Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 10 de xaneiro de 2023 Páx. 2706

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 22 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, pola que se convocan probas de avaliación en competencias clave para acceder á formación dos certificados de profesionalidade de niveis 2 e 3 de cualificación (código de procedemento TR306A).

Para a mellora da calidade na formación para o emprego, o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, que regula os certificados de profesionalidade, establece criterios de acceso do alumnado para garantir que se posúen as competencias clave para cursar con aproveitamento os certificados de profesionalidade que lles facilitarán a súa inserción laboral. Este real decreto modificouse mediante os reais decretos 1675/2010, do 10 de decembro, e 189/2013, do 15 de marzo, e posteriormente desenvolvido na Orde ESS/1897/2013, do 10 de outubro.

Para adecuar a normativa autonómica á lexislación estatal publícase a Orde da Consellería de Traballo e Benestar, do 7 de xaneiro de 2014, pola que se establecen os requisitos formativos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional e se regulan as probas de avaliación en competencias clave dentro das accións formativas de formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 9, do 15 de xaneiro).

Esa orde é un instrumento fundamental das políticas activas de emprego que favorece a calidade e a integración da formación profesional para o emprego, facendo posible que as persoas que carecen das titulacións académicas requiridas poidan acceder á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 que lles permitirá progresar no mercado laboral.

Segundo os artigos 5 e 6 da dita orde, a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación convocará probas de avaliación polo menos unha vez ao ano, mediante a publicación dunha resolución onde se concretarán todos os aspectos do procedemento, e o Instituto Galego das Cualificacións terá as funcións de coordinación, xestión e desenvolvemento das probas na nosa comunidade autónoma.

No Decreto 73/2022, do 25 de maio, fíxase a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no artigo 7 establece os órganos superiores e de dirección da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

A Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, segundo dispón o Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ten atribuídas, entre outras, as funcións que lle correspondan á consellería en materia de expedición de certificados de profesionalidade ou da acreditación parcial acumulable correspondente.

De acordo co exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos, consultado o Consello Galego de Formación Profesional, e no uso das atribucións conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta resolución é convocar probas de avaliación en competencias clave para o acceso ás accións formativas dos certificados de profesionalidade de niveis 2 e 3 de cualificación profesional da formación profesional para o emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR306A).

Así mesmo, cómpre establecer as posibles exencións ás probas e validacións das distintas competencias clave, así como consideracións sobre a expedición de certificados de profesionalidade.

Artigo 2. Competencias clave que se convocan

1. Convócanse probas nos niveis de cualificación profesional 2 e 3 nas seguintes competencias clave:

– Comunicación en lingua galega.

– Comunicación en lingua castelá.

– Comunicación en lingua estranxeira (inglés).

– Competencia matemática.

2. De conformidade co artigo 20, número 2, letra f), do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, modificado polo Real decreto 189/2013, do 15 de marzo, a superación das probas de competencias clave permitirá o acceso á formación dos certificados de profesionalidade do nivel correspondente.

3. As competencias clave requiridas para todos os certificados de profesionalidade das 26 familias profesionais do Repertorio nacional de certificados de profesionalidade para os niveis de cualificación 2 e 3 son: competencia matemática, comunicación en lingua castelá e comunicación en lingua galega.

A competencia de comunicación en lingua estranxeira soamente se require nos certificados de profesionalidade que teñen un módulo formativo de lingua estranxeira.

Artigo 3. Requisitos de participación

1. Poderanse presentar ás probas para a obtención do certificado de superación das competencias clave necesarias para o acceso á formación dos módulos formativos dos certificados de profesionalidade tanto do nivel 2 como do nivel 3 as persoas que cumpran os dous seguintes requisitos:

a) Maiores de 16 anos ou que os teñan feitos en 31 de decembro do ano natural en que se realizan as probas.

b) Non estar en posesión de ningún dos requisitos de acceso á formación dos certificados de profesionalidade establecidos no artigo 2 da Orde do 7 de xaneiro de 2014, pola que se establecen os requisitos formativos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional e se regulan as probas de avaliación en competencias clave dentro das accións formativas de formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 9, do 15 de xaneiro).

2. No anexo III desta resolución infórmase das titulacións, certificacións ou acreditacións oficiais que reúnen os requisitos formativos de acceso aos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional a que se refire o punto anterior.

Artigo 4. Exencións e validacións ás probas de avaliación

1. Estarán exentas de presentarse á proba da competencia de comunicación en lingua galega aquelas persoas que cumpran algún dos requisitos establecidos no anexo IV desta resolución.

2. No anexo V desta resolución establécense as validacións por teren superado estudos regrados e probas do sistema educativo para as competencias clave que se convocan.

Artigo 5. Presentación de solicitudes e prazo

1. Para participar nestas probas deberase presentar unha solicitude segundo o modelo do anexo I desta resolución.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

A solicitude tamén estará dispoñible no portal web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade https://empregoeigualdade.xunta.gal/formacion/competencias-clave

3. As persoas interesadas con discapacidade recoñecida cun grao igual ou superior ao 33%, no caso de solicitaren adaptacións, teñen que o indicar na solicitude de inscrición nos recadros do bloque de persoas con algunha discapacidade.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizaren trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) No caso de identificación, co pasaporte en vigor hai que achegar a súa copia.

b) No caso de teren recoñecida a discapacidade por outra comunidade autónoma, cun grao igual ou superior ao 33 %, e que soliciten algún tipo de adaptación das especificadas na solicitude, deberán achegar o certificado de grao de discapacidade e o informe da procedencia das adaptacións solicitadas pola dita comunidade, agás que solicitasen o traslado do seu expediente a esta comunidade autónoma.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

– Certificado de grao de discapacidade expedido pola Administración autonómica.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 9. Relación provisional e definitiva de persoas inscritas admitidas e excluídas

1. A relación provisional das persoas admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión, será publicada polo Instituto Galego das Cualificacións na páxina web https://empregoeigualdade.xunta.gal/formacion/competencias-clave da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, segundo o establecido no calendario previsto que figura no anexo II desta resolución.

2. As persoas interesadas poderán reclamar contra a relación provisional de persoas admitidas e excluídas mediante un escrito dirixido ao Instituto Galego das Cualificacións (Edificio Administrativo San Lázaro, 15781 en Santiago de Compostela), que presentarán por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de catro días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación das ditas relacións provisionais na páxina web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

3. A relación definitiva de persoas admitidas e excluídas publicarase na páxina web https://empregoeigualdade.xunta.gal/formacion/competencias-clave da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, segundo o establecido no calendario previsto que figura no anexo II desta resolución.

4. A publicación tanto das listas provisionais como das definitivas de persoas admitidas e excluídas no proceso terá os efectos de comunicación ás persoas solicitantes e reclamantes, de conformidade co disposto no artigo 10 da Orde do 7 de xaneiro de 2014.

5. Contra a relación definitiva de persoas solicitantes admitidas e excluídas poderase interpor recurso de alzada, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación das listas definitivas, ante a persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Artigo 10. Realización das probas de avaliación en competencias clave

1. O lugar de realización das probas de avaliación en competencias clave publicarase na páxina web https://empregoeigualdade.xunta.gal/formacion/competencias-clave da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. O calendario da convocatoria inclúese no anexo II desta resolución.

2. A persoa candidata realizará unha proba por cada unha das competencias clave convocadas nas cales se inscribise. A duración da proba en cada competencia clave é dunha hora.

3. Todas as persoas candidatas se deberán presentar no horario que figura no anexo II para seren chamadas por orde alfabética en chamamento único. Para realizar as probas de avaliación nas distintas competencias clave poderanse ditar instrucións específicas na orde de chamada das persoas admitidas. Estas instrucións serán publicadas na páxina web https://empregoeigualdade.xunta.gal/formacion/competencias-clave da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade como mínimo tres (3) días antes da data de inicio de realización das probas.

4. Para a realización das probas, as persoas aspirantes deberán ir provistas do documento nacional de identidade, do número de identificación de estranxeiros ou do pasaporte. Tamén deberán levar bolígrafo de tinta de cor azul ou negra.

Nas probas de competencia matemática poderase acudir con calculadora.

5. O exame das competencias clave en matemáticas estará redactado en galego e castelán; os exames de comunicación en lingua galega, comunicación en lingua castelá e de comunicación en lingua inglesa estarán redactados na lingua obxecto da proba.

6. Non se permitirá o acceso ao recinto onde se realicen as probas con teléfonos móbiles, axendas electrónicas ou calquera outro instrumento de que se poida valer o/a aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará no recinto ningún servizo de recollida de móbiles.

7. As persoas participantes nas probas terán cuberto o risco de accidente derivado da asistencia a estas.

Artigo 11. Comisións de avaliación

1. Segundo o establecido no artigo 8 da Orde do 7 de xaneiro de 2014, a persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación nomeará unha Comisión de Avaliación para as probas de competencias clave de nivel 2 e unha Comisión de Avaliación para as probas de competencias clave de nivel 3, que terán como sede o Instituto Galego das Cualificacións.

2. Á vista do número de persoas inscritas nas probas poderase ampliar o número de comisións de avaliación. Así mesmo, poderase incorporar ás comisións de avaliación o número de vixilantes e persoas avaliadoras auxiliares que se considere necesario.

3. No caso de nomear persoas avaliadoras auxiliares, estas formarán parte das comisións de avaliación para a realización das probas.

Artigo 12. Resultados da avaliación das probas

1. Os resultados provisionais de avaliación das probas publicaranse na páxina web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade segundo o calendario previsto que figura no anexo II desta resolución. Estes resultados provisionais terán efectos de comunicación para todas as persoas participantes.

2. O resultado de apto suporá a superación da proba na correspondente competencia clave e o dereito da persoa interesada a que se lle expida un documento acreditativo, que certificará o resultado obtido segundo establece o artigo 9 da Orde do 7 de xaneiro de 2014.

Artigo 13. Reclamación contra as cualificacións

1. As persoas interesadas poderán reclamar contra as cualificacións provisionais mediante un escrito dirixido ao presidente ou a presidenta da Comisión de Avaliación, cuxa sede estará no Instituto Galego das Cualificacións (Edificio Administrativo San Lázaro, 15781 en Santiago de Compostela), que presentarán por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de catro días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación das cualificacións na páxina web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

2. A publicación das listas definitivas de cualificacións terán efectos de comunicación ás persoas reclamantes, de conformidade co disposto no artigo 10 da Orde do 7 de xaneiro de 2014.

3. Contra a cualificación definitiva poderase interpor recurso de alzada, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación das listas definitivas, ante a persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou postal) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación postal efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas entenderanse efectuadas mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se a notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Recursos

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, e de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, cabe interpor recurso de alzada, ante a persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional. Probas específicas para aspirantes con só unha competencia clave pendente de superar

Para todas as persoas participantes, inscritas e presentadas ás probas de competencias clave obxecto desta convocatoria, ás cales logo da finalización destas só lles quede pendente de superar unha competencia clave, a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación poderá realizar unha proba adicional que lles permitirá completar na súa totalidade as competencias clave.

Esta posibilidade ten como finalidade facilitar que estas persoas poidan completar a consecución dos requisitos que lles permitan acceder a accións formativas conducentes a certificados de profesionalidade de niveis 2 e 3 de cualificación profesional de formación para o emprego.

A relación de persoas que se poidan presentar, o lugar e a data de realización desta proba adicional publicaranse na páxina web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade https://empregoeigualdade.xunta.gal/formacion/competencias-clave

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase a directora do Instituto Galego das Cualificacións para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2022

Zeltia Lado Lago
Directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación

ANEXO II

Calendario previsto

Datas

Prazo de presentación de solicitudes

Un (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia

Publicación da lista provisional de persoas admitidas

Aproximadamente un (1) mes logo do remate do prazo de presentación de solicitudes

Presentación de alegacións

Catro (4) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da lista provisional

Publicación da lista definitiva de persoas admitidas

Unha (1) semana despois da finalización do prazo da presentación de alegacións

Realización das probas

Previsiblemente na segunda (2ª) quincena de maio

Publicación dos resultados provisionais das probas

Aproximadamente un (1) mes desde a realización das probas. Os resultados provisionais serán publicados na web da Consellería

Presentación de reclamacións

Catro (4) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación dos resultados provisionais

Publicación dos resultados definitivos das probas

Unha (1) semana logo do remate do prazo de presentación de reclamacións

Lugar e horarios das probas

– Na páxina web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade publicaranse o lugar e os días de realización das probas.

– A repartición dos aspirantes por días virá determinado, se é o caso, pola limitación de capacidade vixente no momento da realización das probas, e nos chamamentos poderanse considerar a criterios territoriais e sanitarios ou calquera outro que nese momento se considere pertinente.

– As listas de acceso para cada día estarán dispoñibles na páxina web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e nos paneis informativos situados para tal efecto no lugar onde se realicen as probas.

– Todas as persoas candidatas se deberán presentar á hora indicada para seren chamadas por orde alfabética.

Competencia clave

Para todos os días de exame

Chamamento único

Matemáticas

Sesión de mañá

Nivel 2

9.00 horas

Lingua castelá

Lingua galega

Lingua estranxeira (inglés)

Matemáticas

Sesión de tarde

Nivel 3

16.00 horas

Lingua castelá

Lingua galega

Lingua estranxeira (inglés)

ANEXO III

Requisitos de acceso a certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional

A Orde do 7 de xaneiro de 2014 (DOG núm. 9, do 15 de xaneiro) establece no seu artigo 2 os requisitos que as persoas aspirantes deberán cumprir para acceder á formación dos certificados elaborados con base no Catálogo nacional de cualificacións profesionais.

Nivel 2

Para acceder á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2, considérase que posúen a formación básica necesaria as persoas que acrediten posuír algunha das seguintes titulacións, certificacións ou acreditacións:

a) Estar en posesión do título de graduado/a en educación secundaria obrigatoria.

b) Estar en posesión dun certificado de profesionalidade do mesmo nivel do módulo ou módulos formativos e/ou do certificado de profesionalidade o que se desexa acceder.

c) Estar en posesión dun certificado de profesionalidade de nivel 1 da mesma familia e área profesional.

d) Ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos ou para maiores de 45 anos.

e) Ter as competencias clave de nivel 2 para cursar con aproveitamento a formación correspondente ao certificado de profesionalidade. Estas competencias clave acreditaranse, ben por ter superado as probas de avaliación en competencias clave convocadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ben por ter superado con avaliación positiva accións formativas correspondentes a competencias clave de nivel 2 que figuren no ficheiro de especialidades formativas do Servizo de Emprego Público Estatal.

f) Cumprir o requisito académico de acceso aos ciclos formativos de grao medio ou ter superado as correspondentes probas de acceso convocadas polas administracións educativas. Segundo a información que se pode consultar na ligazón https://www.edu.xunta.gal/fp/admision-grao-medio, o acceso aos ciclos de grao medio requirirá estar en posesión de, polo menos, un dos seguintes títulos, certificados ou condicións:

– Posuír o título da ESO ou titulacións equivalentes para efectos de acceso a ciclos.

– Posuír o título profesional básico.

– Posuír o título de técnico.

– Posuír o título de técnico superior ou técnico especialista.

– Posuír o título de técnico auxiliar.

– Ter aprobado o segundo curso de bacharelato unificado polivalente (BUP) ou ter un máximo de dúas materias pendentes no conxunto dos dous primeiros cursos.

– Posuír o título de bacharelato superior.

– Posuír o título de bacharelato

– Ter superado o segundo curso do primeiro ciclo experimental da reforma das ensinanzas medias (REM).

– Ter superado o terceiro curso do Plan de 1963 das ensinanzas de artes aplicadas e oficios artísticos ou o segundo de comúns experimentais.

– Ter superado os módulos obrigatorios dun programa de cualificación profesional inicial (PCPI).

– Ter superado o curso de formación específico para o acceso a ciclos formativo de grao medio en centros públicos ou privados autorizados pola Administración educativa.

– Posuír unha titulación universitaria ou equivalente para efectos académicos.

– Ter superado outros estudos declarados equivalentes, para efectos académicos, con algúns dos anteriores.

– Ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

– Ter superado a proba de acceso a ciclos formativos de grao medio ou grao superior.

g) Ter superado estudos regrados e probas do sistema educativo que se recollen no anexo V desta resolución.

h) Calquera titulación, certificación ou acreditación que dea acceso aos certificados de profesionalidade de nivel 3 de cualificación.

i) Outros estudos declarados equivalentes para efectos académicos con algún dos anteriores (como exemplo e sen carácter exhaustivo: título de técnico deportivo, título de técnico de artes plásticas e deseño, título de técnico militar, oficial industrial).

Nivel 3

Para acceder á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 3, considérase que posúen a formación básica necesaria as persoas que acrediten posuír algunha das seguintes titulacións, certificacións ou acreditacións:

a) Estar en posesión do título de bacharelato.

b) Estar en posesión dun certificado de profesionalidade do mesmo nivel do módulo ou módulos formativos e/ou do certificado de profesionalidade a que desexa acceder.

c) Estar en posesión dun certificado de profesionalidade de nivel 2 da mesma familia e área profesional.

d) Ter as competencias clave de nivel 3 para cursar con aproveitamento a formación correspondente ao certificado de profesionalidade. Estas competencias clave acreditaranse, ben por ter superado as probas de avaliación en competencias clave convocadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ben por ter superado con avaliación positiva accións formativas correspondentes a competencias clave de nivel 3 que figuren no ficheiro de especialidades formativas do Servizo de Emprego Público Estatal.

e) Ter superado proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos ou para maiores de 45 anos.

f) Cumprir o requisito académico de acceso aos ciclos formativos de grao superior ou ter superado as correspondentes probas de acceso convocadas polas administracións educativas. Segundo a información que se pode consultar na ligazón https://www.edu.xunta.gal/fp/admision-grao-superior , o acceso aos ciclos de grao superior requirirá estar en posesión de, polo menos, un dos seguintes títulos, certificados ou condicións:

– Título de bacharelato ou equivalente para efectos de acceso a ciclos.

– Título de técnico de formación profesional (ciclo formativo de grao medio).

– Título de técnico especialista, de técnico superior ou equivalente para efectos académicos.

– Titulación universitaria ou equivalente para efectos académicos.

– Ter superado o segundo curso de calquera modalidade de bacharelato experimental.

– Ter superado o curso de orientación universitaria (COU) ou preuniversitario (Preu).

– Ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

– Ter superado a proba de acceso a ciclos formativos de grao superior.

g) Ter superado estudos regrados e probas do sistema educativo que se recollen no anexo V desta resolución.

h) Outros estudos declarados equivalentes para efectos académicos con algún dos anteriores.

ANEXO IV

Exencións ás probas de avaliación das competencias clave en comunicación en lingua galega, niveis 2 e 3 de cualificación profesional

Estarán exentos de presentarse ás probas de avaliación na competencia clave de comunicación en lingua galega as persoas aspirantes que presenten algún destes requisitos, segundo o nivel de cualificación profesional correspondente:

Nivel 2

a) Cumprir algún dos requisitos de acceso aos certificados de profesionalidade de nivel 2 do anexo III desta resolución.

b) Estar en posesión do certificado Celga 2.

c) Título de graduado escolar, sempre que se estudase toda a EXB en Galicia e se cursase de maneira oficial a materia de Lingua Galega en todos os cursos dos ditos estudos ou ben que se superase a materia de Lingua Galega nas probas libres tendentes a esta titulación.

d) Título de graduado escolar obtido por equivalencia cos estudos da ESO, ao abeiro do anexo I do Real decreto 986/1991, sempre que se cursase e aprobase a materia de Lingua Galega en todos os cursos.

e) Certificado de ter cursado e aprobado en Galicia de maneira oficial a materia de Lingua Galega en todos os cursos da educación primaria e en dous cursos da ESO.

f) Certificado de ter cursado e aprobado as materias de Ciencias Sociais e as materias optativas de Galego da ESO nos centros do Bierzo e Sanabria acollidos ao programa de formación previsto no convenio para a promoción do idioma galego nos territorios limítrofes das comunidades autónomas de Galicia e Castilla y León, subscrito entre ambas as dúas comunidades.

g) Certificado de ter cursado e aprobado a materia optativa de Lingua Galega en primeiro e segundo de bacharelato do Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres, sempre que se superasen as materias optativas de Lingua Galega en primeiro, segundo e terceiro da ESO ou se estea en posesión do Celga 1.

h) Certificado de ter cursado e aprobado nos sete cursos do nivel primario as materias correspondentes a cada curso de Lingua Galega e Literatura Galega e o certificado de ter cursado e aprobado nos tres primeiros cursos do nivel secundario as materias correspondentes a cada curso de Lingua e Literatura Galega, xunto coas de Historia e as de Xeografía de Galicia no Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires.

i) Certificación oficial de ter superado o nivel intermedio (B1) das ensinanzas de Galego da Escola Oficial de Idiomas, expedida consonte o establecido no Decreto 191/2007.

j) Certificado do curso de nivel medio de Lingua e Cultura Galegas para estranxeiros impartido polas universidades de Galicia ata o 1 de setembro de 2007.

k) Certificado do nivel medio dos estudos de Galego da UNED ata o 1 de setembro de 2007.

l) Superar estudos regrados e probas do sistema educativo que se recollen no anexo V desta resolución, no relativo á competencia clave de comunicación en lingua galega para o nivel 2.

m) Calquera certificación oficial que acredite ter adquirido os coñecementos na competencia clave de comunicación en lingua galega de nivel 3 de cualificación.

n) Superar con avaliación positiva unha acción formativa de competencia clave en lingua galega de nivel 2 dentro das especialidades formativas aprobadas pola Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación.

ñ) Outras acreditacións declaradas equivalentes ou superiores con algunha das anteriores.

Nivel 3

a) Cumprir algún dos requisitos de acceso aos certificados de profesionalidade de nivel 3 do anexo III desta resolución.

b) Estar en posesión do certificado Celga 3.

c) Título de graduado en educación secundaria obrigatoria (ESO) ou técnico auxiliar (FP1), sempre que se estudase en Galicia na súa totalidade e se cursase e aprobase de maneira oficial a materia de Lingua Galega en todos os cursos dos ditos estudos (ou, de ser o caso, se se superou a materia de Lingua Galega nas probas libres tendentes á titulación de FP1). Tamén se o título de ESO se obtivo despois de estudar un ano fóra de Galicia, sempre que non sexa o último.

d) Título de graduado en ESO se o título se obtivo superando o ámbito de comunicación en que estea incluída a materia de Lingua Galega en todos os cursos da educación secundaria para persoas adultas, nas probas libres para a obtención do graduado en ESO realizadas na Comunidade Autónoma de Galicia ou nos módulos formativos de carácter voluntario conducentes ao título de graduado en ESO do Programa de cualificación profesional inicial.

e) Título de graduado en ESO se o título se obtivo superando en Galicia de maneira oficial a materia de Lingua Galega en primeiro e segundo de ESO e o ámbito lingüístico e social no cal estea incluída a materia de Lingua Galega do Programa de diversificación curricular. Se o alumno ou alumna se incorporou ao Programa de diversificación curricular en cuarto de ESO, deberá ter aprobado a materia de Lingua Galega en 3º de ESO.

f) A equivalencia co título de graduado en ESO por ter estudos parciais do bacharelato unificado polivalente, sempre que se cursase e superase a materia de Lingua Galega de 7º e 8º de EXB a partir do curso 1979/1980 e que ningunha das materias que se admite ter pendentes nos dous primeiros cursos do bacharelato sexa a de Lingua Galega.

g) Certificado de ter cursado e aprobado as materias de Ciencias Sociais e as materias optativas de Galego na ESO e no bacharelato nos centros do Bierzo e Sanabria acollidos ao programa de formación previsto no convenio para a promoción do idioma galego nos territorios limítrofes das comunidades autónomas de Galicia e de Castilla y León, subscrito entre ambas as dúas comunidades. Se só se cursasen e aprobasen as materias de bacharelato, poderase obter tamén a validación do Celga 3 se se acredita estar en posesión do Celga 2.

h) Certificado de ter cursado e aprobado as materias de Lingua e Literatura Galega en 4º e 5º do nivel secundario no Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires, sempre que se conte co Celga 2 ou coa súa validación.

i) Certificado do ciclo elemental de Galego, expedido pola Escola Oficial de Idiomas ao abeiro do Real decreto 47/1992, do 24 de xaneiro.

j) Certificación oficial do nivel avanzado (B2) das ensinanzas de Galego da Escola Oficial de Idiomas, expedida consonte o Decreto 239/2008, do 25 de setembro.

k) Estar en posesión do certificado de aptitude dos cursos de iniciación de Lingua Galega (segundo a Orde do 10 de febreiro de 2014).

l) Superar estudos regrados e probas do sistema educativo que se recollen no anexo V desta resolución, no relativo á competencia clave de comunicación en lingua galega para o nivel 3.

m) Superar con avaliación positiva unha acción formativa de competencia clave en lingua galega de nivel 3 dentro das especialidades formativas aprobadas pola Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación.

n) Outras acreditacións declaradas equivalentes ou superiores con algunha das anteriores.

ANEXO V

Validacións das competencias clave necesarias para a obtención dos certificados de profesionalidade de nivel 2 por ter superado estudos regrados e probas do sistema educativo

Competencia clave

Módulos IV das ensinanzas de secundaria para persoas adultas (Orde do 24 de xuño de 2008)1

Módulos IV das ensinanzas de secundaria para persoas adultas (Orde do 26 de maio de 1997)1

Probas libres para a obtención do graduado en secundaria (Orde do 19 de febreiro de 2009)2

Materias de 4º curso de educación secundaria obrigatoria1

Materias de 2º de BUP (Lei 14/1970, do 4 de agosto)1

Probas de acceso a ciclos de grao medio (Orde do 2 de decembro de 2008)3

Comunicación en lingua galega

Ámbito de comunicación

Ámbito de comunicación

Probas do ámbito da comunicación

Lingua Galega e Literatura

Lingua Galega e Literatura

Exención ou superación da parte sociolingüística

Comunicación en lingua castelá

Ámbito de comunicación

Ámbito de comunicación

Probas do ámbito da comunicación

Lingua Castelá e Literatura

Lingua Española e Literatura

Exención ou superación da parte sociolingüística

Comunicación en lingua

estranxeira

Ámbito de comunicación

Ámbito de comunicación

Probas do ámbito da comunicación

Primeira ou segunda Lingua Estranxeira

Lingua

Estranxeira

--------------------

Competencia

matemática

Ámbito

científico-tecnolóxico

Ámbito

tecnolóxico-matemático

Probas do ámbito científico-tecnolóxico

Matemáticas

Matemáticas

Exención ou superación da parte matemática

1Acreditarase a través de certificación académica expedida por un centro público.

2Acreditarase a través do certificado de superación das probas libres para a obtención do graduado en secundaria.

3Acreditarase a través do certificado de realización das probas de acceso ao grao medio.

Nota: estas táboas poderían ter modificacións ou novas validacións ditadas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, de ser o caso.

Poderase acreditar a competencia clave de comunicación en lingua estranxeira mediante un certificado oficial que se corresponda, como mínimo, cun nivel de usuario básico A2 do Marco común europeo para as linguas (MCERL) da lingua estranxeira en cuestión, as súas equivalencias ou algunha das validacións oficiais.

Outras validacións-nivel 2

Certificación académica en que conste que superaron todas as materias de cinco (5) cursos do bacharelato do Plan de 1957.

Validacións das competencias clave necesarias para a obtención dos certificados de profesionalidade de nivel 3 por ter superado estudos de bacharelato e probas do sistema educativo

Competencia clave

Materias de 2º curso de bacharelato1

Materias COU1

Probas de acceso a ciclos de grao superior2

(Orde do 2 de decembro de 2008)

Competencia en lingua galega

Lingua Galega e Literatura II

Lingua Galega ou Literatura Galega

Superación ou exención da parte común

Competencia en lingua castelá

Lingua Castelá e Literatura II

Lingua Española

Superación ou exención da parte común

Comunicación en lingua estranxeira

Lingua Estranxeira II

Lingua Estranxeira

Superación ou exención da parte específica (opción A)

Competencia matemática

Matemáticas II ou Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II

Matemáticas I ou Matemáticas II

Superación ou exención da parte común

1Acreditarase a través de certificación académica expedida por un centro público.

2Acreditarase a través do certificado de realización das probas de acceso ao grao superior.

Nota: estas táboas poderían ter modificacións ou novas validacións ditadas pola Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, de ser o caso.

Poderase acreditar a competencia clave de comunicación en lingua estranxeira mediante un certificado oficial que se corresponda, como mínimo, cun nivel de usuario intermedio B1 do Marco común europeo para as linguas (MCERL) da lingua estranxeira en cuestión, as súas equivalencias ou algunha das validacións oficiais.

missing image file
missing image file