Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 11 de xaneiro de 2023 Páx. 3258

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

EXTRACTO da Orde do 15 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para entidades privadas sen ánimo de lucro co fin de realizar programas de carácter sociosanitario no ano 2023, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento SA803A).

BDNS (Identif.): 668959.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Para seren beneficiarias das axudas publicadas nesta orde, as entidades deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ser unha entidade privada sen ánimo de lucro que teña explicitamente entre os seus fins estatutarios realizar actividades de apoio e axuda ao colectivo a que se dirixen os programas de atención sociosanitaria para os cales se solicita subvención, destinados a colectivos de persoas afectadas por enfermidades neurodexenerativas (incluíndo alzhéimer, demencias e párkinson), trastorno do espectro autista, dano cerebral adquirido, parálise cerebral, enfermidades raras, epilepsia ou linfedema.

Para estes efectos, considerarase enfermidade rara aquela que ten unha prevalencia menor de 5 casos por cada 10.000 habitantes na nosa comunidade autónoma, de acordo cos informes que elabora periodicamente Orphanet.

b) Estar legalmente constituída, polo menos con dous anos de anterioridade con respecto á data de publicación desta convocatoria, coa excepción das federacións recentemente constituídas que estean integradas maioritariamente por asociacións cunha antigüidade que sexa superior aos dous anos. Así mesmo, deberán estar inscritas no rexistro administrativo correspondente.

c) Dispor dunha sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo como tal a existencia de local/locais e o domicilio social nela, e comprometerse, así mesmo, a desenvolver as actividades subvencionadas dentro do seu territorio.

d) Ter un horario mínimo de atención ao público de vinte (20) horas semanais, destinadas a dar información e prestar axuda dun xeito prioritario aos colectivos afectados.

e) Dispor de estrutura técnica e capacidade suficiente para garantir o cumprimento dos obxectivos propostos no programa presentado, así como experiencia operativa na súa posta en funcionamento.

No desenvolvemento do programa participará o persoal técnico e o persoal cualificado necesario, entendéndose como tal aquel que dispón da cualificación profesional adecuada para realizar o programa. A dirección e coordinación terá que levala a cabo persoal técnico coa titulación universitaria adecuada para o desenvolvemento das actividades previstas, o cal será o seu responsable.

2. Tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións sen personalidade xurídica de organizacións recollidas na epígrafe anterior, nos seguintes termos:

a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no número anterior.

b) Deberán indicar os compromisos asumidos por cada un dos seus membros e o importe da subvención para aplicar a cada un deles.

c) Deberán nomear unha persoa en representación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.

d) Non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. No caso de que algunha das entidades solicitantes sexa unha federación, agrupación, confederación ou persoa xurídica similar que integre no seu seo varias entidades, poderá propor de entre estas unha ou varias entidades para executar os programas, as cales actuarán no nome e por conta da entidade solicitante.

4. Non poderán ser beneficiarios os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

6. Todos os requisitos deberán acreditarse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para entidades privadas sen ánimo de lucro co fin de desenvolver programas de carácter sociosanitario no ano 2023, ao longo do período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de outubro de 2023. Os ditos programas están destinados a realizar actividades no proceso de atención e rehabilitación de persoas con especiais necesidades de atención sociosanitaria asociadas ás enfermidades neurodexenerativas (incluíndo alzhéimer, demencias e párkinson), trastorno do espectro autista, dano cerebral adquirido, parálise cerebral, enfermidades raras, epilepsia ou linfedema.

A súa finalidade é aumentar a autonomía, paliar as posibles limitacións e favorecer a rehabilitación e integración das persoas que compoñen os ditos colectivos.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 15 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para entidades privadas sen ánimo de lucro co fin de realizar programas de carácter sociosanitario no ano 2023, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento SA803A).

Cuarto. Contía

Para o financiamento destas axudas está previsto un crédito de douscentos cincuenta mil euros (250.000 €) con cargo á aplicación 5001.413A.481.33 e código de proxecto 201400028, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023. Esta orde é tramitada como expediente anticipado de gasto e quedan as resolucións no momento da súa concesión condicionadas á existencia de crédito axeitado e suficiente na aplicación orzamentaria sinalada.

Do dito importe, setenta e un mil euros (71.000 €) corresponden á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF destinado á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario e o resto a fondos propios libres.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O dito prazo deberá computarse de conformidade co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Sexto. Outros datos

Para poder ser beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao formulario normalizado que, a título exclusivamente informativo, figura como anexo da orde e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código SA803A.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade