membro computable da familia distinto dos sustentadores principais.

3. Para determinar a contía da axuda que se lle concederá a cada solicitante, a Comisión Avaliadora, examinada a documentación presentada, terá en conta como criterios de distribución os seguintes limiares de renda per cápita:

Limiares de renda

Contía da axuda

Ata 5.000 euros

3.000 euros

De 5.001 euros a 5.700 euros

2.500 euros

De 5.701 euros a 6.400 euros

2.000 euros

De 6.401 euros ao importe da pensión non contributiva individual que estableza a Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023 multiplicada por 1,8

1.750 euros

4. A repartición da axuda efectuarase en función dos anteriores criterios ata esgotar a asignación orzamentaria ou o seu incremento, de ser o caso.

Artigo 11. Proposta de resolución

1. Unha vez efectuada a selección, a Comisión Avaliadora elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para a adxudicación das bolsas mediante a correspondente resolución.

2. A Comisión Avaliadora reunirase polo menos cada dous meses e elevará o correspondente informe-proposta das solicitudes completas ata ese momento, sempre que nese período se completasen os trámites administrativos da solicitude referidos no artigo 8 para a súa resolución.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Resolución

1. As resolucións seranlles notificadas ás persoas interesadas de acordo co establecido na lei e estarán debidamente motivadas e expresarán, cando menos, o número de expediente, os datos de identificación da persoa solicitante, o importe e as condicións da axuda e, se é o caso, a desestimación e a causa de denegación.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses, que se computarán desde a data en que a solicitude teña entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. No caso de se teren producido emendas ou melloras na solicitude, o prazo contarase desde a data en que a última destas teña entrada no dito rexistro. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, que en todo caso se deberá producir no exercicio orzamentario vixente, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra a resolución ditada, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 14. Pagamento

O aboamento das axudas farase efectivo mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada pola persoa beneficiaria, da cal deberá ser titular.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:

a) Seguir durante o curso académico os estudos en que se estea matriculado/a.

b) Comunicar calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento respecto das circunstancias alegadas na solicitude e de someterse ás actuacións de comprobación que acorde a Secretaría Xeral de Universidades.

c) Comunicar a renuncia á axuda no caso de se producir unha causa que determine a dita renuncia.

d) Informar o órgano que concede a bolsa da obtención doutras subvencións ou axudas, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

e) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, así como da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Acreditar mediante certificación que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, no caso de que a persoa interesada se opoña á consulta. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo I desta orde, segundo se regula no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 16. Compatibilidade, alteración, modificación e reintegro das axudas

1. Estas axudas son compatibles coa bolsa de matrícula de estudos universitarios outorgada polo Ministerio de Educación e Formación Profesional para o curso académico 2022/23 e co compoñente da variable mínima, e incompatibles co resto dos compoñentes desa bolsa.

Tamén son compatibles con outras axudas e subvencións concedidas para a mesma finalidade, calquera que sexa a súa natureza ou entidade que a conceda.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas para a mesma finalidade por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O incumprimento total ou parcial por parte da persoa beneficiaria de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial por parte da persoa beneficiaria das cantidades percibidas xunto cos xuros de mora que lle puideren corresponder en cada caso, en aplicación do disposto no artigo 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motivasen a súa concesión.

5. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 18. Información específica sobre a axuda

Cando o órgano concedente xulgue que se dan as previsións do artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non será necesaria a súa publicación.

Artigo 19. Información sobre a xestión de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición, ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante un recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file