Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 11 de xaneiro de 2023 Páx. 3208

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 15 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para entidades privadas sen ánimo de lucro co fin de realizar programas de carácter sociosanitario no ano 2023, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento SA803A).

A Consellería de Sanidade é o órgano da Administración autonómica responsable da superior dirección e desenvolvemento das funcións e competencias en materia de sanidade, de conformidade co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e na Constitución española, segundo o Decreto 136/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade.

Adscrito á Consellería de Sanidade, baixo a súa dirección, vixilancia e tutela, configúrase o Servizo Galego de Saúde, creado pola Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, como organismo autónomo de carácter administrativo dotado de personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins. A súa estrutura orgánica regúlase actualmente no Decreto 137/2019, do 10 de outubro, e os seus fins e funcións, no capítulo I do título VI da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

De conformidade co disposto no artigo 53 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a atención sociosanitaria configúrana o conxunto de coidados sanitarios e aqueloutros que lle correspondan dentro do sistema de servizos sociais establecido na súa normativa específica, destinados ás persoas enfermas xeralmente crónicas que, polas súas especiais características, se poden beneficiar da atención simultánea e sinérxica dos servizos sanitarios e sociais para aumentar a súa autonomía, paliar as súas limitacións ou sufrimentos e facilitar a súa reinserción social.

Así mesmo, a Lei 8/2008, do 10 de xullo, no seu artigo 136, establece que a atención sociosanitaria deberá cubrir as necesidades das persoas baixo criterios de igualdade, equidade, accesibilidade, universalidade e complementariedade na acción das diferentes administracións. Do mesmo xeito, o citado artigo encoméndalle á Consellería de Sanidade o fomento de actuacións integrais sociais e sanitarias ante aquelas circunstancias de dependencia, cronicidade, discapacidade ou outras en que a cooperación entre o sistema sanitario e o sistema de servizos sociais comporte vantaxes sociais e asistenciais.

A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, a través da Subdirección Xeral de Atención Primaria, ocúpanse da programación, coordinación e xestión de accións e medidas dirixidas a sectores con especiais necesidades sociosanitarias.

Do mesmo xeito, a Subdirección Xeral de Atención Primaria é a unidade encargada de asesorar, coordinar e supervisar as directrices e accións de carácter sociosanitario que se desenvolvan no ámbito da Comunidade Autónoma. Entre outros, ten o obxectivo xeral de colaborar e cooperar con institucións públicas e privadas, entre elas, as entidades sen ánimo de lucro, na xestión de programas de carácter sociosanitario.

Tendo en conta estas premisas e a importancia actual do tecido asociativo galego no desenvolvemento de programas de carácter sociosanitario, considérase de interese prioritario o establecemento de axudas orientadas a apoiar o desenvolvemento de programas de carácter sociosanitario destinados a colectivos de persoas afectadas por enfermidades neurodexenerativas (incluíndo alzhéimer, demencias e párkinson), trastorno do espectro autista, dano cerebral adquirido, parálise cerebral, enfermidades raras, epilepsia ou linfedema que precisen coidados e actividades de rehabilitación e apoio para o mantemento da súa autonomía dentro da comunidade.

Por todo o exposto, conforme o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento, así como na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios aos fins para os cales foron establecidos,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para as entidades privadas sen ánimo de lucro co fin de desenvolver programas de carácter sociosanitario no ano 2023, ao longo do período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de outubro de 2023. Os ditos programas están destinados a realizar actividades no proceso de atención e rehabilitación de persoas con especiais necesidades de atención sociosanitaria asociadas ás enfermidades neurodexenerativas (incluíndo alzhéimer, demencias e párkinson), trastorno do espectro autista, dano cerebral adquirido, parálise cerebral, enfermidades raras, epilepsia ou linfedema.

A súa finalidade é aumentar a autonomía, paliar as posibles limitacións e favorecer a rehabilitación e integración das persoas que compoñen os ditos colectivos.

Habilítase na sede electrónica da Xunta de Galicia o código SA803A para este procedemento administrativo.

Artigo 2. Requisitos das entidades beneficiarias

1. Para seren beneficiarias das axudas publicadas nesta orde, as entidades deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ser unha entidade privada sen ánimo de lucro que teña explicitamente entre os seus fins estatutarios a realización de actividades de apoio e axuda ao colectivo a que se dirixen os programas de atención sociosanitaria para os cales se solicita subvención: destinados a colectivos de persoas afectadas por enfermidades neurodexenerativas (incluíndo alzhéimer, demencias e párkinson), trastorno do espectro autista, dano cerebral adquirido, parálise cerebral, enfermidades raras, epilepsia ou linfedema.

Para estes efectos, considerarase enfermidade rara aquela que ten unha prevalencia menor de 5 casos por cada 10.000 habitantes na nosa comunidade autónoma, de acordo cos informes que elabora periodicamente Orphanet.

b) Estar legalmente constituídas, polo menos con dous anos de anterioridade con respecto á data de publicación desta convocatoria, coa excepción das federacións recentemente constituídas que estean integradas maioritariamente por asociacións cunha antigüidade que sexa superior aos dous anos. Así mesmo, deberán estar inscritas no rexistro administrativo correspondente.

c) Dispor dunha sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo como tal a existencia de local/locais e o domicilio social nela, e comprometerse, así mesmo, a desenvolver as actividades subvencionadas dentro do seu territorio.

d) Ter un horario mínimo de atención ao público de vinte (20) horas semanais, destinadas a dar información e prestar axuda dun xeito prioritario aos colectivos afectados.

e) Dispor de estrutura técnica e capacidade suficiente para garantir o cumprimento dos obxectivos propostos no programa presentado, así como experiencia operativa na súa posta en funcionamento.

No desenvolvemento do programa participará o persoal técnico e o persoal cualificado necesario, entendéndose como tal aquel que dispón da cualificación profesional adecuada para a realización do programa. A dirección e coordinación terá que levala a cabo persoal técnico coa titulación universitaria adecuada para o desenvolvemento das actividades previstas, o cal será o seu responsable.

2. Tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións sen personalidade xurídica de organizacións recollidas na epígrafe anterior, nos seguintes termos:

a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no punto anterior.

b) Deberán indicar os compromisos asumidos por cada un dos seus membros e o importe da subvención que se vai aplicar a cada un deles.

c) Deberán nomear unha persoa en representación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

d) Non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. No caso de que algunha das entidades solicitantes sexa unha federación, agrupación, confederación ou persoa xurídica similar que integre no seu seo en varias entidades, poderá propor de entre estas unha ou varias entidades para executar os programas, as cales actuarán no nome e por conta da entidade solicitante.

4. Non poderán ser beneficiarios os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

6. Todos os requisitos deberán acreditarse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

Artigo 3. Programas subvencionables

1. Os programas subvencionables serán programas de carácter sociosanitario no eido da rehabilitación fisioterapéutica, logopédica, cognitiva, terapia ocupacional e apoio psicolóxico destinados á atención e rehabilitación dos colectivos correspondentes ás seguintes liñas de actuación:

Liña I. Enfermidades neurodexenerativas (incluíndo alzhéimer, demencias e párkinson).

Liña II. Trastorno do espectro autista.

Liña III. Dano cerebral adquirido, parálise cerebral e epilepsia.

Liña IV. Enfermidades raras e linfedema.

2. Os programas obxecto de subvención deberán levarse a cabo entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de outubro de 2023.

3. As entidades só poderán solicitar axuda para un único programa.

4. A contía solicitada non poderá superar os 12.000 € nin ser inferior a 4.000 €.

Artigo 4. Financiamento

1. Para o financiamento destas axudas está previsto un crédito de douscentos cincuenta mil euros (250.000 €) con cargo á aplicación 5001.413A.481.33 e código de proxecto 201400028, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023. Esta orde é tramitada como expediente anticipado de gasto, e quedan as resolucións no momento da súa concesión condicionadas á existencia de crédito axeitado e suficiente na aplicación orzamentaria sinalada.

Do dito importe, setenta e un mil euros (71.000 €) corresponden á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF destinado á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario e o resto, a fondos propios libres.

2. O crédito inicial sinalado distribúese para as liñas de axuda recollidas nesta convocatoria da seguinte maneira:

Liña I: 110.000 €.

Liña II: 60.000 €.

Liña III: 40.000 €.

Liña IV: 40.000 €.

3. O crédito previsto no punto anterior deste artigo poderá ser ampliado nos supostos e condicións previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. En todo caso, o incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia da concorrencia dalgunha das circunstancias previstas no citado artigo ou da dispoñibilidade de fondos procedentes do Estado. Cando proceda, será necesario aprobar a oportuna modificación orzamentaria. Nestes supostos, o órgano concedente das subvencións terá que publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que esta publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

No caso de que se producise este incremento de crédito, repartiríase seguindo o mecanismo establecido no artigo 14.

A xustificación deste novo crédito dispoñible faríase do mesmo xeito que o crédito inicialmente outorgado a cada entidade.

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. Consideraranse como gastos subvencionables os que conten coas seguintes características:

a) Que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada ao abeiro do correspondente programa e resulten estritamente necesarios. O programa e actuacións que abrangue deberán coincidir co contido da resolución de concesión da subvención e, se é o caso, coas modificacións autorizadas, e deberase acreditar o cumprimento das obrigas establecidas na normativa aplicable.

b) Consideraranse gastos pagados os realizados desde a data de inicio do programa en 2023 ata o 31 de outubro de 2023 e efectivamente pagados ata o 31 de outubro de 2023. Exceptuaranse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior, por se axustaren aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) no momento do seu pagamento.

c) Que teñan a seguinte natureza:

1º. Gastos do persoal laboral da entidade: custo total que abranguerá as retribucións e os custos de Seguridade Social correspondentes á empresa. Soamente será considerado gasto subvencionable o do persoal que figure no anexo III, e soamente será subvencionable na porcentaxe imputada que se corresponda co número de horas dedicadas ao programa indicadas na antedita memoria, excepto que por necesidades debidamente xustificadas sexa necesario modificar esta. Calquera modificación deberá ser comunicada nun prazo máximo de trinta (30) días desde o momento en que se produza. No caso contrario, non se aboará o gasto.

Para xornadas inferiores ás corenta horas, realizarase o cálculo proporcional.

Soamente terán consideración de subvencionables os custos en que incorran as entidades beneficiarias respecto ao persoal en situación de incapacidade laboral temporal cando:

a. A baixa non supoña a paralización da actividade, mediante substitución da persoa de baixa, reasignación das súas tarefas ou subcontratación puntual. Deberase informar deste feito á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria.

b. A baixa, aínda supoñendo a paralización da actividade, non supere os trinta (30) días para un mesmo contrato laboral durante o período de execución do programa.

2º. Gastos de persoal en réxime de arrendamento de servizos.

Este tipo de contrato soamente se admitirá no caso de que non resulte axeitado o desenvolvemento das actividades concretas de que se trate por persoal suxeito á normativa laboral vixente. Non poderá recorrerse a persoas traballadoras autónomas dependentes.

En consecuencia, procederá en supostos de contratación de persoas que exerzan profesións liberais para as cales se exixa colexiación e outras persoas expertas pertencentes ao terceiro sector social, cando concorran as seguintes circunstancias:

a. Que estea dado de alta segundo o modelo 036 de declaración censual.

b. Que non estea dentro do ámbito da organización da entidade subvencionada ou reciba instrucións concretas desta no referente ao modo de execución do traballo encomendado.

c. Que non estea suxeito a un horario fixo.

d. Que asuma os riscos derivados da prestación do servizo.

Polo que respecta tanto ao persoal laboral da entidade como ao que estea en réxime de arrendamento de servizos, incluídos os complementos ou sobresoldos de contía fixa e carácter habitual, será subvencionable o custo total que abranguerá as retribucións e os custos de Seguridade Social correspondentes á entidade.

O importe das subvencións destinadas a financiar as retribucións imputables á execución dos programas estará limitado polas contías determinadas para os diferentes grupos de cotización á Seguridade Social que se detallan nos convenios colectivos de aplicación en cada caso.

3º. Axudas de custo e gastos de viaxe, en función das contías fixadas para o grupo 2 no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razóns do servizo ao persoal con destino na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que non superen no seu conxunto o 3 % do importe total subvencionable do programa, agás que, en atención á súa natureza, sexa autorizada outra porcentaxe. O importe subvencionable de cada axuda de custo ou gasto de viaxe será, como máximo:

Aloxamento

65,97 €

Manutención

37,40 €

Quilometraxe

0,19 €/km

4º. Gastos de xestión e administración directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa, incluíndo os custos xerais de estrutura necesarios e indispensables para a súa axeitada preparación ou execución.

5º. Outros gastos correntes directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa.

Os gastos de alugamento, así como os correntes de subministracións (auga, luz...) non poderán ser imputados ao 100 %, agás que se certifique que ese gasto corresponde de xeito exclusivo á realización da actividade do programa subvencionado. No caso contrario, soamente se poderá imputar unha porcentaxe proporcional ao custo do desenvolvemento do programa sobre o orzamento da entidade.

d) Tamén son subvencionables os gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, notariais e rexistrais, e os gastos periciais para a realización do proxecto subvencionado e os de administración específicos directamente relacionados coa actividade subvencionada, se son indispensables para a súa axeitada preparación ou execución, así como os gastos de garantía bancaria. Non obstante, en ningún caso serán subvencionables os xuros debedores das contas bancarias.

2. Non serán subvencionables os gastos orixinados polas actividades realizadas na condición de integrante das xuntas directivas ou consellos de dirección das entidades.

3. O custo da adquisición dos gastos subvencionables non poderá ser superior ao valor de mercado.

4. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos serán resoltas pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.

5. As federacións que reciban subvención non poderán xustificar os gastos do programa a través de calquera outra entidade que reciba axuda mediante esta orde.

Artigo 6. Subcontratación

Enténdese que unha entidade subcontrata cando concerta con terceiros/as a execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto desta subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a entidade para realizar por si mesma a actividade subvencionada.

Aplicarase o que dispoñen os artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A entidade beneficiaria poderán subcontratar ata o 50 % da actividade e en ningún caso concertará a execución parcial ou total das actividades subvencionadas con persoas ou entidades que recibisen outras subvencións para realizar a actividade obxecto da contratación.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O dito prazo deberá computarse de conformidade co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras desta orde de subvencións.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar, coa solicitude, a seguinte documentación:

a) A documentación que acredite a representación legal da entidade.

b) A copia da escritura de constitución, con referencia, de ser o caso, da inscrición no rexistro que corresponda.

c) Os estatutos da entidade.

d) O balance ou xustificación dos ingresos e gastos da entidade referido ao exercicio económico do ano 2022.

e) A memoria técnica do proxecto asinada electronicamente segundo o modelo do anexo II, coas seguintes epígrafes:

1º. Denominación do programa.

2º. Cronograma detallado das datas e horario previstos, clarificando a dispoñibilidade cara ás persoas usuarias.

3º. Número de persoas beneficiarias potenciais ou persoas beneficiarias na convocatoria anterior.

4º. Pertinencia do programa con xustificación da súa necesidade para a poboación albo nese contexto dado, achegando datos para fundamentalo (argumentación, referencias bibliográficas, citas, relación coas liñas estratéxicas do Servizo Galego de Saúde, OMS...).

5º. Descrición dos criterios de inclusión no programa: descrición detallada dos colectivos incluídos tendo en conta as seguintes dimensións: equidade (ofrecendo igual atención a igual necesidade) e accesibilidade (reducindo barreiras xeográficas, tempos de resposta ou de espera).

6º. Obxectivos xerais e específicos definidos para o programa.

7º. Proposta metodolóxica para o desenvolvemento do programa: descrición das fases do proceso do traballo para a consecución dos obxectivos.

8º. Definición de indicadores de proceso e resultado definidos para a avaliación do programa.

9º. Descrición dos aspectos de calidade do programa: modalidades de intervención centrada na persoa, sistemas de medición da calidade funcional (forma en que se presta o tratamento), existencia dun sistema organizativo de xestión propio que confirme o control de procesos e de mellora continua na intervención.

10º. Innovación. Indicarase a cobertura de necesidades emerxentes non cubertas (que acheguen solucións eficaces e adaptativas á evolución da enfermidade ou problemática dada) ou cando incorporen novas tecnoloxías (que engadan calidade na atención co mesmo custo).

f) O anexo de información para a valoración dos programas (anexo III), asinado electronicamente, cos seguintes ordinais:

1º. Os recursos humanos que a entidade dedicará para o desenvolvemento do programa, indicando o nome e apelidos, a titulación académica, o posto de traballo e as funcións que vai desenvolver. Deberase indicar a persoa responsable da dirección e coordinación do programa, de acordo co previsto no artigo 2.1.e).

2º. Os medios materiais con que conta a entidade para realizar o programa.

3º. A valoración económica do programa e desagregación dos custos previstos para a súa realización.

4º. O concello ou concellos onde se desenvolverá o programa.

5º. A lingua en que se desenvolverán as actividades.

g) O anexo de comprobación de datos (anexo IV) asinado electronicamente.

h) O certificado de posuír certificados de calidade en vigor con base na norma ONG con calidade, ISO 9001:2015, EFQM ou outros sistemas de calidade que garantan o control de procesos e programas, de ser o caso.

i) O plan de igualdade actualizado, de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á entidade interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento (código DIR GE0011027), o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Calquera cambio que se produza nos datos contidos na documentación que se achegue coa solicitude deberá comunicarse á Subdirección Xeral de Atención Primaria, quen poderá solicitar á entidade solicitante todos cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completar o expediente.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) O NIF da entidade solicitante.

b) O DNI/NIE da persoa representante.

c) A titulación universitaria de licenciado ou grao e/ou titulo oficial non universitario das persoas participantes no desenvolvemento do programa.

d) O certificado de estar ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) O certificado de débedas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

f) O certificado de débedas coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Consulta de concesións e subvencións de axudas.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes (anexos I e IV).

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán realizarse electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as entidades beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 12. Procedemento, instrución e Comisión de Valoración

1. O procedemento de concesión de subvencións será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde.

3. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

4. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, o órgano instrutor examinará a documentación presentada. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación obrigatoria que debe presentarse conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a entidade para que, nun prazo de dez (10) días, corrixa a falta, realice as aclaracións ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa solicitude, logo de resolución que así o declare, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. Durante a instrución do procedemento constituirase como órgano colexiado unha Comisión de Valoración que, de acordo cos criterios establecidos no artigo seguinte, avaliará os programas solicitados e emitirá o correspondente informe coa valoración acadada polos programas presentados. Esta comisión estará integrada polas seguintes persoas:

a) A persoa titular da Subdirección Xeral de Atención Primaria ou a persoa en quen delegue, que exercerá a presidencia e terá voto de calidade en caso de haber empate na obtención de acordos.

b) A persoa que desempeñe a xefatura do Servizo de Coordinación Sociosanitaria ou persoa en quen delegue.

c) A persoa que desempeñe a xefatura do Servizo de Saúde Mental ou persoa en quen delegue.

d) Dúas persoas de entre o persoal técnico da devandita subdirección –unha delas asumirá a secretaría– ou persoas en quen deleguen.

Por proposta da Presidencia do dito órgano, poderase solicitar o asesoramento de persoas expertas externas con competencia nas materias propias dos programas obxecto de subvención.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, considerarase independente aquela persoa en que non concorra ningunha das circunstancias previstas no artigo 23.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Na composición da Comisión de Valoración procurarase acadar unha composición equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 13. Criterios de valoración das solicitudes

1. Para valorar os diferentes puntos deste artigo só se terán en conta os que estean debidamente xustificados. A Comisión de Valoración, para avaliar as solicitudes, terá en conta os seguintes criterios:

a) Valoración da entidade solicitante (0-30 puntos):

1º. O grao de implantación da entidade. Valorarase o maior ámbito territorial de implantación da entidade (máximo 4 puntos):

Federación de ámbito autonómico: 4 puntos.

Asociación integrada nunha federación de ámbito autonómico: 2 puntos.

2º. A antigüidade da entidade. Outorgarase 1 punto por cada dous anos transcorridos desde a data de creación da entidade (máximo 5 puntos).

Para os efectos do cómputo, tomarase como referencia a data que figure nos estatutos da entidade ou na documentación de constitución correspondente.

3º. A experiencia da entidade solicitante na realización de actividades ou en programas relacionados coa tipoloxía de axuda a que se presente (máximo 5 puntos).

Outorgarase 1 punto por cada ano en que a entidade obtivese algunha axuda de organismos públicos, sempre que esa axuda fose para actividades ou programas relacionados co tipo de axudas obxecto desta orde. Se no mesmo ano se reciben varias axudas, só se computará unha delas. Para a súa comprobación deberán presentar copia acreditativa da concesión da subvención ou referencia do diario oficial en que se publicou a dita concesión.

4º. A calidade na xestión da entidade. Valoraranse con 3 puntos as entidades que conten con certificados de calidade en vigor con base na norma ONG con calidade ISO 9001:2015, EFQM ou outros sistemas de calidade que garantan o control de procesos e programas. Soamente se valorará no caso de acreditalo documentalmente.

5º. O grao de dedicación da entidade aos colectivos a que se dirixen os programas obxecto de subvención.

Dedicación exclusiva á atención en enfermidades neurodexenerativas (incluíndo alzhéimer, outras demencias e párkinson), trastorno do espectro autista, dano cerebral adquirido, parálise cerebral, enfermidades raras, epilepsia ou linfedema: 4 puntos.

6º. A participación social e voluntariado (máximo de 3 puntos): valorarase o número de persoas voluntarias inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia por parte da entidade solicitante, sempre e cando a dita entidade actúe nas mesmas áreas de actividade obxecto desta orde, de acordo co seguinte criterio:

De 1 a 20 persoas voluntarias: 1 punto.

De 21 a 50 persoas voluntarias: 1,5 puntos.

De 51 a 100 persoas voluntarias: 2 puntos.

De 101 a 200 persoas voluntarias: 2,5 puntos.

Máis de 200 persoas voluntarias: 3 puntos.

Para tal efecto, teranse en conta os datos de inscrición no dito rexistro na data de publicación desta orde.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a suma do número de persoas voluntarias con que contan todas as entidades que as integran, sempre e cando as ditas entidades actúen nas mesmas áreas de actividade obxecto desta orde.

7º. A contratación de recursos humanos (máximo de 6 puntos): valorarase o persoal contratado pola entidade solicitante no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme os seguintes criterios:

a. A proporción do persoal asalariado con contrato indefinido da entidade:

Ata o 50 %: 0,5 puntos.

Máis do 50 % e ata o 70 %: 0,75 puntos.

Máis do 70 %: 1 punto.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a porcentaxe de contratos indefinidos de todas as entidades en relación co cadro de persoal de todas elas.

b. A proporción do emprego de persoas con discapacidade en relación co número total de persoas remuneradas.

Desde o 2 % ata o 10 %: 0,5 puntos.

Máis do 10 % e ata o 20 %: 0,75 puntos.

Máis do 20 %: 1 punto.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, terase en conta a porcentaxe de persoas con discapacidade contratadas por todas as entidades en relación co cadro de persoal de todas elas.

c. O emprego de persoas perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga) ou que estean en situación ou risco de exclusión social conforme o artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia: outorgarase 1 punto ás entidades que teñan contratada como mínimo unha persoa que se encontre nas circunstancias indicadas.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, a puntuación máxima outórgase cando todas as entidades que as integran teñan contratado cando menos unha persoa en situación ou risco de exclusión social. Noutro caso, a puntuación outorgarase de acordo co seguinte criterio:

Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades contan cunha persoa contratada en risco ou situación de exclusión: 0,50 puntos.

Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades contan cunha persoa contratada en risco ou situación de exclusión: 0,75 puntos.

Máis do 70 % das entidades contan cunha persoa contratada en risco ou situación de exclusión: 1 punto.

d. O emprego de mulleres vítimas de violencia de xénero que non estean en situación ou risco de exclusión social conforme o artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro: outorgarase 1 punto ás entidades que teñan contratada cando menos unha persoa que estea nas circunstancias indicadas.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, a puntuación máxima outórgase cando todas as entidades que as integran teñan contratado cando menos unha muller vítima de violencia de xénero. Noutro caso, a puntuación outorgarase de acordo co seguinte criterio:

Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades contan cunha muller vítima de violencia de xénero: 0,50 puntos.

Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades contan cunha muller vítima de violencia de xénero: 0,75 puntos.

Máis do 70 % das entidades contan cunha muller vítima de violencia de xénero: 1 punto.

e. O emprego de maiores de 45 anos: valoraranse as contratacións destas persoas nos últimos dous anos sobre o total das contratacións realizadas, de acordo cos criterios seguintes:

Máis do 10 % e ata o 23 % de contratos realizados a persoas maiores de 45 anos nos últimos dous anos en relación co total de contratos da entidade: 0,5 puntos.

Máis do 23 % de contratos realizados a persoas maiores de 45 anos nos últimos dous anos en relación co número total de contratos da entidade: 1 punto.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, para a puntuación terase como referencia o número de contratacións de persoas empregadas maiores de 45 anos realizadas por todas as entidades que as integran en relación co total de contratacións dos últimos dous anos.

f. A existencia nas entidades de plans de igualdade, nos termos previstos na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, e no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, que recollan, entre outras medidas, o fomento da conciliación da vida persoal, familiar e laboral valorarase con 1 punto. Este aspecto deberá ser acreditado documentalmente.

No caso de confederacións, federacións ou agrupacións, outorgarase a máxima puntuación cando todas as entidades que as integran conten con plans de igualdade. Noutro caso, a puntuación outorgarase de acordo co seguinte criterio:

Máis do 30 % e ata o 50 % das entidades contan con plan de igualdade: 0,50 puntos.

Máis do 50 % e ata o 70 % das entidades contan con plan de igualdade: 0,75 puntos.

Máis do 70 % das entidades contan con plan de igualdade: 1 punto.

b) Valoración dos programas (0-70 puntos):

1º. O concello ou concellos onde se desenvolverá o programa (entendendo como tal o lugar onde se desenvolven as actividades, non a procedencia das persoas beneficiarias) conforme a seguinte escala: (máximo 3 puntos):

Dous concellos: 1 punto.

Tres a catro concellos: 2 puntos.

Cinco ou máis concellos: 3 puntos.

Dispersión xeográfica: no caso de que os programas se desenvolvan en áreas rurais e/ou áreas rurais de elevada dispersión, de acordo co Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, outorgaranse:

a. 50 % dos concellos en que se desenvolve o programa sitos en área rural: 1 punto.

b. 50 % dos concellos en que se desenvolve o programa sitos en área rural de elevada dispersión: 2 puntos.

2º. O ámbito de actuación destinado exclusivamente a determinados colectivos: persoas mozas ou adolescentes, mulleres ou colectivos en risco de exclusión: 5 puntos.

3º. O contido e a calidade do programa (máximo 60 puntos): para garantir un mínimo de calidade dos programas, todos eles deberán superar unha puntuación mínima de 30 puntos nesta epígrafe:

a. A descrición do programa (máximo 16 puntos):

O cronograma detallado coas datas e horario previstos das actividades e a dispoñibilidade de cara ás persoas usuarias (máximo 1 punto).

A adecuación dos medios materiais e dos recursos humanos (máximo 8 puntos) correspondendo un máximo de 3 puntos aos medios materiais e estruturais, e de 5 aos humanos. Valorarase que o persoal posúa estudos e formación relacionados co eido obxecto de intervención. Estes estudos e formación deberán ser acreditados documentalmente.

O número de persoas beneficiarias potenciais ou, na súa falta, persoas beneficiarias atendidas polo programa na convocatoria anterior (máximo 3 puntos).

A innovación. Valoraranse os programas innovadores, especialmente cando se dirixan a atender necesidades emerxentes non cubertas ou cando incorporen novas tecnoloxías (máximo 4 puntos).

b. A pertinencia do programa (máximo 10 puntos). Xustificarase a necesidade do programa para a poboación albo nese contexto dado, achegando datos para fundamentalo (argumentación, referencias bibliográficas, citas, relación coas liñas estratéxicas do Servizo Galego de Saúde, OMS...).

c. A descrición dos criterios de inclusión no programa (máximo 6 puntos). Valorarase a descrición detallada dos colectivos incluídos tendo en conta as seguintes dimensións: equidade (ofrecendo igual atención a igual necesidade) e accesibilidade (reducindo barreiras xeográficas, tempos de resposta ou de espera).

d. Os obxectivos xerais e específicos definidos para o programa (máximo 6 puntos).

e. A proposta metodolóxica para o desenvolvemento do programa. Avaliaranse a claridade e concisión na descrición das fases do proceso de traballo para a consecución dos obxectivos e o nivel de detalle da metodoloxía (máximo 6 puntos).

f. Calidade do programa (máximo 8 puntos). Ponderarase a inclusión de: modalidades de intervención centrada na persoa, sistemas de medición da calidade funcional (forma en que se presta o tratamento), existencia dun sistema organizativo de xestión propio, que confirme o control de procesos e de mellora continua na intervención.

g. A adecuación da proposta de indicadores de proceso e resultado definidos para a avaliación do programa (máximo 8 puntos). Valorarase se os indicadores de proceso permiten monitorizar o desenvolvemento das actividades dos ditos procesos e se os indicadores de resultados avalían se o proceso acada ou non os obxectivos propostos.

2. A Subdirección Xeral de Atención Primaria poderá realizar os axustes que considere axeitados sobre calquera dos elementos integrantes do programa, sempre orientados a garantir a súa factibilidade, eficiencia e o respecto aos principios éticos aplicables.

3. Se, de conformidade co artigo 16.4, unha entidade beneficiaria renuncia á axuda destinada ao programa e, como consecuencia do límite orzamentario que establece o artigo 4.1 quedasen programas sen recibir axuda, aquela adxudicarase ao seguinte programa que figure na orde de prelación establecida, tal como se recolle no artigo 14.

Artigo 14. Cálculo das contías das subvencións

1. As solicitudes de cada liña serán baremadas ata un máximo de 100 puntos, conforme o procedemento que se recolle no artigo 13, e non se poderá conceder subvención ás solicitudes que non obteñan unha puntuación mínima global de 50 puntos.

Avaliaranse inicialmente os criterios correspondentes á capacidade técnica da entidade.

A seguir, realizarase a valoración individual de cada programa, o cal deberá obter a puntuación mínima exixida. Esta última puntuación sumarase, por separado, á puntuación obtida pola entidade na fase de valoración da súa capacidade técnica.

2. Para determinar o importe da axuda procederase do seguinte xeito en cada unha das liñas:

a) Ordenaranse os programas segundo a puntuación total acadada, de maior a menor.

Se dúas ou máis entidades obtivesen unha puntuación igual, a orde de prelación estableceríase do seguinte xeito:

1º. Maior puntuación na valoración do programa (artigo 13.1.b).

2º. Maior puntuación acadada na epígrafe do contido e calidade do programa (artigo 13.1.b), parágrafo terceiro).

3º. Valoración da entidade (artigo 13.1.a).

4º. Uso da lingua galega para desenvolver as actividades do programa.

b) A Comisión de Valoración determinará cal é o orzamento subvencionable de cada programa; este será igual á axuda solicitada, coa exclusión daqueles gastos que non sexan elixibles ou que non sexan estritamente necesarios para acadar a finalidade da subvención.

c) Irase asignando o importe subvencionable a cada un dos proxectos que superaron o limiar mínimo de puntuación seguindo a orde de prelación e ata o esgotamento do crédito da liña.

d) Unha vez feita a repartición de todas as liñas, se existise excedente de crédito nas liñas, procederase do seguinte xeito:

d.1) Elaborarase unha lista conxunta dos programas de todas as liñas que, aínda superando o limiar mínimo de puntuación, non recibiron subvención ou recibiron unha contía inferior á solicitada.

d.2) Establecerase un valor euro/punto tendo en conta a puntuación obtida por estes programas e a contía sobrante total de todas as liñas.

d.3) A contía que se asignará a cada programa obterase de multiplicar este valor euro/punto polos puntos obtidos por cada programa, sempre co límite da contía solicitada.

d.4) Se, finalizadas estas operacións, seguise existindo algún resto orzamentario, volvería repartirse de acordo co procedemento indicado nesta epígrafe ata que este resto se esgote ou ata que todos os proxectos que superaron o limiar mínimo de puntuación teñan asignado o 100 % solicitado.

3. As subvencións que reciban as entidades en virtude desta orde son compatibles con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

4. De acordo co disposto no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o importe das subvencións outorgadas non poderá en ningún caso ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos nacionais ou internacionais, supere o custo total das actividades subvencionadas que desenvolverá a entidade beneficiaria.

5. A obtención doutras axudas deberá ser comunicada pola entidade beneficiaria á Subdirección Xeral de Atención Primaria no momento da súa concesión.

Artigo 15. Resolución

1. Correspóndelle á persoa titular da Consellería de Sanidade e da Presidencia do Servizo Galego de Saúde resolver o procedemento.

2. As resolucións serán motivadas e seranlles notificadas ás entidades interesadas no prazo máximo de cinco (5) meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. De non mediar resolución expresa no citado prazo, as entidades interesadas poderán entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 16. Notificación

1 As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión

1. De acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, segundo o previsto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido, tendo en conta as seguintes regras:

a) A modificación deberá respectar a actuación subvencionada e non dará lugar á execución deficiente e/ou incompleta.

b) A solicitude deberá presentarse antes de que conclúa o prazo para realizar a actividade e a esta xuntarase:

1º. A memoria xustificativa.

2º. A relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

3º. O orzamento modificado, se é o caso.

c) Poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiras persoas.

d) Non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveren lugar con posterioridade a ela.

e) Cando implique modificación do importe total concedido, tramitarase conxuntamente coa do expediente de gasto.

3. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Consellería de Sanidade por proposta da persoa titular da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, logo da correspondente tramitación e, se é o caso, con audiencia da entidade interesada.

4. Cando a entidade beneficiaria da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non afecten esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen ter dado lugar á modificación da resolución ao se omitir o trámite de autorización administrativa previa, o órgano concedente poderá aceptar a xustificación presentada, sempre que tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiras persoas.

Esta aceptación polo órgano concedente non exime a entidade beneficiaria das sancións que poidan corresponderlle de conformidade coa citada Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. A Administración poderá rectificar, de oficio, a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia de erro material, de feito ou aritmético.

Artigo 18. Recursos

As resolucións que se diten ao abeiro desta orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderá recorrerse potestativamente en reposición, ante a persoa titular da Presidencia do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da notificación, se o acto é expreso, e sen non o é, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou ben ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da data de notificación, se o acto é expreso, ou de seis (6) meses se non o é, contados desde o día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que legalmente proceda.

Artigo 19. Pagamento e xustificación

1. Os pagamentos correspondentes realizaranse de acordo co procedemento de aprobación do gasto e pagamento recollido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e faranse efectivos do seguinte xeito:

Realizarase un único pagamento unha vez cumprida a finalidade e demais condicións desta orde nos termos que recollen os artigos 28, 29 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como os artigos 41 e 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e xustificados os gastos e pagamentos realizados.

A xustificación terá carácter obrigatorio e incluirá a relación de gastos executados desde a data de inicio do programa en 2023 ata o 31 de outubro de 2023, ademais de aqueloutros gastos realizados e que por imperativo legal non se puideron pagar nese prazo (ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación).

Esta xustificación terá como data límite de presentación o 10 de novembro de 2023.

Para obter o 100 % da subvención concedida deberá xustificarse o 100 % do importe orzado do proxecto (anexo III).

No caso de xustificar unha contía inferior a ese 100 %, o pagamento reducirase proporcionalmente ao custo efectivamente xustificado, e perderase definitivamente o dereito a recibir o pagamento restante que correspondería.

2. A documentación que se debe presentar para a xustificación de gasto será a seguinte:

a) Os xustificantes dos gastos ocasionados e pagamentos realizados no desenvolvemento das actividades do programa, xunto cunha relación ordenada e detallada destes, onde se faga constar o/a acredor/a, documento, a data de expedición, a data de pagamento, o concepto e o importe (segundo o anexo V).

Cando o importe dalgún xustificante non se impute totalmente á finalidade do programa subvencionado con estas axudas, indicarase a contía exacta daquel que resulte afectado por el.

b) A documentación complementaria especificada no artigo 20.

c) A certificación expedida polo/a secretario/a ou polo/a representante da entidade onde se faga constar que os gastos que se xustifican se ocasionaron no desenvolvemento das actividades obxecto desta subvención e que foron debidamente aboados (segundo o anexo VI).

3. Considéranse gastos subvencionables os recollidos no artigo 5.

4. A documentación xustificativa dos gastos presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica https://sede.xunta.gal e dirixirase á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, con data límite do 10 de novembro de 2023. Esta dirección xeral emitirá unha certificación favorable de ser conforme.

Con data límite do 10 de xaneiro de 2024, as entidades subvencionadas deberán presentar unha memoria das actividades realizadas no marco do programa obxecto de subvención durante o ano 2023, segundo o anexo VII.

Artigo 20. Documentación complementaria dos xustificantes de gasto

Na conta xustificativa que a entidade beneficiaria achegue, ademais das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente que figuren na conta xustificativa, debe incluír a seguinte documentación segundo o tipo de gasto do que se trate:

a) Gastos de persoal: deberá achegarse, xunto coas nóminas correspondentes e os seus xustificantes bancarios de pagamento:

1º. TC1: recibo de liquidación de cotizacións de cada mes do cal se imputen nóminas.

2º. TC2: relación nominal de traballadores de cada mes do cal se imputen nóminas.

3º. Xustificante de pagamento mensual da Seguridade Social e modelo 111 trimestral xunto cos seus xustificantes de pagamento, sen prexuízo do indicado no artigo 5.1.b).

No caso das pagas extraordinarias, poderase imputar a parte proporcional dos meses e horas imputadas desas nóminas ás actividades do convenio.

b) Gastos de viaxe: deberán ir acompañados de certificación do presidente en que se especifique quen realizou a viaxe e a necesidade do desprazamento dentro dos fins do proxecto, así como achegar todos os recibos e billetes do medio empregado.

c) Gastos de alugamento: ademais da factura e o xustificante bancario de pagamento, deberá achegarse:

1º. Copia do contrato de alugueiro.

2º. Modelos 115 e 180, xunto co seu correspondente xustificante bancario de pagamento.

d) Gastos de arrendamento de servizos:

1º. Copia do contrato en que deberá reflectirse a categoría profesional, o período de prestación de servizos e as horas de intervención no programa.

2º. Certificado do representante legal da entidade en que se aclaren as razóns excepcionais polas cales o programa non se pode desenvolver mediante persoal propio.

3º. Factura que inclúa:

a. Nome, apelidos e NIF do traballador, data e período de liquidación.

b. Retención por IRPF.

c. IVE aplicado, se procede.

4º. Impresos 111 e 190 de ingresos por retencións de IRPF e xustificante bancario de pagamento que debe mostrar en que data se fixo o cargo na conta.

5º. Copia do modelo 036 de declaración censual de alta.

e) Gastos derivados da realización da auditoría de contas:

1º. Contrato en que figuren os honorarios e horas estimadas.

2º. Factura e documento acreditativo de pagamentos.

f) Nos gastos derivados da calidade dos programas:

1º. Se o proceso o efectúa persoal da propia entidade, os mesmos documentos exixidos para o persoal con contrato laboral. Imputaranse, entón, á partida de persoal.

2º. Se o proceso o efectúa unha empresa:

a. Contrato en que figuren horas estimadas e honorarios.

b. Facturas e documentos acreditativos de pagamento.

g) Nos casos de subcontratación doutras empresas:

Declaración responsable da persoa representante legal da entidade subcontratada de non atoparse incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiaria de subvencións segundo o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias das axudas terán as seguintes obrigas:

a) Cumprir o obxectivo, executar o programa e realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade determinante da concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente para comprobar o cumprimento do fin para o cal se destina esta subvención, incluíndo a visita aos centros de desenvolvemento do programa subvencionado, así como calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dos fondos percibidos.

e) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria, así como cantos estados contables e rexistros sexan exixibles de conformidade co disposto nas presentes bases, coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Incluír en todos os documentos e accións de difusión e información do programa subvencionado o logotipo da Xunta de Galicia (Consellería de Sanidade) e do Servizo Galego de Saúde, en consonancia coa obriga de publicidade do carácter público do financiamento do programa. Segundo o establecido no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a entidade beneficiaria deberá dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento do programa subvencionado, nos termos regulamentariamente establecidos. En concreto, deberán manter no espazo dedicado á realización das actividades, de xeito visible, un cartel coa lenda «Proxecto cofinanciado», acompañado do logotipo da Xunta de Galicia e do Servizo Galego de Saúde.

h) Reintegrar os fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 22, así como nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Así mesmo, sen prexuízo do cumprimento das demais obrigas dispostas neste artigo, as entidades beneficiarias estarán obrigadas a:

a) Cumprir as directrices e instrucións de coordinación e programación dispostas polo Servizo Galego de Saúde a través da Subdirección Xeral de Atención Primaria.

b) Comunicarlle á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria calquera modificación, suspensión ou vacante no cadro de persoal. Os gastos derivados destas variacións soamente serán subvencionables desde a data da comunicación efectiva e, en ningún caso, terán efecto retroactivo.

c) Comunicar, en todo momento, á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria calquera modificación nas datas, no horario e nos lugares previstos para a realización de cada programa. Os gastos derivados destas variacións soamente serán subvencionables desde a data da comunicación efectiva e, en ningún caso, terán efecto retroactivo.

Artigo 22. Revogación e reintegro

1. No caso de producirse algunha das causas establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o establecido no artigo 74 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, procederase á revogación da subvención así como ao reintegro, de ser o caso, da subvención percibida e dos xuros de mora correspondentes.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, para a mesma finalidade, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, de ser o caso, ao reintegro da subvención percibida e dos xuros de mora correspondentes.

Artigo 23. Infraccións e sancións

1. Ás entidades beneficiarias das subvencións recollidas na presente orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para estes efectos, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento, e en función do seguinte:

a) O incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da axuda concedida.

b) O incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos no artigo 19 desta orde: reintegro do 2 % da axuda concedida no caso de que o atraso na presentación sexa de ata 10 días, do 10 % no caso de que o atraso sexa superior a 10 días e inferior a 20 días, e do 100 % da axuda concedida no caso de que o atraso na presentación sexa igual ou superior a 20 días.

c) A aplicación da subvención a conceptos de gasto e a ámbitos territoriais doutras comunidades autónomas ou a programas diferentes a aqueles que figuran na solicitude: reintegro do 100 % da axuda concedida.

d) O incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como nos supostos establecidos no artigo 33 desa mesma lei e/ou calquera outro que resulte da normativa aplicable, e non recollido nos puntos anteriores: reintegro de ata o 100 % da axuda concedida.

3. Igualmente, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas ou subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

4. As cantidades que teñan que reintegrar as entidades beneficiarias terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto no artigo 14.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; na Lei 9/2007, do 13 de xuño; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria de aplicación.

5. De conformidade co previsto no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a entidade beneficiaria poderá realizar devolución voluntaria de cantidades indebidamente percibidas mediante ingreso na conta habilitada da Facenda pública galega. O importe da devolución incluirá os xuros de mora. No documento de ingreso deberá identificarse o número do expediente, o concepto da devolución e o nome e NIF da entidade beneficiaria. Unha vez ingresado, deberá ser informada a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria da devolución voluntaria realizada.

Artigo 24. Publicidade

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as subvencións concedidas, con expresión da convocatoria, do programa e do crédito orzamentario a que se imputen, da entidade beneficiaria, da cantidade concedida e da finalidade ou finalidades da subvención.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, todo iso nos termos establecidos no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas públicas.

Disposición derradeira primeira. Remisión normativa

Nos aspectos non contidos nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e, supletoriamente, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no seu regulamento, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Disposición derradeira segunda. Habilitación

A persoa titular da Consellería de Sanidade e da Presidencia do Servizo Galego de Saúde ditará as disposicións necesarias para aplicar o disposto nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Memoria técnica do programa

Achegarase un arquivo en formato pdf e asinado electronicamente coas seguintes características:

• Máximo de 15 páxinas.

• Marxes de 2 cm.

• Letra Arial, tamaño 11.

• Interliñado sinxelo.

Apartados:

1. Denominación do programa

2. Cronograma detallado das datas e horario previstos, clarificando a dispoñibilidade cara ás persoas usuarias.

3. Número de persoas beneficiarias potenciais ou persoas beneficiarias na convocatoria anterior.

4. Pertinencia do programa xustificando a necesidade do programa para a poboación albo nese contexto dado, achegando datos para fundamentalo (argumentación, referencias bibliográficas, citas, relación coas liñas estratéxicas do Sergas, OMS...).

5. Descrición dos criterios de inclusión no programa: descrición detallada dos colectivos incluídos tendo en conta as seguintes dimensións: equidade (ofrecendo igual atención a igual necesidade) e accesibilidade (reducindo barreiras xeográficas, tempos de resposta ou de espera).

6. Obxectivos xerais e específicos definidos para o programa.

7. Proposta metodolóxica para o desenvolvemento do programa: descrición das fases do proceso do traballo para a consecución dos obxectivos.

8. Adecuación de indicadores de proceso e resultado definidos para a avaliación do programa.

9. Descrición dos aspectos de calidade do programa: modalidades de intervención centrada na persoa, sistemas de medición da calidade funcional (forma en que se presta o tratamento), existencia dun sistema organizativo de xestión propio que confirme o control de procesos e de mellora continua na intervención.

10. Innovación. Indicarase a cobertura de necesidades emerxentes non cubertas (que acheguen solucións eficaces e adaptativas á evolución da enfermidade ou problemática dada) ou cando incorporen novas tecnoloxías (que engadan calidade na atención co mesmo custo).

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VII

Informe de resultados

Achegarase un arquivo en formato pdf e asinado electronicamente coas seguintes características:

• Máximo de 15 páxinas.

• Marxes de 2 cm.

• Letra Arial, tamaño 11.

• Interliñado sinxelo.

Epígrafes:

1. Denominación do programa.

2. Resumo do contido do programa.

3. Período de execución do programa.

4. Número de persoas beneficiarias directas e indirectas do programa desagregando por sexos.

5. Actividades do programa executadas e, excepcionalmente, as non executadas, se for o caso, especificando as persoas beneficiarias e as datas de realización segundo o modelo:

Actividade

Persoas beneficiarias

desagregadas por sexo

Data de inicio

Data de fin

--/--/----

--/--/----

--/--/----

--/--/----

--/--/----

--/--/----

--/--/----

--/--/----

--/--/----

--/--/----

6. Número de horas executadas do programa.

7. Localización territorial do programa.

Provincia/s

Localidade/s

Persoas beneficiarias

8. Estado de liquidación do programa, segundo o modelo.

Concepto

Xunta
de Galicia

Outras subvencións

Financiamento propio

Total

A. Gastos de persoal

B. Gastos correntes: especifíquense

C. Axudas de custo e gastos de viaxe

D. Xestión e administración

Total gastos

9. Resultados obtidos cuantificados e valorados.

Obxectivo

Indicador

Resultado esperado

Resultado obtido

10. Número de abandonos e altas terapéuticas.

11. Desviacións respecto ao programa inicial presentado.