Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 13 de xaneiro de 2023 Páx. 4400

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 21 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción ás instalacións do proxecto do parque eólico Figueiras, sito nos concellos de Mondoñedo, Alfoz e O Valadouro (Lugo) e promovido por Fergo Galicia Vento PEE, S.L. (expediente LU-11/138-EOL).

A continuación recóllese a información esixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 21 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción ás instalacións do proxecto do parque eólico Figueiras.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico Figueiras, sito nos concellos de Mondoñedo, Alfoz e O Valadouro (Lugo) e promovido por Fergo Galicia Vento PEE, S.L., cunha potencia de 22,5 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Fergo Galicia Vento PEE, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 121.403 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. Recóllense a continuación as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental (DIA) ás cales o promotor deberá dar cumprimento con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico:

a) Segundo o informado pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o promotor deberá elaborar unha proposta detallada referente ás medidas adicionais sinaladas no seu último informe para garantir a minoración do impacto por colisión de aves (pintado das pas e uso de tecnoloxías de redución do impacto por colisión) e quirópteros (restrinxir a rotación das pas), así como ás actuacións que se deben desenvolver para verificar a eficacia das ditas medidas.

O documento que elabore o promotor para dar cumprimento ao anterior deberá contar, previamente ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

O órgano substantivo achegará a este órgano ambiental, exclusivamente para a súa constancia no expediente, unha copia do dito informe e da documentación en que se basee, de acordo co requirido na condición 4.3.3 da DIA.

6. Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá obter, para a configuración definitiva do proxecto autorizado pola presente resolución, a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Fergo Galicia Vento PEE, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

10. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, a contar desde o outorgamento da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no apartado 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

12. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 23.9.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG nº 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, promovido por Fergo Galicia Vento PEE, S.L. (en diante, a promotora), cunha potencia de 22,5 MW.

2. O 24.6.2011, a promotora solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial, e a declaración, en concreto, de utilidade pública para o parque eólico.

3. O 11.6.2014, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública pola Resolución do 8 de xullo de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG nº 196, do 14 de outubro).

4. Mediante a Resolución do 28 de xullo de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, fíxose público o Acordo do Consello da Xunta, do 7 de xullo de 2016, polo que se autorizaron as instalacións, se aprobou o proxecto de execución e se declarou a utilidade pública, en concreto, do parque eólico.

5. O 4.12.2020, a promotora presentou unha solicitude de modificación para o proxecto do parque eólico. Posteriormente, o 26.2.2021, a promotora solicitou a declaración de utilidade pública para a modificación proxectada.

6. O 17.6.2021, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico, e pola Resolución do 27 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, agás os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

7. O 13.8.2021, Fergo Galicia Vento PEE, S.L. presentou acordo vinculante entre Fergo Galicia Vento PEE, S.L., como promotora do parque eólico Figueiras, Galfor Eólica, S.L., como promotora do parque eólico Canedo, e Fergo Galicia Vento, S.L., como promotora do parque eólico Airas, en relación co uso compartido da infraestrutura de evacuación compartida denominada subestación do parque eólico Airas.

8. O 1.9.2021 notificóuselle á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade do solicitante e da súa solicitude de modificación, establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

9. O 16.9.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, onde se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia de 500 m a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial eólico de Galicia respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

10. O 27.9.2021, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica da modificación do proxecto do parque eólico á Xefatura Territorial de Lugo para a continuación da tramitación.

11. Mediante o Acordo do 22 de outubro de 2021, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, a declaración de utilidade pública, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) para o parque eólico.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal El Progreso, ambos do 29.10.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Mondoñedo, Alfoz e O Valadouro), e nas dependencias das Xefaturas Territoriais de Lugo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estivo dispoñible na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

No antecedente de feito décimo segundo resúmese o contido das alegacións presentadas durante este período de información pública.

12. En vista da Sentenza núm. 18/2022 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, aínda que esta non adquiriu firmeza, e consonte o principio de seguridade xurídica, polo Acordo do 14 de marzo de 2022, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse de novo a información pública por un prazo de 30 días a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico) en relación co proxecto de modificación do parque eólico.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal El Progreso, ambos do 23.3.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Mondoñedo, Alfoz e O Valadouro), e nas dependencias da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estiveron dispoñibles na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

A continuación, resúmese o contido das alegacións presentadas durante os dous períodos de información pública, así como durante a tramitación do expediente, as cales se recollen no anexo desta resolución:

– Vulneración flagrante da Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación de hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.

– Fragmentación do proxecto industrial eólico en varios proxectos independentes e división artificiosa aos efectos da avaliación ambiental. Na área afectada polo proxecto existen outros parques eólicos e liñas de alta tensión de evacuación. Ausencia de avaliación ambiental acumulada e sinérxica da totalidade do conxunto das infraestruturas.

– Ausencia de planificación eólica actualizada e coherente co escenario actual de tramitación masiva de instalacións eólicas. A falta de sometemento a unha avaliación ambiental estratéxica de todo o conxunto do desenvolvemento eólico galego implica non só que non se cumpran os requisitos previstos na normativa interna aplicable, senón tamén os que se derivan de diversas normas do dereito da Unión Europea.

– Ausencia de retorno social do proxecto industrial eólico.

– Afección significativa, severa e prexuízos irreparables para a paisaxe e á biodiversidade. Afección severa ao turismo e á hostalaría, así como a miradoiros, roteiros, itinerarios de carácter patrimonial e ao Camiño de Santiago.

– Afección moi severa e prexuízos irreparables para a Rede Natura 2000 e a súa coherencia, así como afección significativa e danos irreversibles a outros espazos protexidos.

– Impactos sobre a saúde humana e afección severa e irreversible ao benestar das familias que viven, residen e traballan nos núcleos rurais afectados. Éxodo poboacional parello á instalación de industrias agresivas coa entorna e co ambiente.

– Vulneración flagrante da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Eliminación da multifuncionalidade do monte.

– Afección severa e prexuízos serios e irreparables para as explotacións agro-gandeiras da área de afección do proxecto.

– Prexuízos significativos e danos irreversibles para os hábitats prioritarios e de interese comunitario, para os solos e o ambiente.

– Prexuízos significativos e irreparables para o bosque de ribeira e o bosque autóctono galego ou ancient wood.

– Prexuízos irreversibles para o lobo e para a viabilidade da especie.

– Afección moi severa e prexuízos significativos para os recursos hídricos, vulneración flagrante da Directiva marco da auga, e ausencia dun estudo hidrolóxico e hidroxeolóxico que garanta a calidade das masas de auga superficiais e soterradas e a non afección aos acuíferos.

– Afección severa e prexuízos irreversibles para o sistema de brañas e humidais da zona de afección do proxecto. Solicítase que se teña en conta que o Inventario de humidais de Galicia non recolle ningún humidal, agás os protexidos polo Convenio Ramsar. Debe terse en conta que é fundamental a conservación destes sumidoiros e acumuladores de carbono.

– Afección á flora en perigo de extinción. Lycopodiella inundata e Cheilanthes guanchica C. Bolle.

– Prexuízos significativos e incompatibles coa avifauna.

– Afección severa ao patrimonio cultural e arqueolóxico e a súa descontextualización. Patrimonio cultural inmaterial sen avaliar.

– Desde o punto de vista urbanístico, o proxecto eólico Figueiras é incompatible, posto que a promotora pretende unha recualificación urbanística non amparada legalmente en relación co solo rústico de protección forestal, solo rústico de protección de leitos, solo rústico de protección paisaxística e chan rústico de protección de espazos naturais.

– Solicítase o rexeitamento da solicitude de autorización administrativa previa e de construción, da declaración de utilidade pública, en concreto, do estudo de impacto ambiental e do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico) do parque eólico, e a súa retirada definitiva pola súa incompatibilidade cos valores ambientais, patrimoniais, paisaxísticos e produtivos (agropecuarios, etc.) presentes na área de afección do proxecto e a falla de licenza social.

– Solicitase que se teña en conta que o Plan sectorial eólico de Galicia é un regulamento que non está adaptado á actual normativa de avaliación de impacto ambiental e que está desfasado, caduco e obsoleto e que carece de avaliación ambiental estratéxica ao igual que as súas modificacións, sendo esta preceptiva. Ademais, nunca chegou a publicarse integramente o seu texto e as súas correspondentes modificacións no Diario Oficial de Galicia, vulnerándose o principio de publicidade das normas e o principio de seguridade xurídica.

– Solicítase que, por parte do Consello da Cultura Galega se informe sobre a compatibilidade do proxecto da estación eólica Figueiras, e os máis de 50 parques eólicos xa existentes ou en tramitación na área xeográfica de afección deste proxecto, e as liñas de evacuación existentes e en tramitación cos valores culturais, paisaxísticos e ambientais da área de afección.

– A pesar de manifestar que se tivo en conta a normativa vixente de aplicación na redacción do proxecto, non se fai referencia ningunha ás disposicións da vixente Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, dado que a entrada en vigor desta lei é posterior á sinatura do proxecto sectorial, polo que se debería incluír no proxecto unha análise comparativa para determinar se se debe modificar algún aspecto. A Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, foi derrogada, polo que non se pode considerar.

– Prescindiuse total e absolutamente do ordenado no artigo 44.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e, polo tanto, vulnérase tamén o mandato expresado no artigo 44.1.n) da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, o cal establece que os proxectos de interese autonómico detallarán as determinacións do plan sectorial que desenvolvan, se for o caso, e recollerán, como mínimo, entre outras, calquera determinación que viñese imposta por disposicións legais ou regulamentarias.

– Neste caso, non poden entenderse xustificados a utilidade pública ou interese social en base a disposicións normativas xenéricas que prescinden dunha análise individual.

– No proxecto non se acredita que se intentou o acordo previo nin consta a oferta realizada, polo que non se pode entender cumprido o espírito da Lei 8/2009, do 22 de decembro, que circunscribe o procedemento expropiatorio unicamente a aqueles supostos en que non se acadou un acordo, que previamente se debe intentar de forma efectiva, e que ademais contravén o disposto no artigo 24 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Consideran que se debe rexeitar o procedemento expropiatorio e exixir á empresa promotora unha efectiva negociación cos propietarios dos terreos cuxa ocupación se pretende e, no caso de que se demostre que efectivamente a dita negociación é infrutuosa, debe indicarse previamente que beneficios reais redundarán na comunidade, e non soamente na empresa promotora, que permitan dar cumprimento á exixencia constitucional de maior xustiza social

– As afeccións a algúns predios destinados ao cultivo do eucalipto impiden a súa explotación e, polo tanto, a obtención dos rendementos económicos correspondentes, o cal implica maiores prexuízos económicos pois se privaría ao seu titular dunha importante fonte de ingresos e subsistirían cargas e responsabilidades asociadas ao mantemento da propiedade, o cal redundaría nunha desigual repartición de cargas e beneficios.

– Na avaliación de alternativas, a análise comparativa entre a situación actual e futura e que fan relación á alternativa do «non proxecto», Galicia é excedentaria en produción de enerxía eléctrica.

A Administración, as empresas eléctricas e os grupos de investimento pretenden sumar unha nova avalancha de proxectos, cando a realidade reflexa que a capacidade de acollida en Galicia xa está saturada.

– Tal e como recolle o Observatorio Eólico de Galicia, desde o ano 1995, en que se produciu o boom da instalación de parques eólicos, o 98 % dos parques eólicos de Galicia sitúanse en concellos rurais nos cales a súa instalación non supuxo nin a fixación de poboación, nin a promoción de emprego, nin a mellora significativa do servizo eléctrico nin dos custos da electricidade.

– Solicítase que se teñan en consideración as conclusións do informe da Comisión Técnica Temporal sobre Enerxía Eólica e Paisaxes Culturais en Galicia, do Consello da Cultura Galega.

– Actualmente non existe normativa autonómica específica para regular a actividade eólica, xa que o Plan sectorial eólico de Galicia non está vixente, e de acordo coa Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a Administración da Xunta de Galicia está obrigada por lei a establecer un novo marco regulatorio e incorporar de xeito urxente unha avaliación estratéxica previa, tal como prevé a dita lei. Este baleiro legal imposibilita unha planificación adecuada da nova implantación da enerxía eólica en Galicia, motivo máis que suficiente para paralizar de xeito inmediato a tramitación de novos proxectos eólicos.

– Solicítase:

1. Que o estudo de impacto ambiental avalíe con detalle e rigor as posibles afeccións do proxecto sobre: hábitats de conservación prioritaria, hábitats de interese comunitario e a paisaxe desde os miradoiros naturais máis coñecidos.

2. Que o estudo de impacto ambiental avalíe con detalle e rigor as posibles afeccións do proxecto sobre todas as especies incluídas no anexo I da Directiva aves, na Directiva 92/43/CEE, no Catálogo español de especies ameazadas (Real decreto 139/2011) e no Catálogo galego de especies ameazadas (Decreto 88/2007) presentes na zona e prevexa a adaptación do proxecto para evitalas totalmente, no caso de especies de interese comunitario e/ou en perigo de extinción, ou para mitigalas, no caso das restantes especies catalogadas.

3. Que o estudo de impacto ambiental avalíe a mortalidade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nas vías de acceso e nas liñas de evacuación, e a adopción de medidas eficaces para mitigala.

4. Que o estudo de impacto ambiental avalíe os impactos acumulativos e sinérxicos cos outros parques eólicos, así como das restantes infraestruturas asociadas, nun radio de 10-15 km.

5. Que se exixa ao promotor do proxecto o cumprimento das recomendacións de SEO/BirdLife e da Sociedade Española para a Conservación e Estudo dos Morcegos (Secemu), para reducir o impacto do parque eólico sobre as poboacións de aves e de quirópteros.

6. Que se esixa ao promotor do proxecto a implementación dun programa de vixilancia ambiental rigoroso.

– Erros na titularidade das parcelas recollida na relación de bens e dereitos afectados, así como na delimitación catastral dalgunhas parcelas.

– A documentación do estudo de impacto ambiental é insuficiente no relativo aos impactos derivados da fase de funcionamento, pon os afectados nun posible escenario de prexuízos constantes e non ten clara a defensa posible chegado o momento. Por isto, o estudo de impacto ambiental sometido a información pública debe considerarse incompleto e insuficiente.

– A posta en marcha do parque eólico supón un risco elevado de colisión de aves.

– O estudo de impacto ambiental non recolle o nivel de radiación electromagnética emitida polos aeroxeradores e as liñas eléctricas, nin o impacto sobre a saúde dos habitantes da zona nin sobre a fauna. Tampouco considera o alto risco de incendios que supoñen os parques nin o risco de accidentes por rotura dos aeroxeradores.

– Salientan que o conxunto de parques e aeroxeradores da zona superan en moito os 50 MW e, polo tanto, a súa tramitación corresponderíalle ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, cun procedemento e unhas condicións mais restritivas que os que agora se tramitan ao abeiro da Lei 5/2017.

– Falta de información sobre o proxecto ás persoas afectadas, xa que se estiveron a realizar distintos trámites e xestións de forma totalmente opaca sen informar minimamente. A publicación nos diarios oficiais resulta a primeira e única notificación recibida por parte de moitos veciños afectados nas súas propiedades

13. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, Retevisión I, S.A.U., Concello de Alfoz, Concello de Mondoñedo, Concello do Valadouro, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Ordenación e Planificación Forestal, Augas de Galicia, e Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais.

A continuación, relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retevisión I, S.A.U., o 4.11.2021, Augas de Galicia, o 9.11.2021, Retegal, o 11.11.2021, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, o 24.11.2021, e Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, o 3.2.2022.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. Ao estar o parque eólico Figueiras declarado iniciativa empresarial prioritaria, tal e como está mencionado no antecedente de feito sexto, o prazo para a emisión destes condicionados técnicos será de quince días naturais desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

14. O 18.3.2021, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou a instalación do parque eólico e establece o correspondente condicionado.

15. O 24.11.2021, a xefatura territorial emitiu o informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009 relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

16. O 7.12.2021, a xefatura territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009.

17. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Alfoz, Concello de Mondoñedo e Concello do Valadouro.

A consecuencia da tramitación ambiental, en concreto para dar resposta aos informes emitidos polo Instituto de Estudos do Territorio, a promotora propuxo modificacións do proxecto, consistentes, con carácter xeral, no desprazamento do aeroxerador F3.

Cumprimentada a tramitación ambiental, o 23.9.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 23 de setembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DOG nº 193, do 10 de outubro).

18. O 26.10.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida coa configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizados polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

19. O 13.11.2022, a promotora presentou a documentación técnica refundida á que fai referencia o antecedente de feito anterior. O 18.11.2022, en resposta ao requirimento desta dirección xeral do 16.11.2022, a promotora achegou emenda de documentación. O proxecto de execución achegado denomínase proxecto de execución modificación parque eólico Figueiras. Outubro 2022.

20. De acordo co establecido no número 12 do artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles o 22.11.2022, para os efectos da emisión dos respectivos condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución refundidas do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: concellos de Mondoñedo e Alfoz e Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

Para o resto de condicionados solicitados con respecto ás separatas do proxecto sometido a información pública, a que se fai referencia no antecedente de feito décimo terceiro, a promotora declarou que os cambios introducidos no refundido do proxecto non supoñen alteracións nos alcances nin nos aspectos valorados.

A continuación, relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, o 28.11.2022.

A promotora prestou a súa conformidade a este condicionado.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. Ao estar o parque eólico Figueiras declarado iniciativa empresarial prioritaria, tal e como se menciona no antecedente de feito sexto, o prazo para a emisión destes condicionados técnicos será de quince días naturais desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

21. O 13.12.2022, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe favorable relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto refundido do parque eólico.

22. O 19.12.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, en relación co proxecto de interese autonómico actualizado, en que se conclúe que todos os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 metros ás delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado.

23. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 22,5 MW, segundo os informes do xestor da rede do 23.6.2017 e do 18.10.2017.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais