Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 10 de xaneiro de 2023 Páx. 2701

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se aproba a renovación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2023.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 14 de febreiro de 2013, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza aprobou o Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2013 (DOG núm. 44, do 4 de marzo). Este plan foise renovando con carácter anual por medio de sucesivas resolucións, sendo a máis recente a Resolución do 16 de decembro de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se aproba a renovación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2022 (DOG núm. 246, do 24 de decembro).

Segundo. A Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia presentou o 28 de setembro de 2022 un formulario normalizado MT806B, Aprobación de plans de aproveitamento para a pesca profesional da anguía en augas continentais, para solicitar a renovación do Plan da anguía na bacía do río Tambre para o ano 2023.

Terceiro. De acordo co establecido no artigo 9.3 do Decreto 130/2011, do 9 de xuño, a renovación do plan que se aproba foi sometido a informe da Consellería do Mar, por afectar a zona de desembocadura.

Cuarto. Solicitouse informe á Sección de Biodiversidade por estar dentro dun espazo natural protexido, o ZEC Esteiro do Tambre e porque a pesqueira se desenvolve en zona de presenza e prioritaria da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp lusitanica).

Quinto. O 30.11.2022 o Servizo de Patrimonio Natural da Coruña efectuou unha proposta de resolución para a aprobación da renovación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2023.

Sexto. Segundo establece o artigo 9.2 do Decreto 130/2011, do 9 de xuño, a renovación dos plans de aproveitamento procederá sempre que non se pretendan modificacións no referente ao incremento do esforzo de pesca ou a modificación de zonas dentro da bacía fluvial, e sempre que os informes técnicos con que conte o Servizo Provincial de Patrimonio Natural non aconsellen modificacións do plan vixente, criterios que se cumpren segundo a proposta de resolución do Servizo de Patrimonio Natural da Coruña.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, regula a pesca profesional da anguía mediante a aprobación e renovación de plans de aproveitamento específicos no marco do plan de xestión aprobado pola Comisión Europea mediante a Decisión do 1 de outubro de 2010 e do artigo 88.2 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e de ecosistemas acuáticos continentais.

Segundo. A competencia para ditar a resolución de renovación dos plans de aproveitamento específico correspóndelle á xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, conforme o establecido no artigo 9.4 do Decreto 130/2011, do 9 de xuño, polo que se regula a pesca profesional da anguía nas augas continentais competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e o disposto no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 79, do 25 de abril).

RESOLUCIÓN:

Visto o exposto nos antecedentes e fundamentos de dereito, acórdase a aprobación da renovación do Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2023, que figura como anexo a esta resolución.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no prazo de 1 mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común e das administracións públicas (BOE, núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 20 de decembro de 2022

Cristina Carrión Rodríguez
Xefa territorial da Coruña

ANEXO

Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Tambre para o ano 2023

A) Artes de pesca:

a) Arte tradicional denominada nasa-voitirón con rede de malla non inferior aos 14 mm, medidos en diagonal e mollada.

b) As artes de pesca de cada cadea deberán estar unidas por unha corda e en cada extremo dela unha boia, dun tamaño mínimo de 20 cm. Na de menor dimensión indicarase o folio da embarcación que opera con ela.

c) As cadeas de nasas deberán situarse en dirección paralela á corrente e non poderán cruzarse nin na canle nin no esteiro.

d) Programarase o tendido das artes de xeito que sempre quede libre un largo do río suficiente para o normal movemento das especies piscícolas migradoras.

B) Zona dentro da bacía fluvial e períodos de pesca:

a) Delimitación: tramo do río Tambre comprendido entre a liña que une punta Testal con punta Requeixo e Ponte Nafonso (exceptúase a zona de desembocadura do río Tines, delimitada no mapa 10 do Decreto 75/2013, do 10 de maio, polo que se aproba o Plan de recuperación da subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L.subsp. lusitanica Steinbacher) en Galicia. (DOG núm. 102, do 30 de maio).

b) Período de pesca: desde o 1 de maio ata o 30 de setembro de 2023.

C) Horas de pesca diarias:

a) O horario de pesca estará comprendido entre as 12.00 horas do luns e as 12.00 horas do sábado, cun máximo de 8 horas diarias de traballo.

b) As nasas voitirón deberán ser levantadas e revisadas diariamente.

c) Queda prohibido ter máis dunha cadea sen baleirar na cuberta da embarcación.

D) Número de aparellos ou artes de pesca por persoa:

a) O número máximo de artes de pesca que se empregue non poderá ser superior a dez (10) por tripulante e non se poderá acumular dun tripulante a outro.

E) Cota de captura por temporada de pesca e tamaño mínimo de captura:

a) Total admisible de capturas (TAC) por temporada de pesca: 1.000 kg. Unha vez acadado o TAC pecharase a tempada.

b) A dimensión mínima das anguías capturadas será de 20 cm.

c) Devolverase ao río calquera outra especie que entre nas nasas voitirón.

d) Só se autoriza a captura da anguía na fase do seu ciclo vital denominada «anguía amarela», e deberanse devolver á auga inmediatamente despois da súa captura todos os exemplares con signos externos propios da fase denominada «anguía prateada».

F. Relación de embarcacións e número de tripulantes por embarcación autorizados:

a) Benigna, con matrícula 3ªCO-7-2015, que contará cun máximo de 2 tripulantes.

b) Baña, con matrícula 3ªCO-7-2580, que contará cun máximo de 3 tripulantes.

G) Sistema de rexistro das capturas e de remisión de datos ao Servizo Provincial de Patrimonio Natural:

a) Cada mes, a confraría remitirá a declaración das capturas por especie e por día traballado ao Servizo de Patrimonio Natural, vía fax (981 18 46 54) ou por correo electrónico ao enderezo caza.pesca.coruna@xunta.gal. Ademais, remitirase a seguinte información: o día, número de tripulantes, número de nasas empregadas, quilogramos capturados de anguía e, ademais, indicación das especies capturadas non obxecto da pesqueira.

b) Así mesmo, remitirase o parte das especies capturadas e liberadas de lamprea, zamborca e salmón, se for o caso.

c) Os axentes da autoridade con funcións de policía e custodia dos recursos piscícolas e dos seus hábitats poderán realizar a inspección de embarcacións co obxecto de facer as comprobacións oportunas sobre as capturas.

H) Sistema de comercialización das capturas e o seu control:

a) A comercialización levarase a cabo na lonxa de Noia. Os participantes no plan teñen a obriga de entregar a totalidade das capturas.

b) Cada mes, xunto coas declaracións de capturas, os participantes no plan remitirán ao Servizo Provincial de Patrimonio Natural o xustificante das vendas en lonxa. Remitiranse aos mesmos lugares indicados no punto G.a.

I. Esta resolución queda condicionada ao estrito cumprimento da normativa vixente en materia de extracción e comercialización de produtos da pesca fresca, en particular o establecido na Orde do 31 de marzo de 2014 pola que se regula a comercialización en orixe de especies eurihalinas de interese comercial (DOG núm. 69, do 9 de abril).