Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 13 de xaneiro de 2023 Páx. 4321

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras, mediante a tramitación anticipada de gasto, das axudas temporais e excepcionais ás persoas produtoras de carne para compensar as dificultades económicas derivadas da invasión rusa de Ucraína ao abeiro do artigo 39 quater do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR244A).

A invasión de Ucraína por parte de Rusia o 24 de febreiro de 2022 está a afectar os produtores agrarios e supón unha ameaza grave de perturbación do mercado, como consecuencia dos aumentos significativos dos custos de produción e as alteracións dos fluxos comerciais.

Esta crise está a ter graves consecuencias na oferta de cereais a escala mundial e está a provocar unha nova subida de prezos, que se suma ás fortes subas que están a experimentar os prezos da enerxía e os fertilizantes. No caso dos sectores gandeiros produtores de carne, o conflito bélico en Ucraína non fixo senón agravar a situación que xa atravesaban ao longo dos últimos meses, caracterizada por un incremento sostido dos custos de produción derivados do aumento dos prezos das materias primas para alimentación animal e dos prezos da enerxía e dos combustibles.

Os produtores de vacún, ovino, cabrún, aves e coellos contan, ademais, con serias dificultades para trasladar este incremento de custos ao longo da cadea, polo que as súas marxes están a verse seriamente comprometidos, o que fai perigar o mantemento do tecido produtor nas zonas rurais, onde existen escasas alternativas a estas producións gandeiras.

O sector vacún de carne, particularmente o subsector da vaca nutriz, e o ovino e cabrún de carne son sectores ligados ao territorio e cun marcado carácter extensivo o que lles converte en sectores ambientalmente sustentables polo aproveitamento racional dos recursos agrosilvopastorais, contribuíndo así á mellora de calidade e o incremento de materia orgánica nos solos e ao mantemento da biodiversidade.

Doutra banda, o subsector de engorde de tenreiros é fundamental para o mantemento da viabilidade e a competitividade do sector das vacas nutrices xa que supón a finalización do ciclo produtivo das granxas de nutrices sendo así esencial para o abastecemento de carne de vacún no mercado.

A sustentabilidade ambiental neste sector vén marcada por medidas tales como as prácticas beneficiosas para o clima e o ambiente que realicen nas granxas, por accións ou investimentos relacionadas coa modernización e mellora das instalacións e o manexo e xestión de estercos que teñan en marcha, entre outras.

O sector da avicultura de carne é un sector que habitualmente opera con marxes moi estreitas e enormemente dependente de materias primas para a elaboración de pensos e, por iso, moi condicionado polo mercado global de cereais e doutras materias primas e, ademais, é unha produción con elevados custos enerxéticos. Desde o punto de vista do ambiente, caracterízanse pola utilización eficiente das materias primas, polo seu elevado índice de conversión en carne e pola súa contribución á economía circular, entre outros, a través da valorización agronómica duns estercos con gran valor comercial e agrícola polo seu maior contido en nutrientes.

O sector da carne de coello, pola súa banda, atravesa unha serie de dificultades estruturais desde hai uns anos, derivadas, fundamentalmente, da redución do consumo desta carne e do feito de que operan, habitualmente, con marxes moi estreitas, como boa parte dos sectores gandeiros.

Por outra banda, as explotacións gandeiras deste sector localízanse, polo xeral, en rexións moi concretas, con escasas alternativas económicas, de maneira que estas granxas configúranse como un elemento fundamental para a fixación de poboación ao medio rural nestas rexións. Desde o punto de vista ambiental, o sector cunícola caracterízase pola utilización de materias primas forraxeiras para alimentación animal, con gran interese por tanto agrícola e ambiental, e pola súa contribución á economía circular, entre outros, a través da valorización agronómica dun esterco de gran valor, como no caso do sector da avicultura de carne.

Na situación extraordinaria que se está vivindo, é fundamental que as administracións públicas adopten medidas urxentes de apoio aos sectores produtivos máis afectados pola crise actual, co fin de evitar que esta crise poña en perigo a supervivencia das explotacións, debido á imposibilidade económica de mantelas na conxuntura actual.

No ámbito da Unión Europea, a Comisión Europea adoptou un marco temporal de crise para permitir aos Estados membros aproveitar a flexibilidade prevista nas normas sobre axudas estatais co fin de apoiar a economía no contexto da invasión de Ucraína por parte de Rusia. O marco temporal relativo ás medidas de axuda estatal destinada a apoiar a economía no contexto da invasión de Ucraína por parte de Rusia, que se basea no artigo 107, punto 3, letra b), do Tratado de funcionamento da Unión Europea, recoñece que toda a economía da UE está a sufrir unha grave perturbación. Para poñer remedio a esta situación, o marco temporal de crise recolle tres tipos de axuda: importes limitados de axuda, apoio á liquidez en forma de garantías estatais e préstamos bonificados e axudas para compensar os elevados prezos da enerxía.

Por outra banda, a Comisión Europea habilitou en marzo de 2022 o mecanismo previsto no artigo 219 da organización común de mercados agrarios, para axudar ás persoas agricultoras e gandeiras a afrontar a alza de prezos das materias primas e dos custos de produción producidos como consecuencia da invasión rusa de Ucraína, cunha dotación total de 500 millóns de euros da reserva de crise, dos que España recibiu un total de 64,5 M €.

No regulamento que establece estas axudas preveuse que os Estados membros puidesen incrementar a dotación destas axudas, mediante achegas complementarias á contía asignada a cada estado, ata un máximo do 200 % adicional do importe correspondente fixado para cada Estado membro no anexo, sobre a base de criterios obxectivos e non discriminatorios, sempre que os consecuentes pagamentos non distorsionen a competencia, con axudas complementaria que deben ser aboadas, como moi tarde, o 30 de setembro de 2022.

Por outra banda, o pasado 30 de xuño publicouse o Regulamento (UE) 2022/1033 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de xuño de 2022, polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 1305/2013 no que respecta a unha medida específica destinada a proporcionar axuda temporal excepcional no marco do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), incorporando o artigo 39 quater do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), que estableceu a posibilidade de conceder unha axuda temporal excepcional destinada aos agricultores e ás pemes especialmente afectados polas repercusións da invasión de Ucraína por parte de Rusia, sinalando que esta axuda proporcionará asistencia de emerxencia aos agricultores e ás pemes especialmente afectados polas repercusións da invasión de Ucraína por parte de Rusia co fin de garantir a continuidade da súa actividade empresarial e dirixida aos agricultores ou ás pemes que se dediquen á transformación, comercialización ou desenvolvemento de produtos agrícolas.

Este mesmo artigo sinala que a axuda consistirá no pagamento dunha cantidade a tanto alzado que deberá abonarse, como moi tarde, o 15 de outubro de 2023, sobre a base das solicitudes de axuda aprobadas pola autoridade competente como moi tarde o 31 de marzo de 2023.

Tendo en conta o anterior, e dado que a situación agravouse aínda máis, mediante esta resolución vanse destinar novas axudas aos sectores máis desfavorecidos atendendo á importancia da produción.

Para a concesión destas axudas determinouse unha serie de tramos asociados ao tamaño ou capacidade das explotacións (número de animais ou número de prazas), asignando un importe a tanto alzado a cada unha das explotacións aplicando un factor de escala á distribución, de forma que as explotacións de maior tamaño perciban un importe proporcionalmente inferior ás explotacións de menor tamaño. A xustificación desta redución baséase nos maiores custos por unidade de gando que teñen as pequenas explotacións, con respecto ás de maior tamaño, sen prexuízo de que a redución por importe unitario non é homoxénea para cada tipoloxía das explotacións, xa que a economía de escala non afecta da mesma forma a cada unha das devanditas tipoloxías.

Galicia solicitou a modificación do PDR de Galicia 2014-2020, modificación que está en tramitación e pendente de aprobación, polo que a concesión destas axudas está condicionada a esa aprobación.

A Orde da Consellería de Economía do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo VII no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente, crédito que como sinalabamos, está pendente da aprobación da modificación do PDR de Galicia 2014-2020.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta resolución enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Tendo en conta o xa indicado no artigo 39 quater do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) que establece que as axudas deberán estar aprobadas antes do 31 de marzo de 2023, procede a tramitación anticipada de gasto desta resolución co fin de poder cumprir os prazos predeterminados na normativa europea.

Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 18 de outubro de 2022, existen na aplicación orzamentaria 2023.14.80.712B772.1 (proxecto 2023 00007) partidas orzamentarias por un importe total de 17.156.000,00 euros dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023 para atender as axudas da presente resolución.

Por outra banda, coa finalidade de que as persoas adxudicatarias das axudas poidan comezar canto antes a percibir as cantidades para facer fronte á situación derivada da invasión rusa de Ucraína, prevese a tramitación do procedemento de concesión das axudas pola vía de urxencia, polo que se reducen á metade (5 días) os prazos para efectuar os requirimentos de emenda, presentar reclamacións á lista provisional de persoas beneficiarias, poñer de manifesto o procedemento ás persoas interesadas e aceptar as axudas.

De acordo co anterior, o director do Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLVE:

Primeiro. Convocatoria e bases reguladoras

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas temporais e excepcionais ás persoas produtoras de carne para compensar as dificultades económicas derivadas da invasión rusa de Ucraína ao abeiro do artigo 39 quater do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento MR244A).

Segundo. Solicitudes

1. Para poder ser persoa beneficiaria das subvencións deberase presentar unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 8 das bases reguladoras.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Financiamento e concorrencia

1. O importe total que se habilita para esta convocatoria ascende a 17.156.000,00 euros dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

2. A concesión de subvención ao abeiro desta convocatoria está sometida á condición suspensiva de aprobación da modificación do PDR de Galicia 2014-2020 e á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da concesión.

3. Non obstante, cabe sinalar que este procedemento tramítase con base na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo VII no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do día 18 de outubro de 2022.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta resolución enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción, ao que temos que engadir a necesidade de aprobación da modificación do PDR de Galicia 2014-2020.

Con este fin, faise constar que no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, existe na aplicación orzamentaria 2023.14.80.712B772.1 (proxecto 2023 00007) un importe total de 17.156.000,00 euros para atender as axudas da presente resolución.

4. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Cuarto. Órganos competentes

A Subdirección Xeral da PAC do Fondo Galego de Garantía Agraria será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das axudas e correspóndelle á persoa titular da Dirección do Fondo Galego de Garantía Agraria ditar a correspondente resolución.

Disposición adicional primeira. Réxime de recursos

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a Presidencia do Fondo Galego de Garantía Agraria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Se, transcorrido o prazo para resolver, non lle é notificada a resolución á persoa interesada, entenderase desestimada por silencio administrativo e caberá interpor recurso de alzada contra a desestimación por silencio administrativo en calquera momento, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Disposición adicional segunda. Información ás persoas interesadas

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección do Fondo Galego de Garantía Agraria para que dite os actos necesarios para asegurar a correcta xestión deste procedemento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2022

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de axudas temporais e excepcionais ás persoas produtoras de carne para compensar as dificultades económicas derivadas da invasión rusa de Ucraína ao abeiro do artigo 39 quater do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e convócanse para o ano 2023
(código de procedemento MR244A)

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Estas bases teñen por obxecto determinar as condicións polas cales se regulará a concesión das axudas temporais e excepcionais do artigo 39 quater do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) para compensar as dificultades económicas derivadas do conflito bélico en Ucraína ao sector produtor titular de explotacións gandeiras de carne de vacún, de carne de ovellas, de carne de cabras, de carne de aves ou de carne de coellos e convocalas para o ano 2023 (código de procedemento MR244A).

2. A finalidade destas axudas é apoiar, de forma temporal e excepcional para aliviar as dificultades económicas derivadas do conflito bélico en Ucraína, as explotacións produtoras de vacún de carne, de ovellas, de cabras, de aves ou de coellos consonte ao artigo 39 quater do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Estas axudas contribúen a mellorar os resultados económicos de todas as explotacións e facilitar a reestruturación e modernización destas, en particular con obxecto de incrementar a súa participación e orientación cara ao mercado, así como a diversificación agrícola.

Artigo 2. Procedemento de concesión

Estas axudas tramitaranse en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras de carne de vacún, de carne de ovellas, de carne de cabras, de carne de aves ou de carne de coellos que cumpran os requisitos establecidos no artigo 4 deste anexo I.

Artigo 4. Requisitos das persoas beneficiarias

1. As persoas produtoras, no caso da axuda dirixida ao sector produtor de carne de vacún, de carne ovino e de carne cabrún deben cumprir os seguintes requisitos:

a) Sexan titulares, na data de presentación da solicitude única correspondente ao ano 2022, de explotacións rexistradas e que consten en alta no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) co tipo de explotación «Produción e reprodución» ou tipo «Pasto». No primeiro caso a nivel subexplotación deberán estar clasificadas como explotacións de bovino, ovino ou cabrún cunha clasificación zootécnica de «reprodución para produción de carne» ou «reprodución para produción mixta» ou explotacións de bovino cunha clasificación de «cebo ou cebadeiro».

b) No caso de ser produtores/as de ovino e cabrún: non conten con declaracións de entregas ou de vendas directas rexistradas no Sistema Unificado de Información Láctea (INFOLAC) durante o ano 2021 para a especie obxecto de axuda.

c) Fosen beneficiarios/as no ano 2021, e conten con animais determinados para percibila, dalgunha axuda asociada das previstas na sección 2ª, nas liñas c) e d) do punto 3 do artigo 63 da sección 3ª e nas seccións 5ª, 6ª, 8ª e 9ª, todas elas do capítulo II do título IV do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro.

d) No caso de produtores/as de ovino e cabrún, contasen en 2021 cun número de femias elixibles igual ou superior a 30 ovellas e 10 cabras.

e) No caso de produtores/as dedicados/as ao engorde de tenreiros, tivesen en 2021 un número de animais elixibles igual ou superior a 3 tenreiros segundo o previsto nas seccións 3ª e 8ª do capítulo II do título IV do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro.

f) Percibisen, en relación á solicitude única de axudas da PAC do ano 2021, o pagamento para prácticas agrícolas beneficiosas para o clima ou o ambiente conforme o capítulo II do título III do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro. Para o caso de potenciais persoas beneficiarias desta axuda que, presentando solicitude única en 2021 non puide-sen optar ao pagamento para prácticas agrícolas beneficiosas para o clima ou o ambiente por non ser titulares de dereitos de pagamento básico, entenderase que cumpren con esta condición se foron beneficiarios/as dalgunha axuda suxeita a condicionalidade e non fosen penalizados por incumprimentos desta en relación aos pagamentos correspondentes á campaña 2021.

g) En caso de non cumprir o previsto no punto anterior, deberán percibir, en relación á solicitude única de axudas da PAC do ano 2021 ou a unha solicitude de pagamento dun programa de desenvolvemento rural presentada durante 2021, algunha das axudas previstas nos programas de desenvolvemento rural da Comunidade Autónoma de Galicia no marco das letras a) e d) do artigo 17 (Investimentos en activos físicos das explotacións agrarias para a mellora do rendemento global e a sustentabilidade e investimentos non produtivos vinculadas á realización de obxectivos agroambientais), e dos artigos 28, 29, 30 e 31 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello.

h) En caso de non cumprir o previsto nos dous puntos anteriores, deberán estar a realizar na súa explotación algunha actividade relacionada con polo menos un dos seguintes obxectivos: economía circular, xestión de nutrientes, uso eficiente dos recursos, ou produción respectuosa co ambiente e o clima.

i) Nos casos de cambios de titularidade da explotación gandeira que tivesen lugar antes do final do período de modificación da solicitude única de 2022, consideraranse como animais subvencionables os animais determinados en 2021 do anterior titular.

j) No caso de mozos/as gandeiros/as, e de gandeiros/as que comecen a súa actividade, segundo a definición do punto 9 do artigo 58 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sendo a solicitude única de 2022 aquela en que se solicita por primeira vez algunha das axudas asociadas á gandaría, as explotacións con dereito a cobramento serán:

– As explotacións que cumpran os requisitos para os efectos da axuda asociada ás explotacións que manteñen vacas nutrices presentes na explotación en data do 30 de abril de 2022.

– As explotacións recollidas na última declaración censual dispoñible en data do 30 de abril de 2022 no ovino e cabrún.

– As explotacións que cumpran os requisitos para percibir a axuda asociada aos tenreiros cebados noutra explotación conforme o previsto na sección 3ª do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sacrificados ou exportados antes do 30 de abril de 2022.

2. As persoas produtoras, no caso da axuda dirixida ao sector avícola de carne, deben cumprir os seguintes requisitos:

a) Sexan titulares, en data do 1 de xaneiro de 2022, dunha explotación gandeira rexistrada e de alta no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) co tipo de explotación «Produción e reprodución» clasificada como «produción de carne» cun número de prazas superior a 250.

b) Que a dita explotación albergue pitos de aptitude cárnica e que esta realizase a declaración censual obrigatoria no ano 2022 conforme o previsto no Real decreto 637/2021, do 27 de xullo, polo que se establecen as normas básicas de ordenación das granxas avícolas.

c) Realicen na súa explotación algunha actividade relacionada con polo menos un dos seguintes obxectivos: economía circular, xestión de nutrientes, uso eficiente dos recursos, ou produción respectuosa co ambiente e o clima.

3. As persoas produtoras, no caso da axuda dirixida ao sector cunícola de carne, deben cumprir os seguintes requisitos:

a) Sexan titulares, en data do 1 de xaneiro de 2022, dunha explotación gandeira rexistrada e de alta no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) co tipo de explotación «Produción e reprodución» clasificada como «produción de cazapos para carne» cun número de prazas igual ou superior a 50 reprodutoras.

b) Que na devandita explotación se alberguen coellos e que esta realizase a declaración censual obrigatoria no ano 2022 conforme o previsto no Real decreto 1547/2004, do 25 de xuño, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións cunícolas.

c) Realicen na súa explotación algunha actividade relacionada con polo menos un dos seguintes obxectivos: economía circular, xestión de nutrientes, uso eficiente dos recursos, ou produción respectuosa co ambiente e o clima.

4. As persoas solicitantes deberán estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 5. Financiamento, contía e modalidades de axuda

1. As axudas económicas reguladas nesta resolución faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 2023.14.80.712B772.1 (proxecto 2023 00007) por un importe total de 17.156.000,00 euros dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023.

2. A dotación indicada no parágrafo anterior distribuirase por cada tipoloxía polos seguintes importes:

a) Explotacións produtoras de carne de vacún: 14.622.568,00 €.

b) Explotacións produtoras de carne de vacún de cebo: 464.298,00 €.

c) Explotacións produtoras de carne de ovellas ou cabras: 205.742,00 €.

d) Explotacións produtoras de carne de aves: 1.412.264,00 €.

e) Explotacións produtoras de carne de coellos: 451.128,00 €.

3. As axudas consisten nun pagamento único por tamaño da explotación, atendendo ao número de animais, no caso das explotacións produtoras de carne de vacún, de carne de ovino e de carne de cabrún, e nun pagamento único por capacidade da explotación, atendendo ao número de prazas, no caso de explotacións produtoras de carne de aves e de carne de coellos.

4. No caso de que o orzamento asignado a algunha/s tipoloxía/s non permita o pagamento das contías máximas, estes importes reduciranse proporcionalmente a todas as persoas produtoras de cada tipo de produción ata axustarse ao orzamento asignado.

5. No caso de que existan tipoloxías en que se produzan remanentes, unha vez atendidas as contías máximas, estes remanentes poderán incrementar os importes asignados naquelas tipoloxías que resulten deficitarias, atendendo para iso á orde de prelación que figuran no punto 2 deste artigo.

6. Estas axudas están cofinanciadas nun 75 % con fondos Feader, nun 7,5 % con fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e un 17,5 % con fondos do orzamento da Consellería do Medio Rural.

Artigo 6. Importes subvencionables

1. A contía unitaria da axuda para as persoas produtoras de carne de vacún, carne de ovino e carne cabrún, determínase en función do tamaño da explotación utilizando para determinar cada unha destas categorías o número de animais dela.

2. Os importes subvencionables para as explotacións de carne de vacún serán os seguintes:

Tramo

Tamaño da explotación

Axuda

1

Ata 3 animais

220,00 €

2

De 4 a 10 animais

740,00 €

3

De 11 a 19 animais

1.400,00 €

4

De 20 a 30 animais

2.200,00 €

5

De 31 a 44 animais

3.210,00 €

6

De 45 a 61 animais

4.420,00 €

7

De 62 a 82 animais

5.890,00 €

8

De 83 a 109 animais

7.750,00 €

9

A partir de 110 animais

8.790,00 €

3. Os importes subvencionables para as explotacións de carne de vacún de cebo serán os seguintes:

Tramo

Tamaño da explotación

Axuda

1

Ata 12 animais

170,00 €

2

De 13 a 30 animais

420,00 €

3

De 31 a 56 animais

760,00 €

4

De 57 a 93 animais

1.220,00 €

5

De 94 a 146 animais

1.820,00 €

6

De 147 a 222 animais

2.590,00 €

7

De 223 a 330 animais

3.540,00 €

8

De 331 a 485 animais

4.650,00 €

9

A partir de 486 animais

5.000,00 €

4. Os importes subvencionables para as explotacións de carne de ovellas ou cabras serán os seguintes:

Tramo

Tamaño da explotación

Axuda

1

Ata 30 animais

140,00 €

2

De 31 a 46 animais

220,00 €

3

De 47 a 67 animais

310,00 €

4

De 68 a 95 animais

440,00 €

5

De 96 a 132 animais

590,00 €

6

De 133 a 182 animais

790,00 €

7

De 183 a 248 animais

1.040,00 €

8

De 249 a 336 animais

1.350,00 €

9

A partir de 337 animais

2.090,00 €

5. Os importes subvencionables para as explotacións produtoras de avicultura de carne, a axuda segundo a capacidade da explotación (número de prazas) será a seguinte:

Tramos

Capacidade da explotación

Importe da axuda

1

De 251 a 10.000

1.310,00 €

2

De 10.001 a 20.000

2.200,00 €

3

De 20.001 a 30.000

2.850,00 €

4

De 30.001 a 40.000

3.150,00 €

5

De 40.001 a 50.000

3.750,00 €

6

A partir de 50.001

4.900,00 €

6. Os importes subvencionables para as explotacións produtoras de carne de coellos, a axuda segundo a capacidade da explotación (número de prazas) será a seguinte:

Tramos

Capacidade da explotación

Importe da axuda

1

De 50 a 500

2.500,00 €

2

De 501 a 1.000

3.700,00 €

3

De máis de 1.001

5.100,00 €

Artigo 7. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. Deberán presentar o formulario do anexo II as persoas titulares de explotacións de:

a) Carne de vacún, de carne de ovino e de carne cabrún que xa tivesen presentada a solicitude única da PAC 2022 (Orde do 21 de xaneiro de 2022 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (códigos de procedemento MR250A, MR239K, MR239G, MR239O, MR240D, MR241C e MR241D, publicada no DOG núm. 20, do 31 de xaneiro).

b) De carne de aves e de carne de coellos.

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. O prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que expira o último día do mes.

6. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos na convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de cinco días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se non o fixese así, se terá por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

7. De conformidade co establecido nos artigos 40, 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os requirimentos de emenda poderanse realizar mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e esta producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará na páxina web do Fondo Galego de Garantía Agraria (https://fogga.xunta.gal).

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas titulares de explotacións de carne de aves e de carne de coellos deberán presentar unha declaración responsable, que figura como anexo III, manifestando que na súa explotación realizan algunha actividade relacionada con polo menos un dos seguintes obxectivos: economía circular, xestión de nutrientes, uso eficiente dos recursos, ou produción respectuosa co ambiente e o clima.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

3. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante, DNI ou NIE se o solicitante é persoa física.

b) No seu caso, DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado acreditativo de estar ao día nas obrigas tributarias co Estado, emitido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificado acreditativo de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificado acreditativo de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Comunidade Autónoma, emitido pola Axencia Tributaria de Galicia.

f) Solicitude única da PAC 2022 (Orde do 21 de xaneiro de 2022 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (códigos de procedemento MR250A, MR239K, MR239G, MR239O, MR240D, MR241C e MR241D, publicada no DOG núm. 20, do 31 de xaneiro) e/ou na declaración responsable recollida na Resolución do 15 de xullo de 2022 para a concesión directa, mediante resolución, das axudas excepcionais a determinadas explotacións gandeiras para compensar as dificultades económicas derivadas da invasión rusa de Ucraína.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta deberán facelo constar no formulario do anexo II e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Resolución das axudas e publicación dos datos

1. A instrución do procedemento corresponde á persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión da PAC do Fondo Galego de Garantía Agraria.

2. A persoa titular da Dirección do Fondo Galego de Garantía Agraria será competente para resolver estas axudas.

3. As resolucións das axudas reguladas nesta resolución serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro. De conformidade co establecido no artigo 45 da indicada lei, a notificación poderá realizarse mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia, publicación na cal se recollerá unha ligazón á páxina web do Fondo Galego de Garantía Agraria. Nesta notificación especificaranse a convocatoria, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como, se for o caso, as causas da desestimación, e expresará, ademais, os recursos que procedan contra a resolución, o órgano administrativo e xudicial ante o cal se deben presentar e o prazo para interpoñelos. As persoas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a aceptación da resolución. Transcorrido o dito prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada e non será admisible a renuncia posterior.

4. O prazo máximo para ditar as resolucións das axudas previstas nesta resolución será o 31 de marzo de 2023. Transcorrido o devandito prazo sen que se dite e notifique a correspondente resolución, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude de axuda por silencio administrativo.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos de posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, cos efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Xustificación e pagamento das subvencións

1. De acordo coa natureza e fins das axudas reguladas nesta resolución, non se precisa de prazo de xustificación da subvención das persoas beneficiarias, xa que todos os datos necesarios son achegados polas persoas interesadas na súa solicitude de axuda.

2. O pagamento da subvención realizarase mediante transferencia bancaria á conta indicada pola persoa na súa solicitude:

a) No caso das axudas para carne de vacún, de carne de ovino e de carne cabrún, na conta que figura na solicitude única da PAC 2022.

b) No caso das axudas de carne de aves e de carne de coellos, na conta que se indica no anexo III.

Artigo 14. Incompatibilidade

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

2. Non son subvencionables os animais que recibiron axudas ao abeiro do artigo 31 do Real decreto lei 6/2022, do 29 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes no marco do Plan nacional de resposta ás consecuencias económicas e sociais da guerra en Ucraína.

3. Os solicitantes destas axudas deberán cubrir a declaración sobre outras axudas solicitadas e/ou percibidas para o mesmo concepto para o que se solicita esta subvención conforme se indica no número 4 do anexo II.

Artigo 15. Reintegro da axuda

Consonte a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, reintegrarase o total do importe da axuda máis os xuros de demora correspondentes, nas seguintes circunstancias:

a) Obtención da subvención co falseamento das condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro ou ben o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo da concesión da subvención.

d) Incumprimento das obrigas impostas ás persoas beneficiarias ou dos compromisos por elas asumidas, por mor da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos que fundamentan a concesión da subvención.

Artigo 16. Infraccións e sancións

1. Ás persoas beneficiarias destas axudas aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Tamén resultará de aplicación o establecido no Regulamento (UE) nº 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo, polo que se completa o Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade, e no Regulamento (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade.

Artigo 17. Obriga de facilitar información

1. As persoas beneficiarias das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles requiran a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles solicite calquera órgano de inspección ou control do Estado ou da Unión Europea.

2. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas beneficiarias destas subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Control

1. O Fondo Galego de Garantía Agraria poderá facer as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. O Fondo Galego de Garantía Agraria, para os efectos de comprobar o cumprimento dos requisitos de admisibilidade, realizará controis administrativos a todas as solicitudes e sobre unha mostra aleatoria do 1 % de solicitudes, levará a cabo controis sobre o terreo. No caso de constatar unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, propoñerase o reintegro da subvención concedida.

3. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión dos fondos Feader e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

4. Nas actuacións de control estarase ao disposto no capítulo II, do título III do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade.

Artigo 20. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da resolución de convocatoria non poñen fin á vía administrativa, e contra elas cabe interpor recurso de alzada ante a Presidencia do Fondo Galego de Garantía Agraria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación. Se o acto non fora expreso, poderán interpoñer recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 21. Información e publicidade das axudas concedidas

As persoas beneficiarias destas axudas deberán cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas Feader, de conformidade co establecido no anexo III do Regulamento de execución (UE) nº 808/2014, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1305/2013 del Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e na Estratexia de información e publicidade do PDR 2014-2020 de Galicia.

Disposición adicional única. Normativa aplicable

Nos aspectos non recollidos nesta resolución haberá que aterse ao disposto no artigo 39 quater do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader); na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file