Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 12 de xaneiro de 2023 Páx. 3552

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 12 de decembro de 2022 pola que se aproban os estatutos do Ilustre Colexio de Procuradores de Santiago de Compostela.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asignoulle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade, Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo a estrutura orgánica establecida no Decreto 58/2022, do 15 de maio).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico.

O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicarlle á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións, para os efectos de verificación da súa adecuación á legalidade, ordenación da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e inscrición no rexistro.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os estatutos do Ilustre Colexio Oficial de Procuradores de Santiago de Compostela, que figuran como anexo a esta orde.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os anteriores estatutos e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2002

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes

ANEXO

Estatutos do Ilustre Colexio de Procuradores de Santiago de Compostela

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Definición e obxecto

O obxecto do presente estatuto é regular a organización e funcionamento do Ilustre Colexio de Procuradores de Santiago de Compostela (ICPSC), que actúa ao servicio do interese xeral da sociedade e dos colexiados mediante o exercicio das funcións e competencias que lle son propias.

Artigo 2. Natureza

1. O ICPSC é unha corporación de dereito público constituída e recoñecida conforme a lei, integrada por aqueles que exercen a profesión de procurador dos tribunais.

2. O Colexio ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins e funcións.

3. Na súa organización e funcionamento goza de plena autonomía no marco do presente estatuto e baixo a garantía dos tribunais de xustiza.

Artigo 3. Ámbito territorial e domicilio

1. O ámbito territorial do ICPSC correspóndese co da provincia da Coruña, que comprende as demarcacións xudiciais de Santiago de Compostela, Arzúa, Corcubión, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Padrón e Ribeira.

2. No obstante o anterior, o Colexio poderá realizar lexitimamente actuacións fóra do seu ámbito territorial, con respecto ás competencias do Consello Xeral e do Consello Galego de Procuradores, no exercicio dos seus fins e funcións, no marco do disposto neste estatuto.

3. O domicilio do Colexio radica en Santiago de Compostela, rúa Viena, s/n, Edificio dos Xulgados.

Artigo 4. Fins esenciais

Son fins esenciais do ICPSC:

a) Ordenar, no ámbito da súa competencia e de acordo coas leis, o exercicio da profesión.

b) Exercer a representación institucional exclusiva da procuradoría no seu ámbito territorial.

c) Defender os intereses profesionais dos procuradores.

d) Velar pola observancia da deontoloxía profesional e pola protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servicios profesionais dos seus colexiados.

e) Colaborar activamente na obtención e acreditación da capacitación profesional dos procuradores e promover a calidade da actividade profesional do seus colexiados mediante a formación continuada e permanente.

f) Cooperar na mellora dos estudos que, conforme a lexislación vixente, resulten necesarios para a obtención do título que habilite para o exercicio da profesión de procurador dos tribunais.

g) Colaborar, promover e mellorar o funcionamento da Administración de xustiza, así como prestar os servicios que as leis procesuais e orgánicas lle encomendan.

h) Colaborar coas administracións públicas no exercicio das súas competencias, de acordo coa lei e co presente estatuto.

i) Promover a mediación, a arbitraxe e demais formas de resolución alternativa dos conflitos e a participación nelas dos procuradores.

Artigo 5. Relacións coa Comunidade Autónoma de Galicia

1. O ICPSC relacionarase coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia nas cuestións relativas aos aspectos institucionais e corporativos a través da consellería competente en materia de colexios profesionais, e nas cuestións referentes ao contido da profesión, a través da consellería ou consellerías competentes ao respecto.

2. O Colexio poderá exercer, ademais das súas funcións propias, as funcións administrativas que lle atribúa a lexislación estatal ou autonómica, e as competencias administrativas que lle delegue o correspondente órgano da administración. Así mesmo, poderá colaborar coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia facendo uso das técnicas relacionadas no artigo 7 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia (LCPCG).

3. O ICPSC manterá relacións e atenderá as vinculacións institucionais que lle correspondan coa Administración xeral do Estado, coas administracións locais e demais organismos e institucións públicas.

TÍTULO II

Dos colexiados

CAPÍTULO I

Réxime de colexiación

Artigo 6. Obrigatoriedade da incorporación

1. Para o exercicio da profesión de procurador requírese a incorporación a un Colexio de procuradores, que será o do domicilio profesional único ou principal. Están obrigados á incorporación no ICPSC os procuradores que teñan o seu domicilio profesional único ou principal no ámbito territorial do Colexio.

2. A incorporación ao Colexio habilita o procurador para exercer a súa profesión en todo o territorio español. O Colexio non poderá exixirlles aos profesionais que exerzan nun territorio diferente ao da súa colexiación comunicación nin habilitación ningunha, nin o pagamento de contraprestacións económicas distintas daquelas que lles exixan habitualmente aos seus colexiados pola prestación dos servicios de que sexan beneficiarios e que non se encontren cubertos pola cota colexial.

3. Nos supostos de exercicio profesional en territorio distinto ao de colexiación, para os efectos de exercer as competencias de ordenación e potestade disciplinaria que lle corresponden ao ICPSC, en beneficio dos consumidores e usuarios, este deberá utilizar os oportunos mecanismos de comunicación e os sistemas de cooperación administrativa entre autoridades competentes, previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio (LAASE). As sancións impostas, se é o caso, polo ICPSC producirán efectos en todo o territorio español.

Artigo 7. Liberdades de establecemento e de prestación de servizos

O exercicio permanente en España da profesión de procurador e a prestación ocasional dos seus servicios con título profesional obtido noutro Estado membro da Unión Europea ou do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo rexeranse polo disposto na súa lexislación específica.

Artigo 8. Adquisición da condición de colexiado

1. Son condicións necesarias para ingresar no ICPSC:

a) Posuír o título universitario oficial de licenciado, graduado en Dereito ou outro título universitario de grao equivalente.

b) Posuír o título profesional de procurador dos tribunais, que será expedido polo Ministerio de Xustiza, logo de acreditación dos requisitos establecidos.

c) Non estar incapacitado ou inhabilitado legalmente para o exercicio da profesión de procurador e non estar incurso en causa de incompatibilidade ou prohibición.

d) Non atoparse suspendido no exercicio profesional por sanción colexial firme.

e) Aboar a cota colexial de ingreso.

f) Cumprir os demais requisitos legalmente requiridos para o exercicio en España da profesión de procurador.

2. Os que estean en posesión da titulación requirida e satisfagan os requisitos establecidos no punto anterior terán dereito a ser admitidos no Colexio.

Artigo 9. Procedemento de incorporación

1. A Xunta de Goberno resolverá as solicitudes de colexiación no prazo máximo dun mes. Poderá denegalas unicamente cando non se cumpran os requisitos establecidos no artigo anterior. A Xunta poderá delegar nun dos seus membros o exercicio desta competencia.

2. Transcorrido o dito prazo máximo sen que a Xunta de Goberno resolvese ou notificase a resolución, a solicitude entenderase estimada.

3. Poderase suspender o prazo para resolver, por termo non superior a dous meses, co fin de emendar deficiencias da documentación presentada ou de efectuar as comprobacións pertinentes para verificar a súa autenticidade e suficiencia.

4. A denegación de incorporación ao Colexio deberá ser motivada e unicamente poderá fundarse no incumprimento dalgunha das condicións establecidas no artigo anterior. Poderá ser impugnada, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, perante o Consello Galego de Procuradores, nos termos dispostos no capítulo III do título III dos estatutos.

5. Prestar xuramento ou promesa de acatamento á Constitución e ao resto do ordenamento xurídico, ante a autoridade xudicial ou ante a Xunta de Goberno do Colexio, previamente ao exercicio profesional, de conformidade coa previsión do artigo 544 da LOPX.

Artigo 10. Perda da condición de colexiado

1. Son causas da perda da condición de colexiado:

a) O falecemento.

b) A renuncia voluntaria.

c) O incumprimento ou a non persistencia, debidamente comprobadas, das condicións de incorporación ao Colexio consignadas no artigo 8.

d) A expulsión en virtude de sanción disciplinaria firme na vía administrativa.

e) A falta de pagamento das contribucións colexiais. Incorre na dita causa o colexiado que deixa de aboar tres recibos, de forma sucesiva ou alternativa, correspondentes ás cotas ordinarias, extraordinarias e as demais cargas colexiais.

f) A inhabilitación para o exercicio da profesión en virtude de sentenza xudicial firme.

2. Non procederá a baixa por renuncia voluntaria do colexiado no suposto de que o procurador estivese incurso en procedemento disciplinario ata a súa conclusión e de resultas deste.

3. No suposto previsto na alínea c) do punto primeiro, a Xunta de Goberno, constatadas as circunstancias determinantes da eventual baixa colexial, poñerao de manifesto ao interesado e concederalle trámite de audiencia por período de quince días hábiles. Transcorrido o dito prazo, adoptará a correspondente resolución, no prazo máximo dun mes.

4. No caso descrito na alínea d), o procedemento que se seguirá será o disciplinario recollido no capítulo V do título III destes estatutos.

5. No suposto previsto na alínea e), a Xunta de Goberno poralle de manifesto ao interesado a situación de non pagamento das contribucións e concederalle trámite de audiencia por período de quince días hábiles. Transcorrido o dito prazo, e á vista das alegacións efectuadas, adoptará a correspondente resolución, no prazo máximo dun mes. Acordada, se é o caso, a baixa, a eventual reincorporación quedará condicionada ao aboamento das cantidades debidas co xuro legal correspondente.

6. A resolución que determine a perda da condición de colexiado poderá ser impugnada ante o Consello Galego de Procuradores, nos termos previstos no artigo anterior para a denegación de acceso ao Colexio.

Artigo 11. Suspensión da condición de colexiado

1. Son causas de suspensión da condición de colexiado:

a) A inhabilitación ou incapacitación para o exercicio profesional disposta por resolución xudicial firme.

b) A suspensión no exercicio profesional como consecuencia de sanción colexial firme.

2. A condición de colexiado suspenso manterase mentres subsista a causa determinante da suspensión.

Artigo 12. Tramitación electrónica e comunicacións das resolucións dos procedementos sobre colexiación

1. O Colexio disporá os medios necesarios para que os solicitantes poidan tramitar os procedementos de ingreso ou de baixa colexial por vía electrónica, a través do portelo único ao que se refire o artigo 10 da Lei 2/1974 sobre colexios profesionais.

2. O Colexio comunicaralles de inmediato as incorporacións, baixas ou suspensións de colexiación, así como os cambios de domicilio profesional, ao Consello Xeral para os efectos da súa anotación no Rexistro Central de Colexiados, ao Consello Galego de Procuradores e aos xulgados e tribunais do seu territorio.

Artigo 13. Colexiados exercentes e non exercentes

1. Os procuradores incorporados ao ICPSC terán a condición de exercentes ou de non exercentes.

2. Cada procurador exercente terá un número de colexiado. En todos os documentos profesionais que subscriba deberá consignar o dito número, así como mencionar o Colexio a que pertence.

3. A condición de exercente posuirana aqueles colexiados que estean en activo.

4. A condición de non exercente adquirirase cumprindo os requisitos establecidos pola normativa legal vixente para a incorporación no Colexio sen exercicio activo da profesión. Tamén a posuirán naqueles casos en que se produza unha incompatibilidade ou incapacidade temporal mentres a causa que a determine subsista, salvo renuncia expresa do colexiado afectado; todo iso sen prexuízo da subsistencia da devandita condición para aqueles que a manteñan no momento da súa aprobación.

CAPÍTULO II

Dereitos e obrigas

Artigo 14. Principios xerais

1. A incorporación ao ICPSC confírelle os dereitos e obrigas recollidos nestes estatutos.

2. Todos os procuradores dos tribunais son iguais nos dereitos e obrigas recoñecidos nos estatutos. Os actos ou acordos colexiais que impliquen restrición indebida ou discriminación inxustificada dos dereitos ou obrigas son nulos pleno dereito.

Artigo 15. Dereitos dos colexiados

Son dereitos dos procuradores colexiados:

a) O desenvolvemento da súa actividade con liberdade e independencia, de acordo coa lei.

b) A petición de amparo na súa actuación profesional aos órganos corporativos para a protección da súa independencia e da súa liberdade de exercicio. Para tal efecto, poderán pedir que se poña en coñecemento dos órganos de goberno do poder xudicial, xurisdicionais ou administrativos, a vulneración ou descoñecemento deste dereito.

c) A participación no goberno do Colexio, a intervención e voto nas sesións da Xunta Xeral e a facultade de elixir e ser elixido, cos requisitos que fixan estes estatutos para formar parte dos órganos de goberno.

d) A formulación de peticións e a presentación de queixas e reclamacións ante os órganos do Colexio, así como o dereito de recurso contra os acordos e resolucións daqueles.

e) A obtención de información regular sobre o goberno corporativo e a actividade de interese profesional, así como o exame dos documentos contables que reflictan a actividade económica do Colexio.

f) A obtención de información e, se é o caso, a certificación dos documentos e actos colexiais que os afecten persoalmente.

g) A utilización dos servicios colexiais, en particular de formación e de capacitación profesional, na forma e condicións que se determinen.

h) Ser mantidos no gozo pleno dos seus dereitos colexiais mentres non se produza a suspensión ou a perda da súa condición de colexiado.

i) Ser substituídos en calquera actuación profesional por outro procurador en exercicio ou polo seu oficial habilitado.

j) Asociarse con outros procuradores para o exercicio da súa actividade profesional.

Artigo 16. Obrigas dos colexiados

1. Os procuradores colexiados están obrigados a:

a) Exercer a profesión con rectitude e sentido ético, con observancia da deontoloxía profesional.

b) Cumprir as obrigas legais que lle impoñan as leis orgánicas, procesuais e substantivas no desempeño da súa profesión e, en particular, de colaboración e cooperación cos órganos xurisdicionais, así como dispoñer dos medios e recursos adecuados e actualizados para iso.

c) Acudir aos xulgados e tribunais ante os cales exerza a profesión, ás salas de notificacións e servicios comúns, durante o período hábil de actuacións, para realizar os actos de comunicacións e demais actuacións profesionais correspondentes.

d) Coñecer e cumprir, no desempeño da profesión, as disposicións estatutarias, as normas deontolóxicas e as resolucións ditadas polos órganos colexiais.

e) Gardar o debido respecto aos titulares dos órganos colexiais, e no exercicio da súa profesión aos seus colegas, litigantes, letrados, xuíces e maxistrados e demais membros dos corpos de funcionarios ao servicio da Administración de xustiza.

f) Comunicarlle ao Colexio as circunstancias determinantes do seu exercicio profesional, así como as súas modificacións e os demais datos necesarios que se lles requiran para o cumprimento das funcións colexiais de ordenación do exercicio profesional.

g) Manter o segredo profesional sobre os feitos ou noticias que coñezan por razón da súa actuación profesional.

h) Observar as incompatibilidades profesionais, en particular co exercicio simultáneo da profesión de avogado, nos termos precisados polo artigo 23 da Lei de axuizamento civil, e as causas de abstención legalmente establecidas.

i) Informar o cliente das súas actuacións profesionais e renderlle conta a este dos servicios prestados, con especificación das cantidades percibidas del e precisión dos conceptos e importes exactos dos pagamentos realizados.

j) Satisfacer puntualmente as contribucións económicas do Colexio, e aboar, se é o caso, os servicios colexiais de que faga uso, conforme o disposto nas normas estatutarias e nos acordos adoptados polos órganos colexiais para a súa aplicación.

k) Actuar con lealdade e dilixencia no desempeño dos cargos colexiais para os cales sexan elixidos ou designados.

l) Os procuradores non poderán dirixirse ás vítimas directas ou indirectas de catástrofes, calamidades públicas ou outros sucesos que producisen un número elevado de vítimas que cumpran os requisitos que se determinen regulamentariamente, e que poidan constituír delito, para ofrecerlles os seus servizos profesionais ata transcorridos 45 días desde o feito.

Esta prohibición quedará sen efecto no caso de que a prestación destes servizos profesionais fose solicitada expresamente pola vítima.

m) Estar dado de alta no réxime da Seguridade Social que lle sexa de aplicación, ou incorporado á Mutualidade dos Procuradores dos Tribunais de España, durante todo o tempo do exercicio da súa actividade profesional.

2. Estas obrigas configuran o réxime necesario da actuación profesional e corporativa do procurador. A súa observancia constitúe o obxecto propio das potestades colexiais de control e disciplina reguladas nestes estatutos.

TÍTULO III

Do Colexio

CAPÍTULO I

Funcións

Sección 1ª. Funcións xerais

Artigo 17. Das funcións do Colexio

Para a consecución dos fins esenciais sinalados no artigo 4 dos estatutos, o ICPSC exercerá, no seu ámbito territorial, as funcións que lle atribúen as leis e estes estatutos.

Artigo 18. De ordenación do exercicio profesional

Son funcións de ordenación do exercicio profesional as seguintes:

a) O rexistro dos seus colexiados –no cal constarán, polo menos, os seguintes datos: nomes e apelidos dos profesionais colexiados, número de colexiación, títulos oficiais dos que estean en posesión, data de alta, domicilio profesional, números de teléfono, enderezo electrónico e situación de habilitación profesional– que se manterá actualizado. O Colexio ofreceralles aos consumidores e usuarios acceso gratuíto ao Rexistro de Colexiados a través do seu portelo único.

b) O rexistro das sociedades profesionais con domicilio social no ámbito territorial do Colexio. O Colexio comunicaralle as inscricións practicadas no seu Rexistro de Sociedades ao Consello Xeral, para os efectos da súa constancia no Rexistro Central de Sociedades Profesionais, e ao Consello Galego de Procuradores.

c) A vixilancia da actividade profesional para que esta se someta, en todo caso, á ética e dignidade da profesión e ao debido respecto aos dereitos dos cidadáns.

d) A observancia do cumprimento das normas que regulan o exercicio profesional, as normas estatutarias e corporativas e, demais resolucións dos órganos colexiais.

e) O exercicio, na orde profesional e colexial, da potestade disciplinaria.

f) A adopción, dentro do ámbito da súa competencia, das medidas conducentes a evitar o intrusionismo profesional e a evitar os actos de competencia desleal que se produzan entre os colexiados.

g) Cumprir e facerlles cumprir aos colexiados as leis xerais e especiais e os estatutos e regulamentos, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

h) Atender as solicitudes de información sobre os seus colexiados. así como sobre as sancións firmes que lles impuxese e as peticións de comprobación, inspección ou investigación sobre aqueles, que lles formulen as autoridades competentes dun Estado membro da Unión Europea, nos termos previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio (LAASE). En particular, as solicitudes de información e de realización de controis, inspeccións e investigacións deberán estar debidamente motivadas, e deberase empregar a información obtida unicamente para a finalidade solicitada.

Artigo 19. De representación e defensa da profesión e dos seus colexiados

O Colexio exercerá as seguintes funcións de representación e defensa da profesión e dos seus colexiados:

a) Exercer, no seu ámbito, a representación, defensa e promoción da profesión perante as administracións públicas, os órganos xurisdicionais e demais poderes públicos, así como ante calquera institución, entidade e particular.

b) Defender e amparar os colexiados no exercicio da súa profesión, particularmente na protección da súa independencia e liberdade de exercicio.

c) Actuar perante os xulgados e tribunais en cantos litixios afecten os intereses profesionais, coa lexitimación que a lei lles outorga, e facelo en representación ou en substitución procesual dos seus membros.

d) Intervir nos procedementos, administrativos ou xudiciais, en que se discuta calquera cuestión profesional, cando sexan requiridos para iso ou cando se prevexa a súa participación de acordo coa lexislación vixente.

e) Informar os proxectos de disposicións normativas da Comunidade Autónoma de Galicia que afecten aos profesionais da procuradoría ou se refiran aos fins e funcións a eles encomendados.

f) Participar na elaboración dos plans de estudo e manter permanente contacto cos centros docentes correspondentes, nos termos que determine a lexislación sectorial.

g) Participar nos consellos, organismos consultivos, comisións e órganos análogos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia cando esta o requira ou así se estableza na normativa vixente, así como nos das organizacións, nacionais e internacionais, cando sexa requirido para iso.

h) Exercer cantas funcións lle sexan encomendadas polas administracións públicas e colaborar con elas mediante a realización de estudos, a emisión de informes, a elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins que lle poden ser solicitadas ou que acorde formular por iniciativa propia, mesmo a través do exercicio do dereito de petición.

i) Organizar un servicio de atención de queixas ou reclamacións presentadas polos seus colexiados.

j) Organizar actividades e servicios de interese para os colexiados de índole profesional, formativa, cultural, social, médico-profesional, económica e outros análogos, ou a colaboración, se é o caso, con institucións deste carácter, así como para a cobertura de responsabilidades civís contraídas polos profesionais no desempeño da súa actividade.

k) Exercer funcións de mediación e arbitrais nos asuntos que lle sexan sometidos, conforme a lexislación xeral de mediación e arbitraxe.

l) Desenvolver cantas outras funcións e servicios redunden en beneficio dos intereses profesionais dos colexiados.

Artigo 20. Da arbitraxe e mediación institucionais

O ICPSC impulsará e desenvolverá a mediación, así como desempeñará funcións de arbitraxe, nacional e internacional, de conformidade co establecido na lexislación vixente.

Artigo 21. Servizo de atención a consumidores e usuarios

1. O ICPSC velará pola protección dos intereses dos consumidores e usuarios.

2. Para estes efectos, disporá dun servicio de atención a aqueles, que necesariamente tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos colexiados presente calquera consumidor ou usuario que contrate os servicios profesionais dos seus colexiados, así como asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses.

3. As queixas e reclamacións poderanse presentar por vía electrónica e a distancia. O Colexio resolverá sobre a queixa ou reclamación segundo proceda: ben informando sobre o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, ben remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes para instruír os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, ben arquivando ou ben adoptando calquera outra decisión motivada.

Artigo 22. Portelo único

1. O ICPSC disporá dunha páxina web para que, a través do portelo único, os profesionais poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa no Colexio, a través dun único punto, por vía electrónica e a distancia. A través deste portelo único, os procuradores poderán, de forma gratuíta:

a) Obter toda a información e formularios necesarios para o acceso á actividade profesional e o seu exercicio.

b) Presentar toda a documentación e solicitudes necesarias, incluíndo a da colexiación.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teña consideración de interesado e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a resolución destes polo Colexio, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non sexa posible por outros medios.

d) Ser convocados ás xuntas xerais ordinarias e extraordinarias e coñecer a actividade do Colexio no exercicio das súas funcións públicas e privadas.

2. A través do referido portelo único, para a mellor defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios, o Colexio ofrecerá a seguinte información, que deberá ser clara, inequívoca e gratuíta:

a) O acceso ao Rexistro de Colexiados e ao Rexistro de Sociedades Profesionais.

b) As vías de reclamación e os recursos que se poderán interpor en caso de conflito entre o consumidor ou usuario e un colexiado ou o Colexio profesional.

c) Os datos das asociacións ou organizacións de consumidores e usuarios aos cales os destinatarios dos servizos profesionais se poden dirixir para obter asistencia.

d) O contido do código deontolóxico.

3. O Colexio deberá adoptar as medidas necesarias para o cumprimento do previsto neste artigo e incorporar para iso as tecnoloxías precisas e crear e manter as plataformas tecnolóxicas que garantan a interoperabilidade entre os distintos sistemas e a accesibilidade das persoas con discapacidade.

Artigo 23. Das formas de exercicio profesional e do control do exercicio societario

1. Os procuradores poderán exercer a súa profesión individual ou conxuntamente en unión doutro ou doutros profesionais da mesma ou de distinta profesión, sempre, neste último caso, que non sexan incompatibles legalmente.

2. Tanto no suposto de exercicio individual como de exercicio conxunto poderase actuar en forma societaria. O exercicio profesional en forma societaria rexerase polo disposto nas leis.

3. Inscribiranse obrigatoriamente no Rexistro de Sociedades Profesionais do ICPSC as sociedades profesionais que teñan o seu domicilio social único ou principal no ámbito territorial do Colexio.

4. A inscrición da sociedade profesional no dito Rexistro de Sociedades Profesionais determina a incorporación da sociedade ao Colexio e a conseguinte suxeición daquela ás competencias que a lexislación estatal e autonómica sobre colexios profesionais lle atribúe ao Colexio sobre os profesionais incorporados a el.

Sección 2ª. Funcións de servicio e colaboración coa Administración de xustiza

Artigo 24. Servicio de recepción de notificacións e traslado de copias e documentos

O ICPSC organizará un servicio de recepción de notificacións e traslados de copias e documentos de conformidade co disposto nas leis orgánicas e procesuais.

Artigo 25. Servicio de representación xurídica gratuíta

1. O ICPSC organizará un servicio de representación gratuíta que atenda as peticións de representación procesual derivadas do recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta.

2. Para tal efecto, establecerá sistemas de distribución obxectiva e equitativa das distintas quendas e medios para a designación dos profesionais que impidan que o servizo quede desprovisto do número de colexiados necesarios para o seu adecuado funcionamento. O dito sistema, que será público para todos os procuradores e que poderá ser consultado polos solicitantes de asistencia xurídica gratuíta, organizarase de acordo cos seguintes principios:

a) O territorio do Colexio dividirase nas zonas que regulamentariamente se determinen, para os efectos de prestar o servizo de representación gratuíta.

b) A designación realizada polo Colexio é de aceptación obrigatoria para todos os procuradores. Excepcionalmente, poderase suspender a prestación da obriga de prestación en casos debidamente xustificados por razóns graves de carácter persoal ou de orde profesional.

c) Os membros da Xunta de Goberno que así o soliciten poderán ser dispensados da obriga de prestar o servizo de asistencia xurídica gratuíta durante o seu mandato, en atención ao cumprimento dos deberes inherentes ao cargo.

3. Os procuradores adscritos ao servicio deberán cumprir as condicións mínimas de formación e especialización necesarias que regulamentariamente se determinen co obxecto de asegurar a calidade e competencia profesional.

4. O Consello Galego dos Procuradores supervisará a creación e funcionamento do servicio colexial e asegurarase de que a prestación da asistencia xurídica gratuíta se faga de forma eficaz e continuada.

Artigo 26. Servicio de quenda de oficio

1. O ICPSC organizará un servizo de quenda de oficio para garantir a representación procesual dos suxeitos xurídicos ao abeiro do preceptuado no artigo 24 da Constitución e de acordo co disposto nas leis procesuais.

2. O Colexio designará procurador, por quenda de oficio, cando, sendo a súa intervención preceptiva ou non, o órgano xurisdicional ordene que a parte sexa representada por procurador. Así mesmo, efectuará a designación por instancia do interesado. O representado virá obrigado ao pagamento dos dereitos arancelarios e suplidos do procurador pola prestación dos servicios profesionais.

3. A designación realizada polo Colexio é de aceptación obrigatoria para os procuradores. Para este efecto, o Colexio adoptará fórmulas que impidan que o servizo quede desprovisto do número de profesionais necesarios para o seu adecuado funcionamento.

Artigo 27. Servizo de depósitos de bens embargados

O ICPSC poderá constituír e organizar servizos de depósitos de bens embargados, que deberán ser adecuados para asumir as responsabilidades legalmente establecidas para o depositario.

Artigo 28. Designación como entidade especializada na realización de bens

O ICPSC poderase constituír e ser designado como entidade especializada na realización de bens. Así mesmo, o Colexio poderá organizar un servicio de valoración de bens embargados.

Artigo 29. Servizo de actos de comunicación

O ICPSC poderá organizar un servizo común de actos de comunicación.

Sección 3ª. Da calidade da práctica profesional

Artigo 30. Participación na capacitación profesional

1. O ICPSC poderá participar no proceso de capacitación profesional conducente á obtención do título profesional de procurador dos tribunais. Para tal efecto, por si ou en virtude de convenio con outros colexios ou consellos autonómicos ou co Xeral de Procuradores de España, poderá organizar unha escola de formación, que terá como misión proporcionar unha formación de calidade e excelencia no desempeño das actividades profesionais da procuradoría, orientada á actualización e especialización.

2. O Colexio poderá subscribir coas universidades os convenios a que se refire o artigo 6 da Lei 34/2006, do 30 de outubro, sobre o acceso ás profesións da avogacía e a procuradoría, para organizar as prácticas externas en actividades propias do exercicio da procuradoría.

Artigo 31. Réxime dos titores

As condicións que deben satisfacer os procuradores que aspiren a desempeñar as funcións de titor das prácticas externas en actividades propias do exercicio da profesión de procurador, así como o procedemento de selección destes, serán os determinados no Estatuto xeral da organización colexial dos procuradores dos tribunais de España, que regulará, así mesmo, os dereitos e obrigas destes.

Artigo 32. Formación continuada

1. Os procuradores están obrigados a manter un nivel adecuado e actualizado dos coñecementos requiridos para o desempeño da súa profesión.

2. O ICPSC organizará, por si ou en virtude de convenio con universidades ou outras entidades, as actividades de formación conducentes ao perfeccionamento profesional.

CAPÍTULO II

Organización

Sección 1ª. Funcións xerais

Artigo 33. Órganos de goberno

Son órganos necesarios do ICPSC:

a) A Xunta Xeral.

b) A Xunta de Goberno.

c) O decano.

2. O Regulamento de réxime interior do Colexio poderá crear outros órganos de goberno e desenvolver as previsións organizativas destes estatutos.

Artigo 34. Delegacións territoriais

O Colexio poderá establecer delegacións territoriais para o mellor cumprimento dos seus fins e maior eficacia das súas funcións colexiais. As delegacións terán as facultades e competencias que lles delegue a Xunta de Goberno.

Sección 2ª. Xunta xeral

Artigo 35. Da Xunta Xeral e das súas competencias

1. A Xunta Xeral, constituída por todos os colexiados en pleno exercicio dos seus dereitos, é o órgano supremo de expresión da vontade do Colexio.

2. Son competencias propias e exclusivas da Xunta Xeral:

a) Elixir o decano e os membros da Xunta de Goberno, de acordo co procedemento determinado nestes estatutos.

b) Aprobar os estatutos, o Regulamento de réxime interior e o código deontolóxico do Colexio, así como as súas modificacións, sen prexuízo da facultade da Xunta de Goberno para ditar as correspondentes normativas de desenvolvemento.

c) Coñecer a memoria anual do Colexio, que terá o contido que se describe na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, e a lexislación sobre colexios profesionais (LCP), que deberá facerse pública a través da páxina web do Colexio.

d) Aprobar os orzamentos do Colexio, que terán carácter anual e detallarán os ingresos e os gastos previstos para o exercicio, integrando todos os seus órganos e actividades, e fixar o importe das contribucións colexiais. De se iniciar un novo exercicio sen que se aprobase o orzamento correspondente, quedará prorrogado o do exercicio anterior ata a aprobación do novo.

e) Aprobar definitivamente a liquidación dos orzamentos e as contas de gastos e ingresos de cada exercicio vencido.

f) Autorizar os actos de disposición dos bens inmobles e dereitos reais constituídos sobre eles, así como dos restantes bens patrimoniais que figuren inventariados como de considerable valor.

g) Controlar a xestión dos órganos de goberno, solicitando informes e adoptando, se é o caso, as oportunas mocións, mesmo a de censura con carácter revogatorio mediante o procedemento fixado estatutariamente.

3. A Xunta Xeral tamén poderá coñecer de cantos outros asuntos lle someta a Xunta de Goberno e dos demais previstos nestes estatutos.

Artigo 36. Xuntas xerais ordinarias e extraordinarias

1. A Xunta Xeral pode realizar sesións con carácter ordinario ou extraordinario.

2. No primeiro e no último trimestres de cada ano natural terán lugar sesións da Xunta Xeral, que terán carácter ordinario. Na orde do día da primeira delas constará, necesariamente, o exame e a votación do balance ou conta xeral de gastos e ingresos do exercicio anterior, e orde do día da segunda constará, necesariamente, a presentación do orzamento de ingresos e gastos para o ano seguinte.

3. Poderanse realizar tamén sesións extraordinarias, para coñecer dos asuntos propios da convocatoria, cando o acorde a Xunta de Goberno, por propia iniciativa, por instancia do decano ou por solicitude de, polo menos, a terceira parte dos colexiados.

4. Canto ás xuntas xerais, ordinarias e extraordinarias, poderanse convocar, constituír, realizar sesións, adoptar acordos e remitir actas tanto de forma presencial como a distancia.

Nas sesións que se desenvolvan a distancia, os seus membros poderán estar en distintos lugares, sempre e cando se asegure por medios electrónicos a identidade dos membros; o contido das súas manifestacións; o momento en que estas se producen; a interactividade e intercomunicación entre os seus membros en tempo real e a dispoñibilidade dos medios durante a sesión.

Os membros que participen a distancia terán, para todos os efectos, a consideración de asistentes e, en particular, para os efectos de determinar o quórum requirido para a válida constitución do órgano colexiado e o réxime de maiorías na adopción de acordos.

En todo caso, estas previsións poderán ser desenvolvidas polo Regulamento de réxime interior do Colexio de procuradores.

Artigo 37. Proposicións dos colexiados

Ata quince días antes da Xunta Xeral ordinaria, os colexiados poderán presentar as proposicións que desexen someter a deliberación e acordo da Xunta Xeral. Serán incluídas na orde do día para seren tratadas na epígrafe denominada proposicións cando se presenten subscritas por un mínimo do dez por cento do censo de colexiados.

Artigo 38. Convocatoria

1. A Xunta de Goberno convocará as sesións da Xunta Xeral con trinta días de antelación, que nos casos de urxencia, debidamente xustificada, se poderá reducir a quince.

2. A convocatoria publicitarase por medio de circular, que se terá que remitir a cada colexiado por medio electrónico no enderezo que consta no Colexio. Aos non exercentes remitiráselles por correo postal.

3. Na convocatoria deberase precisar o lugar, o día e a hora de realización, e se esta se desenvolverá de forma presencial ou a distancia. A convocatoria incluirá a orde do día e irá acompañada, cando sexa necesario, da documentación correspondente aos temas que se van debater, aínda que a documentación poderá remitirse con posterioridade á convocatoria e ata setenta e dúas horas antes do comezo da xunta. Os colexiados, en todo caso, poderán exercer o seu dereito á obtención de información sobre os asuntos da orde do día.

Artigo 39. Desenvolvemento das sesións

1. As sesións da Xunta Xeral desenvolveranse no lugar, día e hora sinalados na primeira ou, se procede, na segunda convocatoria. En primeira convocatoria exixirase a concorrencia da metade máis un dos colexiados exercentes.

2. As sesións estarán presididas e dirixidas polo decano do Colexio ou, na súa falta, por quen legalmente o substitúa.

3. Aberta a sesión, procederase á lectura e aprobación, se é o caso, da acta da sesión anterior e debateranse a continuación os asuntos incluídos na orde do día definitivo.

4. Se, reunida a Xunta Xeral, non se poden nunha sesión tratar todos os asuntos para os cales fose convocada, por falta de tempo ou por calquera outro motivo, suspenderase e continuarase o día ou días que nela se sinalen ou, na súa falta, nos que designe a Xunta de Goberno.

Artigo 40. Ordenación do debate

1. O decano, ou quen o substitúa, moderará o debate e concederá a quenda de palabra segundo usos democráticos.

2. Quen se encontre no uso da palabra non poderá ser interrompido, senón para ser chamado á orde polo decano, por encontrarse fóra da cuestión ou por outro motivo xustificado, a xuízo do decano.

3. Retirarase o uso da palabra a quen, dentro da mesma cuestión, sexa chamado en tres ocasións á orde.

4. Se algún colexiado continúa faltando á orde despois de que se lle retirase o uso da palabra, o decano poderá tomar as decisións que crea convenientes, incluída a de expulsión do local onde teña lugar a xunta. Sobre unha mesma cuestión da orde do día poderán intervir ata un máximo de cinco colexiados en quenda a favor e outros cinco en quenda en contra.

Artigo 41. Adopción de acordos

1. As votacións poderán ser ordinarias ou secretas. A Presidencia da Xunta Xeral decidirá a modalidade de votación que se deberá empregar, ou a maioría absoluta dos asistentes. A votación secreta efectuarase mediante papeletas, que se deberán depositar nunha urna, logo de chamamento aos asistentes.

2. Como regra xeral, os acordos adoptaranse por maioría dos votos emitidos. Non obstante, a adopción de acordos relativos á moción de censura, disolución e fusión do Colexio exixirá a concorrencia do quórum de asistencia e de votación especialmente previstos nestes estatutos. O voto dos exercentes ten valor dobre que o dos non exercentes.

3. O voto deberá ser exercido persoalmente, sen que se admitan os votos por escrito dos colexiados non asistentes, nin o voto por delegación.

4. En caso de empate, o decano ou quen legalmente o substitúa ten voto de calidade.

5. Non poderán adoptarse acordos sobre asuntos que non figuren na orde do día.

6. Se a reunión se desenvolve a distancia, os seus membros exercerán en tempo real o voto que lles corresponda. O presidente ordenará iniciar a votación durante a reunión e recompilar as respostas dos seus asistentes. Os acordos entenderanse adoptados no lugar en que se sitúe a sede colexial.

7. Unha vez adoptados, os acordos da Xunta Xeral serán obrigatorios para todos os colexiados, sen prexuízo do réxime de recursos establecido nestes estatutos e nas normas reguladoras do procedemento administrativo.

Artigo 42. Aprobación das actas

Os acordos adoptados na Xunta Xeral faranse constar na acta que confeccionará o secretario do Colexio e que será autorizada por el mesmo e polo decano. As actas transcribiranse a un libro foliado e debidamente legalizado ou serán incorporadas a un soporte informático. A acta deberá ser ratificada na seguinte sesión da Xunta Xeral.

Sección 3ª. Xunta de Goberno

Artigo 43. Da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno é o órgano de goberno, administración e dirección do Colexio.

2. A Xunta de Goberno será un órgano colexiado e estará composta, polo menos, polos seguintes membros: decano, vicedecano, secretario, vicesecretario, tesoureiro, interventor e dous vogais.

Artigo 44. Competencias

A Xunta de Goberno exerce as competencias non atribuídas á Xunta Xeral ou a outros órganos colexiais. Ademais, e con carácter particular, exercerá as seguintes funcións:

1º. Con relación aos colexiados e aos órganos colexiais:

a) Resolver sobre as solicitudes de colexiación, baixa e xubilación, así como sobre a perda e suspensión da condición de colexiado, facultade que poderá delegar nalgún dos seus membros. En caso de urxencia, o decano poderá resolver sobre a solicitude, que quedará sometida á ratificación da Xunta de Goberno.

b) Acordar a inscrición de sociedades profesionais no Rexistro Colexial de Sociedades.

c) Organizar e xestionar as quendas de oficio e xustiza gratuíta, aplicando as condicións e requisitos de acceso, así como distribuír as quendas nas causas dos litigantes de xustiza gratuíta ou das que, sen gozar daquel beneficio, soliciten a designación de procurador de oficio.

d) Organizar e xestionar os servizos de notificacións, traslados de escritos, depósitos e realización de bens, e cantos outros servicios lle encomenden as leis procesuais e orgánicas.

e) Exercer as funcións colexiais de control da actividade profesional.

f) Propoñerlle á Xunta Xeral a aprobación ou a modificación dos estatutos, do Regulamento de réxime interior e do código deontolóxico do Colexio.

g) Elaborar a memoria anual do Colexio, co contido prescrito polo artigo 10.ter da LCPCG, e polo artigo 11 da LCP, e darlle publicidade a través da páxina web do Colexio.

h) Convocar a elección dos membros da Xunta de Goberno, de conformidade co disposto neste capítulo.

i) Coñecer os recursos que se interpoñan contra os acordos colexiais no suposto descrito no artigo 72 dos estatutos.

j) Exercer a potestade sancionadora de conformidade co disposto no capitulo V do título III.

k) Velar polo cumprimento da normativa, legal e colexial, e dos acordos adoptados polo Colexio.

l) Coordinar e impulsar o funcionamento de toda a actividade e organización do Colexio.

m) Impedir e perseguir perante os tribunais de xustiza o intrusionismo e o exercicio profesional con incumprimento das súas normas reguladoras. E acordar o exercicio de accións cando corresponda en defensa da profesión.

n) Organizar o ensino de formación, actualización e especialización dos profesionais.

ñ) Coidar das publicacións, así como da actividade de promoción do Colexio.

o) Aprobar as bases das convocatorias para cubrir as prazas de empregados do Colexio e realizar a súa contratación.

p) Resolver as queixas ou reclamacións dos usuarios dos servicios profesionais dos seus colexiados.

q) Organizar e xestionar o servizo de atención aos colexiados.

r) Implantar e organizar novos servizos colexiais, vixiando, programando e controlando os existentes.

s) Establecer, crear ou aprobar as delegacións ou comisións de colexiados que sexan necesarias para o bo réxime ou que interesen aos fins da corporación, regulando o seu funcionamento, fixando as facultades, se é o caso, delegadas e designando, entre os seus colexiados, aos seus integrantes.

t) Aprobar os regulamentos de desenvolvemento e organización dos servizos establecidos polo Colexio, das comisións especializadas sobre determinadas materias e calquera outro referido ás funcións do Colexio.

u) Convocar asembleas xerais, ordinarias e extraordinarias, por propia iniciativa ou por instancia dos colexiados, e someter á asemblea xeral asuntos concretos de interese do Colexio ou da profesión, na forma que a propia xunta estableza.

v) Executar os acordos adoptados pola Xunta Xeral.

w) Informar os colexiados, con prontitude, de cantas cuestións coñeza que poidan afectalos, xa sexan de índole corporativa, colexial, profesional ou cultural.

x) Acordar a concesión de honores e distincións.

2º. Con relación á actividade externa do Colexio:

a) Defender e amparar os procuradores cando considere que son perturbados ou perseguidos inxustamente no desempeño das súas funcións profesionais.

b) Emitir ditames, informes, consultas ou arbitraxes cando os órganos xudiciais, entidades públicas ou privadas, usuarios ou consumidores requiran actuacións do Colexio.

c) Realizar e promover en nome do Colexio cantas melloras se consideren convenientes ao progreso e aos intereses da procuradoría e do correcto funcionamento da Administración de xustiza, ou convenientes á corporación.

d) Designar os representantes do Colexio nos tribunais, xurados e comisións cando fose requirida a participación do Colexio.

e) Exercer os dereitos e accións que correspondan ao Colexio e, en particular, contra os que entorpezan o bo funcionamento da Administración de xustiza ou a liberdade e independencia do exercicio profesional.

f) Manter coas autoridades, corporacións e entidades oficiais a comunicación e relacións que correspondan.

g) Velar polo cumprimento do disposto na normativa reguladora do Estatuto da vítima na Lei 4/2015, do 27 de abril.

3º. Con relación ao réxime económico do Colexio:

a) Recadar o importe das contribucións colexiais establecidas para o sostemento das cargas do Colexio, así como dos demais recursos económicos previstos, distribuír e administrar os fondos e o patrimonio do Colexio.

b) Determinar a estrutura económica do Colexio, dos seus orzamentos e do inventario dos seus bens.

c) Elaborar e someter á Xunta Xeral o proxecto anual de orzamentos.

d) Pechar e someter á aprobación da Xunta Xeral a liquidación do orzamento e as contas de ingresos e gastos.

e) Propoñerlle á Xunta Xeral o importe das contribucións colexiais e o establecemento das cotas extraordinarias.

Artigo 45. Réxime de funcionamento

1. A Xunta de Goberno reunirase, polo menos, unha vez ao mes, logo de convocatoria do decano cursada coa antelación necesaria para que se encontre en poder dos seus compoñentes corenta e oito horas antes da data fixada para a sesión, salvo que razóns de urxencia xustifiquen a convocatoria con menor antelación.

A Xunta de Goberno poderase convocar, constituír, realizar sesións, adoptar acordos e remitir actas tanto de forma presencial como a distancia.

Nas sesións que teñan lugar a distancia, os seus membros poderán estar en distintos lugares, sempre e cando se asegure por medios electrónicos a identidade destes membros; o contido das súas manifestacións; o momento en que estas se producen; a interactividade e intercomunicación entre eles en tempo real e a dispoñibilidade dos medios durante a sesión.

2. Se o decano non convoca a Xunta de Goberno de acordo co establecido no número anterior, esta poderase convocar por iniciativa da metade dos membros que a compoñan, con establecemento da orde do día e asuntos que se van tratar.

3. Na convocatoria expresaranse o lugar, o día e a hora en que deba ter lugar a sesión e a orde do día, e se esta se desenvolverá de forma presencial ou a distancia. Poderanse incorporar á orde do día outras cuestións non incluídas sempre que así o acorden ao principio da sesión os asistentes.

4. Para a válida constitución da Xunta de Goberno requirirase a presencia do decano e do secretario ou de quen o substitúa e de, polo menos, a metade dos seus compoñentes. Poderán utilizar medios electrónicos ou telemáticos aqueles que non poidan asistir persoalmente ás reunións.

Os membros que participen a distancia terán para todos os efectos a consideración de asistentes e, en particular, para os efectos de determinar o quórum requirido para a válida constitución do órgano colexiado e o réxime de maiorías na adopción de acordos.

5. Os acordos adoptaranse por maioría de votos. En caso de empate, o decano posúe voto de calidade.

6. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

7. Os membros da Xunta de Goberno están obrigados a gardar segredo sobre as deliberacións realizadas nas súas sesións.

8. Se a reunión se desenvolve a distancia, os seus membros exercerán en tempo real o voto que lles corresponda. O presidente ordenará iniciar a votación durante a reunión e recompilar as respostas dos seus asistentes. Os acordos entenderanse adoptados no lugar en que se sitúe a sede colexial.

9. En todo caso, as previsións relativas ás sesións a distancia poderán ser desenvolvidas polo Regulamento do réxime interior do Colexio de Procuradores.

Artigo 46. Decano

1. Correspóndenlle ao decano as seguintes funcións:

a) Convocar e presidir, fixando a orde do día, as sesións da Xunta Xeral e da Xunta de Goberno e decidir os empates con voto de calidade.

b) Representar o Colexio ante todo tipo de autoridades, organismos e persoas físicas e xurídicas e exercer a función máxima de administración do Colexio.

c) Exercer as accións legais que lle corresponda levar a cabo ao Colexio, así como representar a el e aos seus órganos en xuízo e fóra del. Poderá outorgar e revogar poderes xerais para preitos en nome do Colexio.

d) Coordinar e impulsar a actividade do Colexio e cumprir e facer cumprir os acordos adoptados polos órganos deste dentro da súa competencia

e) Adoptar as resolucións que procedan por razóns de urxencia, e dar conta á Xunta de Goberno ou á Xunta Xeral, segundo corresponda, das decisións adoptadas, para a súa ratificación na sesión seguinte.

f) Visar os libramentos e certificacións do Colexio.

g) Exercer as funcións delegadas pola Xunta Xeral ou pola Xunta de Goberno, e dar conta do realizado pola devandita delegación.

h) Exercer cantas outras lle atribúa a normativa vixente, os estatutos e o Regulamento de réxime interior, na súa condición de decano.

2. No caso de que o decano coñecese que unha autoridade xudicial ou gobernativa competente for a realizar un rexistro no despacho profesional dun procurador, deberase comparecer nel e estar presente na práctica das dilixencias, velando pola salvagarda do segredo profesional.

Artigo 47. O vicedecano

O vicedecano substituirá o decano en todas as súas funcións, nos casos de ausencia ou enfermidade. Ademais, desempeñará cantas funcións lle sexan encomendadas polos presentes estatutos e polo decano.

Artigo 48. O secretario

1. Será competencia do secretario asumir a xefatura do persoal administrativo e das dependencias do Colexio, levando e custodiando os seus libros.

2. Corresponderalle, ademais, ao secretario:

a) Expedir e autorizar as súas actas, así como dar conta das anteriores e dos expedientes e asuntos que nelas se deban tratar.

b) Levar os libros de actas e acordos en que consten as correccións disciplinarias impostas aos colexiados e a correspondencia do Colexio.

c) Expedir e autorizar as certificacións que se expidan e as comunicacións, as ordes, e circulares que teñan que dirixirse por acordo do decano, da Xunta de Goberno ou da Xunta Xeral.

d) Autorizar co decano, contador e tesoureiro todos os cargos e libramentos por movemento dos fondos do Colexio.

e) Levar un rexistro dos colexiados. Ter ao seu cargo o rexistro de oficiais habilitados e de antecedentes disciplinarios, demais persoas autorizadas e cantos outros considere oportunos a Xunta de Goberno.

f) Formar, para cada colexiado e asunto, un expediente, ao cal se unirán oportunamente todos os antecedentes e documentos que lle sexan pertinentes.

g) Ter ao seu cargo o arquivo e selo do Colexio.

Artigo 49. O vicesecretario

Corresponderalle ao vicesecretario:

a) Substituír o secretario nas súas funcións nos casos de ausencia ou enfermidade.

b) Coidar o arquivo do Colexio, organizando os libros e documentos deste.

c) Conservar en boa orde os expedientes en curso e finalizados, os demais documentos e papeis que se deban arquivar, os exemplares dos libros, programas, estatutos, listas e demais que pertenzan á corporación.

d) Conservar todas as contas de tesouraría que estivesen aprobadas e expedidas, con distinción de anos na mellor orde.

e) Coidar dos libros da biblioteca, formar o oportuno catálogo destes, e facilitárllelos aos colexiados que o soliciten, de conformidade coas normas de funcionamento dela.

Artigo 50. O tesoureiro

1. Corresponderalle ao tesoureiro controlar todos os documentos de carácter económico cuxa utilización sexa obrigatoria para os colexiados, e xestionará os fondos e demais recursos do Colexio.

2. Nas súas funcións xestionará e proporá canto considere conveniente para o apropiado investimento dos fondos. Para iso debe cumprir coas seguintes obrigas:

a) Os fondos deberán estar depositados no establecemento que designe a Xunta de Goberno por proposta do tesoureiro.

b) O tesoureiro non poderá facer pagamento ningún senón en virtude de libramento expedido pola Secretaría, visado polo decano e intervido polo interventor. Así mesmo, non poderá aceptar as cantidades cuxos cargos libre, sen a anotación previa e sinatura dos cargos indicados.

3. Serán tamén atribucións do tesoureiro:

a) Levar os libros necesarios para as anotacións dos ingresos e gastos.

b) Cobrar todas as cantidades que por calquera concepto se deben ingresar como fondos da corporación.

c) Dar conta á Xunta de Goberno das morosidades que observa nos pagamentos.

d) Pagar todos os libramentos que expida a Secretaría, unha vez fosen sido debidamente intervidos.

e) Autorizar coa súa sinatura os cargos, libramentos e recibos que signifiquen movemento nos fondos do Colexio.

f) Dar conta trimestralmente á Xunta de Goberno do estado dos ingresos e gastos.

g) Formar e entregar a conta xeral documentada de cada exercicio económico que deberá render durante o trimestre seguinte.

Artigo 51. O interventor

1. Ao interventor estaralle confiada a vixilancia da boa marcha administrativa da corporación e investimento dos fondos dela. Xestionará e proporá canto considere conducente ao dito obxecto.

2. Neste sentido terá as seguintes facultades:

a) Intervirá necesariamente todo ingreso ou saída en tesouraría, tomando razón dos cargos e libramentos que interveña, sen cuxo requisito serán nulos, sen prexuízo da súa responsabilidade. Non poderá intervir pagamento ningún, nin anotar partidas de cargo, senón en virtude de libramento ou cargo que se lle presente, asinado polo secretario e visado polo decano.

b) Examinará as contas e gastos de tesouraría e informará na súa vista o que crea procedente.

c) Para os fins do cumprimento do seu cargo levará os libros necesarios e efectuará o control das anotacións informáticas da tesouraría.

d) Dirixirá os traballos para a percepción dos ingresos e vixiará o cumprimento por parte dos colexiados do pagamento puntual destes, e inspeccionaros por cantos medios coide oportunos.

e) Dará conta á Xunta de Goberno de cantas infraccións observe relacionadas coas cuestións anteriores.

Artigo 52. Os vogais

1. Corresponderalles aos vogais substituír os demais membros da Xunta de Goberno nas súas funcións nos casos de enfermidade ou ausencia, tendo preferencia o vogal con maior antigüidade na Xunta de Goberno, sempre de acordo co disposto nestes estatutos.

2. Os vogais participarán nas comisións existentes ou que se constitúan no Colexio cuxa intervención lles sexa asignada pola Xunta de Goberno, emitirán, se é o caso, os informes que lles sexan solicitados polo decano, pola Xunta de Goberno ou pola Xunta Xeral e asumirán as funcións que lles encomende a Xunta de Goberno.

Artigo 53. Grupos de traballo, delegados e outros órganos

1. A Xunta de Goberno poderá acordar a constitución de grupos de traballo, comisións ou órganos especializados para o cumprimento de fins específicos, e establecerá a súa composición, obxectivos e normas de funcionamento.

2. A Xunta de Goberno poderá designar delegados do Colexio nos partidos xudiciais de entre os exercentes nel, e será a súa función auxiliar á Xunta en todo o que sexa preciso en cada partido xudicial.

Sección 4ª. Réxime de provisión de cargos

Artigo 54. Carácter electivo e duración do mandato

1. Os cargos da Xunta de Goberno teñen carácter electivo. Son honoríficos e non remunerados.

2. A elección dos membros da Xunta de Goberno farase por sufraxio universal, libre, directo e secreto.

3. A súa duración será de catro anos. Esgotado o período de mandatos poderán ser reelixidos para o mesmo ou distinto cargo.

Artigo 55. Condicións de elixibilidade

1. Para ser candidato a calquera dos cargos da Xunta de Goberno, será requisito indispensable encontrarse no exercicio da profesión e contar con cinco anos de exercicio ininterrompido, salvo o cargo de decano, que requirirá de dez anos de exercicio tamén ininterrompido.

2. Ademais, non deben estar incursos en ningunha das seguintes situacións:

a) Condenados por sentenza firme que leve aparellada a inhabilitación ou suspensión para cargos públicos.

b) Sancionados disciplinariamente por calquera Colexio de procuradores mentres non fosen canceladas as sancións.

c) Non estaren ao día no cumprimento das obrigas de contribución colexial.

3. Ningún colexiado poderá presentarse, como candidato, a máis dun cargo dos que teñan que ser elixidos na mesma convocatoria.

Artigo 56. Causas de cesamento

Os membros da Xunta de Goberno cesarán polas causas seguintes:

a) Falecemento.

b) Renuncia do interesado.

c) Ausencia inicial ou perda sobrevida dos requisitos estatutarios para desempeñar o cargo.

d) Expiración do prazo de mandato para o cal foron elixidos.

e) Falta de asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas da Xunta de Goberno ou a cinco alternas no termo dun ano, logo de acordo da propia Xunta.

f) A aprobación dunha moción de censura, de acordo co previsto no seguinte artigo.

Artigo 57. Moción de censura

1. A moción de censura á Xunta de Goberno ou a algún dos seus membros deberase resolver sempre en Xunta Xeral extraordinaria, convocada para ese único efecto.

2. A solicitude desa convocatoria de Xunta Xeral extraordinaria deberá ser subscrita, como mínimo, por un terzo dos colexiados exercentes e expresará, con claridade, as razóns en que se funde.

3. A Xunta Xeral extraordinaria deberá ter lugar dentro dos trinta días hábiles seguintes á presentación da solicitude. Non se poderán debater nela outros asuntos diferentes dos expresados na convocatoria.

4. A válida constitución da Xunta Xeral extraordinaria requirirá a concorrencia persoal de máis da metade do censo colexial con dereito a voto. Nesta xunta o voto será sempre persoal, directo e secreto.

5. Para que prospere a moción de censura será necesario o voto positivo dos dous terzos dos asistentes.

6. Ata transcorrido un ano da súa realización non se poderá volver formular outra moción de censura.

Artigo 58. Provisión de vacantes extraordinarias

Se, por falecemento, dimisión ou calquera outra causa que non sexa a expiración do prazo para o cal foron elixidos, se producen vacantes na Xunta de Goberno que non superen o vinte e cinco por cento do total dos seus membros, os seus postos serán cubertos polo resto de compoñentes da Xunta de Goberno, conforme as disposicións establecidas na sección terceira deste capítulo, sen prexuízo de convocar eleccións para cubrir as vacantes existentes se o deciden os membros que permanecen.

Artigo 59. Xunta Provisional

1. Cando por calquera causa quedase vacante máis da metade dos cargos da Xunta de Goberno, o Consello Galego de Procuradores designará unha xunta provisional, integrada polos colexiados exercentes con maior antigüidade, a cal convocará eleccións dentro dos trinta días seguintes ao da súa constitución. A Xunta Provisional, así constituída, exercerá as súas funcións ata que tomen posesión os designados en virtude de elección, momento en que cesará, e só poderá tomar acordos que sexan de carácter urxente e inaprazable.

2. Os designados veñen obrigados a aceptar o cargo, que será irrenunciable, salvo razón de grave enfermidade.

Sección 5ª. Réxime electoral

Artigo 60. Dereito de sufraxio activo

Son electores todos os colexiados incorporados o ICPSC que na data da convocatoria do proceso electoral estean en pleno exercicio do seus dereitos colexiais.

Artigo 61. Convocatoria

1. A Xunta de Goberno do Colexio convocará eleccións cada catro anos para a provisión de cargos con polo menos corenta días naturais de antelación á data da súa realización.

2. A convocatoria terá que conter os aspectos seguintes: cargos obxecto de elección; día, hora e lugar da elección; e calendario electoral.

3. Na falta de regulamento electoral, a Xunta de Goberno poderá aprobar normas electorais que rexan para cada proceso electoral en desenvolvemento destas previsións estatutarias. Nese caso, deberanse de xuntar á convocatoria.

Artigo 62. Xunta Electoral

1. Tras se convocaren as eleccións, a Xunta de Goberno designará a Xunta Electoral, que estará integrada por un presidente, un secretario e un vogal, elixidos mediante sorteo entre procuradores exercentes con máis de cinco anos de exercicio profesional que se encontren en pleno uso dos seus dereitos colexiais e cumpran as condicións de elixibilidade exixidas aos cargos da Xunta de Goberno. Non poderán ser elixidos nin os membros da Xunta de Goberno que convocaron as eleccións nin aqueles colexiados que se presenten como candidatos.

2. O exercicio do cargo de membro da Mesa Electoral terá carácter obrigatorio para os designados, os cales só se poderán escusar por causas graves que terá que considerar xustificadas a Xunta de Goberno.

3. A Xunta Electoral velará polo respecto das normas estatutarias e colexiais que rexen o proceso electoral, e exercerá as funcións de impulso e ordenación do proceso electoral que se lle atribúen nos presentes estatutos.

4. O presidente da Xunta Electoral exerce a representación desta, abre e pecha sesións, convoca os demais membros cando o entende necesario, fixa a orde do debate, diríxeo e somete a votación os acordos.

5. A Mesa Electoral estará constituída por dous colexiados de entre os asistentes á votación; elíxese o máis antigo e o de máis recente colexiación.

Artigo 63. Censo electoral

1. O secretario do Colexio elaborará o censo electoral, no cal terán que figurar todos os colexiados con dereito a voto na data de convocatoria das eleccións.

2. O censo estará exposto na sede do Colexio transcorridos quince días desde a convocatoria das eleccións. Dentro dos primeiros dez días naturais, poderanse presentar reclamacións sobre a inclusión ou exclusión de electores. As reclamacións resolveraas a Xunta Electoral nos cinco días naturais seguintes. Só os colexiados que figuren inscritos no censo poderán participar no proceso electoral.

Artigo 64. Presentación e proclamación de candidatos

1. As candidaturas deberán presentarse na Secretaría do Colexio, con polo menos vinte días naturais de antelación á data sinalada para o acto electoral, en sobre pechado e selado, que permanecerá baixo custodia da Xunta Electoral ata o día seguinte á expiración do prazo.

2. As candidaturas poderán ser conxuntas para varios cargos ou individuais para cargos determinados, e deberán ser subscritas exclusivamente polos propios candidatos.

3. A Xunta Electoral convocará para o día seguinte ao da terminación do prazo de presentación de candidaturas un representante de cada unha que, previamente, consignase o seu nome na Secretaría do Colexio para tal efecto. En presenza de todos os que acudisen, abriranse os sobres e levantarase a acta. A continuación, procederá á proclamación de candidatos de entre os que reúnan os requisitos estatutarios.

4. A Xunta Electoral resolverá as reclamacións dentro dos cinco días naturais seguintes e notificaralles a súa resolución aos reclamantes.

5. A Xunta Electoral proclamará as candidaturas resoltas, se é o caso, as reclamacións interpostas e dará coñecemento da proclamación aos colexiados a través de circular remitida aos correos electrónicos, e mediante a inserción no taboleiro de anuncios da sede colexial. A Xunta Electoral aprobará o modelo oficial de papeletas cuxa confección deberá iniciarse inmediatamente despois da proclamación. Estarán dispoñibles desde o cuarto día hábil seguinte á proclamación.

Artigo 65. Proclamación como electos de candidatos únicos

No suposto de que se presentase unha soa candidatura para cada cargo, e fose proclamada pola Xunta Electoral, a Xunta Xeral debidamente constituída poderá acordar a súa proclamación como decano ou membro da Xunta de Goberno sen necesidade de proceder á votación.

Artigo 66. Campaña electoral

1. Proclamados os candidatos, dará comezo a campaña electoral, que rematará corenta e oito horas antes da hora sinalada para a realización das eleccións.

2. Non poderá difundirse propaganda electoral nin realizarse ningún acto de campaña electoral unha vez que esta terminase legalmente, nin tampouco durante o período comprendido entre a convocatoria das eleccións e o inicio da campaña.

Artigo 67. Modalidades de votación

1. O voto poderase exercer persoalmente, por correo ou mediante o seu depósito no Colexio.

2. A votación por correo ou mediante depósito no Colexio require que quede constancia do envío, se acredite a identidade do votante, se garanta o segredo do voto e sexa recibido pola Xunta Electoral antes da finalización do prazo. Axustarase aos seguintes requisitos:

a) Non máis tarde do quinto día anterior ao da votación, remitirá o seu voto na papeleta oficial, que introducirá nun sobre, que será pechado e, pola súa vez, introducido noutro maior, no cal tamén se incluirá unha fotocopia do documento nacional de identidade do elector, quen asinará sobre ela. No sobre exterior farase constar, de maneira claramente lexible, o nome, apelidos e número de colexiado do votante.

b) Cando o voto se emite por correo remitirase por correo certificado dirixido á sede do Colexio de Procuradores, facendo constar xunto co enderezo: «Para a Xunta Electoral». O Colexio rexistrará a entrada destes envíos e sen abrir o sobre entregarallo á Xunta Electoral o día da votación.

c) O segundo día anterior á realización das eleccións será o último día hábil para recibir o voto por correo.

d) No caso dos votos depositados nas sedes do Colexio, aplicarase a regra prevista no punto anterior: entregarase o sobre coas mesmas formalidades e requisitos establecidos nas alíneas a) e b).

3. Todo elector poderá revogar o seu voto por correo ou depositado no Colexio comparecendo para votar persoalmente. En tal caso, o sobre remitido por correo ou depositado no Colexio será destruído no mesmo acto e na súa presenza.

Artigo 68. Escrutinio, proclamación de resultados e reclamacións

1. Tras o peche da votación persoal, a Xunta Electoral fará entrega dos votos emitidos por correo, ou depositados no Colexio, á Mesa Electoral. Esta comprobará que os que elixisen unha destas modalidades de votación están inscritos no censo electoral e non votaron persoalmente. Unha vez efectuada tal comprobación, o presidente da mesa introducirá na urna os sobres de votación.

2. Unha vez que estean todos os votos na urna, a Xunta Electoral efectuará de inmediato ao escrutinio. Proclamaranse electos para cada cargo aos candidatos que obteñan os maior número de votos. En caso de empate, entenderase elixido o de maior tempo de exercicio no propio Colexio e, se se mantivese o empate, o de maior idade.

3. Vinte e catro horas antes de comezar a votación, as candidaturas poderanlle comunicar á Xunta Electoral a designación dun interventor de mesa. Os interventores poderán asistir a todo o proceso de votación e escrutinio e formular as reclamacións que consideren oportunas, que serán resoltas por aquela e recollidas na acta polo secretario. Os interventores e os candidatos poderán examinar ao terminar o escrutinio as papeletas que ofrezan dúbidas.

4. Acabado o escrutinio, levantarase a acta dos resultados e o presidente da Xunta Electoral fará públicos estes aos presentes na sala. A Xunta Electoral proclamará elixidos os candidatos correspondentes e publicará os resultados levantando a acta oportuna.

5. As reclamacións contra os resultados das eleccións presentaranse ante o Consello Galego de Procuradores no prazo máximo dun mes desde a realicación das eleccións.

Artigo 69. Toma de posesión

1. Os novos cargos electos tomarán posesión dentro do prazo dos cinco días seguintes á proclamación da súa elección.

2. Nos dez días seguintes, o decano comunicaralles a toma de posesión dos novos cargos ao Consello Xeral de Procuradores, ao Consello Galego de Procuradores e á consellería competente en materia de colexios profesionais.

CAPÍTULO III

Réxime xurídico

Artigo 70. Normativa aplicable

1. O ICPSC réxese polas seguintes normas:

a) A lexislación básica estatal e a lexislación autonómica en materia de colexios profesionais.

b) Estes estatutos.

c) O Regulamento de réxime interior, o código deontolóxico e os demais normas que se adopten en desenvolvemento e aplicación dos estatutos.

d) O resto do ordenamento xurídico en canto lle resulte aplicable.

2. A lexislación vixente sobre réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común será de aplicación supletoria na falta de previsións contidas nas normas estatutarias ou regulamentarias nas actuacións colexiais suxeitas ao dereito administrativo.

3. Están suxeitas ao dereito administrativo as actuacións do Colexio relativas á constitución dos seus órganos e ao exercicio de funcións administrativas.

4. Os acordos, decisións ou recomendacións do Colexio deberán observar os límites da Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia.

5. En materia de comunicacións comerciais observarase o disposto na Lei 34/1988, do 11 de novembro, xeral de publicidade, e na Lei 3/1991, do 10 de xaneiro, de competencia desleal.

Artigo 71. Eficacia dos actos

1. Os acordos adoptados polo Colexio en exercicio de potestades administrativas consideraranse executivos desde a súa adopción, sen máis requisito que a súa notificación ou publicación cando proceda e salvo que dos seus propios termos resulten sometidos a prazo ou condición de eficacia. Desta regra só se exceptúan as resolucións en materia disciplinaria, que se axustarán ao disposto no artigo 89 dos estatutos.

2. Cando o Colexio non dispoña de capacidade propia nin medios para a execución forzosa dos seus actos administrativos, porao en coñecemento da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a través da consellería competente. Para tal efecto, son desta o auxilio executivo necesario para a execución forzosa dos seus actos administrativos.

Artigo 72. Réxime xeral de impugnación

1. Os acordos e resolucións dos órganos colexiais, mesmo os actos de trámite que directa ou indirectamente decidan o fondo do asunto, impidan a continuación do procedemento, produzan indefensión ou prexuízo irreparable a dereitos e intereses lexítimos, son susceptibles de recurso nos seguintes termos:

a) Os acordos da Xunta de Goberno e da Xunta Xeral son impugnables en alzada ante o Consello Galego de Procuradores.

b) Contra os acordos dos demais órganos colexiais poderá recorrerse, se é o caso, ante a Xunta de Goberno.

2. A interposición, os prazos e a resolución dos recursos na vía colexial rexeranse polo disposto na lexislación sobre procedemento administrativo común, sen prexuízo das especialidades que se dispoñen no seguinte precepto.

3. Os acordos ditados en uso de facultades ou competencias delegadas da Xunta de Galicia estarán sometidos ao réxime de impugnación xeral dos seus actos.

Artigo 73. Especialidades do procedemento de recurso

1. Os recursos de que coñeza o Consello Galego de Procuradores interporanse ante a Xunta de Goberno, que deberá elevalos, cos seus antecedentes e o informe que proceda, ao Consello Galego de Procuradores dentro dos quince días seguintes á data de presentación.

2. O Consello Galego de Procuradores deberá resolver e notificar no prazo máximo de tres meses, contados desde o día seguinte á interposición do recurso. O silencio terá efectos desestimatorios. O recorrente poderá solicitar a suspensión do acordo obxecto de recurso e o Consello Galego de Procuradores poderá acordala ou denegala motivadamente.

3. A Xunta de Goberno estará lexitimada, en todo caso, para recorrer contra os acordos da Xunta Xeral. Se a Xunta de Goberno entendese que o acordo obxecto de recurso é nulo de pleno dereito ou gravemente prexudicial para os intereses do Colexio, poderá solicitar a suspensión do acordo obxecto de recurso ao Consello Galego, que poderá acordala ou denegala motivadamente.

Artigo 74. Revisión xurisdicional

Os actos emanados da Xunta Xeral e da Xunta de Goberno do ICPSC, en canto estean suxeitos ao dereito administrativo, unha vez esgotados os recursos corporativos, serán directamente susceptibles perante a xurisdición contencioso-administrativa.

CAPÍTULO IV

Réxime económico-financeiro

Artigo 75. Recursos económicos

1. Son ingresos ordinarios do Colexio:

a) Os produtos dos bens, dereitos e obrigas do patrimonio colexial.

b) As contribucións económicas dos procuradores, consonte o disposto no artigo seguinte.

c) As percepcións pola expedición de certificacións ou copias de datos ou documentos que constan nos seus arquivos, ou de copias de documentos por el producidos.

d) Os honorarios pola elaboración de informes, ditames, estudos e calquera outro asesoramento que se lle requiran ao Colexio, así como os dereitos por admisión e administración de arbitraxes e mediacións.

e) Os beneficios que obteña polas súas publicacións ou outros servicios ou actividades remuneradas que realice.

f) Os que por calquera outro concepto legalmente procedan.

2. Constitúen recursos extraordinarios do Colexio:

a) O produto das multas, subvencións, donativos, herdanzas ou legados de que o Colexio poida ser beneficiario.

b) O produto da disposición dos bens do seu patrimonio.

c) As cantidades que en calquera concepto lle correspondan percibir ao Colexio pola administración de bens alleos.

d) Os ingresos por patrocinio publicitario.

e) Os que por calquera outro concepto legalmente procedan.

Artigo 76. Contribucións dos procuradores

1. Son contribucións económicas dos procuradores:

a) A cota de incorporación ao Colexio. O seu importe non poderá superar en ningún caso os custos asociados á tramitación do ingreso.

b) A cota ordinaria fixa. Terá carácter periódico e será única para todos os colexiados exercentes.

c) A cota ordinaria fixa para os colexiados non exercentes.

d) A cota correspondente ao servizo de recepción de copias e notificacións (Sercyn).

e) As cotas extraordinarias ou as derramas colexiais.

f) As cantidades que, se é o caso, se establezan polo uso individualizado doutros servicios colexiais.

2. A Xunta Xeral determinará a contía das contribucións colexiais.

3. Aos procuradores procedentes doutro Colexio que realicen actuacións profesionais no ámbito do ICPSC non se lles poderán exixir cotas de ingreso, cotas ordinarias fixas nin cotas extraordinarias ou derramas colexiais, á marxe das cantidades que procedan pola utilización dos servizos colexiais.

Artigo 77. Réxime orzamentario

1. O réxime económico do Colexio é orzamentario. O orzamento será anual, único e equilibrado, e comprenderá a totalidade dos ingresos, gastos e investimentos do Colexio referidos a un ano natural.

2. En cada orzamento cifraranse coa suficiente especificación os gastos previstos en función do programa de actividades que van desenvolver os órganos colexiais, así como os ingresos que se prevexa que se van percibir durante o correspondente exercicio.

Artigo 78. Auditoría

Cando se produza a renovación total dos membros da Xunta de Goberno ou a renovación parcial, en porcentaxe igual ou superior ao 80 % do total dos seus membros, o Colexio, logo de acordo da Xunta Xeral convocada para o efecto, deberá ser auditado, sen prexuízo da función fiscalizadora que lles corresponde aos organismos públicos legalmente habilitados para iso.

Artigo 79. Do patrimonio e a súa administración

1. Constitúe o patrimonio de cada Colexio o conxunto de todos os seus bens, dereitos e obrigas.

2. A Xunta de Goberno administrará o patrimonio colexial.

Artigo 80. Dos empregados

A Xunta de Goberno aprobará as bases polas que se deben rexer as convocatorias para cubrir as prazas de empregados do Colexio, e realizará a súa designación, xa sexa con ocasión de vacante ou de prazas de nova creación, en función das necesidades da corporación.

Artigo 81. Contratación de bens e servicios

A Xunta de Goberno garantirá a concorrencia de ofertas para a provisión de bens e prestación de servizos e procederá á súa adxudicación a favor de quen asegure os criterios de solvencia e capacidade, e de eficacia, eficiencia e economía.

CAPÍTULO V

Réxime disciplinario

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 82. Da potestade disciplinaria

1. Os profesionais integrados no ICPSC deben ter como guía da súa actuación o servizo á comunidade e aos seus clientes e o cumprimento das obrigas deontolóxicas propias da profesión.

2. O ICPSC sancionará disciplinariamente as accións ou omisións dos profesionais e, de ser o caso, das sociedades profesionais que vulneren as normas reguladoras da profesión, o estatuto e regulamentos colexiais e o código deontolóxico.

3. As infraccións cualificaranse como moi graves, graves ou leves.

Artigo 83. Competencia

1. O exercicio da potestade disciplinaria é competencia ordinaria da Xunta de Goberno do Colexio.

2. A competencia para o exercicio da potestade disciplinaria sobre os membros da Xunta de Goberno do ICPSC reside no Consello Galego de Procuradores.

Sección 2ª. Infraccións

Artigo 84. Infraccións moi graves

Son infraccións moi graves:

a) A emisión de facturas ou minutas por conceptos inexistentes ou por actuacións profesionais non realizadas.

b) A condena dun colexiado en sentenza firme pola comisión dun delito no exercicio da súa profesión.

c) A inasistencia reiterada e inxustificada aos órganos xurisdicionais ou aos servicios comúns de notificacións e traslados de escritos.

d) A comisión de actos que constitúan ofensa grave á dignidade da profesión ou ás regras deontolóxicas que a gobernan.

e) O incumprimento da prohibición establecida no artigo 8 da Lei 4/2015, do 27 de abril, do Estatuto da vítima, que establece o período de reflexión en garantía dos dereitos das vítimas.

f) A reiteración de tres faltas graves nun período de dous anos.

Artigo 85. Infraccións graves

Son infraccións graves:

a) O incumprimento dos deberes consignados no código deontolóxico, salvo que este se tipifique como infracción moi grave ou leve.

b) O incumprimento das obrigas dos colexiados descritas no artigo 16 destes estatutos, salvo que este se tipifique como infracción moi grave ou leve.

c) A falta de atención ou de dilixencia ou fidelidade no desempeño dos cargos colexiais, ou o incumprimento dos deberes correspondentes ao cargo.

d) O incumprimento ou desatención dos requirimentos dos órganos colexiais competentes.

e) A práctica de comunicacións comerciais non axustadas ao disposto na Lei 34/1988, do 11 de novembro, xeral de publicidade, ou á Lei 3/1991, do 10 de xaneiro, de competencia desleal.

f) A práctica de actos de competencia desleal declarados polo órgano administrativo ou xurisdicional competente.

g) A desconsideración ofensiva cara aos cargos de goberno colexiais.

h) O incumprimento da obriga de posta á disposición dos destinatarios do servizo profesional da información exixida no artigo 22.2 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

i) A reiteración durante un ano, en máis de cinco ocasións, dunha falta leve.

Artigo 86. Infraccións leves

Son infraccións leves:

a) A falta de consideración aos colexiados.

b) A desconsideración non ofensiva cara aos cargos de goberno colexiais.

c) O mal uso dos bens do Colexio.

d) As accións descritas no artigo anterior cando non teñan a entidade suficiente para seren consideradas faltas graves.

Sección 3ª. Sancións

Artigo 87. Clases de sancións

1. Poderanse impor as seguintes sancións disciplinarias:

1ª. Apercibimento por escrito.

2ª. Reprensión pública.

3ª. Multa de ata 300 €.

4ª. Suspensión no exercicio profesional por un prazo de ata seis meses.

5ª. Multa desde 301 a 6.000 €.

6ª. Multa desde 6.001 a 12.000 €.

7ª. Suspensión no exercicio profesional por un prazo superior a seis meses e inferior a dous anos.

8ª. Expulsión do Colexio.

2. As sancións 4ª, 7ª e 8ª implican accesoriamente a suspensión dos dereitos electorais polo mesmo período da súa duración, así como, se é o caso, o cesamento nos cargos colexiais que se exercesen.

3. Cando as infraccións sexan cometidas por unha sociedade profesional, aplicaranse as mesmas sancións que aos colexiados, coas seguintes especialidades:

a) As sancións 4ª e 7ª comportarán simultaneamente a baixa da sociedade no Rexistro de Sociedades Profesionais polo mesmo período da súa duración.

b) A sanción 8ª consistirá na baixa definitiva do Rexistro de Sociedades Profesionais con prohibición indefinida de exercicio profesional.

c) Non resultará de aplicación a sanción accesoria descrita no punto segundo deste precepto.

Artigo 88. Correspondencia entre infraccións e sancións

1. Ás infraccións leves corresponderán as sancións 1ª, 2ª e 3ª descritas no punto primeiro do artigo anterior, ás graves as sancións 4ª e 5ª, e ás moi graves, as sancións 6ª, 7ª e 8ª.

2. Na aplicación das sancións teranse en conta as seguintes circunstancias:

a) Intencionalidade manifesta da conduta.

b) Neglixencia profesional inescusable.

c) Obtención de lucro ilexítimo.

d) Desobediencia reiterada a acordos ou requirimentos colexiais.

e) Dano ou perda grave a terceiros.

f) Encontrarse no exercicio de cargo público ou colexial ao cometer a infracción, cando prevaleza esta condición.

g) Ter sido sancionado anteriormente por resolución colexial firme non cancelada.

Artigo 89. Eficacia e execución das sancións

1. As sancións impostas polo Colexio producirán efectos en todo o territorio español, de acordo co disposto no artigo 3.3 da LCP.

2. As sancións non se executarán ata que non alcancen firmeza.

3. As sancións 4ª, 7ª e 8ª implican accesoriamente a suspensión dos dereitos electorais polo mesmo período da súa duración, así como, se é o caso, o cesamento nos cargos colexiais que se exerzan. Non se aplicará esa sanción accesoria ás sociedades profesionais.

4. De todas as sancións, agás da 1ª, así como da súa cancelación, deixarase constancia no expediente colexial do interesado e daráselle conta ao Consello Xeral, ao Consello Galego, e se é o caso, ao Colexio de pertenza.

Sección 4ª. Prescrición e cancelación

Artigo 90. Prescrición de infraccións e de sancións

1. As infraccións leves prescribirán aos seis meses; as graves, aos dous anos, e as moi graves, aos tres anos.

2. As sancións impostas por infraccións leves prescribirán ao ano; as correspondentes a infraccións graves, aos dous anos, e as impostas por infraccións moi graves, aos tres anos.

3. Os prazos de prescrición das infraccións comezarán a contar desde o día da comisión da infracción e os das sancións desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución sancionadora.

4. A prescrición das infraccións interromperase por calquera actuación colexial, expresa e manifesta, dirixida a investigar a presunta infracción con coñecemento do interesado. A realización de calquera acto colexial expreso e manifesto de execución da sanción con coñecemento do interesado interromperá o prazo da súa prescrición.

Artigo 91. Anotación e cancelación das sancións

1. As sancións cancelaranse ao ano, se a sanción imposta fose a 1ª, 2ª ou 3ª, aos dous anos se fose a 4ª ou 5ª, aos catro anos se fose a 6ª ou 7ª, e aos cinco anos a 8ª. Os prazos anteriores contaranse a partir do cumprimento efectivo da sanción. A cancelación supón a anulación do antecedente sancionador para todos os efectos.

2. As sancións anotaranse no expediente persoal do colexiado unha vez que sexan firmes na vía colexial.

Sección 5ª. Procedemento disciplinario

Artigo 92. Réxime xurídico do procedemento

1. O exercicio da potestade disciplinaria requirirá a incoación do correspondente procedemento disciplinario.

2. A tramitación do procedemento disciplinario axustarase ao disposto nesta sección e, no non previsto, á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 93. Actuacións previas

1. Con anterioridade ao inicio do procedemento, a Xunta de Goberno poderá realizar actuacións previas co obxecto de determinar con carácter preliminar se concorren circunstancias que xustifiquen a iniciación.

2. Estas actuacións orientaranse, en especial, a determinar, coa maior precisión posible, os feitos susceptibles de motivar a incoación do procedemento, a identificación do procurador que puidese resultar responsable e as circunstancias relevantes que concorran nuns ou noutros.

3. A apertura deste trámite comunicaráselle ao denunciado, con achega, se é o caso, da queixa ou denuncia presentada para que a conteste e formule as alegacións que coide oportunas no prazo de dez días.

4. A Xunta de Goberno poderá acordar a práctica de cantas dilixencias de investigación considere oportunas.

5. Unha vez conclusas as actuacións previas e, en todo caso, transcorrido o prazo máximo de dous meses desde o seu acordo, a Xunta de Goberno ordenará o arquivamento ou a incoación de procedemento disciplinario de resultas dela. Deberáselles notificar aos interesados con indicación dos recursos que, se é o caso, procedan contra ela.

Artigo 94. Procedemento disciplinario

1. O procedemento disciplinario iniciarao de oficio a Xunta de Goberno, como consecuencia de iniciativa propia, petición razoada do decano ou denuncia asinada por un colexiado ou por un terceiro con interese lexítimo. A denuncia deberá conter: a identificación do denunciante, o relato dos feitos que puidesen constituír motivo de infracción, así como a súa data, e, cando sexa posible, a identificación do presunto responsable.

2. O acordo de iniciación do procedemento disciplinario deberá recoller a identificación do profesional ou profesionais presuntamente responsables, os feitos sucintamente expostos que motivan a incoación do expediente, sen prexuízo do que resulte da instrución, así como a designación do instrutor do procedemento, con indicación do réxime de recusación deste, e a indicación do dereito a formular alegacións e á audiencia no procedemento e dos prazos para o seu exercicio. O acordo notificaráselles aos interesados.

3. Tras as oportunas dilixencias indagatorias, o instrutor proporá o sobresemento do expediente se non encontrase indicios de ilícito disciplinario ou formulará prego de cargos, no caso contrario. A resolución da Xunta de Goberno que dispoña o sobresemento do expediente será inmediatamente notificada aos interesados.

4. No prego de cargos indicaranse, con precisión, claridade e debidamente motivados, os actos profesionais ou colexiais que se presumen ilícitos, a cualificación do tipo de infracción en que incorre aquela conducta e a sanción a que, se é o caso, poida ser acredora.

5. Concederáselle ao interesado un prazo de quince días hábiles para que conteste por escrito e formule escrito de alegacións, achegue documentos e informacións e propoña as probas que coide oportunas para a súa defensa. Poderanse utilizar todos os medios de proba admisibles en dereito. O instrutor practicará as que coide pertinentes entre as propostas ou as que poida acordar. Das audiencias e probas practicadas deixarase constancia escrita no expediente.

6. A instrución concluirá coa formulación dunha proposta de resolución, que fixará con precisión os feitos imputados ao expedientado, indicará a infracción ou infraccións cometidas e as sancións que correspondan. Desta proposta daráselle traslado ao interesado, ao cal se concederá novo trámite de audiencia para que poida alegar canto considere conveniente ao seu dereito.

7. A Xunta de Goberno adoptará motivadamente a resolución que coide conveniente en que decida todas as cuestións formuladas. Non poderá versar sobre feitos distintos dos que serviron de base á proposta de resolución. Se o instrutor formase parte da Xunta de Goberno non poderá participar nas deliberacións nin na adopción da resolución que poña fin ao procedemento disciplinario.

CAPÍTULO VI

Réxime de distincións, protocolo e símbolos

Artigo 95. Colexiados e cargos de honra

1. A Xunta Xeral, por proposta da Xunta de Goberno, poderá nomear colexiados de honra as persoas, físicas ou xurídicas que acrediten méritos ou servizos relevantes prestados á profesión. A distinción poderá, se é o caso, concederse a título póstumo.

2. A Xunta Xeral, por proposta da Xunta de Goberno, tamén poderá outorgar a título honorífico a condición de decano. A distinción recaerá naquelas persoas merecedoras de tal distinción polas súas excepcionais calidades profesionais e sociais e a súa contribución á defensa, desenvolvemento e perfeccionamento da procuradoría.

Artigo 96. Outras recompensas

1. A Xunta de Goberno do Colexio poderá conceder outras recompensas honoríficas e de carácter económico-científico.

2. As recompensas honoríficas poderán consistir en felicitacións e mencións; proposta de condecoracións oficiais; designación como membros honoríficos, e outorgamento da Medalla de Honra do Colexio.

3. As recompensas de carácter económico-científico poderán ser as que, en cada momento, decida a Xunta de Goberno e serán concedidas por esta, poderán consistir en premios a traballos de investigación e publicación a cargo do Colexio daqueles traballos de destacado valor científico ou de investigación que en cada momento se acorde editar.

Artigo 97. Tratamentos honoríficos e protocolarios

1. O ICPSC terá o tratamento de ilustre e o seu decano, o de excelentísimo señor. O dito tratamento, como a denominación honorífica de decano, posuiranse con carácter vitalicio.

2. O decano do Colexio terá a consideración honorífica de presidente de Sala do Tribunal Superior de Xustiza. O decano do Colexio levará puños de encaixe na súa toga, así como as medallas e placas correspondentes ao seu cargo, en audiencia pública e actos solemnes a que asista en exercicio destes. En tales ocasións os demais membros da Xunta de Goberno do Colexio levarán sobre a toga os atributos propios dos seus cargos.

Artigo 98. Escudo

1. O escudo do Colexio, distintivo que tradicionalmente vén usando, consiste nun conxunto integrado polo escudo do Concello de Santiago á dereita e lixeiramente inclinado á súa esquerda, a Cruz de Santiago no centro, o representativo da Xustiza á esquerda e lixeiramente inclinado á súa dereita. O escudo distintivo do Colexio non se poderá modificar sen acordo adoptado en Xunta Xeral.

2. En todos os documentos que o Colexio expida, así como nas súas comunicacións, estamparase un selo en que se represente o escudo distintivo expresado.

CAPÍTULO VII

Dos procedementos de disolución e constitución
de novo Colexio por fusión

Artigo 99. Disolución

1. A disolución do Colexio de Procuradores de Santiago de Compostela producirase cando veña determinada por disposición legal, estatal ou autonómica, e será acordada pola Xunta Xeral, convocada para o efecto. Será necesario para a súa aprobación a asistencia de, polo menos, tres quintas partes dos colexiados e o voto favorable da maioría absoluta dos asistentes. A Xunta Xeral decidirá sobre o destino do patrimonio colexial e designará unha comisión encargada de liquidalo.

2. O acordo comunicaráselles á consellería da Xunta de Galicia competente en materia de colexios profesionais, ao Consello Xeral dos Procuradores dos Tribunais de España e ao Consello Galego de Procuradores.

Artigo 100. Fusión con outros colexios de procuradores de Galicia

1. O ICPSC poderase fusionar con todos ou algúns dos colexios de procuradores dos tribunais que desenvolven a súa actividade profesional exclusivamente na Comunidade Autónoma de Galicia e non sobrepasen o dito ámbito territorial para constituír un novo Colexio profesional de procuradores.

2. A operación de fusión requirirá a aprobación da Xunta Xeral por maioría absoluta dos asistentes, coa asistencia, polo menos, das tres quintas partes dos colexiados, que se pronunciará sobre un protocolo de fusión que terá proposto a Xunta de Goberno.

3. Acordada pola Xunta Xeral a fusión, someterase a informe preceptivo do Consello Galego de Procuradores e enviaráselle á consellería competente en materia de colexios profesionais, para a súa ulterior aprobación mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia.

4. Se a aplicación deste procedemento de fusión implicase a disolución do Colexio, non sería de aplicación o disposto no artigo anterior.

Disposición transitoria primeira. Mandatos dos cargos electivos do Colexio

Os membros dos actuais órganos de goberno do Colexio permanecerán nos seus cargos ata a expiración do seu mandato.

Disposición transitoria segunda. Recursos

Os recursos que se encontraren en tramitación no momento da entrada en vigor dos estatutos continuarán esta de acordo coas normas vixentes no momento da súa interposición.