Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 13 de xaneiro de 2023 Páx. 4375

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción ás instalacións do proxecto do parque eólico Figueiras, sito nos concellos de Mondoñedo, Alfoz e O Valadouro (Lugo) e promovido por Fergo Galicia Vento PEE, S.L. (expediente LU-11/138-EOL).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Fergo Galicia Vento PEE, S.L., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Figueiras (en diante, o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG nº 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, promovido por Fergo Galicia Vento PEE, S.L. (en diante, a promotora), cunha potencia de 22,5 MW.

Segundo. O 24.6.2011, a promotora solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial, e a declaración, en concreto, de utilidade pública para o parque eólico.

Terceiro. O 11.6.2014, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública pola Resolución do 8 de xullo de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG nº 196, do 14 de outubro).

Cuarto. Mediante a Resolución do 28 de xullo de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, fíxose público o Acordo do Consello da Xunta, do 7 de xullo de 2016, polo que se autorizaron as instalacións, se aprobou o proxecto de execución e se declarou a utilidade pública, en concreto, do parque eólico.

Quinto. O 4.12.2020, a promotora presentou unha solicitude de modificación para o proxecto do parque eólico. Posteriormente, o 26.2.2021, a promotora solicitou a declaración de utilidade pública para a modificación proxectada.

Sexto. O 17.6.2021, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico, e pola Resolución do 27 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, agás os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Sétimo. O 13.8.2021, Fergo Galicia Vento PEE, S.L. presentou acordo vinculante entre Fergo Galicia Vento PEE, S.L., como promotora do parque eólico Figueiras, Galfor Eólica, S.L., como promotora do parque eólico Canedo, e Fergo Galicia Vento, S.L., como promotora do parque eólico Airas, en relación co uso compartido da infraestrutura de evacuación compartida denominada subestación do parque eólico Airas.

Oitavo. O 1.9.2021 notificóuselle á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade do solicitante e da súa solicitude de modificación, establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Noveno. O 16.9.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, onde se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia de 500 m a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial eólico de Galicia respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

Décimo. O 27.9.2021, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica da modificación do proxecto do parque eólico á Xefatura Territorial de Lugo para a continuación da tramitación.

Décimo primeiro. Mediante o Acordo do 22 de outubro de 2021, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, a declaración de utilidade pública, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) para o parque eólico.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal El Progreso, ambos do 29.10.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Mondoñedo, Alfoz e O Valadouro), e nas dependencias das xefaturas territoriais de Lugo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estivo dispoñible na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

No antecedente de feito décimo segundo resúmese o contido das alegacións presentadas durante este período de información pública.

Décimo segundo. En vista da Sentenza núm. 18/2022, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, aínda que esta non adquiriu firmeza, e consonte o principio de seguridade xurídica, polo Acordo do 14 de marzo de 2022, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse de novo a información pública por un prazo de 30 días a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico) en relación co proxecto de modificación do parque eólico.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal El Progreso, ambos do 23.3.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Mondoñedo, Alfoz e O Valadouro), e nas dependencias da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estiveron dispoñibles na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

A continuación resúmese o contido das alegacións presentadas durante os dous períodos de información pública, así como durante a tramitación do expediente, as cales se recollen no anexo desta resolución:

– Vulneración flagrante da Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación de hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.

– Fragmentación do proxecto industrial eólico en varios proxectos independentes e división artificiosa para os efectos da avaliación ambiental. Na área afectada polo proxecto existen outros parques eólicos e liñas de alta tensión de evacuación. Ausencia de avaliación ambiental acumulada e sinérxica da totalidade do conxunto das infraestruturas.

– Ausencia de planificación eólica actualizada e coherente co escenario actual de tramitación masiva de instalacións eólicas. A falta de sometemento a unha avaliación ambiental estratéxica de todo o conxunto do desenvolvemento eólico galego implica non só que non se cumpran os requisitos previstos na normativa interna aplicable, senón tamén os que se derivan de diversas normas do dereito da Unión Europea.

– Ausencia de retorno social do proxecto industrial eólico.

– Afección significativa, severa e prexuízos irreparables para a paisaxe e á biodiversidade. Afección severa ao turismo e á hostalaría, así como a miradoiros, roteiros, itinerarios de carácter patrimonial e ao Camiño de Santiago.

– Afección moi severa e prexuízos irreparables para a Rede Natura 2000 e a súa coherencia, así como afección significativa e danos irreversibles a outros espazos protexidos.

– Impactos sobre a saúde humana e afección severa e irreversible ao benestar das familias que viven, residen e traballan nos núcleos rurais afectados. Éxodo poboacional parello á instalación de industrias agresivas coa entorna e co ambiente.

– Vulneración flagrante da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Eliminación da multifuncionalidade do monte.

– Afección severa e prexuízos serios e irreparables para as explotacións agro-gandeiras da área de afección do proxecto.

– Prexuízos significativos e danos irreversibles para os hábitats prioritarios e de interese comunitario, para os solos e o ambiente.

– Prexuízos significativos e irreparables para o bosque de ribeira e o bosque autóctono galego ou ancient wood.

– Prexuízos irreversibles para o lobo e para a viabilidade da especie.

– Afección moi severa e prexuízos significativos para os recursos hídricos, vulneración flagrante da Directiva marco da auga, e ausencia dun estudo hidrolóxico e hidroxeolóxico que garanta a calidade das masas de auga superficiais e soterradas e a non afección aos acuíferos.

– Afección severa e prexuízos irreversibles para o sistema de brañas e humidais da zona de afección do proxecto. Solicítase que se teña en conta que o Inventario de humidais de Galicia non recolle ningún humidal, agás os protexidos polo Convenio Ramsar. Debe terse en conta que é fundamental a conservación destes sumidoiros e acumuladores de carbono

– Afección á flora en perigo de extinción. Lycopodiella inundata e Cheilanthes guanchica C. Bolle.

– Prexuízos significativos e incompatibles coa avifauna.

– Afección severa ao patrimonio cultural e arqueolóxico e a súa descontextualización. Patrimonio cultural inmaterial sen avaliar.

– Desde o punto de vista urbanístico, o proxecto eólico Figueiras é incompatible, posto que a promotora pretende unha recualificación urbanística non amparada legalmente en relación co solo rústico de protección forestal, solo rústico de protección de leitos, solo rústico de protección paisaxística e solo rústico de protección de espazos naturais.

– Solicítase o rexeitamento da solicitude de autorización administrativa previa e de construción, da declaración de utilidade pública, en concreto, do estudo de impacto ambiental e do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico) do parque eólico, e a súa retirada definitiva pola súa incompatibilidade cos valores ambientais, patrimoniais, paisaxísticos e produtivos (agropecuarios, etc.) presentes na área de afección do proxecto e a falla de licenza social.

– Solicitase que se teña en conta que o Plan sectorial eólico de Galicia é un regulamento que non está adaptado á actual normativa de avaliación de impacto ambiental e que está desfasado, caduco e obsoleto e que carece de avaliación ambiental estratéxica ao igual que as súas modificacións, sendo esta preceptiva. Ademais, nunca chegou a publicarse integramente o seu texto e as súas correspondentes modificacións no Diario Oficial de Galicia, vulnerándose o principio de publicidade das normas e o principio de seguridade xurídica.

– Solicítase que, por parte do Consello da Cultura Galega, se informe sobre a compatibilidade do proxecto da estación eólica Figueiras, e os máis de 50 parques eólicos xa existentes ou en tramitación na área xeográfica de afección deste proxecto, e as liñas de evacuación existentes e en tramitación cos valores culturais, paisaxísticos e ambientais da área de afección.

– A pesar de manifestar que se tivo en conta a normativa vixente de aplicación na redacción do proxecto, non se fai referencia ningunha ás disposicións da vixente Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, dado que a entrada en vigor desta lei é posterior á sinatura do proxecto sectorial, polo que se debería incluír no proxecto unha análise comparativa para determinar se se debe modificar algún aspecto. A Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, foi derrogada, polo que non se pode considerar.

– Prescindiuse total e absolutamente do ordenado no artigo 44.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e, polo tanto, vulnérase tamén o mandato expresado no artigo 44.1.n) da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, o cal establece que os proxectos de interese autonómico detallarán as determinacións do plan sectorial que desenvolvan, se for o caso, e recollerán, como mínimo, entre outras, calquera determinación que viñese imposta por disposicións legais ou regulamentarias.

– Neste caso, non se poden entender xustificados a utilidade pública ou interese social con base nas disposicións normativas xenéricas que prescinden dunha análise individual.

– No proxecto non se acredita que se intentou o acordo previo nin consta a oferta realizada, polo que non se pode entender cumprido o espírito da Lei 8/2009, do 22 de decembro, que circunscribe o procedemento expropiatorio unicamente a aqueles supostos en que non se acadou un acordo, que previamente se debe intentar de forma efectiva, e que ademais contravén o disposto no artigo 24 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Consideran que se debe rexeitar o procedemento expropiatorio e exixir á empresa promotora unha efectiva negociación cos propietarios dos terreos cuxa ocupación se pretende e, no caso de que se demostre que efectivamente a dita negociación é infrutuosa, debe indicarse previamente que beneficios reais redundarán na comunidade, e non soamente na empresa promotora, que permitan dar cumprimento á exixencia constitucional de maior xustiza social.

– As afeccións a algúns predios destinados ao cultivo do eucalipto impiden a súa explotación e, polo tanto, a obtención dos rendementos económicos correspondentes, o cal implica maiores prexuízos económicos pois se privaría ao seu titular dunha importante fonte de ingresos e subsistirían cargas e responsabilidades asociadas ao mantemento da propiedade, o cal redundaría nunha desigual repartición de cargas e beneficios.

– Na avaliación de alternativas, a análise comparativa entre a situación actual e futura e que fan relación á alternativa do «non proxecto», Galicia é excedentaria en produción de enerxía eléctrica.

A Administración, as empresas eléctricas e os grupos de investimento pretenden sumar unha nova avalancha de proxectos, cando a realidade reflexa que a capacidade de acollida en Galicia xa está saturada.

– Tal e como recolle o Observatorio Eólico de Galicia, desde o ano 1995, en que se produciu o boom da instalación de parques eólicos, o 98 % dos parques eólicos de Galicia sitúanse en concellos rurais nos cales a súa instalación non supuxo nin a fixación de poboación, nin a promoción de emprego, nin a mellora significativa do servizo eléctrico nin dos custos da electricidade.

– Solicítase que se teñan en consideración as conclusións do informe da Comisión Técnica Temporal sobre Enerxía Eólica e Paisaxes Culturais en Galicia, do Consello da Cultura Galega.

– Actualmente non existe normativa autonómica específica para regular a actividade eólica, xa que o Plan sectorial eólico de Galicia non está vixente, e de acordo coa Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a Administración da Xunta de Galicia está obrigada por lei a establecer un novo marco regulatorio e incorporar, de xeito urxente, unha avaliación estratéxica previa, tal como contempla a dita lei. Este baleiro legal imposibilita unha planificación adecuada da nova implantación da enerxía eólica en Galicia, motivo máis que suficiente para paralizar de xeito inmediato a tramitación de novos proxectos eólicos.

– Solicítase:

1. Que o estudo de impacto ambiental avalíe con detalle e rigor as posibles afeccións do proxecto sobre: hábitats de conservación prioritaria, hábitats de interese comunitario e a paisaxe desde os miradoiros naturais máis coñecidos.

2. Que o estudo de impacto ambiental avalíe con detalle e rigor as posibles afeccións do proxecto sobre todas as especies incluídas no anexo I da Directiva aves, na Directiva 92/43/CEE, no Catálogo español de especies ameazadas (Real decreto 139/2011) e no Catálogo galego de especies ameazadas (Decreto 88/2007) presentes na zona e prevexa a adaptación do proxecto para evitalas totalmente, no caso de especies de interese comunitario e/ou en perigo de extinción, ou para mitigalas, no caso das restantes especies catalogadas.

3. Que o estudo de impacto ambiental avalíe a mortalidade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nas vías de acceso e nas liñas de evacuación, e a adopción de medidas eficaces para mitigala.

4. Que o estudo de impacto ambiental avalíe os impactos acumulativos e sinérxicos cos outros parques eólicos, así como das restantes infraestruturas asociadas, nun radio de 10-15 km.

5. Que se exixa ao promotor do proxecto o cumprimento das recomendacións de SEO/BirdLife e da Sociedade Española para a Conservación e Estudo dos Morcegos (Secemu), para reducir o impacto do parque eólico sobre as poboacións de aves e de quirópteros.

6. Que se exixa ao promotor do proxecto a implementación dun programa de vixilancia ambiental rigoroso.

– Erros na titularidade das parcelas recollida na relación de bens e dereitos afectados, así como na delimitación catastral dalgunhas parcelas.

– A documentación do estudo de impacto ambiental é insuficiente no relativo aos impactos derivados da fase de funcionamento, pon os afectados nun posible escenario de prexuízos constantes e non ten clara a defensa posible chegado o momento. Por isto, o estudo de impacto ambiental sometido a información pública debe considerarse incompleto e insuficiente.

– A posta en marcha do parque eólico supón un risco elevado de colisión de aves.

– O estudo de impacto ambiental non recolle o nivel de radiación electromagnética emitida polos aeroxeradores e as liñas eléctricas, nin o impacto sobre a saúde dos habitantes da zona nin sobre a fauna. Tampouco considera o alto risco de incendios que supoñen os parques nin o risco de accidentes por rotura dos aeroxeradores.

– Salientan que o conxunto de parques e aeroxeradores da zona superan en moito os 50 MW e, polo tanto, a súa tramitación corresponderíalle ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, cun procedemento e unhas condicións máis restritivas que os que agora se tramitan ao abeiro da Lei 5/2017.

– Falta de información sobre o proxecto ás persoas afectadas, xa que se estiveron a realizar distintos trámites e xestións de forma totalmente opaca sen informar minimamente. A publicación nos diarios oficiais resulta a primeira e única notificación recibida por parte de moitos veciños afectados nas súas propiedades.

Décimo terceiro. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, Retevisión I, S.A.U., Concello de Alfoz, Concello de Mondoñedo, Concello do Valadouro, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Ordenación e Planificación Forestal, Augas de Galicia, e Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais.

A continuación, relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retevisión I, S.A.U., o 4.11.2021, Augas de Galicia, o 9.11.2021, Retegal, o 11.11.2021, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, o 24.11.2021, e Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, o 3.2.2022.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. Ao estar o parque eólico Figueiras declarado iniciativa empresarial prioritaria, tal e como está mencionado no antecedente de feito sexto, o prazo para a emisión destes condicionados técnicos será de quince días naturais desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo cuarto. O 18.3.2021, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou a instalación do parque eólico e establece o correspondente condicionado.

Décimo quinto. O 24.11.2021, a xefatura territorial emitiu o informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009 relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

Décimo sexto. O 7.12.2021, a xefatura territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009.

Décimo sétimo. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Alfoz, Concello de Mondoñedo e Concello do Valadouro.

A consecuencia da tramitación ambiental, en concreto para dar resposta aos informes emitidos polo Instituto de Estudos do Territorio, a promotora propuxo modificacións do proxecto, consistentes, con carácter xeral, no desprazamento do aeroxerador F3.

Cumprimentada a tramitación ambiental, o 23.9.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 23 de setembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DOG nº 193, do 10 de outubro).

Décimo oitavo. O 26.10.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida coa configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizados polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo noveno. O 13.11.2022, a promotora presentou a documentación técnica refundida a que fai referencia o antecedente de feito anterior. O 18.11.2022, en resposta ao requirimento desta dirección xeral do 16.11.2022, a promotora achegou emenda de documentación. O proxecto de execución achegado denomínase proxecto de ejecución modificación parque eólico Figueiras. Outubro 2022.

Vixésimo. De acordo co establecido no número 12 do artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles o 22.11.2022, para os efectos da emisión dos respectivos condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución refundidas do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: concellos de Mondoñedo e Alfoz e Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

Para o resto de condicionados solicitados con respecto ás separatas do proxecto sometido a información pública, a que se fai referencia no antecedente de feito décimo terceiro, a promotora declarou que os cambios introducidos no refundido do proxecto non supoñen alteracións nos alcances nin nos aspectos valorados.

A continuación, relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, o 28.11.2022.

A promotora prestou a súa conformidade a este condicionado.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. Ao estar o parque eólico Figueiras declarado iniciativa empresarial prioritaria, tal e como se menciona no antecedente de feito sexto, o prazo para a emisión destes condicionados técnicos será de quince días naturais desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Vixésimo primeiro. O 13.12.2022, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe favorable relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto refundido do parque eólico.

Vixésimo segundo. O 19.12.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, en relación co proxecto de interese autonómico actualizado, en que se conclúe que todos os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 metros ás delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado.

Vixésimo terceiro. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 22,5 MW, segundo os informes do xestor da rede do 23.6.2017 e do 18.10.2017.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio (DOG nº 92, do 15 de maio), pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 203, do 25 de outubro), pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG nº 39, do 26 de febreiro), e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG nº 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, así como na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, recollidas no anexo desta resolución, e resumidas no antecedente de feito décimo segundo, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, así como coas compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, cómpre manifestar que a declaración de utilidade pública non é obxecto da presente resolución, polo que estas alegacións se terán en consideración no momento procedemental oportuno. Non obstante, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas.

Corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento,...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

No que se refire ás compensacións, só no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o eventual procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

2. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 23.9.2022, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas cales se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica e Instituto de Estudos do Territorio.

3. No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo como se recolle nos antecedentes de feito noveno e vixésimo segundo.

4. No que respecta ao fraccionamento de proxectos, a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban prever os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «troceamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun radio de 15 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles os parque eólicos Canedo e Airas e a súa liña de evacuación.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a situación dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido delas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non se podería dar un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalación co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supor unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo a perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, pois reduce as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluídas liñas e subestacións.

Neste caso concreto, e como xa se mencionou, o parque eólico Figueiras comparte infraestruturas de evacuación cos parques eólicos Canedo e Airas, o que non impide que os tres parques teñan carácter unitario e que poidan funcionar de forma independente, posto que cada un deles dispón dos correspondentes equipos de corte e medida da enerxía, e que ao mesmo tempo supón unha redución dos impactos ambientais xerados.

5. En relación co órgano competente para resolver este procedemento cabe remitirse ao exposto no fundamento de dereito número un. Asemade, indícase que, de acordo co artigo 3 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, corresponde á Administración xeral do Estado a competencia de autorizar instalacións peninsulares de produción de enerxía eléctrica, incluídas as súas infraestruturas de evacuación, cando a potencia eléctrica instalada é superior a 50 MW eléctricos.

6. Asemade, en relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas e gandeiras, indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o eventual procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

7. Respecto ás alegacións sobre a falta de información, de difusión e claridade da información pública cabe remitirse ao indicado nos antecedentes de feito décimo primeiro e décimo segundo, nos cales se recollen as diferentes publicacións efectuadas durante os dous trámites de información pública.

Así mesmo, os acordos da xefatura territorial recollidos nos ditos antecedentes, e a documentación obxecto da información pública, estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas nos concellos de Alfoz, Mondoñedo e O Valadouro, así como na Xefatura Territorial de Lugo e na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

8. No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «mentres non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor e incorpora aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997 e publicouse o acordo no Diario Oficial de Galicia do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no Diario Oficial de Galicia do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Polo tanto, este procedemento ambiental soamente obriga aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non se pode aplicar con efectos retroactivos.

9. No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes de Lugo emitiu informe o 24.11.2021 e o 28.11.2022, este último en relación coa separata do proxecto refundido, e establece o correspondente condicionado para o desenvolvemento do proxecto con respecto á normativa aplicable en materia de montes e forestal.

10. Tal e como se menciona no antecedente de feito sétimo, con data do 13.8.2021, Fergo Galicia Vento PEE, S.L. presentou acordo vinculante entre Fergo Galicia Vento PEE, S.L., como promotora do parque eólico Figueiras, Galfor Eólica, S.L., como promotora do parque eólico Canedo, e Fergo Galicia Vento, S.L., como promotora do parque eólico Airas, en relación co uso compartido da infraestrutura de evacuación compartida denominada subestación do parque eólico Airas, tal e como prescribe o artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, modificado polo Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica.

Cuarto. A continuación, recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Figueiras, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 23.9.2022, e recollida no antecedente de feito décimo sétimo desta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Figueiras, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Figueiras.

Nos epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo co exposto, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Figueiras, sito nos concellos de Alfoz, Mondoñedo e O Valadouro (Lugo) e promovido por Fergo Galicia Vento PEE, S.L., para unha potencia de 22,5 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Figueiras, composto polo documento proxecto de execución modificación parque eólico Figueiras. Outubro 2022, asinado o 17.11.2022 polo enxeñeiro industrial Eloy Prada Hervella (colexiado nº 1898 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia), e visado polo referido colexio o 18.11.2022 co nº 20223541.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Fergo Galicia Vento PEE, S.L.

Enderezo social: parque empresarial Alvedro, rúa A, 25, 15180 Culleredo (A Coruña).

Denominación: parque eólico Figueiras.

Potencia instalada: 22,5 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 22,5 MW.

Produción neta: 77.999 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.467 h.

Concellos afectados: Mondoñedo, Alfoz e O Valadouro (Lugo).

Orzamento de execución por contrata: 19.377.901,12 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

627.802,08

4.818.984,49

2

626.451,02

4.819.489,43

3

623.725,08

4.818.986,49

4

625.285,08

4.814.566,49

5

625.535,08

4.814.686,49

6

625.615,08

4.814.946,49

7

625.715,08

4.814.946,49

8

625.715,08

4.814.886,49

9

625.905,08

4.814.896,49

10

625.925,08

4.815.086,49

11

626.425,08

4.815.086,49

12

626.425,08

4.814.986,49

13

626.375,08

4.814.736,49

14

626.575,08

4.814.506,49

15

626.775,08

4.814.706,49

16

626.975,08

4.814.686,49

17

626.975,08

4.814.536,49

18

626.745,08

4.814.436,49

19

626.675,08

4.813.986,49

20

626.775,08

4.813.836,49

21

627.275,08

4.814.276,49

22

627.835,08

4.814.586,49

23

628.275,08

4.814.586,49

24

628.275,08

4.815.086,49

25

629.925,08

4.816.686,49

26

631.385,08

4.817.686,49

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

F1

627.872,08

4.815.682,47

F2

627.089,07

4.815.606,46

F3

627.971,07

4.816.196,47

F4

628.486,08

4.816.147,48

F5

628.811,08

4.816.013,48

Coordenadas da torre meteorolóxica:

Torre meteorolóxica

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

TM

628.660,00

4.816.161,00

Coordenadas das celas de entrada dos circuítos do parque eólico na SET do parque eólico Airas (obxecto de proxecto independente):

Cela

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

Circuíto 1

628.659,17

4.815.966,91

Circuíto 2

628.658,58

4.815.966,91

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 5 aeroxeradores, modelo N163 do fabricante Nordex, de 4.500 kW de potencia nominal, cunha altura de buxeiro de 148 metros e cun diámetro de rotor de 163 metros.

– 5 centros de transformación, instalados unitariamente no interior da góndola de cada aeroxerador, de 6.350 kVA de potencia nominal e relación de transformación 20/0,75 kV coa súa correspondente aparellaxe de seccionamento, manobra e protección.

– Rede colectora subterránea de 20 kV, con condutor tipo RHZ1 12/20 kV, para a evacuación da enerxía xerada a través da interconexión entre os centros de transformación 20/0,75 kV coa subestación transformadora 20/132 kV do parque eólico de Airas, a cal non é obxecto deste proxecto.

– 1 torre meteorolóxica de medición de 117,5 m de altura.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Fergo Galicia Vento PEE, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 121.403 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. Recóllense a continuación as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental (DIA) ás cales o promotor deberá dar cumprimento con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico:

a) Segundo o informado pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o promotor deberá elaborar unha proposta detallada referente ás medidas adicionais sinaladas no seu último informe para garantir a minoración do impacto por colisión de aves (pintado das pas e uso de tecnoloxías de redución do impacto por colisión) e quirópteros (restrinxir a rotación das pas), así como ás actuacións que se deben desenvolver para verificar a eficacia das ditas medidas.

O documento que elabore o promotor para dar cumprimento ao anterior deberá contar, previamente ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

O órgano substantivo achegará a este órgano ambiental, exclusivamente para a súa constancia no expediente, unha copia do dito informe e da documentación en que se basee, de acordo co requirido na condición 4.3.3 da DIA.

6. Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá obter, para a configuración definitiva do proxecto autorizado pola presente resolución, a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Fergo Galicia Vento PEE, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

10. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no apartado 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

12. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 23.9.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais

ANEXO

Alegacións presentadas durante a tramitación do procedemento

López Pérez, Ismael Antonio, en representación da Asociación Petón do Lobo, o 17.4.2022; Rodríguez López, Pedro, o 17.4.2022; Seoane Martiño, Eva María, o 19.4.2022; Rodríguez Prada, María Ángeles, o 20.4.2022; Chas Barbeito, David, o 27.4.2022; Garaboa Bonillo, Francisco Javier, o 27.4.2022; Pardeiro Toucedo, José Manuel, en representación de María Eugenia Madiá Vizoso, o 16.11.2021 e o 30.4.2022; López Fernández, David, o 2.5.2022; Regueiro Rivera, Cintia, o 2.5.2022; Durán Veloso, María, en representación da Asociación Amigos da Terra, o 5.5.2022 (dúas alegacións); Crecente Cabana, Verónica, o 5.5.2022; Díaz Prieto, Nery, en representación de Ecoloxistas en Acción Galiza, o 6.5.2022; Fernández González, Francisco José, o 6.5.2022; Díaz Prieto, Nery, o 6.5.2022; Varela Portas Castro, Miguel, o 13.5.2022; Álvarez Alonso, Sergio, o 14.5.2022; González Gamallo, Pablo, o 1.6.2022; Prieto González, Serafín, en representación da Sociedade Galega Historia Natural, o 4.11.2021; Ares Casabella, María Jesús, o 5.11.2021; Villalba Seivane, Isabel, en representación do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, o 9.11.2021; Sánchez Fernández, Justo, en representación da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Figueiras, o 12.11.2021.