Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 12 de xaneiro de 2023 Páx. 3801

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 21 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais e videoxogos en foros de negocio especializados e eventos de cine, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT404D).

BDNS (Identif.): 668930.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias as seguintes:

1.1. Modalidade A. Asistencia a foros de negocio especializados.

As persoas físicas (autónomas) e xurídicas privadas que estean constituídas como empresa produtora audiovisual ou de videoxogos, e/ou distribuidora audiovisual, que desenvolvan a súa actividade baixo as epígrafes 961.1, 962.1, 582.1, 620.1 ou 620.9 do IAE, participen nalgún dos foros de negocio especializados que se relacionan na base seguinte e poidan acreditar ter realizado o rexistro oficial nel.

1.2. Modalidade B. Participación en eventos de cine.

1.2.1. As persoas físicas (autónomas) e xurídicas privadas que estean constituídas como empresa produtora baixo a epígrafe 961.1 do IAE e poidan acreditar un mínimo dun 20 % de propiedade da obra e participen nalgún dos eventos de cine que se relacionan na base seguinte.

1.2.2. As persoas físicas que figuren como director ou directora da obra, cando o obxecto da subvención sexa a participación do filme nalgún evento de cine dos indicados na base seguinte, sempre que se poida acreditar a selección oficial nel.

Segundo. Finalidade

Determinar as condicións de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva para a comercialización e difusión de contidos audiovisuais e de videoxogos galegos en foros de negocio especializados e eventos de cine que se celebran fóra de Galicia e se convocan para o ano 2023.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 21 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais e videoxogos en foros de negocio especializados e eventos de cine, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT404D).

Cuarto. Importe

O importe global máximo para o financiamento da presente convocatoria será de 50.000 euros, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria do ano 2023, 2023.10.A1.432B.470.0 código de proxecto 2015-00003, distribuídos en 35.000 euros para a modalidade A e 15.000 euros para a modalidade B.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, permanecendo aberto ata o esgotamento do crédito e, como máximo, ata o 1 de novembro de 2023, e deberase presentar unha solicitude para cada evento.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor
da Axencia Galega das Industrias Culturais