Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 10 de xaneiro de 2023 Páx. 2760

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 1 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2023 de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades pesqueiras sustentables mediante a recollida de residuos mariños, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento PE209F).

A Lei 11/ 2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, sinala nos seus artigos 1 e 2 que esta lei ten por obxecto a regulación, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, entre outras materias, da adopción de medidas de conservación, protección e rexeneración dos recursos mariños vivos e que a política pesqueira galega ten por finalidade a viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a estas actividades mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos.

Así mesmo, o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 2328/2003, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1255/2011 do Parlamento Europeo e do Consello, sinala no artigo 5, que o FEMP contribuirá, para o período 2014-2020, a fomentar unha pesca e unha acuicultura competitivas, ambientalmente sustentables, economicamente viables e socialmente responsables, e establece no artigo 6 as prioridades do fondo e no punto 1, alínea b), o obxectivo específico de protección e a recuperación da biodiversidade e os ecosistemas acuáticos.

Segundo as liñas marcadas pola Comisión OSPAR, enténdese o lixo mariño como calquera material sólido que foi deliberadamente vertido ou perdido non intencionadamente nas praias e nas costas ou no mar, incluídos materiais transportados ao medio mariño desde terra a través dos ríos, sistemas de drenaxe ou de vertedura de augas residuais ou polo vento. Inclúe calquera material sólido persistente, manufacturado ou procesado.

O lixo mariño pódese atopar aboiando na superficie, entre augas, depositado no fondo ou acumulado na costa. Se atendemos ao material, o lixo pode clasificarse en plástico (bolsas, envoltorios, botes, botellas, restos de artes de pesca), metal, madeira, cristal/vidro, goma, cerámica e papel/cartón. A maioría dos residuos flotantes son elementos ou pezas de plástico, mentres que no leito mariño, ademais de plásticos, tamén se rexistra vidro, obxectos metálicos, compoñentes non plásticos de artes de pesca, obxectos voluminosos, entre outros.

Existen evidencias dos impactos negativos que o lixo mariño exerce nos ecosistemas mariños, que se acaban reflectindo en maior ou menor medida nas actividades que dependen deste medio. De especial importancia son os impactos ecolóxicos, os económicos e sociais. Ademais dos correspondentes efectos negativos na biodiversidade do medio, tamén pode dar lugar a perdas económicas no sector pesqueiro e marisqueiro.

O sector pesqueiro galego consta dun total 4.260 embarcacións incluídas na terceira lista (rexistro de buques pesqueiros 2021), o 95,96 % das cales están incluídas no caladoiro nacional Cantábrico Noroeste, e destaca polo seu número a frota de artes menores, cunha cifra de 3.788 barcos. Ademais, hai preto de 3.700 persoas mariscadoras a pé que explotan moluscos, percebe ou poliquetos.

O obxecto da presente orde consiste na elaboración e desenvolvemento de proxectos que teñan por obxecto protexer e recuperar a biodiversidade e os ecosistemas mariños no marco de actividades pesqueiras sustentables, mediante a recollida de residuos mariños coa participación do sector produtor da pesca.

As actuacións incidirán na redución do lixo mariño facilitando que contribúan a protexer o seu medio de traballo e promover o papel fundamental das persoas pescadoras e mariscadoras como gardiás do mar, proporcionando coñecemento sobre o tipo, cantidades e distribución do lixo mariño. Con isto contribuirase a acadar os obxectivos da Directiva marco sobre estratexia mariña (DMEM) relativos ao descritor 10 (propiedades e as cantidades de lixo mariño). Neste senso, cómpre lembrar que os plans de xestión de recursos marisqueiros inclúen aspectos ambientais que contribúen a varios descritores, entre eles o relativo ao lixo mariño.

O Plan MarLimpo elaborado pola Consellería do Mar pretende contribuír a acadar un ambiente costeiro e mariño limpo, saudable, produtivo e bioloxicamente diverso que satisfaga as necesidades a longo prazo das persoas. Con este plan espérase acadar unha redución da cantidade de residuos existentes nas zonas costeiras e que o sector pesqueiro integre nas súas operativas boas prácticas que contribúan á protección do medio mariño e, polo tanto, á explotación sustentable dos seus recursos.

As axudas contribuirán ao logro do obxectivo específico (OE1.b) da protección e a recuperación da biodiversidade e os ecosistemas acuáticos está prevista no artigo 40, número 1, alínea a), do citado Regulamento (UE) nº 508/2014, dentro da prioridade 1 (Fomentar unha pesca sustentable desde un punto de vista ambiental, eficiente no uso dos recursos, innovadora, competitiva e baseada no coñecemento) do programa operativo para España do FEMP para o período 2014 -2020, aprobado pola Decisión de execución da Comisión C(2015) 8118 final, do 13.11.2015, cunha porcentaxe de cofinanciamento de fondos FEMP do 75 %.

Os investimentos realizados nos proxectos financiados por esta orde deben ser considerados non produtivos ao focalizárense na protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas mariños, non xerar un valor para a empresa, e non buscar un maior valor na prestación dos servizos.

Con estas axudas poderán financiarse medidas de interese público de maior alcance que as medidas que emprendan normalmente, que contribúan á consecución dos obxectivos específicos en virtude da prioridade da Unión establecida no artigo 6, número 1.b). Os proxectos velarán polo desenvolvemento sustentable das zonas de pesca, e as operacións caracterizaranse polo interese colectivo dos seus membros e do público en xeral. As persoas beneficiarias serán entidades colectivas, podendo concorrer individual ou conxuntamente as confrarías de pescadores, organizacións de produtores, cooperativas do mar, asociacións de profesionais do sector e demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector. Tamén poden concorrer as organizacións non gobernamentais conxuntamente coas entidades mencionadas ou ben con grupos de acción local do sector pesqueiro. Neste último caso deberán existir acordos de colaboración con organizacións do sector pesqueiro.

Coa finalidade de acadar estes obxectivos, dítase esta orde a través da cal se establecen as bases reguladoras xerais, e a convocatoria para o ano 2023, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo FEMP, para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades pesqueiras sustentables.

Por outra banda, o artigo 1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG núm. 33, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vai materializar a contraprestación.

O artigo 3.3 estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais, e a convocatoria para o ano 2023, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo FEMP, para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades pesqueiras sustentables mediante a recollida de residuos mariños coa participación do sector da pesca.

O procedemento que regula a presente orde correspóndese co código PE209F da Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia.

Artigo 2. Marco normativo

Para o outorgamento e execución destas subvencións atenderase ao disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como nas normas seguintes:

a) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.

b) Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello.

c) Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

d) Regulamento delegado (UE) nº 2015/531 da Comisión, do 24 de novembro de 2014, polo que se complementa o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

e) Regulamento delegado (UE) nº 2015/2252 da Comisión, do 30 de setembro de 2015, polo que se refire ao período de inadmisibilidade das solicitudes de axuda do FEMP.

f) Regulamento delegado (UE) nº 1014/2014 da Comisión, do 22 de xullo de 2014, que complementa o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, no relativo ao contido e a construción dun sistema común de seguimento e avaliación das operacións financiadas no marco do FEMP.

g) Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014 da Comisión, do 20 de novembro de 2014, polo que se establecen, de conformidade co Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, normas no que atinxe á presentación de datos acumulativos sobre operacións.

h) Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014 da Comisión, do 20 de novembro de 2014, polo que se establecen, de conformidade co Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, normas sobre a información que deben enviar os Estados membros, así como sobre as necesidades de datos e das sinerxías entre as fontes potenciais de datos.

i) Regulamento delegado (UE) nº 288/2015 da Comisión, do 17 de decembro de 2014, que complementa o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, no que respecta ao período de tempo e ás datas en relación coa inadmisibilidade das solicitudes.

j) Programa operativo para España do FEMP aprobado pola Decisión de execución da Comisión, do 13.11.2015, e modificación aprobada pola Comisión o 26.4.2019.

k) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu Regulamento.

l) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

m) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

n) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

ñ) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

o) Decreto 132/2006, do 27 de xullo, en materia de rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións.

p) Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

q) Lei 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

r) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

s) Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

t) Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

u) Lei 1/2015, do 1 de abril, da garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración.

v) Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia.

w) Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. O crédito orzamentario para as solicitudes de axuda tramitadas durante o exercicio do ano 2023 alcanza o importe de trescentos corenta mil euros (340.000,00 euros), na partida orzamentaria 15.03.723C.780.2.

Para o ano 2023 na partida orzamentaria sinalada, código de proxecto 2016 292, existe crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia o día 18 de outubro de 2022.

2. Esta orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, e a concesión das subvencións queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

3. O importe consignado poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, agás indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto, respectando sempre o disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei. En todo caso, a concesión das axudas estará limitada á dispoñibilidade orzamentaria.

4. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 75 % con fondos FEMP e o 25 % con fondos da Comunidade Autónoma.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións:

a) As confrarías de pescadores, organizacións de produtores pesqueiros e demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por persoas pescadoras ou mariscadoras, que teñan o ámbito territorial e a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As organizacións non gobernamentais sen ánimo de lucro, con ámbito territorial ou de actuación que inclúa a Comunidade Autónoma de Galicia, conxuntamente coas entidades do sector da pesca mencionadas na alínea anterior.

c) As organizacións non gobernamentais sen ánimo de lucro, con ámbito territorial ou de actuación que inclúa a Comunidade Autónoma de Galicia conxuntamente cos grupos de acción local do sector pesqueiro recoñecidos pola Consellería do Mar, no marco do desenvolvemento sustentable da zonas de pesca do FEMP 2014-2020.

As entidades asinarán un acordo de colaboración con algunha das organizacións mencionadas na alínea a), que reflicta a participación na recollida de lixo mariño de embarcacións pesqueiras e persoas pescadoras ou persoas mariscadoras a pé.

No caso das organizacións non gobernamentais, a actividade en que consista o proxecto presentado para a solicitude de axuda deberá estar incluída nos fins dos seus estatutos.

2. Cando as actividades de recollida de residuos sexan realizadas no ámbito territorial dun plan de xestión de marisqueo polas embarcacións pesqueiras ou persoas mariscadoras a pé participantes nel, só poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as entidades do sector da pesca establecidas no artigo 4.1.a) e b) que sexan titulares dun plan de xestión. No caso do artigo 4.1.c), poderán ser persoas beneficiarias as organizacións que asinen acordos de colaboración con entidades titulares do plan de xestión de marisqueo.

3. Non poderán obter a condición de beneficiario aquelas entidades en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Os operadores que se atopen nalgún dos supostos establecidos no artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, durante todo o período de tempo previsto en aplicación deste.

b) As persoas sinaladas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Ter sido sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

4. As entidades sinaladas na alínea a) do punto 1 deste artigo poderán concorrer de xeito individual ou conxuntamente entre elas, como unha agrupación de entidades, mentres que as entidades sinaladas nas alíneas b) e c) so poderán concorrer conxuntamente coas que se indican nesas epígrafes. As entidades que concorran conxuntamente deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, que será unha das entidades solicitantes, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que como beneficiaria lle corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión, unha vez notificada a concesión da axuda.

5. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todas as persoas beneficiarias integradas nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a realizar, ou solidariamente cando non fose posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada unha delas.

6. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo establece o artigo 8 desta lei.

Artigo 5. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. As persoas beneficiarias deberán:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención, dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, con cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, na orde de convocatoria e demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a comprobación documental e material deste.

b) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

c) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que están ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades para as cales se solicita axuda, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os cales foi concedida a axuda de que se trate.

e) Facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación coas subvencións concedidas e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como aos órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

f) Cumprir as condicións de admisión da solicitude do artigo 10.1 do Regulamento (UE) nº 508/2014, durante todo o período de execución da operación e durante un período de cinco anos despois da realización do pagamento final. Así, no caso de detectarse infraccións ou fraudes en controis posteriores á concesión da axuda, e de conformidade co artigo 202 do Regulamento (UE, EURATOM) 2018/1046, poderase recuperar a axuda aboada indebidamente.

g) Informar o público sobre a axuda obtida, dando adecuada publicidade con expresa mención á participación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e a súa porcentaxe de financiamento, nos seguintes termos:

O beneficiario debe recoñecer que a operación recibiu o apoio dos fondos. En todas as medidas de información e comunicación adoptará:

1º. O emblema da Unión, de conformidade coas características técnicas establecidas no Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 e no Regulamento de execución (UE) nº 763/2014.

2º. Unha referencia ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) que apoia a operación.

3º. O logotipo da Xunta de Galicia e do Plan MarLimpo, este último proporcionado pola Consellería do Mar.

Durante a realización da operación, o beneficiario informará o público do apoio obtido dos fondos:

1º. Facendo unha breve descrición da operación no sitio da internet, no caso de que dispoña dun, de maneira proporcionada ao nivel de apoio prestado, incluíndo os obxectivos e destacando o apoio financeiro do FEMP. A descrición deberá permanecer durante a execución do proxecto e, cando menos, ata a data do pagamento final da axuda.

2º. Colocando un cartel con información sobre o proxecto (tamaño mínimo A3), no cal se mencionará o apoio financeiro da UE, nun lugar facilmente visible para o público, como a entrada dun edificio.

Se o investimento consiste na adquisición de maquinaria ou elementos móbiles, a publicidade levarase a cabo mediante a colocación dun adhesivo perdurable.

h) Manter un sistema de contabilidade separado, ou ben asignar un código contable adecuado que permita coñecer todas as transaccións relacionadas coa operación que se subvenciona, co obxecto de facilitar a pista de auditoría, de acordo co artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

i) Proporcionar toda a información e datos necesarios para poder proceder ao seguimento e avaliación do programa operativo, de acordo co establecido no artigo 111 do Regulamento (UE) nº 508/2014, relativo ao FEMP.

j) Independentemente do sistema establecido para a xustificación da subvención, deberán manterse á disposición da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo os documentos xustificativos relativos aos gastos subvencionados durante un prazo de dous anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación, para o cal se informará o beneficiario da data de inicio do período mencionado.

Os documentos conservaranse ben en forma de orixinais ou de copias compulsadas de orixinais, ben en soporte de datos comunmente aceptados, en especial versións electrónicas de documentos orixinais ou documentos existentes unicamente en versión electrónica.

k) No caso de subcontratación, non concertar a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou entidades afectadas polas situacións referidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

l) No caso de proxectos conxuntos, ratificar ante o órgano de xestión o acordo de colaboración para a execución do proxecto, unha vez notificada a concesión da axuda.

Artigo 6. Proxectos obxecto de subvención

1. Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade con esta orde, os proxectos colectivos que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan por obxecto protexer e recuperar a biodiversidade e os ecosistemas mariños no marco de actividades pesqueiras sustentables mediante a recollida de residuos mariños coa participación do sector produtor da pesca.

Exclúense actuacións de recollida de residuos nos fondos mariños das dársenas dos portos.

Serán subvencionables as operacións relacionadas na alínea a) do artigo 40.1 do Regulamento (UE) 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, que inclúan algunha das seguintes actividades recollidas no artigo 7.a) a f) do Regulamento delegado (UE) 2015/531 da Comisión, do 24 de novembro de 2014.

2. Os proxectos contarán coa participación do sector produtor da pesca na recollida de residuos, e poderán incluír as seguintes liñas de actuación:

a) Accións para reducir a cantidade de lixo mariño e mitigar a pesca pantasma mediante a implicación das embarcacións pesqueiras e persoas pescadoras e mariscadoras a pé, na súa recollida no mar ou no intermareal:

1º. Pesca de lixo activa polas embarcacións de pesca e persoas pescadoras ou mariscadoras a pé dirixida especificamente á retirada de lixo mariño, incluídas as artes de pesca perdidas.

As embarcacións pesqueiras figurarán no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia, dentro do censo do caladoiro nacional Cantábrico Noroeste, na modalidade de artes menores, e estarán en posesión dun permiso de explotación en vigor.

As persoas mariscadoras a pé estarán en posesión dun permiso de explotación para o marisqueo a pé ou dun permiso de explotación a pé para recursos específicos, en vigor.

Dentro da pesca de lixo activa distínguense as seguintes accións:

i. Saída específica de embarcacións pesqueiras para a recollida de residuos mariños, incluídos os aparellos de pesca perdidos (aparellos pantasma) en zonas de acumulación.

ii. Recollida específica polas persoas mariscadoras a pé de lixo mariño acumulado nas zonas de produción de recursos marisqueiros.

No caso da pesca de lixo activa, as embarcacións pesqueiras (persoas armadoras) poden recibir unha compensación económica pola recollida de lixo activa correspondente aos ingresos medios da actividade pesqueira da flota de artes menores no trienio 2019-2021, e en función da área xeográfica e arqueo. No caso das persoas mariscadoras a pé, a compensación terá en conta o nivel de ingresos medios da actividade no trienio 2019-2021, segundo a área xeográfica. As compensacións diarias figuran recollidas no anexo II.

Para o desenvolvemento das accións anteriores poderán incluírse, entre outros:

1) Estudos técnicos das zonas de acumulación de lixo mariño ou artes de pesca perdidas, no caso da pesca activa de lixo.

2) Deseño de artefacto ou aparello específico de recollida de lixo mariño ou artes de pesca perdidas para desenvolver as actuacións recollidas na epígrafe i) e acondicionamento das embarcacións para a súa posta en marcha.

3) Elementos de apoio para o almacenaxe de residuos na zona de recollida durante as accións de pesca activa.

2º. Pesca de lixo pasiva polas embarcacións pesqueiras e persoas pescadoras que recollen os residuos que veñen a bordo nos aparellos durante as faenas ordinarias de pesca, ou polas persoas mariscadoras a pé durante a súa actividade normal de marisqueo.

As embarcacións pesqueiras figurarán no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia no caladoiro nacional Cantábrico Noroeste, en calquera das súas modalidades.

b) Accións de comunicación, información e sensibilización dirixidas aos pescadores, actores marítimo-pesqueiros e outros interesados. Formación de pescadores e axentes portuarios.

c) Accións en terra para a o almacenamento, manexo, clasificación e caracterización dos residuos mariños, e accións para a súa xestión.

1º. Adquisición de equipamento específico para a recepción, almacenamento, manexo, clasificación e caracterización de residuos mariños.

2º. Adquisición de equipamento específico para a reciclaxe de residuos mariños nos portos.

3º. Transporte de residuos mariños.

4º. Custos de apoio para a realización manual da clasificación e valorización de lixo mariño, incluídas artes de pesca perdidas, na zona de depósito final.

5º. Custos da xestión de residuos mariños, incluída a recollida, transporte e xestión destes, e outros necesarios.

3. Condicións dos proxectos de pesca activa de lixo mariño, recollidos no ordinal 1º da alínea a) do número 2 deste artigo:

1º. A pesca de lixo activa polas embarcacións pesqueiras e persoas pescadoras e persoas mariscadoras a pé realizarase entre luns e venres.

2º. A pesca activa de lixo mariño, incluídas artes de pesca perdidas, non se poderá simultanear no mesmo día coa actividade pesqueira ou marisqueira. Ademais, a recollida activa de lixo mariño polas persoas mariscadoras a pé realizarase os días en que exista un coeficiente de marea que permita o acceso á zona intermareal de produción de recursos.

3º. A pesca activa de lixo realizada por embarcacións coa modalidade de marisqueo ou recursos específicos, ou persoas mariscadoras a pé no ámbito territorial dun plan de xestión de marisqueo, requirirá que estean aprobadas as limpezas como actividade de semicultivo no plan aprobado na data de solicitude do proxecto.

Para participar na recollida activa de lixo nas zonas afectadas por plans de xestión será imprescindible estar incluído neste e dispoñer da modalidade ou arte correspondente no permiso.

A pesca de lixo activa poderá realizase en zonas de libre marisqueo no caso dos recursos marisqueiros xerais, cando a acumulación de residuos poida afectar o ámbito territorial dos plans de xestión.

4º. A xornada de traballo da actividade de recollida activa de lixo polas embarcacións pesqueiras e persoas pescadoras será dun mínimo de 6 horas, incluíndo desde o momento da saída en porto ata a descarga de residuos neste. A xornada de traballo no caso da recollida activa polas persoas mariscadoras a pé será dun mínimo de 4 horas, incluíndo desde o acceso á zona intermareal ata o depósito do lixo no lugar de acumulación correspondente.

4. Os proxectos serán técnica e economicamente viables.

5. Os proxectos que non cumpran os requisitos establecidos neste artigo non poderán ser obxecto de subvención e serán inadmitidos.

Artigo 7. Requisitos técnicos dos proxectos

Os requisitos técnicos dos proxectos recollidos no artigo anterior son os seguintes:

1. Todos os proxectos incluirán algunha acción de comunicación, información e sensibilización ou formación das establecidas no número 2.b) deste artigo.

2. Os proxectos con actuacións en pesca activa de lixo mariño en zonas de acumulación, incluídas as artes de pesca, polas embarcacións pesqueiras e persoas pescadoras ou mariscadoras a pé, incluirán, na solicitude da axuda, un informe previo actual de residuos mariños nas zonas que conterá:

a) Localización con coordenadas xeográficas e identificación das zonas mariñas ou intermareais con acumulación de residuos. Referencia aos bancos marisqueiros concretos conforme se denominan no plan de xestión, de ser o caso.

b) Breve descrición da tipoloxía de residuos existentes.

c) Fotografías con evidencias da acumulación de residuos.

d) Outra información que se considere de interese.

3. As actuacións de pesca activa de lixo mariño, incluídas as artes de pesca perdidas, mediante artefacto ou aparello específico, requirirán de xustificación do método empregado en función das características e condicións da zona de traballo.

No caso de empregarse unha arte, equipamento ou técnica de marisqueo, a recollida realizarse no marco dun plan de xestión, agás o establecido no artigo 6.3.3º.

4. As actuacións de pesca pasiva e activa de lixo mariño, incluídas as artes de pesca perdidas, requirirán da designación dunha persoa física que supervisará, polo menos, a recollida de residuos, a clasificación ou caracterización e os rexistros de información das actividades e resultados obtidos, segundo o indicado no modelo da memoria.

5. Accións de clasificación ou caracterización dos residuos: rexistro das cantidades (en quilogramos) e tipos de residuos recollidos nas accións pasivas e activas de recollida de lixo polas embarcacións e persoas pescadoras ou mariscadoras a pé.

Os rexistros da información realizaranse empregando os modelos que figuran na web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/), en función do tipo de accións.

Artigo 8. Gastos subvencionables

1. Poderán concederse subvencións para os seguintes gastos, sempre que sexan necesarios para a execución dos proxectos referidos no artigo anterior:

a) Os de contratación de empresas, profesionais ou entidades prestadoras de servizos para realizar as actuacións para a consecución dos proxectos referidos no artigo anterior.

b) Compensacións económicas ás persoas armadoras das embarcacións pesqueiras e persoas mariscadoras a pé que realizan a recollida de residuos no suposto previsto no artigo 6.2.a).1º.

No caso da pesca activa de lixo mariño e artes de pesca perdidas, o beneficiario comunicará á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, cunha antelación mínima de 7 días naturais anteriores á data da limpeza prevista, a programación das datas e a relación de embarcacións e persoas mariscadoras a pé previstas que realizarán as actuacións de pesca activa de lixo, utilizando o anexo VII.

No caso de que as condicións climatolóxicas ou outras causas motivadas impedisen levar a cabo a limpeza nas datas comunicadas, o beneficiario notificará o imprevisto e indicará a nova programación. Nestes casos poderá eximirse da obriga do prazo de comunicación indicado no parágrafo anterior sempre que o Servizo de Desenvolvemento das Zonas de Pesca manifeste a súa conformidade.

c) Os de adquisición de equipamento e material necesario para desenvolver os proxectos recollidos no artigo 6.

d) Os custos de persoal contratado especificamente para a execución das actividades do proxecto. O contrato laboral fará mención expresa ao proxecto e a súa dedicación.

Non se computarán as situacións retribuídas en que non se presta un servizo efectivo como son as incapacidades temporais e, neste caso, excluirase tamén a parte proporcional das cotizacións á Seguridade Social que proceda.

A determinación dos custos de persoal farase con base no establecido no artigo 68 bis do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

Poderán aceptarse como gastos da operación as axudas de custo por viaxe, aloxamento e manutención que estean directamente relacionadas co proxecto. Estes gastos aboaranse segundo as contías máximas que se establezan para o grupo 2º no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre axudas de custo para o persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, ou normativa que o substitúa.

e) Custos indirectos:

Enténdense por custos indirectos aqueles que, aínda que non poden vincularse directamente cunha actividade subvencionada, por teren carácter estrutural, resultan necesarios para a súa realización, como gastos de oficina, administrativos, servizos básicos, subministracións (auga, electricidade, teléfono, gas), mantemento, etc. Os custos indirectos deben corresponder ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

Para o cálculo destes custos empregarase o método de financiamento a tipo fixo aplicando unha porcentaxe fixa do 7 % do gasto directo total subvencionable, segundo o artigo 181 do Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión.

Os gastos da subcontratación, se é o caso, están excluídos da base dos custos directos para o cálculo dos custos indirectos.

As categorías de custos indirectos subvencionables, que se calcularán coa porcentaxe a tipo fixo, non precisan de xustificación.

2. Os gastos subvencionables son os custos efectivamente asumidos polo perceptor dunha subvención e que se axustan aos seguintes requisitos xerais:

a) Que se efectuasen ao longo da duración da acción ou programa de traballo.

b) Que se consignasen no orzamento estimado total do investimento.

c) Que sexan necesarios para a execución das actuacións obxecto da subvención.

d) Que sexan identificables e verificables, en particular, que consten na contabilidade do beneficiario e se determinen de acordo coas normas contables e de conformidade coas prácticas contables habituais do beneficiario en materia de gastos.

e) Que cumpran co disposto na lexislación fiscal e social aplicable.

f) Que sexan razoables e xustificados, e cumpran co principio de boa xestión financeira.

3. Os investimentos e gastos subvencionables para os que se solicita a axuda non se poderán iniciar antes da data de presentación da solicitude da axuda.

Exceptúanse os custos dos estudos técnicos das zonas de acumulación de lixo mariño ou artes de pesca perdidas no caso da pesca activa, recollidos no artigo 6.2.a).1º, que poderán ser desde seis meses antes da data de presentación da solicitude da axuda.

O non inicio das actuacións acreditarase mediante declaración responsable de que os investimentos non foron iniciados.

Ademais, a non realización de investimentos con anterioridade á data de presentación da solicitude de axuda demostrarase mediante a data da factura correspondente ou contrato de traballo, no caso de custos de persoal.

4. Cando o importe do gasto subvencionable (sen IVE) supere as contías establecidas para os contratos menores, segundo o establecido no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa xustificación ou, de ser o caso, coa solicitude de subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Cando o importe do gasto subvencionable (sen IVE) non supere as contías establecidas no artigo 118 da Lei de contratos do sector público, aprobado pola Lei 9/2017, do 8 de novembro, para o contrato menor, o solicitante deberá achegar unha oferta que avale o orzamento do proxecto.

5. O beneficiario poderá subcontratar a actividade subvencionada ata o 100 %, sempre tendo en conta as limitacións establecidas no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer o beneficiario para a realización, por si mesmo, da actividade subvencionada.

Artigo 9. Gastos non subvencionables

Non serán subvencionables os gastos relativos:

a) Aos alugamentos.

b) Á adquisición de terreos e inmobles.

c) Á adquisición de material, mobiliario e equipamento de oficina.

d) Á adquisición de vestiario e equipamento persoal para a pesca e marisqueo.

e) A aparellos e materiais para a pesca e marisqueo.

f) Aos gastos directos de funcionamento, mantemento e conservación dos bens e equipamentos. Tampouco serán subvencionables os gastos orixinados por obras que supoñan a substitución de elementos deteriorados, obras de mantemento e reparación.

g) Aos custos de manutención, desprazamento de persoas e representación, agás os recollidos no artigo 8.1.d).

h) Ao IVE, excepto cando non sexa recuperable e sexa custeado de forma efectiva e definitiva polas persoas beneficiarias que non teñan a condición de suxeito pasivo, de acordo coa definición do artigo 13, número 1, parágrafo primeiro, da Directiva 2006/112/CE do Consello, do 28 de novembro, relativa ao sistema común do imposto sobre o valor engadido.

i) Aos pagamentos en metálico.

j) Aos custos de persoal propio da entidade beneficiaria, agás os recollidos no artigo 8.1.d).

k) Aos gastos de redacción de proxectos técnicos, agás o estudos técnicos de localización de zonas de acumulación de residuos.

l) Aos investimentos realizados con carácter previo á presentación da solicitude de axuda, agás os estudos técnicos de localización de zonas de acumulación de residuos.

m) Á adquisición de elementos de transporte.

n) Ás contribucións en especie.

ñ) Á limpeza específica de algas e argazos nos bancos marisqueiros.

o) Á contratación entre persoas beneficiarias para levar a cabo actividades ou servizos do proxecto, nin a autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).

p) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable.

Artigo 10. Intensidade da axuda

1. A porcentaxe máxima das axudas poderá acadar o 100 % do investimento subvencionado en cada unha das accións, de acordo co previsto na presente orde e segundo o indicado no Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, no seu artigo 95, condicionada, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.

A Comisión de Avaliación prevista no artigo 18 decidirá a aplicación do incremento de intensidade de axuda pública.

2. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos liberados ás persoas beneficiarias incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

Artigo 11. Compatibilidade da axuda

1. As axudas recollidas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda, subvención ou recurso público e privado, sempre que o mesmo gasto ou investimento non teña financiamento parcial ou total procedente doutro fondo EIE ou instrumento financeiro comunitario, nin polo mesmo fondo conforme un programa ou medida diferente e, ademais, que o importe acumulado das axudas non exceda o custo da actividade subvencionada.

2. No suposto de que a suma de todas as axudas supere os devanditos límites, procederase por resolución do órgano concedente á minoración da axuda concedida.

Artigo 12. Prazos de presentación de solicitudes e de resolución

1. Para a convocatoria de 2023 o prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

2. A resolución de concesión emitirase e notificaráselles aos interesados no prazo máximo de cinco (5) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. De non esgotarse o crédito dispoñible, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir unha nova proposta de resolución, en que se terán en conta as solicitudes que formen parte da lista de reserva a que se refire o artigo 21.2 desta orde.

Artigo 13. Forma de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O formulario normalizado correspóndese co anexo I desta orde. A presentación da solicitude nun formulario distinto será causa de inadmisión.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Forma parte de cada solicitude a declaración responsable que contén esta e na cal se fan constar os seguintes aspectos:

a) Que cumpren os requisitos para obter a condición de entidade beneficiaria segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Que non están incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Que as persoas solicitantes e as persoas beneficiarias das compensacións non están en ningún dos supostos establecidos no número 1 do artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, é dicir:

1º. Non ter cometido infracción grave consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou o artigo 90.1 do Regulamento (CE) nº 1224/2009.

2º. Non ter estado involucrada na explotación, xestión ou propiedade de buques pesqueiros incluídos na lista de buques INDR da Unión, recollida no artigo 40.3 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou de buques que enarboren pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, segundo se establece no seu artigo 33.

3º. Non ter cometido infraccións graves da política pesqueira común (PPC).

4º. Non ter cometido fraude no marco do Fondo Europeo de Pesca (FEP) ou do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

d) Que están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Non ter sido sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

f) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

g) Que os investimentos non foron iniciados, agás os estudos técnicos de localización de zonas de acumulación de lixo no caso da pesca activa, recollidos no artigo 6.2.a).1º desta orde, de ser o caso.

h) Que se ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir co proxecto para o cal se solicita a axuda.

i) A condición de ser ou non ser poder adxudicador nos termos da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

j) Que ten a categoría de peme.

2. As solicitudes estarán asinadas polo representante legal da entidade solicitante. A presentación das solicitudes non asinadas polo representante legal será causa de inadmisión.

3. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o interesado non poderá modificar a súa petición de axuda variando o importe do investimento, nin modificando os investimentos ou os conceptos da epígrafe do orzamento para os cales solicita a axuda. Non se consideran variación do importe do investimento as diferenzas ou erros materiais que se poidan dar ao transcribir os importes dos orzamentos ou facturas pro forma.

Artigo 14. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación.

a) Documentación acreditativa da personalidade: certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo que se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

b) Copia dos estatutos da entidade debidamente inscritos no rexistro correspondente. A actividade en que consista o proxecto presentado para a solicitude de axuda deberá estar incluída nos fins da persoa xurídica solicitante con anterioridade á data da solicitude.

Non será necesario achegar este documento cando xa conste nos arquivos da Consellería do Mar por telo presentado nun procedemento administrativo nos últimos cinco (5) anos. Neste caso, deberá indicarse o procedemento, a data de presentación e o órgano ante o cal se presentou.

Quedan exoneradas do cumprimento deste requisito as confrarías de pescadores e os grupos de acción local do sector pesqueiro.

c) Memoria do proxecto que permita determinar a súa viabilidade e realizar a valoración, conforme os criterios establecidos nos artigos 19 e 20 desta orde de bases reguladoras.

Para elaborar a memoria do proxecto que se xunta coa solicitude, poderán consultarse os modelos na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/). A presentación dunha memoria en modelo diferente será causa de inadmisión.

A memoria do proxecto deberá conter, polo menos:

1º. Descrición da entidade: experiencia da entidade na xestión de proxectos financiados pola Unión Europea nos tres últimos anos naturais. Experiencia da entidade en proxectos relacionados co lixo mariño nos cinco últimos anos naturais. Equipo que a entidade vai destinar para a xestión do proxecto, concretando a persoa supervisora. Elementos que aseguran a capacidade técnica da entidade para a realización do proxecto.

2º. Explicación das necesidades que se pretenden cubrir e obxectivos perseguidos. Resultados que se pretenden obter coa implementación do proxecto. Explicar os grupos obxectivos que se beneficiarán dos resultados do proxecto.

3º. Descrición das liñas de actuación e accións segundo o establecido no artigo 6.2 desta orde e actividades que se pretenden acometer en cada unha delas.

Nas actuacións de recollida de lixo mariño, incluídas artes de pesca perdidas, seguindo un esquema activo ou pasivo ou retirada de artes, indicarase:

i. A caracterización da área de intervención en que se levarán a cabo as accións de limpeza: localización das zonas indicando as coordenadas xeográficas dos vértices da zona de actuación, e identificando os bancos marisqueiros concretos conforme se denominan no plan de xestión, se é o caso, especificar o medio intermareal ou submareal, morfoloxía, profundidade, tipo de hábitats existentes, etc. Indicarase se está situado nun lugar da Rede Natura 2000, nun espazo protexido ou nunha zona de especial interese para a cría de organismos mariños.

Coñecemento probado da existencia de residuos. No caso da pesca activa de residuos, informe previo actual de residuos mariños conforme a información do artigo 7.2 desta orde.

ii. Relación de embarcacións pesqueiras e persoas mariscadoras a pé que realizarán a recollida de lixo mariño ou mitigación da pesca pantasma. As relacións realizaranse para cada tipo de pesca (activa ou pasiva), de ser o caso.

iii. Plan de traballo indicando os procesos e tarefas, os actores implicados, as súas responsabilidades, os protocolos de traballo, os medios que se van empregar, as actividades de transporte, almacenamento, manexo, clasificación, caracterización e reciclaxe, de ser o caso. Descrición do traballo que van realizar as persoas pescadoras e mariscadoras na zona de recollida e no porto ou zona de depósito. Número de días de recollida. No caso da pesca activa, horario da xornada de recollida de lixo polas embarcacións e persoas mariscadoras. Planos do porto ou zona de depósito onde se efectuará o almacenamento de lixo mariño. Descrición do destino final do lixo recollido e se existe xestión de residuos.

No caso da pesca activa desde embarcación, xustificarase a elección do artefacto ou aparello específico empregado, en función das características e condicións da zona de traballo e da ausencia de impacto negativo no hábitat. Incluirase plano ou esbozo deste.

iv. Descrición das entidades colaboradoras que prestarán apoio no proxecto e concreción das accións en que participarán (por exemplo autoridades portuarias).

Descrición das actuacións de comunicación, información, sensibilización ou formación, incluíndo os obxectivos, contidos, metodoloxía, programación, etc.

Descrición das accións de comunicación e visibilidade do proxecto.

4º. Calendario de realización das accións previstas.

5º. Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, en que o IVE deberá vir separado. O orzamento da memoria deberá estruturarse en conceptos detallados e coincidentes cos orzamentos e facturas pro forma, agás no caso das compensacións ás embarcacións pesqueiras (persoas armadoras) e persoas mariscadoras a pé que realizan pesca de lixo activa, cuxo custo xa está determinado, e os custos indirectos.

De ser o caso, incluirase a relación de ofertas solicitadas e elixidas.

6º. Información relativa aos indicadores conforme o previsto no Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014 e no Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014.

7º. No caso de proxectos conxuntos entre organizacións non gobernamentais e grupos de acción local do sector pesqueiro, acordo de colaboración con algunha das entidades mencionadas na alínea a) do artigo 4.1 desta orde que reflicta a participación na recollida de lixo mariño, de embarcacións pesqueiras e persoas pescadoras ou persoas mariscadoras a pé.

8º. No caso de que o proxecto poida desenvolverse por fases susceptibles de produciren efectos independentes, farase constar de xeito expreso e describirase cada unha delas por separado.

9º Estudo económico-financeiro externo acreditativo da viabilidade económica do proxecto ou resultado da ferramenta de autoavaliación da viabilidade que pode consultarse na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/).

d) Acreditación do IVE soportado non recuperable polo promotor, de ser o caso.

Naqueles casos en que exista un recoñecemento administrativo previo do dereito ás exencións previstas no artigo 20, un, 6º e 12º, da Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido, remitirase esa resolución administrativa ou calquera outra certificación ou documento da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) en que figure esa exención.

e) Documentación xustificativa de todos os custos incluídos (orzamentos, facturas pro forma, contratos, etc.) cunha información detallada e pormenorizada de cada un dos investimentos, equipamentos ou sistemas que os integran.

No caso de superarse a contía para contratos menores e presentarse tres orzamentos, as ofertas presentadas deberán incluír os mesmos elementos para ser comparables.

Exceptúase desta obriga a recollida de lixo mariño polas embarcacións pesqueiras e persoas mariscadoras a pé, cuxa compensación xa está previamente determinada, así como os custos indirectos.

f) Acordo de colaboración entre entidades recollido no artigo 4.1.c), se é o caso.

g) Acordo coas entidades colaboradoras que realizarán actuacións de apoio no proxecto, conforme o previsto na memoria.

h) Calquera outra documentación que sexa necesaria ou adecuada para a correcta valoración do proxecto presentado.

2. No caso da pesca activa de lixo, declaración responsable de cada unha das persoas armadoras das embarcacións pesqueiras e das persoas mariscadoras a pé conforme non se atopan en ningún dos supostos establecidos no número 1 do artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, de acordo co anexo III-A ou co anexo III-B, segundo corresponda.

3. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, deberá incluírse a documentación das alíneas a), b), d) e f) do número 1 por cada un dos solicitantes, e engadirase:

1º. Un acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.

2º. A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.

3º. Declaración responsable de cada unha das persoas, de acordo co anexo IV.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación dos documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) NIF da entidade representante.

c) DNI ou NIE do representante da entidade solicitante.

d) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

e) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

g) Concesións doutras subvencións e axudas.

h) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 16. Emenda da solicitude

1. Os órganos responsables da tramitación das solicitudes comprobarán que estas reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. No caso contrario poráselles de manifesto por escrito aos interesados para que nun prazo de dez (10) días hábiles remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixeren, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas polo órgano instrutor, de conformidade co disposto nos artigos 5.2.c) e 15 desta orde, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais ou das débedas coa Comunidade Autónoma.

2. Sen prexuízo do sinalado nos parágrafos precedentes, en calquera momento do procedemento, o servizo xestor poderá requirir a entidade solicitante para que remita aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.

Artigo 17. Órganos de xestión e resolución

1. O órgano encargado da ordenación e instrución do procedemento será o Servizo de Desenvolvemento das Zonas de Pesca, que realizará de oficio cantas actuacións coide necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.

O órgano instrutor emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos da convocatoria, incluíndo a viabilidade técnica e económica do proxecto.

2. Os proxectos considerados non viables técnica ou economicamente quedarán excluídos para obter financiamento a través desta orde de axudas, e non se procederá, polo tanto, á súa valoración.

3. Os expedientes que non cumpran coas exixencias destas bases ou da normativa de aplicación quedarán á disposición do órgano instrutor, que formulará a proposta de resolución desestimatoria ou de inadmisión, segundo o caso.

4. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar.

Artigo 18. Comisión de Avaliación

1. Unha vez completos os expedientes, serán remitidos a unha Comisión de Avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará logo de aplicar os criterios que se sinalan nos dous artigos seguintes. O resultado da avaliación reflectirase nun informe que se incorporará ao expediente.

2. A Comisión de Avaliación estará formada polos seguinte membros:

a) Presidente/a, que será a persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

b) Vogais: dúas persoas do cadro de persoal da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e dúas persoas pertencentes ao cadro de persoal das xefaturas territoriais.

Unha das persoas vogais da comisión actuará como secretario/a.

A comisión poderá actuar asistida polos asesores que xulgue conveniente.

3. O funcionamento desta comisión está sometido ás normas dos órganos colexiados recollidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (artigos 14 a 22).

4. A Comisión de Avaliación poderá limitar a contía dos gastos elixibles que considere non xustificados debidamente no proxecto, tanto en canto ao seu número como á súa valoración ou á súa necesidade.

5. No caso de presentarse varios proxectos para accións substancialmente idénticas, a Comisión de Avaliación poderá establecer unha contía de subvención para todas elas, independentemente do importe solicitado.

Artigo 19. Criterio de selección xeral

1. Inicialmente comprobarase o criterio de selección xeral, é dicir, que as operacións van dirixidas ao logro dos obxectivos definidos no programa operativo para España do FEMP. Para isto valoraranse os seguintes indicadores, clasificando os proxectos en función do grao de axuste ao programa operativo en alto, medio, baixo ou excluído:

a) Indicador de valoración sobre a adecuación do proxecto á análise DAFO da prioridade 1 do PO do FEMP, así como á estratexia e, en particular, ao cumprimento dos fins do obxectivo específico OE1.d) previsto para as medidas recollidas no número 3.3. do PO <Medidas pertinentes e indicadores de produtividade> (artigo 40.1.a), puntuación ata 6 puntos: DAFO de 0 a 2 puntos; estratexia de 0 a 2 puntos; medidas pertinentes de 0 a 2 puntos).

b) Indicador de valoración sobre a implicación do proxecto noutras prioridades, obxectivos específicos, así como noutros plans estratéxicos (puntuación ata 5 puntos).

2. Ponderación da valoración conxunta: os indicadores a) e b) terán, respectivamente, o 66,66 % e o 33,33 % do peso total da valoración; os proxectos cualificaranse en función da porcentaxe obtida da puntuación máxima posible en: alto: ≥ 75 % – medio: ≥ 25 % e < 75 % – baixo: ≥ 10 % e < 25 %.

Os proxectos que non alcancen o 10 % da dita puntuación máxima posible quedarán excluídos para obter financiamento a través desta orde de axudas, e non se procederá, polo tanto, á súa valoración específica.

3. Fórmulas para o cálculo dos indicadores:

Indicador a)

Va= (Po a × Pmax / Pmax a) × 2,70

Indicador b)

Vb= (Po b × Pmax / Pmax b)

Onde,

Va e b é o valor do indicador a) e b), respectivamente.

Po a e b é a puntuación obtida da operación subvencionable do indicador a) e b), respectivamente.

Pmax a e b é a puntuación máxima do indicador a) e b), respectivamente.

Pmax é a puntuación maior entre Pmax a e Pmax b.

No caso do indicador a), multiplicase por 2,70 para ter en conta a ponderación deste indicador ao 66,66 %.

Artigo 20. Criterios de selección específicos

1. Unha vez aplicado o criterio xeral, a comisión valorará os proxectos segundo os criterios de selección específicos, relativos á viabilidade técnica do proxecto, que servirán de base para determinar a prelación das solicitudes.

a) Criterios ambientais:

1º. Actuación en áreas protexidas ou en hábitats costeiros de importancia para a pesca ou marisqueo. Máximo de 5 puntos.

2º. Xustificación da necesidade ambiental do proxecto. Valoraranse as operacións en zonas onde existe un coñecemento probado da existencia de residuos. Máximo de 3 puntos.

b) Viabilidade técnica do proxecto:

1º. Calidade técnica do proxecto. Máximo de 3 puntos.

2º. Descrición completa e coherente do proxecto e as accións. Máximo de 3 puntos.

3º. Valoración da adecuación do orzamento. Máximo de 2 puntos.

c) Criterio de eficiencia.

Grao de actuación conxunta co resto de fases que completan o ciclo de recollida e xestión de residuos: máximo de 4 puntos.

2. A Comisión de Avaliación:

a) Poderá propor a non concesión ou minoración da axuda cando o custo proposto polo solicitante dos gastos subvencionables sexa superior ao valor de mercado.

b) Poderá establecer, á vista das solicitudes presentadas, límites máximos de investimento subvencionable, independentemente do importe solicitado.

c) Poderá limitar a contía dos gastos elixibles que se considere que non están xustificados debidamente no proxecto, tanto en canto ao seu número como á súa valoración económica.

d) No caso de empate na avaliación, a comisión aplicará como criterio de desempate o valor da puntuación outorgada nos criterios de selección específicos segundo a orde establecida

Artigo 21. Proposta de resolución

1. Logo de deliberación, o/a presidente/a da Comisión de Avaliación formularalle ao órgano concedente proposta de resolución que indicará de xeito individualizado as persoas beneficiarias, os proxectos seleccionados e as accións para as cales se propón a subvención, así como o importe da subvención proposta para cada unha delas.

No caso de que exista crédito suficiente na orde para atender todas as solicitudes da convocatoria, non será necesario realizar a valoración dos criterios de selección específicos.

2. Establecerase unha lista de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria e sendo consideradas viables pola comisión, non acaden a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito ou porque coa súa concesión se supere o límite de financiamento establecido no Plan financeiro do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca da Comunidade Autónoma de Galicia para a prioridade 1, medida 1.1.4. No caso de dispoñibilidades orzamentarias adicionais, de conformidade co disposto no artigo 12.3 desta orde, emitirase unha nova proposta en que se terán en conta as solicitudes da lista de reserva.

Artigo 22. Resolución

1. Á vista da proposta de resolución e logo da preceptiva fiscalización do gasto, o órgano competente emitirá resolución motivada pola que se outorguen ou deneguen as subvencións solicitadas.

2. A resolución de concesión emitirase e notificaráselles aos interesados no prazo máximo de cinco (5) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 23. Aceptación

No prazo de dez (10) días desde a notificación da resolución, os interesados deberán comunicar a aceptación ou rexeitamento da subvención nas condicións expresadas nela, conforme o anexo V. De non facelo, entenderase tacitamente aceptada. Por outro lado, a aceptación da axuda implica a aceptación da súa inclusión como persoas beneficiarias na lista de operacións publicada de conformidade co artigo 119, número 2, do citado Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao FEMP.

Artigo 24. Recursos

As resolucións, expresas ou presuntas, que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e, contra elas, poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a conselleira do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en se produza o acto presunto.

Artigo 25. Modificación da resolución e prórrogas

1. Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento como ás distintas partidas que o compoñen, ou calquera outro elemento que afecte un aspecto substancial da resolución de concesión requirirá a aceptación expresa do órgano concedente, e deberá ser posta en coñecemento deste, sempre con anterioridade á súa realización.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do interesado, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade ou modificación proposta estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras e da convocatoria oportuna.

b) Que a modificación non cause prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención ou a non selección do proxecto na concesión inicial.

d) Que a modificación non supoña un incremento do orzamento ou da porcentaxe de axuda.

As modificacións deberán ser solicitadas polo beneficiario, por escrito, con anterioridade á súa realización, e con antelación suficiente á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. O servizo xestor da medida, logo das comprobacións pertinentes, elevará proposta de modificación da resolución ao órgano concedente.

3. Non se admitirán nin aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 50 % do investimento subvencionado.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais e internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. No suposto de que o beneficiario considere que non pode rematar o proxecto ou cumprir os compromisos dentro do prazo sinalado na resolución de concesión da axuda poderá, ata un mes antes de rematar o prazo de execución e xustificación, solicitar unha prórroga presentando unha memoria onde se indique a situación actual do proxecto, o grao de realización da actividade subvencionada, as causas do atraso na execución e o novo cronograma de actuación.

No caso de que a prórroga sexa aprobada, non poderá exceder a metade do tempo inicialmente concedido. Para o cómputo do prazo de execución, terase por data de inicio da execución a data de solicitude.

6. Cando os cambios no expediente supoñan unha variación da distribución por anualidades recollida na resolución inicial, a modificación quedará supeditada á existencia de dispoñibilidades orzamentarias nas anualidades correspondentes.

Artigo 26. Xustificación

1. Con carácter xeral, agás que a resolución fixe outro prazo, os gastos correspondentes deberán executarse e xustificarse antes do 15 de outubro de cada ano.

2. Para o cobramento da subvención concedida, as entidades beneficiarias deberán presentar a documentación que se sinala a seguir, indicando o número de expediente da resolución de concesión da subvención, e dentro do prazo establecido no parágrafo anterior:

a) Xustificación de ter realizado as accións para as cales se concedeu a subvención, mediante os seguintes documentos:

1º. Informe técnico en que se describa a realización das accións e os datos e incidencias máis significativas na súa execución, asinado polo representante legal. A información presentarase diferenciada por liña de actuación e tipoloxías desta.

Para elaborar o informe cubrirase o modelo que figura na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/).

No caso da pesca activa de residuos, o informe xuntará, de ser o caso, o estudo técnico de localización das zonas de acumulación e incluirá as enquisas realizadas, resultados das mostraxes, reportaxes fotográficas, vídeos, etc.

No caso de pesca activa e pasiva de residuos, o informe incluirá, entre outra, a seguinte información:

i. Reportaxe fotográfica ou vídeos dos traballos e zonas de recollida de residuos.

ii. Zonas de recollida de residuos (incluíndo localización e coordenadas) e caracterización xeral, datas, relación de embarcacións ou persoas participantes/data no caso da pesca activa, número de embarcacións e persoas participantes/data no caso da pesca pasiva, cantidade (en quilogramos) de residuos retirados por categoría grande de lixo. Esta información presentarase diferenciando por pesca activa ou pasiva, e dentro destas, segundo se trate de zona intermareal ou submareal, e neste último caso en función de se a recollida é de lixo mariño ou artes de pesca perdidas.

iii. Descrición dos protocolos de traballo das actividades de recollida, clasificación, transporte, almacenamento, caracterización e reciclaxe (de ser o caso). Localización do equipamento situado nas zonas de acumulación ou depósito en terra. Descrición da xestión de residuos e destino final destes, especificando cantidades por categoría grande de residuos.

No caso de pagamento final proporcionarase información sobre os indicadores de resultados conforme o previsto no Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014 e Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014.

2º. Relación de custos individualizados por cada actuación, con e sen IVE, asinado polo representante legal que incluirá, polo menos, concepto facturado e entidade que factura; número de factura, data da factura, data de pagamento e importe xustificado subvencionable. No caso da pesca de lixo activa, a relación de custos incluirá para cada día de realización da actividade, a data concreta, a zona de recollida, o número de embarcacións e persoas mariscadoras participantes (por separado), o importe global da compensación/día.

No caso de adquisición de equipamento a relación incluirá a marca, modelo e número de serie ou referencia equivalente para a súa identificación. A factura correspondente deberá identificar estes datos. Incluiranse reportaxe fotográfica dos equipamentos e acreditarase o cumprimento das obrigas de publicidade.

3º. No caso da pesca activa de lixo, certificado da entidade beneficiaria identificando, para cada data de recollida de residuos, os participantes (identificación por separado de embarcacións ou persoas mariscadoras a pé), a zona de recollida, e o tempo empregado nos traballos/participante.

Xuntaranse os rexistros individuais asinados polos participantes nos labores de recollida de residuos, das artes de pesca retiradas, cantidades (en quilogramos), tipo de residuo, tempo empregado, etc. Cubriranse os modelos de rexistro por tipoloxía de actuación que figuran na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/).

4º. Na xustificación da realización de estudos, guías, folletos, etc. o promotor entregará un exemplar en soporte informático adecuado para posibilitar a súa difusión. A documentación acreditará, así mesmo, o cumprimento das obrigas de publicidade.

No caso de realización de accións formativas ou de aprendizaxe, presentarase unha relación destas. Para cada acción, achegarase unha copia do programa, un informe final sobre o desenvolvemento da acción, a lista de asistentes, e as evidencias de participación destas (sinaturas, fotografías, notas de prensa, etc.). A documentación acreditará, así mesmo, o cumprimento das obrigas de publicidade.

5º. Facturas correspondentes aos custos que correspondan, sinalados na relación do punto 2º, detalladas ao máximo posible e, polo menos, co mesmo nivel de desagregación dos investimentos que figuren na resolución de outorgamento da axuda.

No caso de xestión de residuos identificaranse as datas e cantidades de residuos sometidas a tratamento.

6º. No caso de que o solicitante teña a condición de poder adxudicador nos termos previstos no artigo 3.3.d) da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, deberán presentar, se é o caso, o correspondente expediente de contratación tramitado para o efecto nos termos previstos nos artigos 316 a 320 da devandita Lei de contratos do sector público. Será responsabilidade da entidade beneficiaria o cumprimento da citada normativa, e o seu incumprimento poderá dar lugar á perda do dereito ao cobramento total ou parcial e demais responsabilidades previstas na normativa de subvencións públicas.

7º. Xustificante bancario (transferencia bancaria ou certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, o titular da conta desde a que se realiza a operación, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa ou empresa que emitiu a factura.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data da solicitude de axuda, e terán como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de execución e xustificación previsto no número 1 deste artigo.

8º. No caso de gastos de persoal contratado exclusivamente para o desenvolvemento do proxecto:

i. Contrato de traballo asinado pola persoa traballadora e a entidade, que fará mención expresa ao proxecto.

ii. Documentos xustificativos do pagamento das cargas sociais: modelo TC1 e TC2 da Seguridade Social.

iii. Folla de gastos coa acreditación dos pagos correspondentes a axudas de custo por viaxe, aloxamento e manutención indicando: data, horario, itinerario, quilómetros, persoa e motivo do desprazamento.

iv. Documentos probatorios do pagamento do IRPF.

9º. Unha declaración responsable, asinada polo representante legal da entidade, dos custos indirectos asumidos no período en que se realiza a actividade e que foron necesarios para levala a cabo, detallando os conceptos e importes destinados a cada un deles.

b) No caso de proxectos solicitados conxuntamente por varias entidades, documento formalizado ante o órgano de xestión no cal se recolla a ratificación dos compromisos que correspondan a cada un deles, así como nomeamento de apoderado único.

c) No caso de opoñerse á súa consulta polo órgano xestor: certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

d) De ser o caso, autorizacións ou permisos para o tipo de actividade de que se trate. As persoas beneficiarias deberán estar en posesión das autorizacións ou permisos no momento do pagamento final da axuda, nos casos en que sexan necesarios para a execución do proxecto.

3. No caso de que as accións obxecto de subvención correspondan ao último trimestre do exercicio e supoñan gastos de persoal, obrigas tributarias e de Seguridade Social. Se estes gastos son de tal natureza que non se poidan facer efectivos na data límite de xustificación, poderanse xustificar no primeiro trimestre do exercicio seguinte.

4. No momento da xustificación da execución parcial e total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, así como unha declaración responsable de que se manteñen os requisitos para ser beneficiario, conforme o anexo VI.

5. Os servizos correspondentes da Consellería do Mar emitirán certificado sobre o grao de realización do investimento, así como da súa adecuación, tanto ao proxecto que serviu de base para o outorgamento da axuda como aos xustificantes de gasto presentados.

6. Transcorrido o prazo establecido na resolución de concesión da axuda para a xustificación dos investimentos sen se ter presentado esta, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comporta a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades que derivan da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 27. Pagamento e pagamentos parciais

1. A Consellería do Mar efectuará o pagamento das axudas unha vez xustificada de forma documental e material a realización do obxecto da subvención e a elixibilidade do gasto. O importe da axuda aboaráselle mediante transferencia bancaria ao beneficiario e na contía que corresponda segundo o proxecto executado.

2. Poderán presentarse xustificacións parciais a medida en que se vaian executando as accións subvencionadas. O importe conxunto dos pagamentos parciais e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen, non poderá superar o 80 % do total da subvención concedida nin superar o importe da correspondente anualidade, e quedarán condicionados á efectiva realización completa do proxecto e á liquidación definitiva da subvención.

Os pagamentos parciais están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 29. Non se considerará que un pagamento é parcial cando comprenda a totalidade da subvención correspondente a unha fase do proxecto susceptible de producir efectos independentes, sempre que así se recolla expresamente na resolución de concesión.

3. O pagamento da primeira e sucesivas anualidades terá carácter de ingreso á conta e a súa consolidación estará condicionada á finalización das actividades obxecto da axuda. No caso de que o solicitante non cumprise cos requisitos exixidos, estará obrigado ao reintegro da axuda nos termos previstos nos artigos 32 a 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. No caso de que o investimento sexa xustificado por menor contía que o considerado como subvencionable inicialmente, poderase minorar a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración non afecte aspectos fundamentais do proxecto e que non supoña unha realización deficiente deste.

No suposto de que o custo definitivo real do investimento fóra inferior ao orzamento considerado para o outorgamento da axuda, esta minorarase proporcionalmente, aplicando a porcentaxe da axuda deducido, sobre a nova base constituída polo custo final do investimento.

Artigo 28. Pagamento anticipado

Por resolución motivada do órgano concedente, e logo de solicitude dos interesados, poderá autorizarse un anticipo de ata un 50 % da subvención prevista para a anualidade naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. Os pagamentos anticipados están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 29.

Artigo 29. Garantías

1. Será obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos ou pagamentos á conta, de acordo cos artigos 65 e seguintes do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes casos:

a) Anticipos que superen o importe de 18.000 euros.

b) Pagamentos parciais que excedan 18.000 euros.

Estes importes anteriores enténdense referidos á cantidade acumulada dos pagamentos realizados, parcial e/ou anticipadamente.

2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que se depositará na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, e deberá acadar como mínimo ata os dous meses seguintes ao remate do prazo de xustificación da axuda.

3. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que fose o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

4. As garantías serán liberadas logo de que se comprobe a realización do proxecto ou das accións independentes que o compoñan.

Artigo 30. Reintegro

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención concedida e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, o importe que se reintegrará determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación de posibles incumprimentos das condicións impostas co motivo da concesión das subvencións:

a) Procederá o reintegro total da axuda concedida e dos xuros de demora que se teña dereito a percibir desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, no caso de incumprir a obriga indicada no artigo 5.2.d) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que sexan incompatibles.

b) O incumprimento da obriga establecida no artigo 5.2.d) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles, dará lugar ao reintegro parcial polo exceso de financiamento, xunto cos xuros de demora, conforme o establecido no artigo 23 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) O incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 5.2.g) dará lugar a un reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.

d) O incumprimento do mantemento dun sistema de contabilidade separado ou unha codificación contable adecuada, segundo o establecido no artigo 5.2.h), dará lugar ao reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.

3. Para o procedemento de reintegro terase en conta o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Decreto 11/2009 do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 31. Infraccións e sancións

As actuacións das persoas beneficiarias en relación coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 32. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 33. Publicidade

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as subvencións concedidas con suxeición a esta orde, indicando o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Mar (https://www.xunta.gal/mar) a relación de persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas.

Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, deberase transmitir á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 34. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 35. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 36. Pluralidade de persoas solicitantes

As pretensións dunha pluralidade de persoas de contido e fundamento idéntico ou substancialmente similar poderán formularse nunha única solicitude. Neste suposto, deberá constar na solicitude a lista completa de persoas interesadas que a formulan segundo o modelo específico dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. As actuacións efectuaranse co representante ou coa persoa interesada que expresamente sinalen e, na súa falta, coa que figure en primeiro termo.

Artigo 37. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo dito servizo no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Disposición adicional primeira. Comisión de Avaliación

A creación da Comisión de Avaliación non xerará incremento da consignación orzamentaria do órgano con competencias en materia de desenvolvemento pesqueiro.

Disposición adicional segunda. Desenvolvemento da orde

Facúltase a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2022

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Flota do caladoiro nacional artes menores

Compensacións diarias para pesca activa (€)

Zona

0-4,99 GT

5-9,99 GT

10-24,99 GT

25-100 GT

Zona I-Vigo

247,29

437,71

1.049,75

2.529,88

Zona II-Pontevedra

277,50

429,56

452,98

692,38

Zona III-Arousa

194,32

536,19

757,06

731,54

Zona IV-Muros

320,87

525,91

993,17

1.266,18

Zona V-Fisterra

342,51

447,62

669,96

1.440,79

Zona VI-Costa da Morte

266,32

635,39

877,83

1.303,97

Zona VII-Coruña-Ferrol

233,16

440,44

767,59

 

Zona VIII-Cedeira

335,38

533,28

571,73

Zona IX-A Mariña

387,39

527,00

844,04

2.073,42

Persoas mariscadoras a pé de marisqueo xeral

Zona

Compensacións diarias para pesca activa (€)

Zona I-Vigo

85,86

Zona II-Pontevedra

102,94

Zona III-Arousa

89,55

Zona IV-Muros

125,51

Zona V-Fisterra

100,01

Zona VI-Costa da Morte

139,14

Zona VII-Coruña-Ferrol

68,87

Zona VIII-Cedeira

74,80

Zona IX-A Mariña

104,18

Persoas mariscadoras a pé de percebe

Zona

Compensacións diarias para pesca activa (€)

Zona I-Vigo

145,24

Zona III-Arousa

132,22

Zona IV-Muros

126,05

Zona V-Fisterra

97,93

Zona VI-Costa da Morte

102,52

Zona VII-Coruña-Ferrol

98,60

Zona IX-A Mariña

171,61

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file