Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 10 de xaneiro de 2023 Páx. 2822

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos obradoiros multidisciplinares de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada para o ano 2023, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300H).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do día 29 de novembro de 2022 acordou, por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras dos obradoiros multidisciplinares de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada do Igape, e facultou o director xeral para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras dos obradoiros multidisciplinares do Igape de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada, e convocalas para o ano 2023 en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300H).

As axudas das bases reguladoras anexas á presente convocatoria fináncianse con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Esta convocatoria tramítase de conformidade co disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), no cal se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas axudas á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Terceiro. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o devandito prazo dun mes.

Cuarto. Os créditos dispoñibles para concesións aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e distribución plurianual:

Partida orzamentaria

Ano 2023

Ano 2024

Total

05.A1.741.A.7810

300.000,00 €

300.000,00 €

600.000,00 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento:

O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será de cinco meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia; transcorrido este poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

O prazo de execución non poderá superar o 30 de xuño de 2024.

Os beneficiarios das axudas deberán presentar a solicitude de cobramento como máis tarde o 15 de decembro de 2023 para os proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 15 de decembro de 2023 ou anterior, e como máis tarde o 30 de xuño de 2024 no resto dos proxectos. Os gastos realizados entre o 16 de decembro de 2023 e o 31 de decembro de 2023 poderán ser imputados ao 2024.

Sexto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario.

Sétimo. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2022

Fernando Guldrís Iglesias
Director do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO

Bases reguladoras dos obradoiros multidisciplinares de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada

A Axenda de Competitividade Galicia Industria 4.0 (en diante, a Axenda), aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 13 de maio de 2015, establecía cinco plans de impulso con 26 enfoques estratéxicos e 60 medidas para desenvolver pola Administración galega entre os anos 2015 e 2020, e foi actualizada no ano 2019 para incluír medidas para os anos 2021 e 2022.

Neste momento estase a desenvolver unha nova Axenda desde o Igape, a Axenda de empresa dixital e sustentable, que evoluciona os anteriores postulados estratéxicos cara ao impulso da empresa galega no dobre reto da dixitalización e a sustentabilidade.

Particularmente, no ano 2022, o Igape puxo en marcha unha nova convocatoria de axudas á dixitalización industria 4.0, unha primeira convocatoria de proxectos de economía circular nas pemes e tamén a primeira convocatoria de proxectos de loxística avanzada e sustentable. A intención do Instituto e renovar estas convocatorias durante o ano 2023. Os obradoiros consideranse como unha metodoloxía axeitada para capacitar mellor as empresas galegas na preparación de proxectos máis avanzados e de maior significación cara aos retos principais da nosa economía.

Ademais, a RIS3 ten como obxectivo, dentro do reto 2: Aumentar a intensidade tecnolóxica dos sectores prioritarios da economía galega, a través da hibridación e as TEF, procurar sendas de iniciación para a transformación da industria tradicional cara a modelos tecnolóxicos avanzados, implementando medidas que fomenten un cambio de orientación xeral nas empresas existentes para favorecer modelos de negocio diferenciais baseados na innovación e na tecnoloxía.

Os obradoiros incentivan a creación de espazos de colaboración entre empresas (mínimo 6) para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración na implementación de ferramentas dixitais, desenvolvemento e implantación de procesos ou produtos máis sustentables ou melloras a prol dunha función loxística máis avanzada e sustentable, así como oportunidades de hibridación intersectorial. Deben funcionar como xeradores de proxectos que, máis tarde, poden presentarse ás diferentes axudas que nestes eidos convocará o Igape, axudas especialmente dirixidas a proxectos colaborativos saídos dos obradoiros, levando á realidade as solucións comúns ideadas neses espazos de encontro ou proxectos xurdidos espontaneamente entre as empresas.

O financiamento dos obradoiros farase con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma e están suxeitos ao réxime de minimis, Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

A convocatoria desta liña de axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

As axudas reguladas nesta base outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 1. Obxecto

Os obradoiros concíbense como espazos de encontro entre empresas (para definición de empresa atenderase ao establecido no artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014) para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración que dean lugar a proxectos de implementación de ferramentas colaborativas sectoriais nos eidos da dixitalización, a sustentabilidade ou a loxística avanzada, susceptibles de optar ás axudas establecidas noutras convocatorias do Igape ou outras administracións galegas ou estatais, ou ben oportunidades de hibridación intersectorial.

As temáticas propostas en cada obradoiro deberán responder a un ou varios destes eidos: dixitalización empresarial ou transformación dixital, sustentabilidade en calquera das súas vertentes, economía circular, redución de pegadas de carbono ou hidrícas, biodiversidade, etc. ou tamén dirixidos á mellora da función loxística nas empresas, co obxectivo de avanzar na loxística avanzada e sustentable.

Estes espazos de encontro (obradoiros) terán carácter eminentemente presencial, aínda que poderán complementarse con outras actividades non presenciais que contribúan ao mellor fin do obradoiro.

Tendo en conta as tendencias e a aprendizaxe provocadas pola pandemia, aclárase que se considerará que un encontro ten carácter presencial cando as persoas participantes se atopen simultaneamente no mesmo lugar, ou ben cando empreguen unha ferramenta de presenza virtual que asegure a súa interacción simultánea desde distintos lugares, como pode ser unha videoconferencia grupal.

Cada espazo de encontro poderá estar articulado a través dunha ou varias reunións, ademais doutras actuacións de contacto entre os membros do grupo que poidan ser necesarias. Estas reunións terán que documentarse en vídeo ou por escrito acompañadas de fotografías.

En cada espazo de encontro (obradoiro) deberán participar persoas dun mínimo de 6 empresas distintas, considerando o total das sesións realizadas. Considerarase que cada reunión está validamente constituída para os efectos destas axudas se asisten persoas de 2/3 das empresas participantes no correspondente espazo de encontro (obradoiro); para determinar ese número mínimo de asistentes á reunión, aplicarase a fracción de 2/3 ao número de empresas participantes tidas en conta para baremar o proxecto (un máximo de 10), redondeando ao número enteiro máis próximo. A cada reunión poderán asistir diferentes persoas por cada empresa.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderanse como tales, para efectos destas axudas:

a) Entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa, clústeres empresariais ou hubs de innovación dixital ao abeiro da Estratexia galega de HID.

b) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE nº 20, do 23 de xaneiro de 2009).

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As entidades que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou que incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

Artigo 3. Conceptos de gasto subvencionables

1. Poderanse subvencionar os seguintes gastos en que incorran os organismos intermedios para a organización dos obradoiros:

a) Colaboracións externas directamente relacionadas coa execución do proxecto, para a dirección e dinamización dos grupos de empresas. As colaboracións externas subvencionables non consistirán en actividades permanentes ou periódicas do organismo nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais, como son os servizos rutinarios de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade.

b) No suposto de que o importe do IVE supoña un custo real soportado polo beneficiario, poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso, deberase presentar un certificado relativo á situación do beneficiario con respecto ao IVE ou, de ser o caso, unha declaración responsable da entidade en que xustifique que o IVE supón un gasto real e os artigos da lexislación aplicable que dan soporte a esa xustificación, de acordo co indicado no artigo 7.1.d) destas bases. No caso de que o réxime do IVE sexa a pro rata, o gasto subvencionable calcularase con base na pro rata definitiva do último exercicio pechado antes da concesión da axuda, e será responsabilidade do beneficiario realizar os axustes correspondentes na liquidación das obrigas fiscais.

c) Gastos de persoal do organismo intermedio:

1º. Ata un 10 % do orzamento total do proxecto en concepto de gastos de coordinación e selección de participantes se a dirección e dinamización do obradoiro contrata un colaborador externo.

2º. Ata o 100 % do orzamento total do proxecto se a dirección e dinamización dos grupos de empresas a realiza o organismo intermedio con persoal propio. Neste caso, terá que dispor dunha experiencia mínima de 3 proxectos de dirección e dinamización de grupos desenvolvidos con persoal propio nos 3 anos inmediatamente anteriores á solicitude de axuda. Esta experiencia deberá declararse no formulario electrónico de solicitude de axuda e describirse en detalle na memoria requirida no artigo 7.1.a). Para os proxectos que acrediten a experiencia da entidade, indicarase cando menos, a súa temática, número de integrantes dos grupos, metodoloxía de dinamización utilizada, obxectivos e resultados acadados.

En calquera caso, na memoria deberá detallarse o método de determinación da imputación dos gastos de persoal ao proxecto.

2. O período de execución dos gastos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria.

3. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se responden á definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

4. Cando o importe do concepto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra, no momento de publicar estas bases), a beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, excepto que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren.

As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Comparabilidade: deberán referirse á mesma tipoloxía de elemento obxecto de investimento, con prestacións similares e conter conceptos análogos e comparables e co detalle suficiente para a súa comparación.

b) Non vinculación: os provedores das tres ofertas non poderán ser vinculados entre si nin coa empresa solicitante. Para estes efectos, considérase que existe vinculación entre empresas se responden á definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos apartados 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

c) Identificación do ofertante e do destinatario: deberán conter a razón social, o domicilio e o número ou código de identificación fiscal. Excepcionalmente, poderán admitirse ofertas ou orzamentos en que se omita algún dos elementos identificativos do emisor ou do destinatario cando, segundo o criterio dos servizos técnicos do Igape, se considere que están clara e inequivocamente identificados o ofertante e o destinatario.

d) Data e validez: todas as ofertas deberán mostrar unha data de emisión e un prazo de validez. As ofertas non poderán ter un prazo de validez vencido na data de presentación da solicitude.

Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a solicitante non escolla a oferta de menor prezo, poderá considerarse subvencionable o importe da oferta elixida cando acredite que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios adicionais ao prezo.

5. En ningún caso o custo de adquisición dos conceptos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 4. Contía da axuda e criterios de avaliación

1. A subvención será do 100 % dos gastos subvencionables ata un máximo de 25.000 € por proxecto e concédese ao abeiro do réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).

Ademais do anterior, co obxectivo de fomentar a diversidade de obradoiros, unha mesma entidade poderá presentar varias solicitudes, pero establécese un límite máximo de subvención por entidade beneficiaria de 60.000 € para o total de solicitudes concedidas. No caso de que se supere ese importe, axustarase o importe de subvención no proxecto con menor precedencia.

2. Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas.

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder e pagar a axuda, requirirase do solicitante unha declaración sobre calquera outra axuda pública ou privada recibida e/ou solicitada para o mesmo proxecto e/ou para os mesmos conceptos para os que solicita esta subvención e sobre calquera outra axuda de minimis recibida e/ou solicitada durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

4. Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:

1º. Dimensión do proxecto. En función do número de empresas participantes (mínimo 6 empresas): 5 puntos por cada empresa por enriba do mínimo definido ata un máximo de 20 puntos. Para os efectos de baremación, obterase a máxima puntuación para 10 empresas participantes.

2º. Calidade técnica do proxecto: ata 30 puntos, que se avaliarán en función dos seguintes parámetros:

i. Madurez da proposta en canto á definición da temática e obxectivos do espazo de encontro. Ata 20 puntos.

ii. Diversidade en canto á posición na cadea de valor sectorial das empresas participantes. Ata 5 puntos.

iii. Propostas concretas de colaboración co Igape na difusión dos resultados dos proxectos. Ata 5 puntos.

3º. Sector ou ámbito de actividade en que se desenvolva o proxecto: 20 puntos, que se outorgarán a proxectos sectoriais onde a maioría das empresas as que a dirixido o obradoiro pertenzan a un dos sectores prioritarios definidos na Axenda de competitividade:

i. Estratéxicos: agroalimentación, produtos do mar e acuicultura, automoción, enerxías renovables, madeira/forestal, naval/industria marítima, pedra natural, téxtil-moda.

ii. Emerxentes e de alto potencial: aeronáutico/aeroespacial, industria da saúde e do benestar, industrias creativas, biotecnoloxía, novos materiais, ecoindustria, TIC.

4. Experiencia do organismo intermedio na xestión de proxectos colaborativos nos 3 anos inmediatamente anteriores á solicitude de axuda: 3 puntos por cada proxecto de dinamización de grupos finalizado con resultados cuantificables e 1 punto por cada proxecto finalizado noutra temática ata un máximo de 30 puntos.

En caso de empate nas puntuacións, decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio 2º. Se aínda así seguise existindo empate, decidirase pola maior puntuación nos criterios 1º, 3º, 4º e 5º, por esa orde. En caso de persistir o empate, determinarase a precedencia polo número de expediente máis baixo.

Os proxectos deberán acadar 60 puntos na baremación para ser aprobados.

Artigo 5. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

3. As axudas previstas nestas bases incardínanse no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Para presentar a solicitude, a persoa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE), que identificará univocamente a solicitude de axuda.

No formulario de solicitude incluiranse as seguintes declaracións, que necesariamente deberán ser subscritas polo solicitante para poder ser beneficiario da axuda:

a) Que o solicitante non solicitou ningunha outra axuda para a mesma actuación.

b) Que os provedores non están vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se responden á definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

c) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Presentarase unha solicitude por cada obradoiro dirixida a algunha das temáticas definidas no artigo 1. No caso de que un obradoiro conteña unha mestura de temáticas, os solicitantes deberán clasificalo dentro dalgunha delas en función da que considere principal ou máis salientable. Cada organismo intermedio poderá presentar un máximo de tres proxectos na mesma convocatoria. No caso de que algún organismo intermedio presente máis de tres proxectos, serán unicamente considerados os tres primeiros, por estrita orde de entrada.

3. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou aquelas en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda; transcorrido este, consideraranse desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/pae/afirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva do proxecto, que deberá conter mención explícita aos criterios de selección aplicables.

b) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 3.4 destas bases reguladoras.

c) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes.

d) Acreditación da representación con que se actúa.

e) No caso de que o importe do IVE supoña un custo real soportado polo beneficiario, deberase presentar un certificado relativo á situación do beneficiario con respecto ao IVE ou, de ser o caso, unha declaración responsable da entidade en que xustifique que o IVE supón un gasto real e os artigos da lexislación aplicable que dan soporte a esa xustificación. No caso de que o réxime do IVE sexa a pro rata, a declaración deberá indicar a pro rata definitiva do último exercicio pechado, e será responsabilidade do beneficiario realizar os axustes correspondentes na liquidación das obrigas fiscais.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamentoo coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración pública.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.

i) Consulta de concesións pola regra de minimis.

j) Consulta de información do imposto de actividades económicas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente (anexo I) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Artigo 10. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención será a Área de Competitividade do Igape e a competencia para ditar a resolución que poña fin ao procedemento na vía administrativa correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Os proxectos serán avaliados por un órgano avaliador composto por tres membros de entre o persoal da Área de Competitividade: o/a subdirector/a de Competitividade Empresarial, que actuará como presidente, un/unha técnico/a responsable de programas, que actuará como secretario/a con voz e voto, e un/unha técnico/a de servizos xerais . Axustará o seu funcionamento ás disposicións sobre órganos colexiados contidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 11. Instrución dos procedementos

1. Unha vez recibidas as solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución. Dado o réxime de concesión en concorrencia competitiva, a ausencia de memoria técnica ou a presentación dunha memoria técnica ilexible non será emendable, e o expediente avaliarase utilizando unicamente a información achegada no formulario de solicitude.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos citados de emenda realizaranse mediante publicación na páxina web do Igape no enderezo https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

3. As solicitudes serán avaliadas polo órgano avaliador, quen elaborará unha relación ordenada de todas as solicitudes, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas, en aplicación dos criterios de avaliación, desempate e puntuación mínima establecidos no artigo 4.4 destas bases.

Artigo 12. Resolución, publicación e notificacións

1. A Área de Competitividade do Igape ditará a proposta de resolución con base neste procedemento a partir da relación de solicitudes puntuadas. A continuación, elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen emitirá a resolución de concesión das subvencións, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, a contía da subvención e as obrigas que corresponden á entidade beneficiaria. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

3. A resolución conxunta será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, ao cal se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria; transcorrido este poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

5. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento que non sexan obxecto de publicación practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape na ligazón tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción electrónico).

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións, e admitirase, modificacións dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, sempre e cando estes cambios non alteren o baremo ou desvirtúen o proxecto. Nomeadamente, non se admitirán modificacións que amplíen o prazo de execución do proxecto máis aló das datas límite establecidas na resolución de convocatoria nin as que reduzan a menos de 6 as empresas participantes nun obradoiro nin aquelas que supoñan unha maior subvención para o proxecto.

2. O beneficiario deberá solicitar a modificación tramitando o formulario sinalado no artigo 6 e presentando a súa instancia dirixida á Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica. A solicitude de modificación deberá presentala con anterioridade á finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia, de ser preciso, aos interesados.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

d) Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención. Estas axudas son incompatibles con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas.

e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade.

f) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape e a Xunta de Galicia, segundo o establecido no anexo III a estas bases.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

i) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 16. Xustificación da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario, dentro do prazo establecido na resolución de convocatoria, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/
oficinavirtual. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

2. O beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo II), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou aquelas en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, o beneficiario deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.

4. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que conforme a lei correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.

5. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará a seguinte documentación:

a) Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado.

b) Documentación xustificativa do pagamento, conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ás accións subvencionadas, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas nas accións e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou carta de recepción asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ás accións subvencionadas.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.

c) No caso de que o IVE sexa concepto subvencionable, no caso de que o réxime do IVE sexa a pro rata, deberá achegar o modelo 390 do último exercicio pechado.

d) Memoria de execución dos obradoiros que incluirá, como mínimo, cronograma de desenvolvemento do proxecto, incluíndo as datas das distintas sesións, imaxes e/ou vídeo de cada sesión, lista de asistentes asinada en que se faga constar a empresa a que pertence cada un dos asistentes. Ademais do anterior, a memoria deberá incluír un resumo das actividades levadas a cabo en cada unha das sesións, así como das conclusións e/ou resultados obtidos. Ademais, no caso de que se aleguen gastos de persoal, débese incluír na memoria un cadro resumo por meses e traballadores que participan no proxecto, en que se recollan polo menos os datos de salario bruto, custo da Seguridade Social para a empresa, custo total/hora, horas imputadas e custo total imputado ao proxecto.

e) Copia das tres ofertas que debe ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 3.4 das bases reguladoras, no caso de non achegalas coa solicitude de axuda.

f) A copia -que permita a súa lectura-, de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 15.f) destas bases.

6. O beneficiario deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade, en que se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 15.e): número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

O beneficiario deberá presentar a documentación xustificativa obrigatoriamente por vía electrónica. O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

7. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que o beneficiario se opoña á consulta ou non preste o consentimento expreso, deberá achegar as certificacións xunto co resto da documentación xustificativa.

8. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, de ser o caso, das cantidades previamente aboadas.

9. O Igape poderá aceptar variacións nos diversos conceptos de gasto aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada concepto e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de gasto aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que se tiveron en conta para resolver a concesión.

10. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 14 destas bases, despois de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a lei de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Aboamento das axudas

1. O aboamento da axuda realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, documentación ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

2. O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007 e no título IV do seu regulamento.

Artigo 18. Perda do dereito á subvención e reintegro

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro o que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

3. Procederá a perda total do dereito a cobrar a axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

e) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

f) Cando, como consecuencia de incumprimento parcial, o importe subvencionable sexa inferior ao 50 % do concedido.

g) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

h) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 16 destas bases.

i) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, excepto o permitido no artigo 16.10.

j) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade.

k) Non chegar ao número mínimo de 6 empresas participantes no espazo de encontro (obradoiro), de acordo co establecido no artigo 1 destas bases reguladoras.

l) Non obter a puntuación mínima para que o proxecto sexa beneficiario, como consecuencia de reducir o número de empresas participantes no espazo de encontro (obradoiro) tidas en conta para a baremación de acordo, co establecido no artigo 4.4.1º.

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión da axuda, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro co seguinte criterio:

No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. En particular, unha execución por baixo do 50 % da base subvencionable aprobada considerarase un incumprimento total.

Cando o número de sesións validamente constituídas no ámbito do espazo de encontro (obradoiro) sexa inferior ao número descrito na solicitude que deu lugar á concesión da axuda, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao número de sesións que non se levasen a cabo nas condicións establecidas nas bases. En particular, unha execución por baixo do 50 % do número de sesión descritas na solicitude aprobada considerarase un incumprimento total.

Artigo 19. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.

Artigo 20. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos do beneficiario fixados no artigo 15, e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 21. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gasto será de 4 anos desde a súa presentación.

2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007 e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 23. Rexistro público de subvencións

1. A concesión das axudas reguladas nesta convocatoria será obxecto de inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencionable en Galicia.

2. As persoas interesadas terán, en calquera momento, o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos seus datos que figuren no Rexistro Público de Subvencións, de conformidade co establecido na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

3. A solicitude para ser entidade beneficiaria das axudas incluídas nestas bases levará implícita a autorización, no suposto de que se lle conceda a axuda solicitada, para a inscrición, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na solicitude. Non obstante, as entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorra algunha das circunstancias previstas na alínea d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto en:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

g) Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).

h) Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

i) O resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

REQUISITOS DE COMUNICACIÓN DO FINANCIAMENTO PÚBLICO

Obradoiros multidisciplinares de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada do Igape

Responsabilidade do beneficiario.

Os obradoiros multidisciplinares de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada están financiados polo Igape, polo que as persoas beneficiarias deberán cumprir os requisitos de comunicación e incluír a imaxe institucional do Igape:

− Nos materiais utilizados nos obradoiros (tanto impresos como en formato electrónico).

− Na difusión realizada en medios de comunicación, de ser o caso; cando polas características da publicación non sexa posible incluír a imaxe institucional, abondará coa referencia ao financiamento da actuación por parte do Igape.

A imaxe institucional poderase descargar no enderezo da internet: https://www.igape.gal/gl/máis-igape/transparencia-e-goberno-aberto e o formato que se deberá utilizar é o seguinte:

Proxecto financiado polo Igape:

missing image file

Para dar publicidade do financiamento atenderase ao establecido no Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia (DOG núm. 146, do 2 de agosto).